I Círculo de Debate. Mocidade . LGTBI

Imaxe de: sinetiquetas.org

Iglesias Hervella, Kelly – S2B1

Lemos Alonso, Ana – S2B2

Losada Miguéns, María – S2B3

Martínez Graña, Paula – S2B4

Martínez Lorenzo, Inés – S2B5

Meda López, Xiana -S2B6

 

 

O pasado martes 8 de marzo tivo lugar a realización do noso primeiro círculo de debate sobre o tratamento informativo do colectivo LGTBI, que pretende realizar un seguimento e realizar unha crítica constructiva de como abordan os medio de comunicación esta temática.

Neste primeiro encontro, contamos coa presenza de 3 membros, aínda que contabamos con que se presentaran catro, pero finalmente  un deles, non se puido acudir por motivos académicos.

Así pois, o primeiro círculo estivo formado por Julio Regueiro (presidente da asociación Ultreia LGTBI Santiago), Antía Fernández (primeira deportista transexual nun deporte olímpico) e Fenando Reija (propietario do pub Bloom de Santiago de Compostela). Os tres son personalidades moi implicadas no ámbito da defensa dos dereitos do colectivo LGTBI,

O obxectivo deste círculo de debate era, como xa indicamos, criticar o incorrecto ou pouco axeitado tratamento informativo que os medios de comunicación realizan cara temas relacionados co colectivo que estamos a someter a estudo, é dicir, o LGTBI (lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais).

Para isto, todos os membros do círculo eran coñecedores daqueles aspectos que debían observar críticamente nas noticias que aportasen ó círculo é dicir, dos indicadores.

Entre algúns dos indicadores xerais estaban a visibilidade e a invisibilización ó colectivo, a diversidade e homoxeneización ( ampliar ás características que definen un grupo a todos os seus membros) ou o emprego dunha linguaxe inapropiada.

Tal e como se pode apreciar tras a visualización do noso primer círculo, na maior parte das noticias tratadas, a crítica xeral centrouse no último indicador, no emprego dunha linguaxe ou dunhas construcións sintácticas erróneas. Este foi o caso, por exemplo, das palabras da psicóloga que tratou á rapaza transexual da que nos falou Julio no círculo.

A pesares dos nervios iniciais e o descoñecemento de se os integrantes collerían confianza entre eles, a nosa experiencia foi moi gratificante. En cuestión de pouco tempo e tras as correpondentes presentacións entre os membros, a empatía  e a fluidez comezaron a facerse ver. O resultado, un primer círculo de debate ameno, con confianza e no que se deixaron ver as múltiples posturas e ideoloxías existentes, dende o respeto a todas elas.

Como era previsto, durante o desenvolvemento do círculo realizáronse comentarios sobre varias das noticias suministradas, neste caso, por Julio Regueiro, que actuou tamén como moderador. As noticias analizadas neste primeiro encontro, que se levou a cabo o día 8 de marzo, trataron sobre identidade de xénero, e máis concretamente, sobre a transexualidade. Non obstante, grazas á fluidez do debate xurdiron outros temas relacionadas coa problemática do tratamento do grupo LGTBI por parte dos medios de comunicación, como por exemplo a diferenza na que Antía Fernandez incide varias veces no vídeo, a diferenza entre “ser muller” ou “sentirse muller”, algo quizáis para nós inapreciable, pero de gran carga valorativa para eles.

A figura de Antía é de vital importancia neste primeiro cículo, xa que ademais de ser deportista transexual e activista, tivo, pola súa situación, unha grande repercusión mediática coñece ós medios dende dentro, por iso nos gustaría afondar na súa historia para que sexa máis doado comprender as referencias do vídeo.

 

Antía Fernández

A historia de Antía é  a historia dunha muller que naceu nun corpo co que non se identificaba. Unha muller que tras unha loita admirable e custosa conseguiu marcar o deporte español consolidándose como primeira deportista transexual nun deporte olímpico.

