Descubrido a labor das asociacións de enfermos mentais

Santiago Cacheiro Requeijo – S1A3

10557625_486114631522755_7015635190472799378_o
Clube de debate da asociación Itínera . Imaxe extraía do facebook da Asociación Itínera Pro Saúde Mental

Sen saír da nosa comarca atopámonos, cando menos, con media ducia de asociacións de persoas con enfermidades mentais. Cada unha delas ben diferenciada das demais pero que se unen polo seu interés por visibilizar as dificultades que presenta este colectivo para a súa inclusión na sociedade. Porén, saben realmente os cidadáns a labor que se leva a cabo detrás das súas paredes?

Esta semana tivemos a oportunidade de asistir a unha das actividades que se levan a cabo na Asociación Itínera  cada semana, unha das que máis persoas reúne, é a de anáilse crítico da realidade e debate. Realízase cada martes a iso das catro e media da tarde no piso da asociación en República Arxentina, en Santiago de Compostela. Nela, tanto usuarios da propia asociación como voluntarios ou coordinadores reúnense, divididos por equipos, e debaten sobre os temas de actualidade. Durante máis de dúas horas, as persoas alí presentes intercambian puntos de vista ou opinións e deciden os temas que tratrarán a vindeira semana, sen facer distincións de ningún tipo entre persoal da asociación e usuarios conseguindo así que a actividade sexa o máis homoxénea posible.

Malia que esta é a actividade que máis interés suscita, ao longo de toda a semana tanto nesta coma noutras asociacións como Andaina, en Dodro, lévanse a cabo outras como por exemplo bailes de salón, inglés, círculos de lectura ou reforzo académico para aquelas persoas que se atopan realizando o bacherelato ou calqueira carreira e teñan dificultades á hora de concentrarse no estudo. Entre as dúas asociacións presentan algunha que outra diferencia debida tanto ao entorno no que están ubicadas (na asociación Andaina teñen unha horta da que os usuarios son os

responsables de cultivar e coidar grazas ao entorno rural no que se atopan) coma a maneira que teñen de enfocar as actividades, así como se queren que estén máis monitorizadas ou non. Peculiaridades presentan tanto unha coma outra. Itínera, por exemplo, oferta clases de defensa persoal para que as persoas con enfermidades mentais aprendan a defenderse das agresións que moitas veces sofren tan só por pertencer a ese colectivo discriminado ou por ter máis dificultades á hora de relacionarse coa xente. Por outra banda, Andaina elabora cada xoves de setembro a xaneiro sidra (o ano pasado fixeron 1500 litros) e o seu obxectivo é conseguir o rexistro sanitario pertinente para poder comercializala, ademáis de ter clases de teatro nas que agora están a preparar Romeo e Xulieta e O Mercader de Venecia.

Todo isto, non obstante, non ten a visibilidade que debería nos medios de comunicación, que seguen a amosarse reacios a ocupar as súas páxinas e espazos coas actividades levadas a cabo por estas asociacións, en ocasións tan importantes como a restauración do antigo cemiterio do Hospital Psiquiátrico de Conxo que leva a cabo Itínera todos os mércores ao longo dos últimos anos. Contábanos Carlos, coordinador de Itínera, que cando comezaron coas labores de restauración aquelo estaba prácticamente inaccesible e había ósos na superficie debido á ausencia de gabias polas que circulase o exceso de auga do río que pasa pola súa base. Grazas á paciencia e a dedicación de todos os que forman Itínera, agora todo está limpo e axardinado.

Pese a negativa dos medios de comunicación a informar á sociedade da labor que desenvolven estas asociacións igual ca informan do que acontece nun centro sociocultural, por exemplo, no caso da Asociación Andaina si que teñen máis sorte xa que poden darse a ver grazas a Radio Valga, emisora na cal teñen un espazo de vinte minutos cada luns no cal son os propios usuarios da asociación os que locutan baixo alcumes.

Fóra das paredes das asociacións, hai un fin de semana ao mes no cal se desprazan ata a localidade de Merza, onde está situada unha casa pertencente a FEAFES (Federación de Asociacións de Familiares e persoas con Enfermidade Mental en Galicia) na cal conviven, divírtense e, no caso de Itínera, ata realizan xogos de rol con auténticas recreacións de escearios e persoaxes de Xogo de Tronos.

En definitiva, aquí tedes, neste pouco espazo que escribín, toda unha labor levada a cabo polas asociacións de persoas con enfermidades mentais como Itínera ou Andaina na que están postas ilusións, empeño, dedicación e traballo, moito traballo, para normalizar dunha vez por todas o colectivo e que conte coas mesmas oportunidades e co mesmo trato por parte da sociedade. Unha sociedade desinformada sobre este tema, pois xa vedes o que ocupa describir o traballo das asociacións, non debería ser tan difícil que atopasen un oco coma este nos medios de comunicación.

