A morte da nosa ría

REPORTAXE. Sambad Guillomia, Denise (S3E2); Tojeiro Ces, Rita (S3E4)

ría ferrol

A Comisión Mundial do Medio Ambiente da ONU utilizou por primeira vez, en 1987, a seguinte definición de desenvolvemento sostible: “Un desenvolvemento que satisfaga as necesidades do presente sen poñer en perigo a capacidade das xeracións futuras para atender as súas propias necesidades”. Dende fai tempo, a comunidade científica internacional vennos alertando dos perigos que axexan á viabilidade do planeta e dos seres humanos, como resultado dun modelo de desenvolvemento que non ten en conta os custes ecolóxicos e medioambientais. Mágoa que as forzas políticas maioritarias teñan como exclusivo obxectivo a obtención do máximo beneficio no menor tempo posible como camiño á globalización neoliberal, sen importar o prezo a pagar.

Neste marco de insensatez, a instalación dunha planta de regasificación no interior da ría de Ferrol e anexo a un complexo petroquímico supón un definitivo e mortal golpe a un ecosistema próspero, e o que é aínda peor, pon en perigo de morte a miles de cidadáns. A impunidade do grupo empresarial responsable desta instalación explícase polo apoio mediático e institucional que conseguiu forxar, de maneira que os intereses xerais que debían estar garantidos nun Estado de Dereito, foron relegados polo dogma neoliberal.

Coa idea de evitar danos ao medio ambiente, o Consello da Unión Europea aprobou unha lexislación agrupada en catro directivas comunitarias, requisito previo e indispensable para autorizar a instalación de complexos industriais perigosos como son as plantas de regasificación. A intención desta lexislación é identificar e cuantificar os impactos no Medio Ambiente, a Poboación e o Patrimonio Histórico−Cultural, así como aplicar medidas de protección, analizando obrigatoria e previamente distintas localizacións e espazos para dar alternativas compatibles cun desenvolvemento sostible e esquivar danos irreversibles.

A redacción de dita norma deu lugar a que algúns estados, gobernos autonómicos e locais da Unión Europea empregaran interpretacións improcedentes para eludir a aplicación desta normativa medioambiental, intentando rebaixar o nivel das esixencias ou retrasando meses e até anos a transposición á lexislación nacional para que determinados proxectos non se visen afectados, escusándose na teoría de non retroactividade das leis. O anterior goberno do Partido Popular, presidido por José María Aznar, intentou a picaresca de redactar unha disposición transitoria, argumentando que os proxectos industriais con data de presentación anterior á publicación da normativa no BOE, estaban exentos de acatalas. Nese momento, posiblemente estaban solicitados dous proxectos de Planta de Gas: o de Bilbao (que non precisaba desa disposición transitoria por situarse en mar aberto e nun litoral exterior) e o de Reganosa, que intentaba burlar a Directiva Seveso II.

O problema complícase en España porque transferiron parte das competencias medioambientais ás Comunidades Autónomas e en Galiza son varios organismos os que as xestionan, de modo que o afán de “negocio fácil” pode atopar aliados nun executivo autonómico. Nestes casos, coma o de Reganosa, preténdese confundir aos cidadáns facendo referencia a plans de emerxencia e medidas de seguridade que contemplan dita norma, pero que de nada serven para protexer á poboación próxima, se previamente non se elixiu unha localización á distancia suficiente dos habitantes para evitar riscos, segundo require o artigo 12 da Directiva Seveso II.

E xa van 201 gaseiros que teñen que transitar por una longa, estreita e pouco profunda canle, en determinadas circunstancias de vento, visibilidade e sempre en preamar diúrna. Isto implica unha altísima probabilidade de que, en caso de emerxencia, o buque quede encerrado no interior da ría, ameazando coa súa carga á poboación de Ferrolterra. De feito, dende a posta en funcionamento da planta de gas de Ferrol, o 21% dos gaseiros tivo que cancelar a entrada na data programada. Ademais, a planta de gas de Reganosa almacena 150.000 toneladas de GNL (Gas Natural Licuado) e está situada a carón dun complexo petroquímico que alberga á súa vez máis de 280.000 m3 de combustibles e sustancias químicas. Arredor da planta, nun radio de 2 km, viven 7000 persoas. As vivendas máis próximas, que pertencen ao núcleo de Mehá, están a uns 100 metros da mesma. Neste núcleo viven 400 persoas.

A configuración especial da ría de Ferrol (que é unha das máis pequenas de Galiza) e o seu illamento respecto ao Océano Atlántico, fíxoa idónea para o establecemento, no primeiro terzo do século XVIII, dunha Base Naval e, pouco máis tarde, no mesmo século, do Arsenal de Mariña máis importante de España. Pero son tamén estas características especiais as que provocaron no pasado serios accidentes, coma o da plataforma petrolífera Discoverer Enterprise, cando recentemente construída, en 1998, rompeu as estachas de amarre nun temporal e foise contra a Ponte das Pías, rompéndoa e deixando semi-incomunicada a zona norte da ría durante meses. En 1999, a súa plataforma xemelga, Discoverer Spirit, embarrancou nun lugar próximo ao da planta de gas. Tamén sufriu un accidente o Aegean Star, que encallou na canle de entrada da ría, e non foi un caso illado. Anteriormente afundiuse o “Castillo de Coca” (1950) e o acoirazado Howe (1910) embarrancou en San Filipe. O destrutor Císcar tamén embarrancou e afundiu en San Cristóbal. Así, deducimos o enorme risco ao que estamos expostos o permitir que buques gaseiros sigan entrando regularmente nun lugar tan particular como é a ría ferrolá.

