Autoafirmar as enfermidades mentais no xornalismo

Laura Casal Tizado -S1A5

portada.FOTOFEAFES
Campaña”Acaba cos teus prexuizos” da farmacéutica Janssen coa participación de FEAFES

Desde sempre, o tema da saúde mental foi un tema tabú na nosa sociedade. Vivimos rodeados de persoas con enfermidades mentais (a OMS asegura que o 25% das persoas sufrirá algún tipo de enfermidade mental ao longo da súa vida), e a pesares diso, vémolo como algo totalmente alleo a nós, que non nos atinxe, e separámolo continuamente, obviámolo, ignorámolo e invisibilizámolo. Agora mesmo, na Galiza, hai máis de 41.500 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental, sendo esta a segunda causa de discapacidade despois da física. E isto sen contar as enfermidades que non derivan nunha incapacidade para desenvolver unha vida plena e normal.

A diferenza do que nos contan os medios de comunicación, o cine, a literatura, etc., as persoas con enfermidades mentais poden levar unha vida completamente plena e normalizada se contan cun tratamento integral e o apoio social e psicolóxico adecuado.  Así como no ámbito sanitario e normativo se conseguiron grandísimos avances, a vida cotiá destas persoas segue sendo complicada animicamente, pois día a día se teñen que enfrontar a estereotipos e prexuízos que nada teñen que ver coa súa realidade.

Entre moitos outros factores, os grandes culpables deste estigma social que existe hoxe en día sobre as persoas con enfermidades mentais, son os medios de comunicación. Os medios, xeralmente, non teñen moito coidado ao falar dos asuntos que atinxen a persoas con enfermidades mentais. E isto débese, sobre todo, á falta de formación e á ignorancia da realidade social do ámbito da saúde mental.

Vemos moitas veces nos medios de comunicación noticias que fan referencia a episodios violentos (pelexas, asasinatos, leas de todo tipo…) nos que se fai referencia, aínda que sexa circunstancial ou dubidosa á enfermidade mental. E resulta que só no un 1% dos actos violentos que se cometen a diario está involucrada unha persoa con enfermidade mental. E dese 1%, só no 20% dos casos é o propio enfermo o que comete o acto violento, normalmente é outra persoa a que o agrede.

datos
Guía de estilo FEAFES

Por todo isto, e para concienciar, informar e orientarnos como futuros xornalistas, queremos tratar as dúas partes do problema:

  • A información que dan os medios: malas utilizacións da linguaxe, criminalización, segregación ou discriminación.
  • O que os medios de comunicación ignoran: problemas cotiáns das persoas con enfermidades mentais, logros, actividades de asociacións… en definitiva, realidade social do colectivo.

Para tratar estes temas, estamos traballando seguindo a guía de estilo “Salud mental y medios de comunicación”  da Confederación Española de Agrupacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (FEAFES). Queremos resumir, de maneira moi sintética, os principais comportamentos que se deben evitar á hora de facer información sobre persoas con enfermidades mentais:

Por unha parte, son moi importantes e fan moito por perpetrar o estigma social os prexuízos e concepcións erróneas que existen aínda a día de hoxe sobre as enfermidades mentais. Dentro deste problema atópase tamén a frecuente confusión entre enfermidade mental e discapacidade intelectual, cando son dúas condicións completamente distintas e independentes. O prexuízo máis importante e máis grave é o de relacionar a enfermidade mental coa violencia, do que temos que fuxir inmediatamente. Hai que eliminar os titulares morbosos e as imaxes negativas. Con frecuencia se ilustra con fotografías de persoas tirándose do pelo, tirados no chan, berrando… Por outra banda, é importante a boa utilización dos termos, e tamén deixar de etiquetar ás persoas substantivando a súa condición. Por exemplo, podemos dicir “persoas afectadas por un trastorno maníaco-depresivo” e non chamarlles “maníacos-depresivos”, porque non son unha enfermidade, son persoas. A clave está en informarse, coñecer e preguntar. E, sobre todo, preguntar aos propios afectados, pois a presenza do colectivo como fonte de información é moi escasa, non hai que ficar nos psiquiatras e nos directores de asociacións.

Para mudar a mala concepción social que se ten das persoas con enfermidade mental, fai falla a axuda dos medios de comunicación, que revertan a súa actitude de cara a este colectivo. Para isto, FEAFES propón doce principios básicos na súa guía de estilo para axudar a mudar a concepción social.

