A estigmatización social pola aparencia dos mozos

Cabado Vázquez, Aarón- S1E2

joven

Fotografía recuperada de Ask.fm

O pasado 13 de xaneiro, a sesión constitutiva da Cámara do Congreso dos Diputados deixounos varias imaxes e anécdotas que foron obxecto de análise e de debate nos días posteriores. Unha delas foi a faciana de Mariano Rajoy ao ver a Alberto Rodríguez, deputado de Podemos, e ás súas características rastas, ademais dos comentarios realizados por Celia Villalobos a raíz de dito suceso.

Este acontecemento, a prior absolutamente anódino e insubstancial, amosa unha realidade palpábel: hai certos estilos estéticos que, a día de hoxe, continúan a ser obxecto de repudio para parte da poboación. Nas últimas décadas apareceron varios elementos que podemos engadir ao noso aspectos físico, ca fin de perfilar o que somos, o que pensamos e, dalgún modo, poder transmitilo coa nosa aparencia. Tatuaxes, piercings, dilatacións, rastas, extensións… todos eles xurdiron en ambientes propios da mocidade, como propostas vangardistas e innovadoras. A súa aparición supuxo unha especie de choque, un abrupto abismo conceptual entre os que procuraban unha estética diferente e os que o consideraban o cénit da extravagancia.

Este enfrontamento supuxo que, por parte destes últimos, se xerase a idea de que estes novos elementos estéticos estaban vinculados a conceptos como a delincuencia, a drogadicción ou o terrorismo, logrando que aqueles que os utilizasen quedasen socialmente sinalados coma persoas violentas e subversivas.

Loxicamente, pasaron varias décadas e a situación suavizouse, pero a opinión pública con respecto a este tema continúa a estar moi afastada do que consideraríamos ideal. Mais ben, actualmente evítanse este tipo de estigmatizacións porque son consideradas politicamente incorrectas, pero son pensamentos que seguen a estar moi interiorizados na sociedade. De tódolos xeitos, hai medios que aínda utilizan a aparencia física para transmitir unha imaxe despectiva de persoas ou colectivos, como neste exemplo de artigo de opinión que trata sobre a propia sesión constitutiva mencionada anteriormente, no cal se fala dun “espectáculo circense: un show con coleta, mochilas, rastas, camisetas…”.

A gran maioría das persoas que teñen tatuaxes, levan piercings ou se tinguen o pelo de cores non naturais son mozos, polo que estes son os principais afectados pola criminalización social que isto conleva. Como exemplificamos no enlace anterior, os novos partidos políticos son menosprezados pola forma de vestir dos seus integrantes ou polos seus complementos estéticos. Tras a xornada inaugural da Asamblea de Madrid, o pasado mes de xuño, un medio de comunicación titulaba unha crónica ao respecto así: “Rastas y piercings entre corbatas y urnas”, co obxectivo evidente de vender a imaxe dunha nova política antisistema e unha vella política seria e impecable.

Como comentamos anteriormente, en liñas xerais os medios de comunicación tratan de ser politicamente correctos, pero a sociedade aínda está a anos luz de ser absolutamente tolerantes con estas opcións estéticas asociadas á xuventude. Levar piercings ou estar tatuado segue a ser un motivo para non ser contratado nun determinado traballo ou para que analicen os teus movementos exhaustivamente cando entras nunha tenda. Os mozos estamos criminalizados polo simple feito de selo, pero se ademais temos unha aparencia que se afaste do convencional, esa criminalización acentúase.

Comparto un artigo no que se analiza en profundidade se a xente tatuada percibe a existencia desa criminalización cara eles por parte da sociedade. Nel constan varios casos de persoas que se sentiron, nalgunha situación determinada, estigmatizadas polo feito de levar tatuaxes.

Aínda que no apartado da aparencia estética a criminalización é moito máis ostensible a escala social que por parte dos medios de comunicación, con certa frecuencia hai varias noticias que seguen a tratar de forma despectiva ás persoas que presentan estas características. Sen embargo, sería axeitado analizar se a discriminación ven dada polo uso de estas opcións estéticas ou se, en realidade, isto non é máis que un pretexto para realizar unha criminalización cara os mozos. En moitas ocasións, utilizar tatuaxes, piercings ou pendentes tamén é unha reivindicación da propia xuventude, unha forma de amosar o orgullo de formar parte de dita ‘colectividade’, algo que pode ser utilizado na súa contra coa intención de estigmatizalos e asocialos a características ou actitudes negativas. Pero, como explica Carina Kaplan, transgredir non é sinónimo de delinquir. A sociedade necesita que as posturas enfrontadas aprendan a convivir coa outra idade, tolerar as diferenzas dos demais e tratar de fomentar a mutua comprensión. Ás veces semella que a xente esquece que un día foi un mozo ou unha moza, e que, ao igual que o foron eles, a xuventude sempre ten vontade de cambiar as cousas, de reivindicar o novo, a ambición de ser revolucionario.