A diferenza doutras, esta ría é bastante pechada, e ao comunicarse co océano por unha canle, a renovación das súas augas é menor. A regasificación realízase cun sistema de vaporizadores que usa auga do mar, devolvéndoa despois cun salto térmico de −6º C, o que provoca a morte de larvas, ovas, especies, plancto e ruptura da cadea trófica. Este procedemento constitúe un dos numerosos fraudes que foron xurdindo dende a instalación de Reganosa, pois o proxecto inicial expoñía un sistema de circuíto pechado, que queimaría parte do gas e non utilizaría auga da ría. Mais, unha vez obtida a autorización, implantaron outro máis económico que, segundo nos explica Manuel Ángel Rodríguez Carballeira (presidente do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol) sae moito máis caro para os cidadáns e mariscadores.

En 1997, Forestal del Atlántico (cuxo propietario era o promotor de Reganosa), solicitou realizar un recheo no terreo no que se asenta a planta, argumentando a necesidade da ampliación do porto polo incremento dos fretes. No recheo foron enterrados os residuos da actividade de deslastre, e en vez de envíalos para o seu tratamento, fíxose unha dragaxe e un aumento do calado non contemplados no proxecto básico nin na Declaración de Impacto Ambiental. Unha vez finalizado o recheo, anunciouse a localización da planta de gas e Reganosa solicitou unha parte da concesión marítimo-terrestre orixinalmente outorgada a Forestal do Atlántico. Isto é o que o CCERF considera una estratexia de ocultación que sería constante ao longo de toda a tramitación.

Os efectos perniciosos dos recheos, dos vertidos químicos de Forestal e o sistema de regasificación non só afectan directamente aos bancos marisqueiros anexos a Punta Promontoiro, senón ao conxunto dun ecosistema como o da Ría de Ferrol. Non se descarta a relación destes contaminantes coa baixada do volume das capturas e do tamaño das ameixas que se rexistran na actualidade. O marisqueo na ría é a segunda industria de Ferrolterra, que da ocupación a uns 700 traballadores.

Outro feito destacable é a deslocalización do xacemento romano de Caldoval, que se levantou para facilitar a posterior recalificación do chan, que finalmente non foi permitida pola Xunta, pero o levantamento xa estaba realizado. Na páxina web de Reganosa podemos atopar un documento de tres páxinas no que se pon de manifesto a actividade sostible que eles realizan, o seu compromiso co medio e cos seus traballadores, e na que mesmo se trata o tema do xacemento de Caldoval: en outubro de 2014 comezou un proxecto para poñer en valor os restos arqueolóxicos creando un museo, entre outras ideas que alí se recollen.

Nos últimos quince anos do século XX, o movemento asociativo de Ferrolterra realizou actuacións en defensa da Ría de Ferrol, en contra dos recheos na mesma e para que se trasladasen ao litoral exterior as instalacións de mercancías nocivas e perigosas.

Entre os anos 1995 e 1999 producíronse manifestacións de participación masiva dende o peirao de Curuxeiras até a Praza de Armas (onde se atopa o Concello de Ferrol), convocadas por unha Plataforma de Defensa da Ría, que existiu desde 1991 até 2001, en cuxo período liderou as mobilizacións contra os recheos realizados para o peirao carboeiro. En 1998, convocou as súas últimas mobilizacións a raíz do accidente do Discoverer Enterprise, e tamén liderou as protestas contra os recheos realizados por Megasa en Narón e os vertidos urbáns e industriais, lanzados sen depurar á ría.

Dende o ano 1999 sucedéronse por separado distintas iniciativas a favor do previsto emprazamento da planta de gas no porto exterior. Varias asociacións, entre elas a Plataforma de Veciños O Cruceiro de Mehá e a Asociación Cultural Fuco Buxán, intentaron, ao longo dos anos 1999 e 2000, que a entón Plataforma de Defensa da Ría asumira as mobilizacións. Pero pasadas as eleccións municipais de 1999 a PDR comezou a ter problemas que causaron a súa desaparición no ano 2001.

Foi a mediados de abril de 2001 que se celebrou unha reunión na que por fin, naceu o embrión do Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol. Asistiron por Fuco Buxán, os directivos Rafael Pillado e Carmelo Teixeiro; Luz Marina Torrente López, Presidenta da Asociación de Veciños O Cruceiro de Mehá e a súa compañeira directiva Elena Rey Dopico. Nesta reunión presentóuselles un informe e a proposta de construír un Comité Cidadán para actuacións en defensa da Ría, en contra da localización de Reganosa.