Horas de revisión y publicación:

  • Revisión do editor: 17/03/2016 11:00
  • Revisión do GTO: 17/03/2016 17:00
  • Publicación: 17/03/2016 20:30
Advertisements

5 comentarios en “Descubrido a labor das asociacións de enfermos mentais

  1. Sr. Cacheiro,
    Mude o titular, por favor. Non sabemos de quen fala. No texto, repite enlace da organización que xa a compañeira do seu grupo utilizou. Precisamos enlaces máis concretos e non repetidos desde o GT. Tamén enlaces que sexan de interese para a información, e non aqueles que son discutibles para o uso neste blogue. O máis axiña posible, si? Grazas.
    Marcelo Martínez

    Gústame

  2. Rodríguez Vicente, María (S3C1)

    Eu penso que os cidadáns non coñecen nin o 20% do papel que eses tipos de asociacións desenvolven na sociedade. A persoas con enfermidades mentais son persoas que precisan de axuda para a súa integración na sociedade. E que mellor maneira de facelo que a través de actividades como as que leva a cabo Andaina, que fan que estas persoas se relacionen entre elas, se sintan cómodas e esquezan por un momento o que supón padecer unha enfermidade deste tipo. O ocio é moi importante para os seres humanos xa que actúa como promotor da saúde e do benestar. É por iso que é tan importante socializar a estas persoas e traballar na súa integración. Quizáis sexa moi fácil dicilo pero non tanto facelo. Cada día son moitas as asociacións que traballan sen descanso para que todas estas persoas atopen o seu lugar na sociedade se sepan levar o mellor posible o seu problema. Sen embargo non se lles da o recoñecemento que merecen, e estou segura de que é porque non se coñece a súa actividade interna. A marxinación é o maior inimigo destas persoas en moitos ámbitos: social, laboral, lexislativo, educativo, familiar, etc. Para evitala non só é necesario traballar con elas, senón tratar de concienciar e informar á poboación do que supón padecer este tipo de enfermidades. Pois a ingnorancia suscita o rechazo. Adxunto un par de enlaces que considerei interesantes:

    http://agencias.abc.es/agencias/noticia.asp?noticia=2110548
    http://es.catholic.net/op/articulos/51696/cat/1043/la-sociedad-y-el-enfermo-mental.htm

    Data de emisión do comentario: 17/03/2016- 17:57
    Data de revisión do GBO: 17/03/2016- 19:54
    Data de publicación do comentario: 17/03/2016- 20:33

    Liked by 1 person

    1. Cacheiro Requeijo, Santiago – S1A3

      Así é, María. Os cidadáns descoñecen a labor destas asociacións como tamén descoñecen moitos aspectos das persoas con enfermidades mentais simplemente porque se deixan levar por prexuízos que a prensa axuda a crear e non se interesan eles mesmos por empatizar con este sector da poboación. O que queremos o meu grupo e mais eu é normalizar o colectivo. Que teñen unha enfermidade? Si, pero ao igual que acontece con outros tipos de enfermidades co seu debido tratamento poden levar a cabo unha vida totalmente normal, unha oportunidade que a sociedade lle nega polo que xa dixemos anteriormente.

      Moi interesantes os teus enlaces, en especial o primeiro, as oportunidades laborais teñen que ser iguais para eles que para calqueira de nós.

      Gústame

  3. Reboreda López, Sandra. S3D1
    Ola Santi. Interesantísima a túa aportación. Eu mesma era 100% descoñecedora de que o labor realizado por asociacións deste tipo fose tan aló. Estou totalmente de acordo en que os medios de comunicación, dado o seu alto poder de penetración na sociedade, deberían encargarse de dar unha maior visibilización ao colectivo. Pero ¡ollo ó tratamento da información!, xa que a posibilidade de caer en estereotipos é moi alta. Achego a guía de estilo da federación vasca de asociacións de familiares e persoas con enfermidade mental: http://www.ararteko.net/RecursosWeb/DOCUMENTOS/1/0_3189_3.pdf, así como un estudo moi interesante sobre o tratamento da enfermidade mental nos medios de comunicación: http://scielo.isciii.es/scielo.php?pid=S1130-52742011000200005&script=sci_arttext. Espero que che sirvan de axuda.

    Data de emisión do comentario: 18/03/2016- 13:34
    Data de revisión do GBO: 18/03/2016- 14:32
    Data de publicación do comentario: 18/03/2016- 17:34

    Liked by 1 person

    1. Cacheiro Requeijo, Santiago – S1A3

      Moitas grazas pola túa achega Sandra, alégrome de que o post che resultase interesante. O problema é que son moitas as persoas que, coma ti, descoñecen todo o que hai detrás das portas destas asociacións. Isto é debido en parte a que a sociedade non mostra interés por estes temas, relacionado isto en gran parte a que os medios de comunicación non se fan eco deles por non ser o suficientemente morbosos por así dicilo. Hai que dicir que a Asociación Itínera está a levar a cabo coma cada ano o curso de voluntariado e conta xa con máis de 70 inscritos, dato que é esperanzador e que nos mostra que aínda quedan persoas comprometidas con causas tan boas coma esta.

      Liked by 1 person

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s