A segregación, a exame

Fonte Imaxe: TolentinoAbogados

Rodríguez Filgueiras , Eila – S3B3

Nos últimos días, os medios de comunicación pretenderon facer eco da noticia sobre o test de nacionalidade española, aprobado recentemente como requisito fundamental para a obtención dos documentos legais para os inmigrantes.Este exame trátase dun test de 25 preguntas acerca da cultura, política e historia de España, que algúns medios de comunicación como Cadena Ser, ABC, El Confidencial, La Razón, Antena 3, El Correo, Huffington Post, El Mundo ou 20 Minutos foron difundindo.

Preséntanselle ao lector unha serie de preguntas pertencentes ao test, que á vista dos cidadáns resultan fáciles e algunhas ridículas, alimentando así o estereotipo racista da inxenuidade e pouco interese dos inmigrantes, que ao parecer precisan ser interrogados e estudar respostas a preguntas  para recibir a legalidade, como por exemplo explicar en que consiste a tortilla de patacas, o cocido madrileño e a paella valenciana.

O test, desenvolto polo Instituto Cervantes, é unha mestura de preguntas de Primaria con preguntas tan pouco útiles e referentes á nacionalidade como “¿Qué cantidad está bebiendo si ingiere el contenido de una botella de 750 ml?”. Cando os lectores ven o test nos medios, en todos baixo o titular do tipo de “¿Serías capaz de aprobar el test de nacionalidad?” o primeiro que se lles vén á cabeza ao ler as cuestións é preguntarse quen non o aprobaría, e polo tanto a suposición de que se é necesario preguntar aos inmigrantes cousas como en que Comunidade Autónoma está Valencia, será porque lle abrimos as portas a bárbaros.

É destacable tamén a alimentación do ego patriota español que se sementa co pensamento de que faga falta someter ás persoas que queren entrar no país a un exame humillante que lles pregunta a que se dedica Penélope Cruz, ou como se denomina o clima de Canarias. Crea unha falsa sensación de superioridade dos españois, unha segregación e un sometemento moi dañino para a imaxe das persoas inmigrantes.

Ademais, en caso de proceder dun país onde non se fala castelán, hai que abonar 120€ para facer unha proba de idioma. Logo, para todo o mundo, os 85€ que custa este test de “españolidade”, máis a solicitude de residencia, que son 305€ a maiores.

Así constitúese un negocio no que ademais de someterse a este interrogatorio, as persoas pagan 85€ por cada vez que teñan que realizar este exame. Na primeira convocatoria presentáronse 700 persoas, o que supón un beneficio para o Estado de 59.500€ só polo test.

Independentemente do carácter do test ou do Instituto Cervantes, os verdadeiros culpables desta humillación son os medios de comunicación, que presentan o exame nas súas páxinas web para que todo o mundo o poda ver, aprobar e sentir superior, alimentado polo ridiculamente desafiante titular “¿Serías capaz de aprobar el test de nacionalidad?”. A cultura e os ideais da sociedade están rexidas por aquilo que a sociedade coñece, e eses coñecementos son postos na mente das persoas polos medios de comunicación. Os medios son os que deciden o que pensa, fala e decide a xente, os que achegan un ou outro punto de vista sobre as cousas, os que alimentan ou matan prexuízos e estereotipos. E cando se reflicte este test en un, dous, tres e máis de catro medios de comunicación importantes a nivel estatal, o problema é máis que grave. Por exemplo, na Voz de Galicia o titular é “¿Cómo se llama el informativo de TVE?, una de las preguntas que deberías saber si quieres ser español”. Collen como exemplo unha das preguntas fáciles da proba, para que o lector colla predisposición e actitude de que o test se trata de algo primario, para mentes “pouco preparadas” como poden ser as dos nenos pequenos. Quizais algunhas persoas o vexan incluso como un regalo, unha proba fácil ao alcance de todos que case regala a nacionalidade. Sen embargo é todo o contrario xa que coloca estigmas a todo o colectivo inmigrante, e que o diario El Mundo nos aclara que a maioría dos que se presentan a este exame son de Marruecos, Colombia, Bolivia, Pakistán e Venezuela. Así, os estigmas caen sobre todo o colectivo (que así o tratan, non como persoas individuais) inmigrante de países pobres, que queren conseguir a nacionalidade, e que se teñen que someter a un exame de 85€ dun nivel case humillante.

