I Círculo de Debate. Manipulación nos medios de comunicación

Figueroa Torres, Iria- S2A1

Fontela Alvelo, Lara-S2A2

García Diéguez, Marina-S2A3

García Fernández, Ana-S2A4

González García, Julián-S2A5

González Nuñez, Ana-S2A6

 

O mércores 16 de marzo realizamos o primeiro debate co noso círculo, tratando o tema da manipulación informativa nos medios de comunicación. O debate realizouse nun estudo de radio da facultade de Ciencias da Comunicación. Os membros do círculo que participaron neste debate son tres xornalistas: Carlos Roma, Susana Recouso e Belén Regueira. Todos foron desde o primeiro momento moi agradables con nós e demostraron estaren comprometidos co tema a tratar.

DEBATEDe esquerda a dereita: Carlos Roma, Susana Recouso e Belén Regueira

I Círculo de Debate. Manipulación nos medios de comunicación

Cada un dos xornalistas trouxo unha noticia para tratar no debate, léronas antes de comezar e quixeron tratar catro puntos apoiándose nelas. Estes puntos son: a definición de manipulación, a manipulación nos medios públicos, a manipulación nos medios privados e a importancia das fontes. Belén Regueira, que exerceu de moderadora, levou unha noticia de El País, que fala de que o presidente da CRTVG utiliza ao ente público galego como un exemplo de neutralidade fronte ás televisións privadas. Susana Recouso comentou outra do mesmo medio que trata sobre a denuncia feita pola maioría dos xornalistas da TVG para denunciar a manipulación que estaban a sufrir no seu traballo. Mentres que Carlos Roma quixo amosarnos ata onde poden chegar as especulacións arredor da manipulación cun artigo publicado nun blog, no que se tratan diferentes conspiracións sobre o atentado contra a revista Charlie Hebdo en París.

O debate comezou estabelecendo unha definición sobre o concepto de manipulación, comezou cun ambiente distendido e relaxado, tanto por parte de ambos os dous debatentes como por parte da moderadora, Belén Regueira. Comeza falando Carlos Roma, cun ton participativo e unha actitude de iniciativa. A moderara intervén cando o cre preciso cun carácter seguro e con intervencións precisas.

Belén Regueira consideraba que moitas veces temos un concepto restritivo da manipulación limitado a cuestións políticas, pero ela definiríao como o non emprego de boas prácticas xornalísticas. Susana Recouso coincidiu, pero fixo tamén fincapé en que a manipulación estaba sobre todo na base do que consideramos ou non noticioso, estando eses criterios de escolla marcados por todo tipo de condicionantes. Carlos Roma, por outra banda, estabeleceu unha diferenciación entre manipulación e utilización, referíndose á uitlización da información para conseguir uns determinados fins políticos ou doutra índole como o que a maioría da xente entende por manipulación.Comentaba que “Nunha nota de prensa xa hai unha manipulación, xa que cando nos chega xa hai certa manipulación para que publiquemos esa nota de prensa. O problema xorde cando se utiliza cuns fins este envío de notas de prensa”.

 

A continuación, a moderadora encamiñou o debate cara a unha análise máis profunda do concepto de manipulación, ante o que Susana Recouso comentou que moitas veces podemos entender por manipulación “canto tempo se lle dedique a un partido político ou outro, pero que realmente podería ser de maior gravidade o feito de que se dea a información sen contextualizar, sen outorgar verdadeira importancia á procedencia e ao contexto de tal información”. Porén, Belén Regueira si que quixo incidir nos tempos dos partidos políticos, comentando que o feito de que o propio reparto do tempo que a estes se lles dedica nos informativos sexa en base á súa representación parlamentaria non deixa de ser un xeito principal de manipulación. Recouso coincidiu nisto, pero quixo destacar o moito que a axenda política marcaba o día a díados medios, obrigando a que para que todos saíran nos informativos, moitas veces se incluían asuntos políticos de cuestionábel importancia, excluíndo así temas de probábel maior relevancia. Aliás, pon o foco sobre o feito de que as axendas mediáticas estean tan sincronizadas, sobre o feito de que os medios case sempre saquen noticias semellantes, incluso cos mesmos cortes: “hai cousas que poden levar anos acontecendo, pero que só chegan a nós cando, curiosamente, de súpeto, todos os medios en masa comezan a sacar estes temas nos seus respectivos informativos”. Neste senso, polo xeral Susana Recousoadoita intervir cun ton máis cortante; percíbese a paixoalidade e a convición nas súas ideas. Consegue relaxarse co ton dos demais participantes na mesa, que nunca pisan o discurso dos demais nin se interrompen entre si, percibíndose moito respecto entre eles.