É necesario comprender isto para evitar caer en estigmatizacións absurdas. Pero o que está claro é que discriminar a alguén polo feito de levar tatuaxes, piercings ou o pelo de cor verde non é tanto unha discriminación por ese aspecto senón polo feito de destacarse como parte da mocidade. E como ben comenta Robert Muchembled en Una historia de la violencia, dende sempre Occidente asocia perigosidade e mocidade, e desenvolve diversos instrumentos de contención desas forzas xuvenís, pois a considera turbulenta e insumisa.

Referencias:

-Robert Muchembled. (2010). Una historia de la violencia. Madrid: Paidós.

-Carina Kaplan. (2011). Jóvenes en turbulencia. Miradas contra la criminalización de los estudiantes(95-103). Buenos Aires.

-Sánchez, D.. (2012). Los tatuajes, ¿aceptados con normalidad o un estigma a la hora de trabajar?. abril 05, 2016, de 20 minutos Sitio web: http://www.20minutos.es/noticia/1469010/0/tatuajes/estigma/trabajo/

-Delgado, A., Reyero, I.. (2015). Rastas y piercings entre corbatas y urnas. abril 04, 2016, de ABC Sitio web: http://www.abc.es/madrid/20150610/abci-asamblea-rastas-corbatas-urnas-201506092120.html

-Castro López, J.. (2016). El circo de Podemos. abril 06, 2016, de El Correo Gallego Sitio web: http://www.elcorreogallego.es/opinion/firmas/ecg/circo-podemos/idEdicion-2016-01-18/idNoticia-974885/

-Palacios, M.. (2009). Juventud enfrenta la discriminación y criminalización en Chamalecón. abril 05, 2016, de Defensores en línea Sitio web: http://www.defensoresenlinea.com/cms/index.php?Itemid=176&id=166%3Ajuventud-enfrenta-la-discriminacion-y-criminalizacion-en-chamelecon&option=com_content&view=article

-Payá Porres, V.. (2006). Tatuaje y criminalización social. En Vida y muerte en la cárcel(302). México: Plazas y Valdes.

Hora de revisión e publicación:

-Revisión do editor: 07/04/2016-14:00

-Revisión do GBO: 07/04/2016-14:15

– Publicación: 07/04/2016-14:45

 

Advertisements

10 comentarios en “A estigmatización social pola aparencia dos mozos

  1. Taboada González, Ángela. S3C3

    Parece mentira que en pleno século XXI teñamos que pensárnolo tantas veces antes de poñer no noso corpo algo que nos diferencie dos demais. Xa non falo dunha tatuaxe, un piercing ou unhas rastas, senón que tamén temos que elixir coidadosamente como nos vestimos, de que cor levamos o pelo, se o levamos moi curto, moi longo, con trenzas… Está claro que, tal e como non podemos saír á rúa espidos, existen traballos nos que hai unha serie de códigos de vestiario e débense respectar. Un obreiro non vai ir a construír edificios en traxe, como unha azafata non pode operar nun voo en chándal. Con todo, a nosa personalidade ou o noso estilo fóra das portas do traballo non deberían resultar un impedimento á hora de acceder a calquera posto. Unha home coa cabeza tatuada pode ser un profesor de matemáticas excelente, así como unha moza con rastas pode ser unha marabillosa correspondente dun informativo.

    Como di a miña compañeira, os medios de comunicación non sempre colaboran a normalizar a imaxe dunha persoa cun estilo distinto ao tradicional, pero tampouco o fixeron todo mal. Segundo moitos tatuadores, son os medios de comunicación, xunto con internet, os que nos últimos anos puxeron de moda a tinta. Programas sobre tatuaxes, presentadores cubertos deles, famosos que locen orgullosos as súas marcas persoais… convenceron a moitos mozos de facerse un. Con todo, un tatuador moi experimentado dixo: ?O Miami Ink, Los Ángeles Ink, Madrid Ink? Prefiro non velo, vin os primeiros e atopeino bochornoso [?] Hoxe en día hai tanta mala información porque se pensas que a xente pensa que todo o que sae é verdade, entón están moi mal informados?. Así pois, desde o meu punto de vista, o papel dos medios de comunicación é bastante confuso e varía dunhas cadeas a outras. Por exemplo, en MTV é moi común ver xente tatuada, en cambio en Antena3 é bastante máis complicado, aínda tendo bastantes programas de entretemento.