Polo tanto a solución está no mesmo sitio do que sae o problema; a ética dos medios de comunicación, a regulación e o criterio de que noticias presentar e de que maneira, para evitar que sexan prexudiciais para un colectivo tan grande e xa tan maltratado como os inmigrantes. Está nas mans dos medios cambiar a maneira de pensar da sociedade, eliminar os estereotipos e alimentar a igualdade, por medio de dar o tratamento adecuado a noticias como esta.

Referencias:

A.V.C.¿Conseguirías la nacionalidad española a través de un examen? Cómpruebalo. El confidencial. [Consulta: 28 marzo 2016] <http://www.elconfidencial.com/espana/2015-10-13/test-conseguir-nacionalidad-espanola-examen_1054520/>

Redacción.¿Aprobarías el test para obtener la nacionalidad española?. La Razón. [Consulta: 28 marzo 2016] <http://www.larazon.es/espana/aprobarias-el-test-para-obtener-la-nacionalidad-espanola-AP10974523#.Ttt1TKwglWAuO2i>

Redacción.¿Aprobarías este test de nacionalidad?. Cadena Ser. [Consulta: 28 marzo 2016] <http://cadenaser.com/ser/2015/10/29/sociedad/1446132826_924183.html>

Redacción.«¿Cómo se llama el informativo de TVE?», una de las preguntas que deberías saber si quieres ser español. La Voz de Galicia. [Consulta: 28 marzo 2016] <http://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2015/10/08/llama-informativo-tve-preguntas-instituto-cervantes-obtener-nacionalidad/00031444322386726291761.htm>

Redacción. Los nuevos costes del proceso de nacionalidad española. Parainmigrantes.info. [Consulta: 28 marzo 2016] <http://www.parainmigrantes.info/los-nuevos-costes-del-proceso-de-nacionalidad-espanola/>

RODRÍGUEZ, Vanesa. ¿Aprobarías el examen para obtener la nacionalidad española?. El Huffington Post. [Consulta: 28 marzo 2016] <http://www.huffingtonpost.es/2015/10/08/examen-nacionalidad-espanola_n_8262888.html>

SANMARTIN, Olga. 700 extranjeros se presentan al primer “test de españolidad” que es igual en todo el territorio nacional. El Mundo. [Consulta: 28 marzo 2016] <http://www.elmundo.es/sociedad/2015/10/29/5631ef4346163f932a8b463e.html>

 

