A invisible labor dos centros de día

Centro de Día Milladoiro
Centro de día Milladoiro. Fonte: La Voz de Galicia

Fernández Peón, Alexandre – S2C2

Os centros de día, como todos sabemos, son instalacións especializadas na terceira idade nas que se levan a cabo actividades de diversa índole. Dentro da oferta de servizos que podemos atopar nestes centros hai, por exemplo, talleres de informática ou de cociña, tratamentos de enfermidades dexenerativas que normalmente afectan a xente de idades avanzadas (como é o caso do alzheimer), charlas sobre temas de interese ou terapias dirixidas á mellora da motricidade ou da axilidade mental.

Vemos, pois, que este tipo de propostas emerxen como unha alternativa ás residencias. Isto ten lugar por varios motivos. O primeiro deles é que permiten ós familiares un respiro durante as horas nas que estes non se atopan dispoñibles para coidar dos seus maiores. Ademais, e tendo en conta que en moitos casos a persoa aínda pode vivir no seu propio domicilio e non ten un alto grao de dependencia, os centros de día actúan como un alivio para aqueles que senten enriba o peso da soidade. Por último, a flexibilidade horaria que presentan estas instalacións favorece a autonomía da persoa maior. Así, é razoable que a demanda deste tipo de servizos teña unha tendencia crecente na nosa sociedade.

Non obstante, e se centramos o ámbito na cidade de Santiago de Compostela, podemos ver que hai unha falta considerable de informacións nos xornais sobre este tema. Na capital galega podemos atopar seis centros de día, entre os que se atopan Atendo Dependencia, O Tempo é Noso, De Oito A Oito, SARquavitae San Lázaro, Centro de Maiores Afundación e Volta do Castro. Porén, neste post teremos en conta aquelas noticias que falen do Centro de Día Milladoiro, xa que este é o último que comezou a funcionar e, ó estar preto de Santiago (malia pertencer ó Concello Ames), ten tamén repercusión na sociedade compostelá.

Con todo, as poucas novas que se publican nos medios impresos locais non tratan o tema dende unha perspectiva humana, senón máis ben dende un punto de vista político e económico. O primeiro dos exemplos escollidos trata o proxecto de construción dun centro de maiores en Milladoiro. Desta noticia, datada do ano 2010, podemos extraer varias conclusións. Unha delas é a politización dos centros de día, patente durante toda a noticia, dado que só fala das negociacións necesarias para a creación da infraestrutura e das características da mesma dende un punto de vista urbanístico. Tamén podemos comprobar que non existe no xornal no que se publicou (El Correo Gallego) unha continuidade temporal das informacións referentes a este tema. A segunda das conclusións obtidas partindo da lectura desta nova é, pois, o esquecemento do tema que ten lugar unha vez aberto o centro, o que implica que non chegue a existir un coñecemento exacto das actividades que nel se levan a cabo ou da aceptación dos anciáns e dos familiares que teñen unha relación estreita con este.

No segundo artigo, publicado en La Voz de Galicia, vemos que se volve falar destas instalacións de Milladoiro, facendo fincapé nas características que ten o centro (que conta con cinco días de vida cando se edita a noticia) e nos trazos demográficos de Milladoiro. O principal problema que ten a noticia é que nela non se lle dá voz a ningún dos actores das noticias: non atopamos declaracións da xente que acuda ás actividades do centro nin dos familiares desas persoas, e moito menos dos empregados que alí traballan. En adición, a noticia unicamente explica o servizo de comidas que presta o centro de día.

En definitiva, vemos como todo o esforzo (tanto económico como humano) que hai detrás destas iniciativas é silenciado polos medios, a excepción de casos moi puntuais.

Horas de revisión e publicación:

-Revisión do editor: 18/03/2016 18:40

-Revisión do GBO: 18/03/2016 19:15

-Publicación: 18/03/2016 19:55

Advertisements

2 comentarios en “A invisible labor dos centros de día

  1. S3A3 Rodríguez Arias, Icía

    Boas Alexandre.

    Vexo que escolliches un tema indispensable para tratar o tema do voso grupo. É ben certo que os centros de día para persoas maiores apenas teñen cobertura nos medios. Se me permites aventurarme a buscarlle unha explicación, penso que a actividade destes centros non é considerada como relevante para os medios. Pode que, en certo modo polo descoñecemento da súa labor, pero tamén por ignorancia da súa necesidade, posto que para moitas persoas supón unha axuda indispensable (por exemplo, en casos de tratamento contra o alzheimer).

    Eu destacaría asemade que non penso que estes centros teñan unha boa fama mesmo entre as persoas maiores que aínda nunca probaron a acudir a un deles. Moitas veces, tanto os centros de día como as residencias son vistos polas propias persoas como lugares onde se “abandona” á xente, e debemos destacar que esta non é a súa función. Axudaría se os medios de referencia destacase, como ven dis, dende unha perspectiva humana e non en cifras, a súa labor.

    Un saúdo!

    Gústame

    1. Fernández Peón, Alexandre – S2C2

      En primeiro lugar, gustaríame agradecerche o teu comentario, posto que me permite facer dúas obxeccións clave sobre o tema. Falas, ó principio, sobre a ignorancia e o descoñecemento da labor dos centros de día. Se ben eu creo que tes toda a razón do mundo, hai algo a ter en conta aquí e que xa aparece reflectida na entrada: estes espazos deixan de ser noticia unha vez construídos e postos en marcha. E isto por que é? Porque o xornalismo déixase levar pola politización e non profunda o suficiente nas consecuencias reais.
      Ademais disto, tamén me gustaría expresar as opinións que tiveron algúns participantes nun dos círculos de debate, pois eu tamén me estrañei ó escoitalas (pensaba, coma ti, que os propios anciáns tiñan a idea de que os centros de día e as residencias eran lugares nos que “abandonalos”). Pois ben, na realización da terceira reunión un dos membros (sen fillos) aportou una perspectiva moi optimista sobre estas instalacións e dixo que é onde se ve el nuns anos.

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s