    Con respecto aos problemas laborais de discriminación da xente cun aspecto diferente, debo recoñecer, polo que estiven lendo, que existe unha falta total de denuncia destes casos. Nin no sindicato de funcionarios CSI-F nin nos sindicatos CCOO e UXT teñen constancia de casos específicos de queixas presentadas por ou contra funcionarios ou traballadores que lucían tatuaxes, rastas, piercings, etc.

    Por último, quero resaltar que non só existen prexuízos no ámbito laboral ou dos medios de comunicación, senón que a nosa sociedade está cargada deles. Asústanos o diferente e por iso rexeitámolo. Raperos, góticos, rastafaris, hipsters… moitas veces tópanse coas caras de desprezo dos seus iguais pola rúa, no supermercado ou no autobús. Por esta razón, aínda que algúns medios de comunicación empéñense en criminalizalo, creo que a diversidade que naceu no Congreso será moi positiva no futuro no proceso de aceptación social do diferente.

    http://www.unav.es/fcom/communication-society/es/articulo.php?art_id=559
    http://www.20minutos.es/noticia/1469010/0/tatuajes/estigma/trabajo/

    Data de emisión do comentario: 07/04/2016- 14:23
    Data de revisión do GBO: 07/04/2016- 15:30
    Data de publicación do comentario: 07/04/2016- 18:16

    Gústame

    1. Grazas pola túa contribución, Ángela. Como ti ben dis, hai medios de comunicación e canles televisivas que fomentan a aceptación destas opcións estéticas das que falamos no artigo, de feito as actitudes criminalizadoras cara eles son escasas se as comparamos coas que reciben outros colectivos, pero aínda así vemos de cando en vez algún titular ou algunha noticia que trata de xeito despectivo a alguén cun estilo que se sae do que poderíamos denominar “convencional”. Por sorte, como digo, non son abundantes. Si chama a atención o tratamento que se lle da en contidos de ficción (series ou películas), nas cales os mozos e mozas tatuados, con piercings, etc. acostuman a ser os que se meten en problemas de drogadicción, delincuencia…

      E isto ten o problema de que xera unha opinión pública chea de estereotipos e prexuízos, propiciando actitudes de criminalización tamén por parte da sociedade, como ben comentas no último parágrafo.

      Gústame

  2. Tojeiro Ces, Rita (S3E4)

    No artigo 10 da Constitución Española de 1978 exprésase o dereito ao libre desenvolvemento da personalidade, tal e como podedes comprobar: http://www.congreso.es/consti/constitucion/indice/titulos/articulos.jsp?ini=10&fin=55&tipo=2

    Ademais, botándolle unha ollada ao enlace que vos deixo a continuación, podedes ver como tamén a Declaración Universal dos Dereitos Humanos concede no seu artigo 22 este mesmo dereito, e se cita como finalidade última para outros artigos como o 29 ou o 26. http://www.un.org/es/documents/udhr/index_print.shtml

    Logo, se estamos de acordo con que estes adornos corporais son unha mera forma de mostrar cales son as túas ideas, a pertenza a un colectivo que non é o estándar, ou simplemente algo estético; tamén coincidiremos en que o feito de limitar as posibilidades dunhas persoas só por ser portadoras destes ornamentos é violar dereitos fundamentais.

    Un 85% dos enquisados polo sitio web sobre empregos Vault.com pensa que ter tatuaxes ou perforacións reduce as posibilidades de obter un traballo. Un 42% recoñeceu ter un ou máis tatuaxes ou perforacións, dos que máis da metade admitiu que prefería ocultalos durante a súa xornada laboral. Hai que destacar que soamente un 16% dos oferentes de emprego posúe unha política oficial sobre tatuaxes ou perforacións. Esta última cifra semella demasiado pequena para a preocupación que existe sobre o tema, polo que deduzo que este hándicap para conseguir emprego está estendido como un simple prexuízo ao que nos temos que resignar.

    http://www.lavozdegalicia.es/noticia/yes/2016/01/23/borras-tatuaje/00031453309459967190200.htm
    O enlace anterior levaravos a un artigo de La Voz de Galicia no que se deixa caer a existencia na sociedade de estigmas sobre os tatuaxes, pero non é nada explícito. É un exemplo de cómo os medios de comunicación colaboran para perpetuar ideas sobre os mozos que se basean unicamente en aparencias. O texto está cheo de datos anecdóticos que de nada serven máis que para coñecer por qué algúns casos particulares se arrepentiron de tatuarse. Nada útil nin de interese real para a sociedade, cando poderían ter enfocado o artigo desde unha perspectiva máis crítica.

