“Os nenos entenden moito máis do que nós pensamos”

Pombo Silva, Cristina (S3E1) e Tarrío Rodríguez, Eva (S3E3).

S24J4878

Fonte imaxe: La Voz de Galicia, por Paco Rodríguez.

Son moitos os temas tratados neste observatorio, aspectos da sociedade sen suficiente voz para facerse ver entre as noticias da actualidade. Quixemos facer un chamamento a outro aspecto que cada vez cobra máis importancia no día a día e o cal consideramos non recibe a atención adecuada. Falamos da diversidade familiar: familias monoparentais, pais divorciados ou separados, parellas homosexuais con fillos…etc. Todo isto enfocándoo ao papel que estes factores desempeñan na vida dos nenos e como podería chegar a afectarlles na súa vida diaria e  no seu futuro. Para coñecer máis a fondo o asunto a tratar, entrevistamos a unha experta que nos deu o seu punto de vista na materia.

A entrevista á psicóloga e sexóloga Cristina Silva Chaves aportou novos datos relacionados coa educación dos nenos nos distintos modelos familiares, como poden ser as familias monoparentais, de pais homosexuais ou divorciados. En moitas ocasións os pais, e sobre todo, os primerizos, pregúntanse que pode afectar á educación de seus fillos e se unha situación fóra do modelo tradicional de familia pode ter efectos negativos sobre eles. Tamén destacamos temas como o Síndrome de Alienación Parental, tratando de definir se debe considerarse unha enfermidade ou un problema doméstico. Cristina soluciónanos algunhas dúbidas sobre estes temas.

En primeiro lugar falamos sobre as familias monoparentais e os problemas ou dificultades aos que se poden enfrontar. A experta deunos o seu punto de vista na influencia que pode ter un fillo que sexa criado unicamente por unha soa persoa. Afirma que inflúe, pero non significa que esa influencia sexa negativa. O único problema que pode haber nesa situación é que a responsabilidade da educación recae nunha soa persoa e dependendo de como xestione esa responsabilidade o pai, pode ser algo negativo ou positivo. Cristina engade que a influencia si existe pero non é o único factor, desta maneira afirma: “Se o pai ou a nai é coherente, con criterio e constante, non ten por que existir ningunha diferenza con familias de dúas figuras paternais”.       

En relación con este tema, tamén debería falarse das distintas axudas que esta clase de familias reciben. Neste enlace as distintas axudas se clasifican segundo se son estatais ou autonómicas. Nas primeiras o Goberno proporciona diferentes prestacións e axudas socias que se xestionan dende os Servizos Socias das diferentes Comunidades Autónomas, como se explica no enlace. Estas inclúen: dedución por maternidade, prestacións por maternidade, axuda familiar, plan prepara, prestacións por nacemento ou adopción e prestacións por fillo a cargo. Por outra banda, as Autonómicas, son subvencións por parte das Comunidades Autónomas.

Complementando a información, tamén preguntamos como pode afectar un baleiro de xénero, é dicir, unha figura dun sexo non cuberta ao longo da súa educación. Segundo Cristina, a típica familia tradicional, de nai e pai, é só un dos moitos modelos familiares, e é ao que estamos acostumados na nosa sociedade, pero afirma que non é imprescindible ter ambos sexos para que se encontre un bo ámbito familiar. Puxo como exemplo numerosos casos no noso país, non de hoxe en día, senón de épocas como a Guerra Civil ou o Franquismo, onde miles e miles de familias tiveron que seguir adiante sen pai, por que o levaran preso ou morrera na guerra.

Grazas á experiencia da profesional e do seu coñecemento psicolóxico puidemos falar sobre a falsidade dos mitos ou rumores que circulan pola sociedade sobre a educación en parellas homosexuais.

Buscando información sobre que e o que máis preocupa aos homosexuais á hora de formar unha familia, en moitos foros ou redes sociais encontramos preguntas como: “¿Si son homosexual, meu fillo tamén o será?”. Este mito, que moita xente utiliza para ir en contra da homosexualidade, é totalmente falso. Non hai ningunha proba científica nin psicolóxica para confirmar dita afirmación. Ademais, seguindo o razoamento, todos os fillos nados en matrimonios heterosexuais, deberían ser heterosexuais, e obviamente non é o caso.