Hora de publicación: 19:36

Hora de revisión do editor: 15:46

Hora de revisión do coordinador: 16:13

Advertisements

4 comentarios en “A segregación, a exame

  1. Tarrío Rodríguez, Eva – S3E3

    Ola Eila!
    O tema que estás a analizar neste post resúltame moi interesante, ao mesmo tempo que considero esta proba e a forma de tratar aos inmigrantes absurda e cun alto racismo inmerecido para persoas que soamente buscan un novo fogar. Que hai de malo en proporcionarlles asilo de maneira xusta e non humillalos no proceso? É realmente necesario ter que ridiculizalos cunha proba que non fai máis que insultar a súa intelixencia? Como moi ben explicaches, a resposta é, sen dúbida algunha, non.
    Son miles de inmigrantes os que están a facer esta proba, pero as trabas non deixan de aparecer polo camiño para lograr ser oficialmente español. Nesta noticia de La Voz de Galicia(http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2016/01/29/5-certificados-matrimonio/0003_201601S29C3991.htm) unha inmigrante turca e o seu marido español contan as peripecias polas que tiveron que pasar para chegar a facer o test:
    “Como los trámites llevan un tiempo y los documentos caducan, debes pedirlos varias veces, nosotros tenemos una colección de cinco certificados de matrimonio”.
    Por outra banda, atopo tamén moi preocupante o feito de que en Galiza só exista un centro aprobado polo Instituto Cervantes onde poder facer o test de nacionalidade, como se explica nesta noticia do Faro de Vigo: http://www.farodevigo.es/galicia/2015/12/15/inmigrantes-centro-santiago-examen-nacionalidad/1369646.html
    “Hasta ahora, solo una academia privada, Iria Flavia en Santiago, había firmado un convenio con el Instituto Cervantes para realizar el examen. Desde esta institución aseguran que no limitan los centros, pero que estos no se mostraron interesados. La prueba, alega, exige garantizar que no se copie y el anonimato, por lo que no todos los locales pueden asumirla. De hecho, la academia que realizó los dos únicos tests que por el momento se pasaron en Galicia, ofrece 40 plazas (número que, según el Cervantes, fija el centro evaluador), y están agotadas las convocatorias de enero, febrero y marzo.”
    As protestas non tardaron en chegar por parte de distintos colectivos: o principal, o Foro Galego de Inmigración.
    Para eles esta é a causa do baixo número de examinados. Critican que hai que apuntarse por internet, o que para a maioría dos inmigrantes é moi complicado”. “Aumentan las trabas administrativas y hacen la vida de los inmigrantes cada vez más complicada”, declaran.
    A situación pode cambiar xa Universidade de Santiago, cuxo Centro de Linguas Modernas realiza o DELE (a proba de español) sumarase como evaluador, o que permitirá incorporar, afirman dende o Instituto Cervantes, outras 200 prazas mensuais. Aínda así, os inmigrantes deberán trasladarse a Santiago de Compostela para poder examinarse, mentres que noutras cidades(Barcelona, por exemplo) hai varios centros onde poder realizar o test.
    Cervantes apunta que a medio prazo contan con extender os convenios a cada provincia.
    Deixoche tamén este enlace, Eila, no que se fala do traballo do Foro Galego de Inmigración e os seus próximos traballos respecto a este tema: http://www.fucobuxan.net/2016/02/posicionamiento-del-foro-galego-de.html?m=1
    Como conclusión, só engadir que me atopo totalmente de acordo con todo o que espuxeches no post, Eila, e que ese test non é máis que a proba de que todavía quedan moitas cousas por solucionar neste país.

    – Revisión do editor: 31/03/2016 12:21
    – Revisión do GBO: 31/03/2016 18:23
    – Publicación: 31/03/2016 19:20

    Gústame

    1. Ola Eva.
      Agradezo as aportacións que traes no teu comentario, posto que axudan a ver as dificultades que se lle poñen ás persoas inmigrantes cando chegan a España. Conseguir “os papeis” ou a documentación legal de residencia neste país é efectivamente unha ardua e cara tarefa se procedes de países subdesenvolvidos e se consecuentemente te atopas nunha situación económica complicada. Este test non é máis que outra das trabas impostas no camiño, pero co agravante da humillación pública que fan os medios e o propio exame.
      Como ti mesma reflexas na declaración da persoa afectada, teñen que pedir moitas veces os documentos ou mesmo envialos e conseguilos máis dunha vez, o cal non é fácil nin barato. Sen embargo e na miña opinión, se es unha persoa pertencente a un país rico como EEUU vas ter moitísimas máis facilidades para conseguir a documentación legal de residencia. Esto é debido a intereses económicos e sociais, e tamén a un forte e arraigado racismo.

      Volvo reflexar a miña conclusión e solución que expliquei no artigo; a solventación do problema está en mans do Goberno e tamén en grande medida dos medios de comunicación, porque eles plantan as sementes do pensamento da sociedade, e a maneira de acabar cos prexuízos e racismo está en darlle o enfoque necesario ás noticias deste tipo.

