Círculo de Lectura Crítica da UNEMI de Ecuador

SOBRE O SEXISMO E OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN – Círculo de Lectura Crítica da UNEMI de Ecuador

O grupo mantivo unha sesión previa de carácter técnico o día 4 de febreiro de 2016, nela acordaron, a partir dos indicadores: Modelos e roles de xénero, machismo, representación mediática das mulleres, e efectos dos medios na vida das mulleres, tratar distintos temas relacionados sobre a muller.

Os temas escollidos foron os seguintes: Crise de identidade da muller como resultado da influencia mediática, a influencia das representacións mediáticas na vida cotiá das mulleres, a evolución histórica do rol da muller nos medios, a dimensión cultural da representación mediática da muller, a diversidade e restrición dos roles da muller nos medios, os modelos e roles nas relacións de parella, os estereotipos da muller perfecta, a muller como obxecto sexual, as formas de malos tratos explícitos nos medios, e o machismo entre as propias mulleres.

Na primeira sesión de debate do Círculo de Lectura Crítica participan Michael Arévalo, Yajaira Morán, Cecilia Solís e Víctor Cabezas. Gloria Solís e Verónica Santos deciden declinar a súa participación nos meses de marzo e abril dado que, nos mesmos, non estarán contratadas na Universidade. Decídese continuar, con catro membros, as sesións do Círculo de Lectura Crítica e non postergar a súa celebración ata maio.

Dado que Gloria Solís, a persoa que actuaría como coordinadora, xa non forma parte do grupo, decídese por maioría que a psicóloga Cecilia Solís sexa a nova coordinadora. Faino abrindo o tema: Crise de identidade da muller como resultado da influencia mediática.

Michael Arévalo aborda, en relación con este aspecto, a influencia dos estereotipos de xénero nas redes sociais en mozas do seu mesmo curso de licenciatura. En concreto, cita  o caso do perfil de Facebook dunha coñecida súa, cunha filla pequena cun problema de discapacidade, cuxo perfil está  está cheo de publicacións para mellorar o aspecto físico. Son os seus anhelos, que ela non pode ter, destaca Arévalo. “Ela non pode acceder a iso. Son falsas promesas que fai a publicidade que ao final a moi poucas xentes se lle cumpren porque moi pouca xente ten acceso a elas”, sinala.

Víctor Cabezas introduce o papel dos medios no sometemento a unha elite económica e cita a John Thompson, autor da Escola Norteamericana de Sociología. Di que os medios estimulan para crear unha reacción na sociedade. Os medios, concreta, estereotiparon a beleza na muller en moita maior medida que nos homes. Expón estereotipos de beleza feminina transmitidos polos medios ecuatorianos, que favorecen o ideal de muller loura ou os ollos verdes en detracción das mulleres morenas, o que é unha mostra de discriminación. Tamén lembra que o estereotipo de beleza non foi sempre o mesmo.

Yajaira Morán indica que a autoestima feminina depende do aprecio estético dos seus achegados. Cita o caso dunha coñecida cuxo marido a critica por considerala obesa. Ela, di Morán, desquítase coas súas persoas achegadas, trátaas mal, para subir a súa autoestima.

Víctor Cabezas explica que os homes, xa “cando somos noivos esquematizamos moito á muller. Xa a empezamos a ver gorda ou fea”. Afirma que os medios inflúen directamente no comportamento e nos valores humanos. Os medios inflúen na parte psicolóxica do ser humano. Pon como exemplo o reggaetón como mostra de mensaxe negativa no que a muller aparece exclusivamente como obxecto estético e sexual.

Sinala Yahaira Morán que as mulleres están a perder a súa autoestima e o seu valor humano, xa que “xa non nos están facendo ver como mulleres senón como un instrumento sexual”.

Víctor Cabezas expón que, a pesar da nova Constitución do Ecuador e da Lei de Comunicación, aínda falta moita conciencia por parte dos medios no seu papel para estruturar a sociedade. Fala do sensacionalismo e a violencia nos medios de comunicación. “Se nós afacemos á nosa sociedade para darlle violencia, imos crear seres humanos con esa construción”.

Cecilia Solís intervén dicindo que a influencia dos medios está a xerar unha crise nos fogares actuais. Indica que estas transformacións actuais teñen que ver coas crises familiares. “Desde mociñas, as rapazas teñen outro pensar, e outro actuar. As mulleres actuais xa non son elas mesmas. Xa na etapa adulta, a madurez está presente na súa vida”. Afirma que as mulleres novas están influenciadas desde nenas polo discurso mediático, o que ten consecuencias psicolóxicas: baixa  autoestima, frustración, inseguridade, perda de identidade. Introduce, como moderadora, un novo tema de debate: A influencia das representacións mediáticas na vida cotiá da muller.

Víctor Cabezas mostra ao grupo vídeos sobre o inicio da tempada de praia (incluiranse no blogue como vídeos adxuntos). Pon os exemplos titulados “A praia chámanos”, un promo player de RTS do 2015, e  “Lissette Cedeño acende a tempada de praia de boca en boca”, da canle TC, que foi emitido ás 14.30h. da tarde, a unha hora na que os nenos e nenas aínda ven a televisión. Afirma que se está fomentando unha cultura morbosa: “Acende o coñecemento? Non, as paixóns en todo caso e a frustración das mulleres”, incide. Compara o diferente modo en que, nos vídeos, aparecen os homes e as mulleres. Pregúntase o motivo de que en vídeos turísticos, non se utilice o tempo que se lle dedica ás mulleres como obxecto sexual para promover ás comunidades e as súas paisaxes.