Outra das cousas que tamén preocupa a estes pais, é si o seu fillo vai a verse vítima de situacións de violencia ou sufrir bullying por ter unha situación doméstica distinta á común. Contra este, segundo Cristina Silva, son cousas que por desgraza pasan, e o único que se pode facer é preparar ao teu fillo psicoloxicamente para esas situacións, e evitando calquera tipo de violencia, obviamente.

Por outra parte, moitos pais homosexuais temen cando deben dicir ou explicar aos seus fillos que é a homosexualidade. A solución que nos proporciona Cristina Silva é que depende da idade do neno, pero a especialista afirma que hai unha norma número un: “Non se debe intentar explicar algo a un neno que aínda non preguntou”. Ela explica que para os nenos algunhas cousas son difíciles de entender, e se eles non mostran interese en sabelo, seguramente é por que non o van a comprender ben, ela chámao a “sabia natureza humana”. No caso de que o fillo pregunte, haberá que explicalo dunha forma curta e sinxela, cun linguaxe que o neno vaia a entender e non lle sexa difícil de asimilar, tal como ela o explica: “transmitir sempre unha información precisa, verdadeira pero suficiente. Adaptada á idade de quen o pregunta. Non é o mesmo contáresllo a un neno de catro anos que a un de quince, pero en ambos casos deberían recibir explicacións sobre o que preguntan e nunca evitar eses temas”.

Tamén falamos sobre o baleiro de xénero, antes relacionado coas familias monoparentais e  neste caso cunha parella homosexual, na que a resposta é moi similar, afirmando que depende máis da persoa e a súa forma de educar que o que é o modelo familiar. “¿Pode influír? Por suposto, pero como toda experiencia ou vivencia.”

Outro modelo de familia é o de pais divorciados ou separados. O número de divorcios aumentou un 5,1% o pasado ano. De estes divorcios, o 42,6% non tiñan fillos; o 48,1% tiñan só fillos menores de idade; o 4,3%, só fillos maiores de idade dependentes economicamente; e o 5,1% fillos menores de idade e maiores dependentes. O 27,2% tiñan un só fillo. Falamos coa psicóloga sobre os efectos emocionais que poden sufrir estes nenos, que se ven no medio dun matrimonio roto. Ela fainos unha distinción en idades, xa que non é o mesmo a separación de teus pais aos catro anos que aos catorce. Afirma que entre os tres e os cinco anos, os nenos soen sentirse culpables por non facer a tarefa ou non comer e converten o seu pensamento a tomar responsabilidades imaxinarias. Tamén soen ter medo a quedarse sos e é nese momento cando se ten que sentir queridos por ambas partes. No caso dos divorcios, e cando hai nenos de por medio, hai que ter en conta primeiro o seu benestar, xa que o neno probablemente é o que máis va a sufrir. As distintas mostras de afecto e amor por parte de ambos pais vaille reforzar e axudar ao neno a comprender que el non ten por que sentirse culpable. Ademais, explicarlle o que aconteceu entre a parella é a mellor opción, nunca débese ocultar nada, como di Cristina: “Os nenos entenden moito mais do que nós pensamos, son moi capaces de entender unha situación complexa como unha separación”.

A idade máis difícil soe estar entre os 6 e os 12 anos, nos que habitualmente creen que os pais poden volver a xuntarse e prensan ou realizan actos que non levan mais que a un sentimento de fracaso ou a problemas adicionais na parella. Cando eses actos vense falidos soen frustrarse e arremeten contra os pais causando aínda mais problemas na familia. E por último, os adolescentes, que poden sentir culpabilidade pola separación ou soidade. Estes chegan a dubidar da súa habilidade para casarse ou para manter unha relación.

Por outra banda, encontramos as familias que están divorciadas ou separadas pero con outra parella distinta á anterior. Debemos ter en conta de que si xa é difícil, algunhas veces, ter unha boa relación con os fillos propios, aínda poden darse mais complicacións para establecer unha boa sintonía cun neno que ten outros padres. Para que estas novas relacións e vínculos teñan un bo inicio e desenvolvemento necesitase paciencia, comprensión e comunicación, así como tempo para que todas as partes poidan sentirse cómodas. Os nenos non deben sentirse oprimidos por parte dos pais ou das parellas destes. Tamén hai que ter en conta, que en numerosas ocasións eses nenos teñen que convivir con fillos desas parellas, e non é a mellor situación para o benestar do neno. Por iso, o consello que Cristina nos da é que se con esa parella non se ten unha relación estable, non se debe incluír aos nenos nos plans desa relación, xa que lle pode afectar negativamente creándolle un desgusto ou rexeitamento con as visitas dese pai en cuestión.