Este deporte non foi outro que o voleibol, no que atopou facilidades á hora de xestionar o papeleo necesario. Tal e como afirma, éste non era o deporte desexado, pero as dificultades cás que se atopou orientaron a súa decisión.

“O regulamento dalgúns deportes é invasivo e intransixente coa normalización da transexualidade. Esixen certificados médicos moi exhaustivos, tribunais médicos ou incluso, a reasignación cirúrxica. Son regulamentos internacionais que deberían adaptarse ás realidade de cada país. En España permítese a reasignación da identidade sen pasar polo quirófano, pero aínda así, non se poden practicar algunhas modalidades”.

Así e todo, Antía espera pois, que o coñecemento do seu caso sirva de concienciación na sociedade e que axude ó seu paulatino cambio e aceptación.

Seguindo coa interpretación  do encontro podemos dicir que os membros do círculo realizaron  unha crítica unánime ó tratamento, en moitas ocasións pouco rigoroso, da temática LGTBI por parte dos medios de comunicación. Criticaron sobre todo, o emprego na actualidade, de expresións que xa quedaron obsoletas e que se consideran ofensivas ou que non reflexan fielmente a realidade.

Antía Fernández, por exemplo, fixo referencia aos erros que cometen moitos medios de comunicación xeralistas no eido da transexualidade ao utilizar expresións como “atrapada nun corpo equivocado” ou falar de “conversión” cando non existe tal. “Son o que son” así o expresou Antía para explicar que ela naceu sentíndose muller e, despois do tránsito, continuaba sentíndose igual. No círculo mesmo, chegou a correxirse a sí mesma, alegando que ela non se “sinte” muller, ela “é” muller.

Ademais, sinalou que en moitas ocasións os xornalistas e, en consecuencia, a sociedade, relacionan a transexualidade co mero desexo sexual, non obstante, isto non é así, xa que se trata máis dun aspecto emocional que sexual.

Os  membros do círculo coincidiron por tanto na necesidade  dun maior coñecemento por parte dos medios da realidade LGTBI, xa que isto inflúe en grande medida no coñecemento que a sociedade ten  da mesma. Trátase xa que logo dun bucle, ó que é necesario poñer fin.

O  propio Julio comentou a súa propia experiencia no trato cos medios de comunicación como representante de Ultreia LGTBI Santiago, afirmando que nalgunha entrevista, lle teñen pedido que cambie o termo “LGTBI” por “homosexual”, reducindo deste xeito drásticamente un colectivo plural e diverso, que precisa de ser contextualizado e entendido para ser normalizado. Esta petición por parte dos medios de comunicación era debida, según explicou o propio Julio, para que a audiencia poidera entender mellor a que se estaban a referir. Porén, se os medios non difunden, nin contextualizan a realidade LGTBI, e se limitan a manter estereotipos e dar verdades a medias, a conciencia e a visión social do colectivo non ten visos de cambiar.

Porén, os membros do círculo, coincidiron tamén na dificultade que supón para os medios adoptar a terminoloxía axeitada, xa que en moitos casos son conceptos novidosos e pouco coñecidos. A situación deste colectivo, mantivose durante moitos anos oculta, e cando foi tratada polos medios non se facía dende a imparcialidade, senón dende perspectivas tendenciosas que configuraron unha opinión pública desfavorable e que pouco tiña que ver coa realidade.  O cambio e a normalización, que se está realizando xa paseniño, ten que ir, por suposto da man, dun cambio no enfoque e na forma de referirse á cuestión LGTBI por parte dos medios. O que parece claro e que a contextualización é cada vez máis necesaria neste caso en concreto, pois en moitas ocasións, empréganse termos descoñecidos para os lectores ou audiencia do medio, e non van acompañados dunha explicación ou posta en situación para que os receptores da información configuren a imaxe real do que se lles está a narrar ou amosar.