A moderadora, que intervén sempre con naturalidade, pasa a poñer o foco sobre a nova sobre o director da CRTVG, centrando o debate nos medios públicos. Carlos Roma considera que, aínda que nos últimos anos perderon moita credibilidade, é certo que para moita xente segue a ser unha rutina informarse a través deles. Neste senso, Susana Recouso destaca o feito de que a maioría da sociedade non se cuestiona realmente estes asuntos, non analiza a información recibida na procura de manipulación, senón que simplemente a dixire e asume como certa. Neste punto, Carlos Roma destaca o costume estendido de acudir cada quen a un único medio de referencia, de ler sempre os mesmos, e insta a que a audiencia consuma un material variado: “leamos El País; pero ademais de El País leamos Sermos, leamos La Voz de Galicia, leamos El Mundo…”.Recouso, pola contra, ve isto demasiado utópico dada a crecente tendencia a dedicar moi pouco tempo a nos informar; considérao esixir demasiado á audiencia.

A continuación, Belén Regueira pasa a falar da estrutura común a todos os informativos: política (onde se ve a afinidade política de cada quen), sucesos (que sempre teñen a xustificación de que “venden”), banalidades varias (excesivo tempo dedicado á meteoroloxía, etc.) e finalmente deportes. Dentro destas banalidades Carlos Roma destaca o emprego do corpo feminino para chamar a atención da audiencia nos propios informativos, ao cal Susana Recouso replica que o tratamento da muller nos medios podería dar para outro debate, pasando así a se centrar de novo na nova sobre a CRTVG, e cuestionándose se realmente podemos catalogar categoricamente de manipulación o coñecido feito de que o goberno nomee os Consellos de Administración das canles públicas, ou se realmente non facemos máis que unha asociación inmediata disto cun “autobombo” do goberno a través destes medios.

Carlos Roma recolle a pregunta diferenciando entre manipulación inconsciente (non por iso menos prexudicial, e de feito consistente en crermos que temos a verdade) e a plenamente consciente. Para Belén Regueira, o fundamental é desgobernalizar e profesionalizar estes medios.

Seguindo con ese debate, Belén afirma que nos últimos anos temos asisitido a un aumento da desconfianza, debido a que a xente xa non cre nos medios, sendo esa desconfianza a que nos leva a procurar a verdade en teorías conspiratorias como a que se recolle na entrada de blog achegada por Carlos que trata os atentados de París.

A Carlos, ademais desta desconfianza, preocúpanlle dúas cousas. Por unha banda, a banalidade, que pensa que se ten estendido na nosa sociedade propulsada, en parte, polos grandes medios de comunicación, que apoiaron a persoeiros que se fixeron famosos, principalmente, por facer gala da súa banalidade. Por outra banda, preocúpalle moito a saturación informativa, que nos leva a mirar tan só os titulares e non saber, sequera, quen asina as novas, sobre todo no ámbito dixital.

A isto, Belén engade a rapidez informativa, a preocupación pola instantaneidade, xa que aos profesionais se lles impón unha rutina na que teñen que loitar por seren os primeiros en dar as novas. “O instantáneo e as rutinas estanse a impoñer nos medios e nos profesionais. E os xornalistas temos que ter rapidez en como damos a noticia, e isto leva por resposta erros, manipulacións, especulacións… Isto tamén é manipulación: a mala información”, comenta.

Os tres botan en falla a figura do analista informativo, alguén que revise a calidade das novas, así como formatos que afonden máis nos temas, coma as reportaxes, recentemente substituídas por faladoiros nos que todos opinan de todo. Isto é, segundo Carlos Roma, algo perigoso, porque semella que neses debates se presentan as distintas opinións que pode haber acerca de un tema, mais adoitan faltar moitas: limitan as visións sobre un determinado tema a branco ou negro, colocando a unha persoa como defensora do “a favor” e outra do “en contra”, obviando toda a gama de grises existente, e polo tanto a inmensa pluralidade de opinión que pode existir arredor de calquera tema de actualidade.

Tamén fai fincapé no feito de que cando pensamos en manipulación adoitamos ter en mente a política, pero que tamén hai que contar coa manipulación económica, un feito agravado pola mala situación que están a pasar os nosos medios. Isto fai, segundo Belén, que sexa máis difícil resistir as presións externas.