As distintas asociacións e fundacións de axuda e apoio a esta clase de familias son máis abundantes co paso do tempo. Son moitas as persoas que, grazas ao saber que non son os únicos, conseguen seguir adiante. Por exemplo, a Asociación Galega de Pais e Nais Separados proporciona axudas prácticas, xurídica e psicolóxica aos pais e as nais, ademais de aos propios fillos.

Por último, a psicóloga Cristina Silva axudounos a coñecer un pouco máis sobre o Síndrome de Alienación Parental e a súa opinión ao respecto.

A definición ou explicación obxectiva: “O SAP é un termino ideado polo psiquiatra Richard Gardner que consiste nun desorde psicopatolóxico no que un neno rexeita sen xustificación algunha a un dos seus proxenitores.” Porén, hai algo máis da historia que Cristina contounos, e é que este médico estadounidense ideou o termino  de Síndrome de Alienación Paternal co fin dunha defensa nos xuízos para os pais acusados de maltrato ou abuso dos nenos. Este doutor na súa “teoría” explica tres grados do suposte síndrome: o lixeiro, onde os nenos cooperan coas visitas pero con desgusto; o moderado, onde as visitas ao proxenitor alienado, o fillo mantén unha actitude oposicionista; e por último, o severo, a hostilidade do fillo é moi intensa e pode chegar á violencia física.

Cristina dannos a súa visión subxectiva dicindo: “Non é unha enfermidade e non debe considerarse como tal, xa que o feito de unha das partes a manipular ao seu fillo contra a outra, é algo que ocorre en numerosos divorcios, e hai que ter en conta sempre como é o neno, e a idade, sobre todo.”

 Neste artigo do Faro de Vigo debátese a posibilidade de se o SAP é unha enfermidade ou non: “Fernando Chacón, decano del Colegio Oficial de Psicólogos de Madrid, opina que se trata de un debate “completamente estéril”. “La controversia -dice- viene alimentada más por intereses de grupos y asociaciones de padres y madres separados, que por criterios científicos. La polémica está más llena de descalificaciones que de argumentos científicos“.

Como conclusión rematar dicindo que, como tan ben explicouse na entrevista, o importante á hora de criar a un neno non é ser parte da clásica familia de pai, nai e fillos, se non proporcionarlle o cariño e o apoio adecuado. Monoparentais, homosexuais…o modelo familiar vai cambiando día a día e non por iso a educación dos nenos vai empeorar dalgunha maneira. Os tempos cambian e, do mesmo modo, o resto de aspectos da sociedade, pero iso non quere dicir que vaian a ir a peor, só de distinta maneira.

  • Revisión do editor: 03/04/2016 22:41
  • Revisión do GBO: 03/04/2016 23:09
  • Publicación: 04/04/2016 13:50
Advertisements

2 comentarios en ““Os nenos entenden moito máis do que nós pensamos”