  1. Aumentar o coñecemento social: informar con exactitude de conceptos e termos.
  2. Mostrar unha visión positiva.
  3. Contemplar todas as facetas: teñen as mesmas forzas e debilidades que unha persoa sen enfermidade mental, cunha vida laboral, familiar, sexual, creativa…
  4. Facilitar información normalizadora: outorgarlles o mesmo trato que a calquera outra enfermidade.
  5. Menos compaixón, máis dereitos: mostrar ás persoas desde a autoafirmación, non desde o dramatismo.
  6. Dar voz aos protagonistas.
  7. Desmontar falsas crenzas, mitos ou prexuízos.
  8. Afastar a enfermidade mental da crónica de sucesos.
  9. Coidar a linguaxe, non etiquetar: non falamos de cancerosos, de griposos ou de sidosos; por que falamos de depresivos e de bipolares?
  10. Recordar que a maioría das enfermidades mentais non se perciben fisicamente.
  11. Facer información sobre saúde mental tamén con perspectiva de xénero.
  12. Coidar especialmente os contidos en temas de saúde mental en nenos e mozos: non culpabilizar aos familiares nin ao propio neno ou adolescente dos comportamentos provocados pola enfermidade.

    sinon
    Manual de estilo FEAFES

Horas de publicación e revisión:

  • Revisión do editor: 14/03/2016 20:30
  • Revisión do GBO: 14/03/2016 21:30
  • Publicación: 14/03/2016 22:30
Advertisements

4 comentarios en “Autoafirmar as enfermidades mentais no xornalismo

  1. Yáñez Vila, Natalia – S3C5

    Pareceume realmente interesante o teu artigo, en xeral o tema que trata o voso grupo. É un problema moi serio o trato que se lle está dando ás enfermidades mentais na prensa. Os medios deberían ter moi en conta que son os que crean opinión na sociedade, posto que a Maioría das persoas non se paran a analizar se a información que lles chega é certa ou non, e de que forma está tratada. Son moitos os casos nos que se acusa a enfermos mentais de levar a cabo actos violentos sen concretar que parte de culpa teñen estas persoas. Precisamente atopei un artigo de Carles Esteban que está moi ben e trata este tema dende a perspectiva dun xornalista. http://www.1decada4.es/profmedios/articulos/Carles_Esteban.pdf

    Outro dos aspectos aos que fas mención é de como se fala desta xente, menciónanos coma se non foran humanos, coma se se tratara doutra especie distinta. Nalgúns xornais chegan a chamalos “tolos”, cando vimos publicada unha noticia sobre prostitución na que a unha muller que exerce este oficio se lle chamara “puta”? pois ambos termos son igual de alarmantes.

    Creo que vos pode servir de algo este estudo realizado pola Universidade Complutense de Madrid xunto co Hospital La Paz.
    http://scielo.isciii.es/scielo.php?pid=S1130-52742011000200005&script=sci_arttext

    Data de emisión do comentario: 15/03/2016- 19:23
    Data de revisión do GBO: 15/03/2016- 20:32
    Data de publicación do comentario: 15/03/2016- 21:23

    Liked by 1 person

    1. Laura Casal Tizado -S1A5

      É certo, Natalia. Os medios son os responsables en gran parte da educación da sociedade, e deben dar exemplo. En canto ao que dis da información pouco contrastada, é unha realidade preocupante. Ademais, moitas veces, menciónanse as enfermidades mentais á lixeira como posible xustificación para un acto violento, ou se utilizan palabras como “trastornado” ou “perturbado” (como ben se di no artigo de Carles Esteban que compartes) para denominar a persoas que perpetran actos desagradables.

      O de usar a palabra “tolo” xa non está tan “de moda”, pero sí o está obxectivizar ás persoas na súa enfermidade. Chamalos maníacos-depresivos, bipolares, esquizofrénicos… son persoas, non son enfermidades. Non falamos de griposos, cancerosos ou sidosos.

      Moitas grazas polas túas aportacións.
      Alégrome que che interese o tema, agardo seguir atraendo a túa atención.

      Liked by 1 person

      1. Yáñez Vila, Natalia- S3C5

        Grazas pola túa resposta, estarei atenta a actualización dos teus contidos e na medida do posible procurarei información que vos poda axudar a desenvolver o tema. O que me resulta máis incrible é, que sendo as enfermidades mentais algo tan común na sociedade precisen desta defensa. Xa lin nalgún dos vosos textos que gran parte da poboación tende a sufrir algún transtorno mental ao longo da súa vida, e aínda así tende a tratarse a estas persoas como se foran contaxiosas ou un defecto da sociedade…

        Gústame

  2. Por favor, por unha cuestión de sandade mental e de precisión etimolóxica e conceptual. Substitue o concepto “empoderar”, polo concepto “autoafirmar”. É máis comeniente ao noso ámbito en estudo. Logo se queres explícoche por que. Grazas. Un saúdo.

    Liked by 1 person

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s