Morta ou asasinada?

Figueroa Torres, Iria (S2A1)

efe_20151107_122516775
J.J. Guillén. EFE.

 

“Morre unha muller enferma terminal ao caer ao baleiro e o seu home intenta suicidarse en Bilbao”. “Morre unha muller en Bilbao tras caer da xanela dun piso, onde localizan a súa parella ferida cun coitelo”. “Morre unha muller por Bilbao ao caer pola xanela e achan ao seu home apuñalado”. “Morre unha muller en Bilbao ao caer desde unha vivenda na que había un home ferido”.  Con estes titulares ou outros semellantes amecían varios xornais do estado español o pasado 24 de xaneiro. O caso que trataban: o asasinato dunha vítima de violencia machista.

 

O tratamento da violencia machista segue a ser unha das grandes eivas dos medios de comunicación: a miúdo, as mulleres asasinadas “aparecen mortas” (ou, coma neste caso, “caen pola xanela”) e os asasinos “aparecen feridos”. Incluso, no caso no que nos centramos, se fai referencia nalgún titular á condición de enferma terminal da vítima. Por que? Que relevancia real ten a enfermidade da asasinada? Esa información cumpre algunha outra función que non sexa a de agochar a gravidade do crime?

Moitas veces esquecemos que os medios de comunicación teñen, alén dun papel informativo e interpretativo, un educativo e formativo, e que esta función é tan relevante como a primeira. Ao amosaren o que acontece cada día no mundo, os medios deciden cales son as cousas nas que debemos de fixarnos e cales son aquelas que non merecen de tanta atención pola nosa parte. Este é, en si mesmo, xa un gran debate sobre todos os acontecementos relevantes que deixamos de coñecer pola escasa ou nula cobertura que reciben dos medios de comunicación, e moitas veces interpretamos que a liña editorial, a propiedade do medio en cuestión ou o feito de que hai certas realidades que se nos queren ocultar deliberadamente ás sociedades occidentais en xeral son a causa de tales ocultacións. Porén, en cal destes supostos se encadra a violencia machista?

Os medios poderían exercer un papel máis que salientábel na formación e na expansión da concienciación en torno á violencia machista, un problema real e tremendamente grave que en moitas ocasións pode non parecelo tanto debido ao tratamento que recibe nos medios. A estas alturas, deberíamos de estar esixindo que os medios puxeran en maior medida o foco sobre os micromachismos ou violencias machistas invisibilizadas, que ao fin e ao cabo son a orixe do problema (aqueles comportamentos que asumimos inconscientemente como “normais” e que son sempre o antecedente dunha malleira, a cal nunca vén por si soa sen unha actitude de dominación previa) e calquera problema debe solucionarse atacando á raíz. Pola contra, no canto disto seguimos estancadas en esixir que ante un asasinato machista, os medios non se limiten a dicir que a muller “morreu” ou que foi un caso “de violencia doméstica”.

Probabelmente o que falte sexa unha maior formación en temas de igualdade para que poidamos camiñar cara a un mellor tratamento informativo das violencias machistas.

___________________________________________________

Referencias:

 

Advertisements

12 comentarios en “Morta ou asasinada?

