Accesibilidade en Compostela: Mito ou realidade?

jpg
Foto: Álvaro Ballesteros | La Voz de Galicia

Álvarez Álvarez, Juncal – S1C

A accesibilidade ao transporte público e mesmo en vía urbana continúa sendo non máis que un mito na nosa realidade. A pesar de existir a tecnoloxía necesaria desde hai anos e anos, os políticos non acaban de facer un esforzo real por implantala de forma completa nas cidades de Galicia.

Así o denuncia a noticia de “Aquí os discapacitados son os buses” da Voz de Galicia. Nela, Anxo Queiruga, presidente de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) e Anxela López, unha afectada, denuncian a “pésima” accesibilidade ao transporte. En Santiago, Anxela tivo que deixar pasar ata tres autobuses debido a que non contaban con rampla automática ou estaba avariada. Doutra banda, moitos dos buses da cidade co que contan é cunha rampla manual, a cal non se pode usar se a persoa con discapacidade non leva un acompañante. A lei autonómica de accesibilidade 10/2014 é a que ampara a non obrigatoriedade de ramplas automáticas, polo que ampara a total dependencia para que estas persoas poidan viaxar.

E parece que non hai plans previstos para cambiar isto, pois no momento en que se formulou a ordenanza, Anxela López xa expuxo unha queixa respecto diso, reclamando que a lei esixise que todas as ramplas fosen automáticas, pero foi ignorada.

Agora o prazo para que todos os buses sexan accesibles termina en decembro de 2017. Non parece tanto tempo, aínda que cabe preguntarnos cal é a razón pola cal non se implantan xa. Pois mentres os prazos administrativos alónganse, as persoas con problemas de mobilidade seguirán esperando eternamente nas paradas de autobuses, ata que xa non poidan facelo máis e deban chamar a taxis de forma sistemática. Habería que ver tamén, cantos implantan con rampla manual ou automática, e en cantos funciona esta última. Hoxe en día Santiago conta con 18 vehículos de transporte urbano de rampla automática e 23 manual, así que podemos ver que o fomento da independencia destas persoas non é un obxectivo fundamental da cidade.

Non só o transporte urbano resulta difícil, senón que viaxar nun bus interurbano resulta unha odisea para persoas con diversidade funcional. Para poder viaxar dunha cidade a outra normalmente teñen que avisar con tres ou catro días de antelación, e á volta poden atoparse con que non hai bus adaptado para que viaxen. E se nos trasladamos ás rúas de Compostela vemos que tampouco son unha marabilla. A accesibilidade polas súas rúas pode resultar tremendamente complicada.

Moitas das ramplas da cidade superan a inclinación viable para que por elas poida transitar unha cadeira de rodas. Algunhas beirarrúas son demasiado estreitas e outros tantos camiños son imposibles debido ao terreo e as fochancas.

Pero isto non remata aquí, o acceso a moitos edificios ou locais da cidade tampouco está ben planeado. Desde o edificio do Concello ata vivendas, tanto do casco antigo como da zona nova, non contan con accesos apropiados.

É preocupantemente común atoparse con escaleiras sen rampla ao seu lado (ou unha demasiado inclinada) antes dun elevador. Isto anula por completo a función do mesmo. O mesmo podemos dicir de locais que para acceder aos aseos contan só cunhas escaleiras. Dentro, os baños si poden estar habilitados para persoas con discapacidade, pero se non poden entrar a eles non lles serve de nada.Para isto Thyssen propone unha solución.

Cabe preguntarnos canto tempo deberemos de esperar ou cantos Languis haberán de queixarse publicamente para que todas estas situacións soluciónense dunha vez por todas. Tivo que saír un personaxe recoñecido a queixarse desta situación para que por fin, polo menos os medios, prestasen atención.

 

Advertisements

7 comentarios en “Accesibilidade en Compostela: Mito ou realidade?

  1. De Matos Alonso, Adrián. S1D1.

    Como ben indicas no texto, é moi preocupante a apatía que mostran os políticos fronte a este tema. Aínda máis sangrante ao saber que si dispoñemos de medios necesarios para facilitar a vida das persoas con discapacidade. Non hai imposibilidade, hai desinterese.
    Gustaríame que esa xente fixese o esforzo de poñerse no lugar dos damnificados. Por exemplo, nese punto no que sinalas que moitas veces teñen que aferrarse á dependencia total doutra persoa para realizar unha viaxe. É triste que lles vendan mensaxes pomposos –tipo taciña de café- de falsa autosuficiencia e que logo lles poñan a zancadilla no primeiro escalón que queiran subir por eles mesmos. E disto, deste desinterese, hai un exemplo sangrante que tamén inclúe ao Langui e a un par de estatuíñas con nome de pintor. Adxunto vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=U0TLkhg0miY
    Nin nun evento tan supostamente preparado como os Goya adaptaran as infraestruturas para evitar este tipo de limitacións! Revelador… Como pouco, revelador.