      Hora de publicación: 17:37

      Hora de revisión do editor: 12:25

      Hora de revisión do coordinador: 16:44

      Gústame

  2. Denise Sambad Guillomía, S3E2

    Denigrante. Esa é a palabra. Por qué o ser humano necesita saber que é superior a calquera outro para sentirse ben consigo mesmo? Ás veces penso que se valora máis o fracaso doutro que a túa propia victoria, como se por quedar por diante de algúen foras a ser mellor.
    Os medios de comunicación que publicaron o exame para conseguir a nacionalidade española (véxase como exemplo http://www.europapress.es/sociedad/noticia-te-sacarias-nacionalidad-espanola-haz-examen-final-20151104150720.html) quixeron con isto subir a moral dos españois, mostrando un exame que non está ao nivel de ningún inmigrante. Por qué tratamos aos inmigrantes como persoas inferíores? E é máis, por que os tratamos como un colectivo (inmigrantes) e non como persoas que inmigran, porque ante todo son persoas, e como persoas individuais uns terán un nivel académico e intelectual maior que outros, ocorre cos marroquís e ocorre cos españois. De feito non somos os máis indicados para alardear de nivel cultural cando todos sabemos como funciona a educación (entre outros) en España. Gustaríame saber cantos españois, persoas de a pé, saben quen é o Ministro de Defensa no actual goberno. Seguramente unha gran parte da poboación non daría coa resposta. Entón que necesidade ten un inmigrante de saber cómo se fai un cocido madrileño se os propios habitantes do país non coñecen quen os goberna?

    Parte da culpa é dos medios de comunicación por mostrar desa maneira o nivel do exame, como ridiculizando aos que se presentan ao mesmo. Estos medios fan unha labor errónea, insensibilizan a poboación, ridiculizan a un gran grupo de persoas, ás que indirectamente etiquetan de ignorantes, só por ser de fóra, por ter outra cultura e outra forma de falar. Eu chamaríao senofobia. Pode que non sexa directa nin explícita pero é unha forma de desprezo como outra, ou se cabe máis grave. Os medios de comunicación chegan a miles e millóns de persoas, indirectamente enseñan, educan, todo o que digan e mostren afectará a un numero elevadísimo de persoas que se formará en base ao que vexan, lean ou escoiten. Os medios de comunicación contan coa confianza da poboación polo que todo o que digan non será (normalmente) levado a xuízo, crese sen máis. Uns medios de comunicación machista formarán unha poboación machista. É por isto que deben medir ao milímetro as súas palabras e sobre todo as súas intencións, porque o seu traballo é informar, non xuzgar.

    Se o dos medios de comunicación ten delito tamén hai que falar do goberno. É este o que acorda o tipo de exame e as súas preguntas. É razonable que un goberno estipule ese tipo de exame? http://politica.elpais.com/politica/2014/09/26/actualidad/1411731489_748893.html
    Neste artigo do país sobre o exame para a cidadanía española recóllese que as preguntas miden o nivel de integración cultural dos inmigrantes,e que se trata de elementos esenciais. Como puidemos comprobar ao ver o tipo de preguntas cuestiónome a vitalidade de saber facer unha paella ou unha tortilla.

    En EEUU, por exemplo, as preguntas para acadar a cidadanía estadounidense teñen relación coa historia do país, as súas leis e costumes, idioma e demáis. Non son consciente de que neses test se realicen preguntas do tipo: Qué ingredientes principales contén a hamburguesa Long Chicken do Burguer King? É extremadamente ridículo, ao igual que o goberno e os medios de comunicación que tratan desta forma un tema de tal importancia, non o son os inmigrantes. Non estaría de máis coñecer a opinión dalgún inmigrante, que seguro se atopa tan indignado coma nós.

    – Revisión do editor: 31/03/2016 11:10
    – Revisión do GBO: 31/03/2016 19:30
    – Publicación: 31/03/2016 20:20

    Gústame

    1. Ola Denise.
      Moitísimas grazas polo teu comentario. Estou absolutamente de acordo con todo o contido e coa maneira de explicalo.
      Efectivamente é ridícula a situación.Tratamos aos inmigrantes con desprezo e condescendencia, en vez de darlles un recebemento digno.
      As preguntas do test son moi dispares. Algunhas humillantes como a dos ingredientes do cocido madrileño, e outras lexislativas que poucas persoas residentes en españa poderían contestar correctamente e que ademais teñen pouca relevancia en canto á vida cotiá se refire. Está claro que con esa mestura o único obxetivo é a humillación dos examinados. Como ben dis ao final, estaría moi ben saber a opinión dalgún inmigrante. Imos intentar incorporar eso na seguinte publicación.
      Pouco máis teño que engadir á tua aportación posto que me parece moi boa e unha grande contribución ao meu enfoque. Moitas grazas de novo.

      Hora de publicación: 18:00

      Hora de revisión do editor: 13:15

      Hora de revisión do coordinador: 17:28

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s