  1. Costa Iglesias, Nerea- S1B2
    A linguaxe dos medios de comunicación está moi lonxe de ser a ideal en temas de xénero. As mulleres non morren, nin caen polas ventanas, nin aparecen golpeadas. Mudar eses termos, aínda que non vaia a cambiar nada sustancialmente, é unha maneria símbolica de tomar conciencia sobre a violencia de xénero.
    Tras ese tipo de titulares e de noticias atópase moitas veces a culpabilización que se exerce sobre mulleres as que se lles considera responsable da violencia que sofren. Por iso máis que nunca debemos protestar e gritar ante esta conducta machista, derivada dunha sociedade patriarcal onde o xénero feminino é tildado como a fonte de todos os males. Un bo exemplo disto é carta que se fixo viral “Ayer me mataron” https://m.facebook.com/story.php?story_fbid=10207451024425690&id=1590306139 na que se critica a actutide dos medios de comunicación ante o asesinato de dúas mozas que viaxaban “soas”. A culpa era delas que non ían acompañadas dun home nun sitio perigoso, a culpa era delas por ser independentes, a culpa era delas por levar un vestido demasiado curto ou unha camiseta demasaido escotada. Os medios de comunicación xogan un papel fundamental na difusión destas ideas estereotipadas de como debe ser e vestir unha muller “respetable”.
    Respecto do outro tema estou de acordo co argumento que expuxo a compañeira sobre a necesidade e eliminar os micromachismo que son a base da violencia de xénero máis visible, a física. Polo tanto é importante que os medio falen e divulguen información sobre a outra violencia de xénero que é máis difćil de ver. Moitas veces esta falta de conciencación sobre os micromachismos é debida a que nos costa ver a actitude machista cando está preto de ti. Todos condenamos ao agresor que pega a súa muller pero poucas veces recoñecemos que cando teu pai lle regala un balón a teu irmán porque vai ser un campión e a ti que es muller, un vestido rosa de princesa, tamén é machismo.
    Revisión da editora: 12:30h
    Revsisión do GBO: 12:45h

    Gústame

    1. Figueroa Torres, Iria – S2A1

      Moitas grazas polo teu comentario, Nerea.
      Coincido con que este tipo de tratamento por parte da prensa non só invisibiliza a violencia machista ou a agocha como problema menor, que era o que trataba de expoñer eu no artigo, senón que tamén contribúe a alimentar a sociedade machista ao culpabilizar a muller, en moitos casos, dunha violación, dunha labazada ou dun asasinato.
      É común atoparnos co que comentas, non só na prensa, senón na sociedade en xeral: a concesión de relevancia á vestimenta da muller nese determinado intre, ao seu estado de embriaguez, á súa actitude en xeral, etc. Como se iso explicara ou xustificara minimamente unha acción que ten un único culpábel e é o agresor ou violador.
      O emprego deste tipo de linguaxe tamén é un micromachismo, e é certo que moitas veces non logramos ver máis alá de que sexan simples “comentarios desafortunados” cando erradicarmos o machismo da nosa sociedade pasa por erradicarmos ese tipo de actitudes que están na súa base.

      Gústame

  2. Iciar Rubio Rodriguez S3D4
    Desgraciadamente España non pode alardear dos seus medios de comunicación xa que atópanse máis cerca dunha España dictatorial que democrática. A violencia de xénero é un dos temas que máis está mermando os xornais nos últimos anos, pero non sempre de maneira correcta.
    Como ben indicas no texto a maior parte das veces a prensa dalle máis importancia o feito da morte que a violencia e o maltrato que existe nela. Un bo exemplo é a noticia que escolleches para reflictir o tema, no que os medios “protexen´´ a violencia de xénero que hai nela. Outro exemplo é este artigo de Europa Press, http://www.europapress.es/aragon/noticia-fallece-mujer-44-anos-presuntamente-apunalada-pareja-zaragoza-20151216083836.html, o seu titular é “Muere una mujer apuñalada en Zaragoza´´, é dicir, evitan mencionar a culpabilidade do home que despois podemos descubrir o longo do artigo. Dende o meu punto de vista deberían enfatizar máis a importancia de que esta muller falecera a mans do seu marido que o propio suceso da morte. Simplemente polo mero feito de concienciar a poboación dos danos que están a sufrir moitas mulleres no noso país, desgraciadamente cada día máis.
    O ano pasado o xornal A Marea decidiu mostrar unha serie de propostas para mellorar o tratamento informativo da violencia de xénero con ideas como a renuncia a publicidade sexista e machista nos medios, a publicación reiterativa das leis contra a violencia de xénero para os coñecemento de todos e todas, a educación dos máis pequenos, inculcarlles dende a súa infancia uns valores de igualdad e respeto, crear e concienciar coa linguaxe utilizada, que por desgraza deixa moito que desear, información de calidade con fontes expertas para mostrar unha información veraz e contrastada, cursos de igualdade e contra a violencia de xénero e a elaboración de códigos autorregulatorios, entre outras propostas. http://www.lamarea.com/2015/11/24/diagnostico-y-propuestas-sobre-el-tratamiento-informativo-de-la-violencia-de-genero/
    De todas as propostas expostas polo xornal a principal sempre será a educación dos nenos, inculcar uns valores de respeto cara as mulleres é fundamental para que no resto da súa vida crean na igualdade entre homes e mulleres e non se produzan esta serie de atrocidades.

