A memoria histórica viva que non se valora

Ana Noguerol Fernández – S2C4

Fotografía de Miguel Rubio Artiaga en irreverentes.org

Os nosos maiores, aqueles que descubriron como a normalidade podía ser aniquilada co estalido dunha Guerra Civil e co cruel fluír dunha ditadura, atópanse silenciados. Ademais de ter que observar como as súas capacidades físicas e psíquicas diminúen, teñen que soportar o pouco tacto da nosa sociedade. Séntense un lastre, unha carga para as familias e o Estado. O trato inapropiado que os medios de comunicación exercen en relación a este colectivo axuda a incrementar esa pésima autoconcepción. Un trato que se remite a deixar ben claro o tanto que nos molestan as súas pensións, a súa ‘’inutilidade’’ e as súas viaxes do Inserso.

Poucas veces o mundo mediático ten en conta a voz destas persoas que viviron o inferno franquista. Hai un par de anos, naceu unha web destinada única e exclusivamente á transmisión de testemuños de anciáns respecto a este tema. O seu nome é Cuentos de viejos. Os relatos da xente maior son anécdotas da infancia conectadas a feitos históricos e reais. Para a formación dos vídeos e do material, ábrense convocatorias para reunir historias. No momento de lanzamento desta iniciativa, tan só elPeriodico.com comunicou a súa existencia.

Nun artigo de opinión do xornal El País chamado ‘Testigos de niños, testimonios de ancianos’, Reyes Mate fala sobre a situación israelí co xuízo a Eichmann en Xerusalén no 1961. Explica como Ben Gourion quixo utilizar este caso para fortalecer a estratexia sionista do seu Goberno. Co que non contaba, era con que os superviventes que calaban por presión do Estado de Israel outorgaran, finalmente, o seu testemuño. A sociedade revolucionouse e Israel deixou de ser o mesmo país. Compara este feito de xeito inversamente proporcional ao que se vive no Estado Español. Afirma que aquí non se derrubou o muro do silencio dos que máis sufriron. Nos medios de comunicación, o tratamento en canto á ditadura é sempre político e administrativo. En poucos xornais escóllese unha perspectiva social ou testemuñal.

Algúns xornais como El Mundo, sacan especiais sobre a Guerra Civil. Este xornal emitiu un de 18 testemuños de anciáns, nos que relatan as súas vivencias. Pero, é suficiente con 18? O territorio español é descrito nos libros da ESO e o Bacharelato coma un país de poboación avellentada. Poboación avellentada que viviu nas súas carnes o período franquista. Pero parece que aínda non nos demos de conta, e que nos gusta que os de fóra falen do noso pasado máis que nós mesmos.

RECURSOS:

-EFE. (2014). Una web recoge más de cien vivencias históricas de ancianos. 28 de marzo do 2016, de ElPeriodico.com Sitio web: http://www.elperiodico.com/es/noticias/sociedad/cuentos-viejos-portal-internet-recoge-mas-cien-vivencias-historicas-ancianos-3024049

-Reyes Mate. (2012). Testigos de niños, testimonios de ancianos. 28 de marzo del 2016, de El País Sitio web: http://elpais.com/elpais/2012/02/28/opinion/1330457889_577650.html

Revisión editor: 17:30

Revisión coordinador: 18:30

Publicación: 20:51

 

 

 

Advertisements

2 comentarios en “A memoria histórica viva que non se valora

  1. Tojeiro Ces, Rita (S3E4)

    Para o voso tema sería interesante tratar a polémica da Lei de Memoria Histórica, e reflexionar sobre o por que de que os medios de comunicación apenas divulguen a preocupación real da sociedade sobre este baleiro. Déixovos o enlace das páxinas do BOE na que se recolle esta lei: https://www.boe.es/boe/dias/2007/12/27/pdfs/A53410-53416.pdf
    Como veredes, nela inclúese o recoñecemento de todas as vítimas da Guerra Civil e a posterior ditadura de Franco, pero non a apertura das fosas comúns nas que aínda xacen os restos dos mortos a mans dos sublevados. Ademais, no preámbulo afírmase que a memoria das vítimas do franquismo é persoal e familiar, negando así que os delitos do franquismo son cometidos contra toda a sociedade e que o deber do Estado é desenvolver políticas públicas que garantan ás vítimas o seu dereito á verdade, á xustiza e á reparación. E cando un goberno non está facendo ben o seu traballo, o deber da poboación é facerllo saber, sobre todo a través dos medios.