    http://www.elmundo.es/andalucia/2014/06/17/539f4fa1ca4741d0228b4571.html
    Déixovos tamén esta publicación de El Mundo na que se nos informa sobre as regras de estética para Policías Nacionais, algo que poño simplemente de exemplo, xa que noutros oficios a cargo do Estado ocorren cousas semellantes. A partir do texto que vos dou pódese deducir que esta normativa non atende a nada máis que a convencións sociais: as mulleres poden levar brincos na orella que non sobrepasen o lóbulo, pero os homes non poden levar ningún tipo de brinco; as melenas tamén están vetadas para os homes; prohibidos os tatuaxes visibles e os peiteados “estrambóticos”, etc.

    Para rematar, creo que vos podería servir de axuda para o voso traballo unha obra de Florencia Saintout que podedes ler en liña ou descargala no seguinte enlace:http://www.redalyc.org/articulo.oa?id=86011596011 Trátase dunha reflexión sobre a criminalización dos mozos na televisión e a responsabilidade que teñen os medios de comunicación sobre os estigmas máis populares dos mozos, tomados como categoría social cunha cultura propia, non como dimensión material biolóxica.

    – Revisión do editor: 07/04/2016 20:00
    – Revisión do coordinador: 07/04/2016 20:20
    – Publicación: 07/04/2016 20:35

    Gústame

    1. É interesante o que comentas sobre regras estéticas para certos oficios a cargo do Estado, porque o certo é que é complexo que a sociedade acepte estes adornos se incluso por parte do principal órgano do país se veta o seu uso. É difícil dirimir se este veto é causa ou consecuencia da estigmatización social que se fai destas persoas, pero está claro que en calquera de ambos casos contribúe a acentuar a perspectiva negativa que hai cara elas, porque é obvio dicilo, pero é evidente que estar tatuado ou levar un piercing non ten influencia algunha no bó ou mal desempeño dun determinado traballo. Sen embargo, habitualmente se di de estas persoas que dan “mala imaxe”. O que pasa é que a forma de esa imaxe deixe de ser considerada “mala” radica na tolerancia e en evitar vincular estas opcións estéticas á violencia ou á delincuencia. Graciñas pola contribución!

      Gústame

  3. Badía Deltell, Carmen (S1D2)

    Cada un é libre de desenvolverse como queira tanto física como mentalmente. Os estereotipos están a desaparecer cada vez máis e no paran de crearse novos estilos e formas nas que unha persoa se amosa ao mundo. A pesar disto unha persoa que consegue un traballo, ten que adaptarse a él o máximo que poida en referencia a vestimenta. Pero isto é como todo, se a mín gústame levar mini faldas non é de boa educación que entre con unha posta na Igrexa. Tampouco moléstame que un político teña una apariencia pouco común, pero se é que existe un protocolo creo que estas persoas deben adaptarse ó seu entorno. Non querer decir que sexas mellor político por vestirse máis coma un “político”, ni peor se non o fas. Un cociñeiro ten que poñerse o seu mandil e recollerse o pelo, os policías levan a súa vestimenta, pois un político que asiste a un evento no Congreso ten que ir adecuado. Tampouco estou dacordo con que os curricumuls pidan unha foto, xa que iso non mide a profesionalidad ou as aptitudes de ninguén.

    Por outra banda, estase a normalizar moitísimo o uso de piercings ou o feito de ter tatuaxes. En revistas como vice.com/es/ hai moitos artigos nos que pode apreciarse este cambio na sociedade. Falan sen tabúes da nova xuventude que se expoñen a sociedade dunha forma diferente e tratan en xeral as noticias con outro enfoque. O que hai que ter claro é que as persoas se miden polo que valen e non polo que aparentan, sin olvidar o ter que axustarse a unhas convencións según o ámbito no que se movan.

    Cando estiven en Madrid en xaneiro estiven na tenda de zapatillas chamada Footlocker, e alegroume ver como a maioría dos dependentes eran xente xove, con tatuaxes e máis cousas. Non quere decir que agora haxa que contratar a todo o mundo que os teña, pero sí non facer diferencias, simplemente contratar a “persoas reales”.