    Data de emisión do comentario: 07/04/2016- 17:03
    Data de revisión do GBO: 07/04/2016- 18:54
    Data de publicación do comentario: 07/04/2016- 19:21

    Gústame

    1. Figueroa Torres, Iria (S2A1)

      Moitas grazas polo teu comentario, Itziar, especialmente pola achega que fas do Diario La Marea porque resultan especialmente interesantes as propostas que realiza para mellorarmos o tratamento de xénero nos medios de comunicación.
      Coincido plenamente en que a educación en igualdade das vindeiras xeracións é un paso fundamental para camiñar cara a unha sociedade, no día de mañá, moito máis igualitaria cá a actual. Porén, por desgraza, a educación das crianzas non só depende das súas nais e pais, senón que tamén ten unha importante base na escola, nas súas amizades e en toda a xente coa que se relacionen e na televisión ou noutros medios que empreguen para o seu entretemento.
      Isto déixanos co problema de que a educación das nosas fillas e fillos non é só unha iniciativa individual, senón que dela toman parte moitos outros factores alleos e cuxa ideoloxía a transmitir (e que será directamente interiorizada e dixerida polas crianzas) depende directamente de cal sexa a imperante na sociedade do momento.
      Polo tanto, o individualismo neste caso é unha iniciativa honorábel e tamén necesaria, mais totalmente insuficiente (como en todos os aspectos de cambio social) se queremos unha mudanza cara a un modelo plenamente antipatriarcal. Ese camiño debemos realizalo coa loita diaria, en todos os ámbitos ao noso acceso, por acadar a concienciación da sociedade e deste xeito lograr que chegue a ser un asunto de interese xeral e de interese político.
      De todas formas, coincido plenamente coa necesidade de avanzarmos cara a unha educación máis igualitaria, simplemente quería puntualizar o feito de que resulta insuficiente se non a complementamos coa loita social.

      Liked by 1 person

      1. Rubio Rodríguez, Iciar S3D4
        Totalmente dacordo contigo Iria. Dende o meu punto de vista as escolas deberían centrar parte dos seus horarios non só a culturizar o alumno senon tamén a axudalo a medrar como persoa, Moitos nenos pasan máis horas no instituto que na súa propia casa e quizais os valores inculcados sobre eles sexan máis importantes que saber de lingua ou matématicas. De feito moitos expertos cren na introducción dunha materia contra a violencia machista, xa que cada vez a idade das víctimas de violencia de xénero é maior e cada vez son mulleres máis xóvenes as que perden a súa vida a mans dun maltratador. Deixoche un artigo sobre a petición da asignatura contra a violencia machista que pareceume interesante, un saúdo, http://www.diarioinformacion.com/alicante/2015/11/19/expertos-piden-cree-escuela-asignatura/1698234.html

        Gústame

  3. Cortizo Salgueiro, Noelia [S2D1]

    Nun tema tan delicado coma este os medios de comunicación xogan un papel moi importante. Neste caso, como ben dixeches, a prensa non ten un un mero papel informativo, senón que debería ter un papel máis educativo e formativo que pode ser crucial para poder radicar a violencia machista, ou polo menos menos, reducila. Cada vez as cifras son maiores como podemos ver nesta noticia, na que se ven as cifras do ano pasado que morreron 57 mulleres por violencia machista.
    http://www.elmundo.es/sociedad/2015/12/31/56852bc6268e3ebf238b456d.html