Yajaira Morán sinala que os medios de comunicación utilizan “cuestións de muller” para subir o rating: asasinatos, violacións, prostitución, malos tratos. Ademais advirte que varias das mulleres que aparecen nos vídeos mostrados son operadas. Fala das consecuencias das operacións estéticas, que moitas mulleres fanse para poder estar en televisión. Incide no uso de corpos non naturais como modelos.

Michael Arévalo di que esta situación non só afecta as mulleres en xeral senón aos propios medios de comunicación. As mulleres acceden á profesión polo seu corpo, non pola súa formación académica. Di que elas se afixeron e fíxose algo normal para elas.

A coordinadora, Cecilia Solís, introduce un novo tema: a evolución histórica do rol das mulleres nos medios. Di que á muller déuselle xa máis apertura en moitos ámbitos públicos como a política. Con todo, as oportunidades déronselle máis aos homes.

Víctor Cabezas destaca o papel das moitas próceres feministas que loitaron polo avance das mulleres. A muller, afirma, vai incorporándose da pouco na sociedade pero aínda non se alcanzou a equidade. Concreta que tamén entre as mulleres hai falta de equidade, “xa que a bonita ten privilexios, fronte á que ten intelecto pero non esa parte superficial”.

Michael Arévalo sinala que, na carreira de Comunicación Social, o que máis ven son mulleres: “No meu curso só hai catro ou cinco homes”. Vese, apunta, que cada vez están máis interesadas en recuperar eses espazos.

Cecilia Solís subliña que aínda hai moitas mulleres sometidas e abre un interrogante: Que poderían facer os medios de comunicación para chegar a este grupo de mulleres que aínda están sometidas ao que o home di?

Víctor Cabezas incide na responsabilidade social dos medios de comunicación, que emiten mensaxes que van en contra da equidade, en lugar de promover argumentos que incidan na igualdade de xénero. Ademais propón traballar con colectivos de mulleres que poden axudar a articular capacitacións que promovan igualdade.

Afirma Yajaira que moitas mulleres “non coñecemos as leis que nos amparan”. Expón unha situación pola que ela mesma acaba de pasar: “Un mozo publicou no meu Facebook que eu son lesbiana. Eu como muller sentín mal e a miña moral quedaba polo piso porque eu non son ese tipo de persoa. Foi un home que me atacou”. Di que con casos así, que parecen insignificantes, dánase a integridade da muller. Cualifícao como exemplo de machismo.

Os compañeiros do Círculo de Lectura Crítica solidarízanse con Yajaira Morán  e entenden a súa situación e as consecuencias que pode ter. Cecilia Solís engade que comportamentos así tamén poden deberse á falta de madurez a algún trastorno psicolóxico. “Non se miden as consecuencias”, engade. Incide en que hai paradigmas nos que aínda queda moito por traballar para rompelos. Pecha a sesión lembrando os temas tratados: os efectos dos medios nas mulleres e como foi evolucionando o seu rol.

Comunicación non verbal, quendas de palabra e elementos paralingüísticos

Constátase unha maior duración das intervencións dos homes fronte ás das mulleres. Non é tanto unha cuestión de autoridade profesional (un alumno e unha alumna fronte ao que para el e ela representa un profesor e unha profesional da psicoloxía da súa universidade) senón de xénero.

Isto acrecétase no caso de Yajaira Morán, muller e nova, que intervén cun ton de voz máis baixo e máis dubitativo. Na situación oposta atópase Víctor Cabezas, que non dubida en intervir, o que fai con seguridade, imprimindo autoridade aos seus argumentos, con uso de citas a autores ou a exemplos dos medios.

Cuestións para a reflexión

-O grupo incide nos efectos dos medios de comunicación para as mulleres, pero, de modo subliminar, poderíase considerar que as está a culpabilizar: utilízase o concepto perda de valores por parte das mulleres e os seus efectos nas familias, nos seus círculos próximos e na sociedade, o feito de que se preocupen máis pola súa imaxe que por alimentar á súa prole…).

-Tal cuestión, obsérvase tamén na selección dos temas tratados (o machismo entre as propias mulleres) ou nalgúns aspectos abordados (a crítica das mulleres cara ás propias mulleres).

-En todo caso, falariamos dun nivel do discurso subliminar. De forma explícita, as e os integrantes do grupo coinciden na estereotipación que os medios fan da imaxe das mulleres, nos efectos psicolóxicos (baixa autoestima) que nelas poden ter, e apuntan alternativas como o fomento de mensaxes a favor da igualdade nos medios ou a realización de capacitacións, por parte de colectivos de mulleres, nos propios medios.

Texto composto por: Círculo de Lectura Crítica da UNEMI de Ecuador

Editado e traducido por: Ángel Carro Grela

Hora publicación: 23:45 – 01/04/16

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s