    Revisión GBO: 08/04/2016 20:37

    Gústame

    1. Grazas pola achega, Carmen. Concordo co que dis con respecto aos protocolos e a que cada situación e cada entorno xeran un contexto determinado ao que hai que adecuarse na medida do posible, pero tamén creo que ante todo debería prevalecer a funcionalidade. Os policías levan o uniforme a modo de elemento identificativo, os cociñeiros van con mandil básicamente para non mancharse, os médicos utilizan a bata por cuestión de hixiene… todo ten un porqué. Nalgúns casos se perde funcionalidade en detrimento de garantir unha imaxe concreta dunha empresa, como pode suceder nalgunhas tendas, pero no caso do Congreso opino que o feito de ir en traxe e corbata de pouco sirve, especialmente porque nos últimos anos estamos vendo que esas persoas supostamente íntegras e impolutas non o son tanto… entón, creo que hai certos convencionalismos que, aínda que xa estén integrados na sociedade, non está mal cambiar.

      Gústame

  4. Estévez Avelar, Alejandro. S1D5

    Resulta curioso ver cómo os medios de comunicación non fan más que acentuar os prexuízos sociais na opinión pública en vez de tratar de eliminalos. Ademáis de non poñer fin a este tipo de prexuízos, aínda por riba os acrecentan entre a sociedade, alimentando todavía máis este tipo de discrimación entre unha población que, aínda que parece que vai evolucionando a medida de que pasan os anos, segue estando chea de prexuízos. Os medios, no tocante de axudar a que a evolución da sociedade torne cada vez máis nun maior respeto entre os seus cidadáns e nunha maior tolerancia entre os mesmos, utilizan este tipo de prexuízos para utilizalos segundo os seus intereses. Tal e como vemos no artigo, medios cunha liña editorial claramente orientada cara a dereita, como o ABc ou El Correo Gallega, utilizou ás vestimentas dalgúns dos novos deputados de Podemos para tachalos de “circenses”, “sucios” ou inclusive “maleducados” ou “irrespetuosos co congreso”.
    Resulta tamén curioso, e ao mesmo tempo desolador, a facilidade que teñen os medios para xerar debate na opinión pública e que a sociedade fale do que a eles lle interese. Convertiuse en debate se era lóxico ou non que un deputado levase rastras mentres o partido con maior representación na cámara do congreso convertiase no primeiro partido político imputado na democracia http://www.publico.es/politica/pp-primer-partido-imputado-democracia.html
    A sociedade segue mirando desconfiado a un mozo pola súa forma de vestir ou polo seu peiteado, mentres tanto unha gran parte de ladróns van en traxe e corbata.

    Revisión GBO: 08/04/2016 23:15

    Gústame

    1. Graciñas pola contribución, Alejandro. Si, é certo que no caso no congreso os xornais que utilizan esos termos despectivos son aqueles que tenden a unha liña ideolóxica de dereitas. Sen embargo, percateime de que eses mesmos diarios non acostuman a realizar un tratamento informativo tan nocivo en noticias similares pero que non sexa relativas á cuestión política, o que deriva na reflexión que deixo no último parágrafo de artigo: utilizan a súa aparencia como simple subterfuxio para criticar aos partidos políticos cos cales non concordan? Pode ser que esa opinión negativa sobre as rastas ou as camisetas vaia máis orientada a criticar ao partido político que a criminalizar o feito de levar rastas en si.

      Gústame

  5. Castaño Gosende, Noelia-S1B1

    Estou totalmente de acordo contigo en case todo o artigo, pero chamoume moito a atención un apartado no que dis que empregar tatuaxes, piercings ou pendentes é unha reinvidicación da propia xuventude ou unha maneira de amosar o orgullo de formar parte da colectividade. Non considero que sexa por iso. Os estereotipos están moi moi definidos, e sempre que saia algún novo ou se saian dos xa establecidos á xente vai chamarlle a atención. No que non podo estar máis de acordo é en que isto non pode afectar á hora de conseguir un posto de traballo. Comprendo que para algúns postos de traballo, como están directamente tratando a hixiene, é preciso manter e seguir uns requisitos, pero non vexo en que inflúe que unha informática ou un profesar non poidan ter á vista unha tatuaxe. Temos que tomar exemplo de países como Arxentina ou México, que teñen unha lei contra a discriminación por levar tatuaxes. Achégoche máis información sobre isto nesta páxina, espero que che sexa de axuda. http://www.conapred.org.mx/index.php?contenido=boletin&id=759&id_opcion=103&op=213

    Revisión do editor: 20:00
    Revisión do coordinador: 20:30
    Hora de publicación: 23:00

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s