    A maiores das escasas publicacións españolas existentes que atenden a este tema, e que vós nomeastes, tamén poderiades contar con varios programas de Salvados que si trataron o asunto, especializándose en problemas concretos dentro de todo o que hai por contar da ditadura. O máis recente foi o programa Esclavos, que abriu camiño a coñecer só algúns dos testemuños que nos dan esa nosa memoria histórica viva. Neste enlace pódese ver o documental completo, aínda que se precisa rexistro na web: http://www.atresplayer.com/television/programas/salvados/temporada-11/capitulo-15-los-esclavos-espaoles_2016030500006.html
    De todas maneiras é sinxelo atopar as entrevistas soltas de Jordi Évole aos escravos do franquismo, que vos poden servir de axuda.

    Tamén atopei un artigo do Faro de Vigo no que se publica, con motivo do cumprimento de 40 anos desde a morte de Francisco Franco, un pequeno espazo de reivindicación da memoria histórica que o goberno e a meirande parte dos medios se empeñan por esquecer. http://www.farodevigo.es/espana/2015/11/20/queda-franquismo-40-anos-despues/1354478.html

    Durante o goberno de Franco, como sucede en todas as ditaduras, violáronse numerosos dereitos como a liberdade de culto e pensamento, o sufraxio universal, a separación de poderes… De feito, a ONU publicou dous informes en 2014 aos que se aferran as vítimas do franquismo para reivindicar a súa causa, nos que se recolle que en España cometéronse graves e masivas violacións dos dereitos humanos entre os que se inclúen tortura, desaparicións, execucións e roubos de bebés. Por isto é tan importante a valoración das persoas que viviron tales sucesos agora que aínda poden dar voz, e non cando sexa demasiado tarde.

    Para rematar, tamén é clave recoñecer, como vós fixestes, os pasos adiante que se van dando nesta materia.
    Así pois, déixovos como curiosidade o enlace dun proxecto de Javi Larrauri que pretende recuperar a memoria daquelas persoas que foron represaliadas polo réxime franquista debido á súa orientación ou identidade sexual. Trátanse de retratos acompañados duns textos bibliográficos onde se detalla o percorrido vital de cada un dos protagonistas e un vídeo con extractos das entrevistas gravadas a todos eles. http://www.javilarrauri.com/represaliados/represaliados.html

    – Revisión do editor: 29/03/2016 19:20
    – Revisión do GBO: 29/03/2016 22:05
    – Publicación: 29/03/2016 22:24

    Gústame

  2. Moitísimas grazas polo teu comentario, Rita!

    En canto ao tema das fosas comúns, gustaríame compartir unha noticia que atopei pola rede. O día 8 de febreiro do presente ano Público sacaba unha nova sobre a apertura dunha fosa común en Guadalajara. O enlace indícase a continuación.

    http://www.publico.es/politica/apertura-fosa-guerra-civil-desentierra.html

    Neste, podemos ler acerca do caso de Ascensión Mendieta, unha muller que aos 13 anos de idade perdeu ao seu pai por mor dos crímenes fascistas. Convencida, dirixiuse a Arxentina a presentar probas sobre a morte do seu proxenitor. Unha xuíza de dito Estado sentenciou a excavación da fosa común situada en Guadalajara. Aquí temos unha testemuña máis que tan só tiveron en conta uns poucos medios, entre os que se atopan Público, El País e ElDiario.

    Tamén é interesante o artigo ‘Seis razones por las que la Ley de Amnistía no sirve y los franquistas deben ser juzgados’ de Alejandro Torrús.

    http://www.publico.es/politica/seis-razones-ley-amnistia-no.html

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s