En relación con isto último, Susana tamén comenta o tratamento que se lles dá ás grandes empresas, como pode ser Inditex, ás que se adoita presentar baixo unha óptica moi positiva, sen afondar no asunto en absoluto. Algo que dá pé a falar dun dos últimos programas de Jordi Évole, que tratou o tema do téxtil. Como durante todo o debate, Susana marca o seu carácter máis duro pero mantendo unha actitude empática constante, desta volta candolamentou que os medios non tiveran denunciado a realidade que estaban a vivir tantas mulleres traballadoras galegas moito antes, sendo un problema que realmente viña de tan atrás.  Ao facer esta reflexión, tamén se pregunta cantos temas coma ese seguirán claramente patentes mais invisibilizados polos medios. Moitas veces, baixo o pensamento de “á audiencia non lle interesa iso”, óbviase moita información relevante e de necesaria abordaxe; porén, se todos os medios tratan os mesmos temas, como podemos saber se realmente eses outros invisibilizados poderían atraer a audiencia?

Finalmente, para rematar o debate, a moderadora decide preguntarse se ante o complicado panorama informativo exposto, queda algo ao que nos poidamos agarrar. Carlos, moi optimista, asegura que si e proponse dar o mellor de si nas pequenas loitas que afronta cada día, que o importante é ter “coherencia cun mesmo e respecto pola audiencia”.Mentres que Susana, máis pesimista, pensa que non, que a sociedade e o xeito no que os medios exercen o seu papel deberá de mudar moi radicalmente e que ve complicada tal viraxe.

A nota final do debate púxoa Belén Regueira, a moderadora, cunha nota de esperanza semellante á de Carlos Roma.

 

Revisión editor: 19:00

Revisión GBO: 20:00

Publicación: 22:50

Data: 28/03/16

 

Advertisements

5 comentarios en “I Círculo de Debate. Manipulación nos medios de comunicación

  1. A descrición do acontecido no Círculo é mecánica, separando planos da análise (a conversacional da recreación do plano dialóxico, por exemplo). Debérase utilizar citas directas dos conversadores. Por favor melloren a redacción e a estrutura desta interpretación, por favor, o máis axiña posible.

    Gústame

  2. García Vegas, Cintia – S2D2

    Ola compañeiros,

    lendo a vosa interpretación decateime de que moitas dos problemas que vós mencionades coinciden coas demandas e as protestas que fixeron os membros do noso Círculo con respecto ós medios de comunicación e cos nosos indicadores. Falades de descontextualización dos feitos e da falta dun analista informativo que indague en profundidade no tema. A propósito disto, un dos nosos convidados criticaba a escasa humanidade do xornalista (debida esta moitas veces ós condicionantes económicos e políticos do medio) e a falta de investigación que se produce ó tratar determinadas noticias, dándose lugar a unha información totalmente fóra do seu contexto e mal interpretada.
    Falades tamén da censura en canto a súa concepción tradicional, é dicir, a non publicación de determinadas informacións ben sexa por intereses do xornalista, do medio ou das altas esferas. Isto está directamente relacionado con outro dos nosos indicadores “invisibilización da realidade dos grupos de atención social” e que resultou ser unha das temáticas máis comentadas no noso debate. De feito, os dous afectados cos que contábamos, denunciaron a falta de información por parte dos medios de comunicación en xeral, non dando a coñecer a cidadanía o que acontece realmente.
    Eu creo que se trata dun problema contra o que debemos loitar non só por nós mesmos, como futuros xornalistas, senón tamén polo futuro da sociedade.

    S2D2

    Revisión do editor: 31/03/2016 ás 18:00
    Revisión da coordinadora: 31/03/2016 ás 22:30