    Gústame

    1. É de vergoña que nin nun evento así se molesten en facilitar o tránsito a unha persoa que ademais sabían que ían premiar. As minorías parece que se usan para gañar popularidade e simpatías, pero iso si, sen pagar un duro por elas. Nin sequera nos Goya. Temos sorte de que personaxes públicos como o Langui (e algúns locais peleones como Lolita do noso círculo) reivindiquen fortemente estas situacións, porque sen eles o resto de persoas estarían apañados, que se é polos de arriba non moven un dedo.

      Revisión GBO: 14.3.2016 15:14

      Gústame

  2. Casas Fontán, Alicia- S1D3
    Gustaríame facer fincapé neso que dis sobre que non parece que os políticos queiran cambiar as cousas. Canto menos sangrante, e máis tendo en conta o momento de “cambio” no que vivimos. Agora que estamos a ver se conseguimos gobernante, habería que ter en conta que o presidente dun país é presidente de todos e que polo tanto ten que pensar en todos.
    Que non se esquezan de que hai que visibilizar os problemas de todo o mundo e non adopten a postura dunha industria farmacéutica ante unha enfermidade que afecta ao Terceiro Mundo: esquézome porque non compensa e invirto os cartos en fabricar cosméticos.
    Por poñer un exemplo.
    Importante visibilizar un problema que afecta a unha, aínda que grande, minoría.
    Importante concienciarse de que hai que velar pola autonomía dos discapacitados.

    Gústame

    1. O problema é que é moi cómodo saír ante as cámaras anunciando que estes poucos buses xa son accesibles, ou pedir tempo para facelo así. Porque sempre piden máis tempo. A mesma Anxela López saía tamén noutra noticia de 2013 queixándose da mesma situación.

      http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2013/11/26/alcalde-pide-tiempo-mejorar-accesibilidad-transporte-publico/0003_201311S26C7998.htm

      E xa estivera poñendo queixas formais á Administración, quen sabe fai canto. Para os políticos é moi fácil pedir máis tempo, pero xamais lle van a devolver eses anos, porque son moitos anos, de inaccesibilidade a esta xente. E mentres noutras cidades isto solucionouse fai moitísimo. Estes políticos só han pensado neles.

      Revisión GBO: 14.3.2016 15:18

      Gústame

  3. Sen dúbida, trátase dun tema alarmante para o que, unha vez máis, o goberno non toma as medidas suficientes para solucionar a vida de miles de persoas en cadeira de rodas. Porén, a pesar da escasa repercusión que os medios crean ante esta imperiosa necesidade humana e que, sen dúbida ningunha, é de extrema necesidade para unha óptima adaptabilidade deste colectivo, hei de dicir que, neste caso, as persoas maniféstanse para reivindicar por unha mellor vida.
    Anterior a “El Langui”, temos acontecementos semellantes. Sen embargo, non obtiveron a mesma trascendencia que o famoso rapero protagonizou nas rúas de Madrid. Esta idea non é nova e, como exemplo, temos o dun cidadán que, fai pouco máis dun ano, tivo a súa mesma idea, pero non a súa mesma repercusión nos medios, xa que soamente foi cuberto por un xornal dixital da comarca (http://cordopolis.es/2015/06/11/un-discapacitado-corta-el-trafico-al-no-funcionar-la-rampa-de-un-bus/). Durante o tratamento, ademais, consideran á víctima como culpable do tráfico e o escándalo sen dar parte, sequera, á necesidade que reclamaba nese momento a persoa.
    Neste sentido, trátase dunha problemática que, como ben dis, ata que ningúen recoñecido públicamente se manifesta, a xente non é capaz de ver, analizar, nin loitar por facilitar a vida dos demais.

    Hora de revisión do editor: 16/03/2016 16:20
    Hora de revisión do GBO: 16/03/2016 17:46
    Hora de publicación: 16/03/2016 18:47

    Gústame

    1. Ata que os medios non cambien os seus valores noticia, tampouco cambiarán os valores da sociedade ou da política, ao tratarse dun tema tan pouco visible. Son problemas dos que non che dás conta ata que ves unha destas noticias ou coñeces a alguén que sufra esta discriminación.

      A noticia en cuestión que compartiches é un despropósito. Viola todas as guías de estilo ( http://www.cogami.es/imagenes/files/tratamento%20discapacidade.pdf ) a seguir neste tipo de temas, reiterando o termo “discapacitado”, á parte dunha linguaxe totalmente despersonalizada e como ben apuntas, culpabilizándole.

      Revision GBO: 18/03/2016 16:03

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s