A planta de Reganosa carece de Declaración de Impacto Ambiental, non cumprimenta as distancias suficientes ás poboacións e lugares de interese natural ou público, como require o artigo 12 da Directiva 92/82/CE, e incumpre as distancias mínimas respecto aos núcleos de poboación previstas no RAMINP (Reglamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas y Peligrosas), que aínda estaba en vigor no momento da súa posta en marcha. A súa instalación ao lado do complexo petroquímico de Forestal del Atlántico engade o risco do efecto dominó que prevé o artigo 8 da Directiva 86/82/CE. Viola tamén a norma que require que os buques gaseiros cargados de GNL poidan, en caso de emerxencia, saír a mar aberto rapidamente e polos seus propios medios. Incumpre a normativa do Plan Xeral de Ordenación Urbana de Mugardos, a Lei de Costas etc. Aínda que non son todos, estes son algúns dos motivos polos que se pode afirmar, definitivamente, que a planta de gas de Ferrol é ilegal. Así o sentenciou o Tribunal Supremo ao anular a modificación do Plan de Ordenación pola que se outorgou a autorización.

“Ninguén se opuxo a que a planta de gas se instalara onde estaba previsto”, contábanos o presidente do CCERF. A principios da década dos 90, o Goberno Central decidiu a instalación dunha Planta de Gas en Caneliñas (litoral exterior da ría e onde se executaría o actual Porto Exterior), tras a realización dun estudo técnico de riscos por parte da prestixiosa empresa internacional MW Kellog, que descartou a zona de Punta Promontoiro. O proxecto constaba da pertinente Declaración de Impacto Ambiental e se lle asignou a Enagas, por aquel entón empresa pública.

Despois da privatización de Enagas polo goberno do PP no ano 97, cancélase o plan. Foi nese momento cando Tojeiro, promotor de Reganosa, co apoio do presidente da Xunta (Manuel Fraga naqueles momentos) deciden trasladar a súa construción ao interior da ría, a Punta Promontoiro. No momento no que esas intencións se fixeron públicas foi cando se creou o CCERF e a poboación reaccionou en contra, dado que as condicións cambiaban e a seguridade se reducía. Son, polo tanto, o Grupo Tojeiro e Manuel Fraga Iribarne os que romperon o consenso.

Segundo nos aclaraba Manuel Rodríguez Carballeira, o sistema gasístico español está conceptuado de xeito que se paga toda a inversión realizada traballe ou non traballe a planta e independentemente do gas que sirva ao sistema. Así pois, os grupos empresarios cobran “un beneficio de antemán que estamos pagando todos os cidadáns”. O negocio de Reganosa consiste basicamente en cobrar retribucións polo diñeiro que investiron. Algunhas voces falan tamén de corrupción: En xullo do 2000 firmouse un Convenio de Colaboración entre a Xunta de Galicia e os socios de Reganosa, con cláusulas de confidencialidade, onde se decide a localización da planta previamente a calquera estudo de impacto ambiental e onde Fraga se comprometía a garantir a viabilidade económica do proxecto axilizando tramitacións, subvencións etc. A operación de transferencia da parcela onde se asentan os tanques, de Forestal a Reganosa, permitiulle a Tojeiro embolsar máis de 700 millóns de pesetas, segundo consta no rexistro da propiedade de Pontedeume. Así mesmo, a transferencia de parte da Concesión do recheo foron, en total, preto de 5.000 millóns de pesetas.

En 1997, a Guardia Civil descubriu o xigantesco fraude do gasóleo “Operación Remolque”, que consistía en importalo alegando que era para exportar, para así eludir o pago fiscal a Facenda, pero realmente vendíase no país. Pois ben, as instalacións de Forestal eran a base de ditas operacións, e o fraude aínda debe de estar sendo investigado polo xulgado.

É por todo isto polo que podemos concluír que a planta de gas de Reganosa é produto dun caso gravísimo de corrupción financeira e política, que ademais incumpre a máis básica normativa de seguridade industrial e medioambiental estatal e europea. Segundo o CCERF, os problemas que expón a planta, resultado da corruptela, son irreparables; polo que consideran que debe desaparecer. “A planta de gas é a morte da nosa ría”, foi o que nos dixo Pili, veciña do barrio de Caranza (Ferrol), e que deu título a esta reportaxe.

Este caso é exemplo dun modelo de capitalismo salvaxe, no que unha minoría, para conseguir o máximo beneficio, non repara en poñer en perigo a vida de miles de persoas ou liquidar un ecosistema do que dependen centos de mariscadores e as súas familias.

-Revisión do editor: 17/03/2016 20:37

-Revisión do GBO: 17/03/2016 21:00

-Publicación: 18/03/2016 23:03

Advertisements

Un comentario en “A morte da nosa ría

  1. Apoio o voso reportaxe. Estamos atacando de forma salvaxe o medioambiente e non parecemos darnos conta que nos somos unha pequena parte da biodiversidade do planeta, eso sí, parece que somos unha das mais dañinas. Gracias ao xornalismo de investigación, xunto con outras organizacións, fanse visibles as grandes falcatruadas ecolóxicas que fan as empresas membros dun capitalismo desaforado.S2C5

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s