    Liked by 1 person

    1. Grupo S2A
      Vexo que a nosa compañeira, Cintia, relacionou ambos os dous debates de forma correcta, facendo relación ós puntos que unen os nosos círculos de traballo. Sacar as coincidencias é probeitoso, en ambos os dous grupos, para adquirir novos coñecementos e conceptos que introducir ó debate, e para abstraer con máis facilidade as conclusións deste proceso de comunicación que puxemos en camiño.
      Coincido con Cintia en que existe por parte dos medios unha descontextualización e, é que, esta constante repítese coma un patrón en moitos temas, entre eles a pobreza. A manipulación actúa así como un “factor difuminación informativa” que acaba converténdose en información falsa ou terxiversada. A minupulación pode darse así, nas súas variantes, de moitas formas e por moitos motivos aínda que en moitos casos non sexa, nin moito menos, evidente.
      Por outro lado existe,como ben interpreta a compañeira a partir do noso círculo de debate, a manipulación en sí mesma: como a presión para a invisibilización dunha ou varias informacións. Xa non falamos dunha nebulosa de información mal tratada, senón dunha presión para a non publicación. É por eso que en moitos puntos os temas dos outros círculos, neste caso a pobreza, se atopan nun mesmo punto coa manpulación xa que as súas diferentes formas dan lugar a moitas casuísticas de análise.
      Coincido coa compañeira na importancia do compromiso do xornalista co seu traballo coa responsabilidade social que lle compete. Debemos ter en conta que o poder de influencia das informacións que producimos pode levar o curso dunha sociedade, ou non, crítica e consciente.

      Liked by 1 person

  3. Cortizo Salgueiro, Noelia [S2D1]

    Tras ler a vosa interpretación, estou de acorodo co que puxeron sobre as mesas os afectados. No noso debate, da man de Manuela saía a relucir o tema de que os medios de comunicación perderon a súa credibilidade, posto que para sacar unha idea clara sobre un tema debías ler varios xornais e crearte a túa propia idea sobre o tema que traten, ela relacionaba isto un pouco coas influencias políticas que hai nos distintos medios de comunicación. E tamén falaron sobre que os temas saen cando a eles lle convén e tamén dicían que sae contado como eles queren e moitas veces afástanse da realidade algo que no caso que tratamos nos lles senta mal que manipulen e incluso cheguen a tratalos mal e ofendelos (déixoche un link abaixo dunha rectificación que tiveron que facer por tratar como “pés negros” as persoas sen recursos). Todo isto estanos perxudicando a nos mesmos como futuros xornalistas xa que cada vez vamos perder máis credibilidade e non se van a fiar de nada do que contemos cando non debería ser así. A nosa ambición debería ser contar a verdade e non manipulala, simplemente ser transmisores dun feito que acontece para que o sepan os demais.

    E aludindo ao que mencionan sobre que debería haber alguén que revise a calidade das novas, tamén saiu no noso debate, dito por Marta, unha traballadora social do centro de Cáritas,que aludiu a que debería haber unha persoa que coidase dos seus dereitos e que velase porque non se perxudicase a imaxe dos que, en moitas ocasións, non lles deixan defenderse dentro destes medios. E tamén aludiu a que, como ben dixestes, a axenda política marca as noticias que saen, e por eso non saen temas que poderían ser de interese para os demais, algo que lles parecía inxusto e que eu comparto.

    http://www.elcorreogallego.es/opinion/cartas-al-director/ecg/rectificacion/idEdicion-2015-12-18/idNoticia-970162/

    Revisión do editor: 06/04/2016 ás 19:17
    Revisión da coordinadora: 06/04/2016 ás 19:30

    Gústame

  4. Grupo S2A

    Hola Noelia! En primeiro lugar, perdón pola tardanza e moitas gracias polo teu comentario. Gustaría decirche que non estou de todo de acordo co que di Manuela. Pode que os medios de comunicación perdesen parte da súa credibilidade, eso non o nego. Máis penso que o feito de que existan diversidade de xornais con versións un tanto diferentes dos feitos é enriquecedor. Aínda que debemos coincidir na busca da verdade, penso que é sano que existan algunhas diferencias e cantas máis versións coñezamos acerca de un tema máis rica será a nosa propia visión do mesmo. De todos xeitos, como xa dixen, si que é unha mágoa que os medios estén a perder credibilidade. Penso que se trata dun problema moi serio e é algo no que tamén coincidían os membros do noso debate.

    Tamén estou de acordo co que dis no último parágrafo. Serviría de moita axuda a figura dun analista informativo. Porque coma se pode ver no link que nos deixaches, aínda que se pidan disculpas ás veces o dano xa está feito. Por iso sería tan importante que alguén se encargase de vixiar a calidade das novas. En canto ao que se refire á elección dos temas informativos, paréceme evidente que está condicionada por unha serie de factores que non sempre son o interese para a sociedade, entre eles o político. E iso tamén é algo que se podería intentar mellorar.

    Revisión da editora: 9/4/16 00:40

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s