    O punto está en como se debe contar unha noticia deste tipo posto que é algo delicado. Debería ser desde o respecto e cun transfondo de concienciar a cidadanía de que algo estamos facendo mal para que as cifras sexan tan elevadas, e para que eses homes cheguen a facer tales atrocidades. Os medios deberían xogar un papel informativo, e non xulgar nin contalo como algo xa case normal, porque é iso, cada vez que encendemos o telexornal e vemos ou escoitamos “unha muller morre por violencia de xénero” moitos comentarios son “outra máis”, e non debería ser tan normal. Deberíamos alarmarnos e dicir, “que pare xa, nin unha máis”. E aí poden facer moito os medios de comunicación, sobre todo para ensinarlle aos homes, desde nenos, que iso é algo que non se debe facer, e as consecuencias que hai, que en moitas ocasións son acabar coa súa propia vida por non poder co peso de conciencia, quizais.

    Revisión da coordinadora: 08/04/2016 ás 15:35
    Revisión do editor: 11/04/2016 ás 12:41

    Gústame

    1. Figueroa Torres, Iria (S2A1):

      Moitas grazas polo teu comentario, Noelia.
      Coincido plenamente en que unha actitude de denuncia, como a empregada por exemplo nos casos de asasinatos por terrorismo. Lígoche aquí un dos milleiros de casos de noticias respectivas á solidariedade xerada en torno aos atentados que tiveron lugar o pasado 22 de marzo en Bruxelas: http://www.elmundo.es/f5/2016/03/22/56f11ddfe2704e186a8b45a1.html. Coido que é evidente que a solidariedade que se xera ante o asasinato dunha muller vítima do terrorismo machista non recibe esta mesma cobertura por parte dos medios de comunicación, senón que as concentracións sempre convocadas polas organizacións feministas cando un se produce xa teñen para os medios a consideración de “concentracións rotinarias”, sen apenas cobertura mediática.
      Se xa o espazo nos medios para un feito e para outro é tan drasticamente diferente, nin falemos da mencionada linguaxe empregada en cada un dos casos.
      A linguaxe inflúe e moito na nosa concepción da realidade; non só importa o que dicimos, senón tamén como o dicimos, e tal e como estamos a explicar a violencia machista, non se está a comprender o alcance do problema.

      Gústame

  4. Badía Deltell, Carmen (S1D2)

    É un tema que segue a sorprendeme porque,poñendo a un lado ó machismo, parece que os redactores non saben escribir unha noticia o dereito. Non sei se pretenden buscar morbo cos titulares ou chamar a atención ou o que sexa, pero é deleznable. Nestes momentos todos deberíamos estar bastante concienciados co que é a violencia de xénero e a forma de tratala nos medios. Sorpréndeme tamén ver artigos coma este http://www.lavanguardia.com/vida/20150128/54425207319/regreso-juventud-machista.html , xa que suponse que a sociedade debería estar avanzando pero nas cousas importantes retrocedemos constantemente. Hai un tempo apareceu en youtube un vídeo no que unha muller cunha secuencia de fotogras feitas o longo dun ano mostraba o seu rostro e as marcas que tiña por culpa do seu marido. (https://www.youtube.com/watch?v=fsiUGqBnY4w) E como este, moitos máis vídeos que seguro que son moi tristes para todos. Deixémonos de hipocresía, este tema ten moito peso e nos medios debe dárselle o que se merece da forma que merece. Igualdade e veracidade xa.