Antía Fernández, relatou tamén no círculo varias das súas experiencias cos medios de comunicación, e afirmou que en varias ocasións os xornalistas lle teñen pedido que ela mesma corrixa os textos redactados polos profesionais. Dende logo, esta pode ser unha das vías para asegurar que a información amose a realidade, pero non deixa de ser unha proba evidente de que os profesionais dos medios de comunicación non están informados axeitadamente sobre o colectivo LGTBI.

Xestos e actitudes durante a realización do debate

A sensación que nos transmitiron a nós, como espectadoras, os membros do círculo de debate, é que resultou tranquilo e amistoso. Os participantes entendéronse ben, conxeniaron, e entre eles fluíu a conversa de xeito natural.

O noso moderador, Julio, comezou falando ó tempo que xogaba cas mans. Ó facelo, semellaba unha persoa activa e expresiva, mostrando unha personalidade aberta e participativa.

Dirixiu o debate con facilidade, reflexionando e charlando amigablemente.  Era en todo momento consciente do seu rol de moderador, interactuando con Fernando e Antía, así como establecendo o turno das noticias lidas, pero tamén conseguiu atopar o seu camiño para expresar as súas opinións.

Miraba, como xa mencionamos, de forma recurrente ás noticias que tiña no seu regazo, e que el ía seleccionando para comentar.

Coa visualización do vídeo pódese observar como move as máns acompañando o seu discurso, mostrándose como unha persoa xestual e expresiva.

A única participante femenina, Antía, pola contra, fala de forma máis pausada. Ten tamén, como Fernando, as mans máis agarradas, aínda que a medida que vai collendo confianza, comeza a movelas segundo fala.

É máis recatada nos seus movementos. O debate xira en torno á súa persoa, o que implica que moitas das preguntas se dirixan especificamente a ela. A medida que pasa o tempo, móstrase máis cómoda e aberta, respondendo correctamente, nótandose cómoda falando do tema, xa que en moitas ocasións emprega a súa propia experiencia para respostar.

O terceiro integrante, Fernando comeza máis tímido, cunha actitude reservada. Non mira tanto á cámara, aínda que unha vez se presenta e comeza a falar, colle máis confianza. Manifesta un carácter xovial e alegre. Ademáis é un membro moi activo e curioso no círculo, mostrando interese en numerosas ocasións cara o caso de Antía. Así, chégalle a facer ata 3 preguntas sobre a súa experiencia. Cando o fai, inclínase cara a Antía (nun sinal de achegamento cara á esta participante).

Nun punto do encontro, Fernando e Julio adoptan a mesma postura corporal: perna cruzada ca man apoiada nela.

En conclusión, tras a nosa interpretación xestual e visual, destacamos que, en ambos aspectos, a actitude dos membros é positiva e aberta un cos outros. Non se aprecian tensións nin incomodidade. Dende aquí, o grupo SB2 agradece sinceramente a facilidade e participación dos membros do círculo, que fixeron do círculo un encontro amistoso, educativo e moi gratificante.

Para visualizar o encontro completo, aportamos o seguinte enlace: https://www.youtube.com/watch?v=PIow5B91zmU

REFERENCIAS

Gómez, Pablo (25 xaneiro 2016). Contra los nervios y la historia del deporte. La Voz de Galicia. Recuperado de: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deportes/2016/01/25/antia-fernandez-contra-nervios-historia-deporte/0003_201601G25D22991.htm

Lugilde, Anxo ( 26 xaneiro 2016). Una transexual compite por primera vez en un deporte olímpico en España. La Vanguardia. Recuperado de:

http://www.lavanguardia.com/vida/20160126/301665895874/transexual-compite-deporte-olimpico.html

Carreño, Fernando (22 xaneiro 2016). Antía Fernández, primera transexual en un deporte olímpico. Marca. Recuperado de:

http://www.marca.com/otros-deportes/2016/01/22/56a28c9b22601dcc3f8b4625.html

Publicado: 18/03/2016 19:40

Revisión GBO: primeira revisión 18/03/2016 ás 19:00 e segunda revisión 18/03/2016 ás 20:02. A editora xa se implicou en todo o proceso de creación do texto e xa foi continuamente revisado por ela

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s