  1. Villamel Baliñas, Tatiana. S3D5
    Viviríamos cunha venda nos ollos se non somos capaces de asumir que o modelo de familia tradicional nuclear (nai e pai heterosexuais, de raza branca e con fillos biolóxicos) deixou de ser o único. A sociedade evoluciona, tal e como afirmades no artigo, cara modelos que se distancian nun ou máis aspectos dese formato “estándar”. Hoxe, podémonos atoparnos con familias monoparentais (tras divorcio ou por elección), familias reconstruídas a partir de novas unións de persoas que teñen fillos de parellas anteriores, ou parellas onde os fillos son froito da adopción ou de reprodución asistida, e tamén familias formadas polos dous proxenitores do mesmo sexo (gays, lesbianas ou bisexuais).
    Grazas aos cambios sociais este tipo de familias van sufrindo cada vez menos discriminación. Sen embargo, fai uns cantos anos ser nai divorciada ou solteira, ou simplemente non poder ter fillos biolóxicos e decidir adoptalos, orixinaba máis dun conflito familiar. Nese aspecto a nosa sociedade parece que evolucionou, hoxe en día todo se atopa máis “normalizado”, posto que case todo o mundo vive en carne propia ou de cerca unha circunstancia das nomeadas anteriormente.
    Por outra parte as rupturas matrimoniais son cada vez máis frecuentes. As parellas non aguantan tanto como o facían antes, seguramente porque en épocas pasadas separarse ou divorciarse era considerado como un pecado, a muller dependía case sempre economicamente do seu marido e tiña que vivir por e para el, ademais de ter que encargarse do coidado dos seus fillos. Pero como todo, o papel da muller na sociedade evolucionou, entrando no mercado laboral e conseguiron unha independencia que antes non coñecían. Dende o Foro Español da Familia, no que aparecen noticias sobre estes aspectos da sociedade ( http://www.forofamilia.org/) conclúese que a taxa de abandono escolar é dun 25% en nenos divorciados (sendo só un 10% os fillos de pais non divorciados). O 60% requerirá tratamento psicolóxico e o 50% terá problemas co alcohol e as drogas antes dos 15 anos (unha cifra demasiado alarmante). E por último, o 65% soe ter unha relación conflitiva co seu pai. Co paso do tempo os nenos aceptan o divorcio, sendo aceptado máis rápido polas nenas que polos nenos. Cada vez son máis as mulleres que non atopan ao home axeitado para formar unha familia, e deciden ter fillos pola súa conta. Criar a un fillo só significa unha responsabilidade maior e un gasto maior, por iso hai unha serie de axudas como vos ben diciades. Déixovos a páxina onde aparecen todas as prestacións que poden solicitar as nais solteiras no 2016: http://cursosinemweb.es/ayudas-para-madres-solteras/ .
    Estou moi de acordo coa vosa conclusión. Porque a familia tradicional non sei se está en crises, pero o que teño seguro é que convive con outras moitas realidades familiares igualmente válidas para dar amor e coidados aos nenos. Aínda que haxa persoas máis conservadoras que poidan plantexarse a pregunta de si os nenos nestas novas familias terán un desenvolvemento “normal”, paréceme evidente que o máis importante para o crecemento dos menores non é o sexo dos pais nin si é só unha persoa quen se encarga de crialo, senón, tal e como afirmades, é o cariño recibido o que realmente importa.

    Data de emisión do comentario: 04/4/2016- 14:23
    Data de revisión do GBO: 04/4/2016- 18:34
    Data de publicación do comentario: 04/4/2016- 19:25

    Gústame

  2. Natalia Yáñez Vila – S3C5

    O curioso de toda a diversidade de situacións que se atopan é que sempre tratamos de educar aos rapaces que as viven e facelos fortes psicoloxicamente. É dicir, se un rapaz é froito dunha unión homosexual, non o temos que preparar a el para que non sufra acoso na escola, temos que educar a tódolos rapaces para que non realicen estes actos. Comezar por abrir as mentes de moitos que non cren na diversidade, porque estén de acordo ou non, non é a súa decisión persoal, senón a de outra familia. http://www.abc.es/familia-padres-hijos/20131118/abci-homosexualidad-hijos-padres-201311141703.html
    Temos que explicar o que é a homosexualidade porque ensinamos aos nenos que os que se besan, se queren ou casan son dúas persoas de distinto sexo. Se cambiamos esa forma de pensar, e explicamos que calquera é libre de escoller veríano como algo natural e non precisarían preguntalo. Os modelos cambian cos tempos, e sen dúbida para mellor, non hai limitacións no amor. Se unha familia está unida non precisa ser tradicional. Hai que facer que os nenos se sintan queridos.

    Con respecto ao impacto que sofren os nenos cando os seus pais se separan penso que non hai nada que engadir, está moi ben explicado e respostadas tódalas preguntas. Penso que actualmente non importa que un pai ou unha nai críe só a un fillo, hai suficientes axudas e sen dúbida agora non hai temor a preguntar. Cando alguén non sabe se o está facendo en ten moitas vías as que recorrer para ser asesorado. É un tema que está bastante normalizado xa que un alto porcentaxe de persoas da nosa xeración, por exemplo, atravesaron esta situación, e dun modo ou outro todos tivemos a alguén cercano que a atravesou. Esta profesora no seu blog fala do divorcio e os medios de comunicación, deixóvolo por se o queredes revisar: https://portafolioprofesorado2014.files.wordpress.com/2014/05/carbone.pdf

    Data de emisión do comentario: 06/04/2016- 08:23
    Data de revisión do GBO: 06/04/2016- 10:11
    Data de publicación do comentario: 06/04/2016- 11:21

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s