    Revision GBO: 08/04/2016 20:43

    Gústame

    1. Figueroa Torres, Iria (S2A1)

      Moitas grazas polo teu comentario, Carmen, e por poñer enriba da mesa que, mentres por unha banda avanzamos en cuestións de igualdade, por outra estamos a retroceder a pasos axigantados. Este retroceso vese, especialmente, no suposto que se contempla na ligazón que achegas: a violencia de control na mocidade.
      As novas tecnoloxías achégannos moitas facilidades e vantaxes, mais con elas tamén veñen múltiples problemas relacionados co constante control que os homes poden exercer sobre as súas parellas a través deles (a quen lle dás “gústame”, a quen segues ou deixas de seguir, a quen lle comentas, con quen falas, se liches a mensaxe que che enviou ou non, etc.). Todas estas posibilidades non estaban accesíbeis nas relacións de parella de hai anos, pero son un feito nas actuais, e un feito normalizado, ademais. Adxúntoche unha nova do Sermos Galiza na que se indica que un terzo das persoas mozas (entre quince e ¡vintenove! anos) considera “normal” a violencia machista de control: http://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/33-da-mocidade-considera-aceptabel-violencia-control-nas-relacions-parella/20150128144745034403.html.
      Nalgúns aspectos imos cara a atrás, e é fundamental erguernos e loitar por mudar esta realidade adversa para a muller.

      Gústame

  5. Villar Manso, Susana( S3A3)
    Tódolos días podemos ver en televisións e xornais casos de mulleres que foron asasinadas polos seus homes, e sin embargo, a pesares de ser conscientes do problema que isto supón, non se fai nada para evitalo. De feito, adóitase pensar que a situación non é tan grave e que simplemente está sendo aproveitada polas mulleres feministas para chamar a atención. Un exemplo disto o atopamos nesta noticia recollida o pasado nove de abril polo diario “estrella digital” http://www.estrelladigital.es/articulo/espanha/carteles-machistas-juzgado-violencia-genero-madrid/20160408163220279841.html Nela fálase dos carteles machistas que se colocaron no propio xulgado de violencia de xénero en Madrid, onde se podía ler cousas como “xulgadofeminazi”.
    Na miña opinión o problema radica aquí, no feito de non ser capaces de diferenciar entre o feminismo, que pode ser compartido ou non por unha persoa e relación co seu pensamento, e a violencia de xénero, que é un problema que nos afecta a todos e que non debería existir nunha sociedade que se considera “civilizada”. O papel que deben tomar os medios de comunicación é o de facer ver a todo o mundo a necesidade que hai de acanar coa violencia de xénero que non é máis ca unha forma de machismo.

    Gústame

    1. Figueroa Torres, Iria (S2A1)

      Moitas grazas polo teu comentario, Susana e por achegares esta importante reflexión sobre a criminalización en torno ao feminismo. Efectivamente, está a xurdir a partir das redes sociais e da internet en xeral un colectivo neomachista que non comprende a loita feminista como unha corrente de liberación do xénero oprimido, senón que o despreza e o tilda de “feminazi”, tratando de se referir con este termo a unha suposta intención do feminismo de tratar de que a muller fique nunha consideración superior á do home, cando calquera repaso da representación orgánica e social do mesmo e das actuacións realizadas por tales estruturas demostra que isto non é máis que unha invención.
      Unha invención, por outra banda, de colectivos ou individuos machistas que procuran perpetuar o seu rol de dominación sobre as mulleres e non están dispostos a cederlles o espazo que lles corresponde como seres humanos nunha sociedade igualitaria. Un exemplo que se fixo bastante popular foi o das quedadas clandestinas convocadas por un blog ultramachista estadounidense o pasado mes de febreiro, en 160 cidades de 43 estados diferentes (entre os que se incluía o estado español, coas cidades de Barcelona e Granada). Son cifras aterradoras para tratárense de encontros autodenominados “antifeministas” e que pretendían garantir “a supremacía do home”: http://www.20minutos.es/noticia/2664544/0/grupo-ultramachista/convoca-reunion-clandestina/acoso-mujeres/.
      Ligo tamén o blog que facía este tipo de convocatorias, Return of Kings (http://www.returnofkings.com/), no que se poden ler múltiples artigos de corte machista, informacións sesgadas e manipuladas até o extremo e outro tipo de publicacións que realmente revolven o estómago.
      A eliminación destes deplorábeis contidos debe pasar, como xa se sinala no artigo e tamén nos comentarios doutras compañeiras, pola concienciación social no feminismo e a fin da súa criminalización, que ti ben sinalas.

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s