Buscando o factor de noticiabilidade

 

Imaxe do diario El País

Gutiérrez Caneda, Beatriz -S2D4

Analizando as diferentes noticias que saen nos medios de comunicación en relación cos afectados pola pobreza e a precariedade observamos que en moitas ocasións non se respecta ó dereito á comunicación destas persoas. Cando lemos un xornal debemos ser críticos e non só en canto ao tratamento da información en cada noticia senón xa preguntándonos en primeiro lugar porque se publicou esa noticia.

Para elixir un feito que logo se convertirá en noticia, os xornalistas deben guiarse por uns “valores noticia” entre os que atopamos a proximidade do feito ou o número de persoas afectadas e que son os que determinarán a noticiabilidade do acontecemento. Os valores noticia que se ensinan en todas as facultades de Xornalismo poden presentar pequenas diferencias se falamos do traballo dun ou doutro autor pero coinciden nas bases. O que está moi claro e non admite réplica posible é que publicar unha noticia favorable a unha empresa construtora en vez do feito de que expropiara a persoas con poucos recursos das  súas casas por medo ás represalias non entra dentro destes valores. Nesta lista non deberiamos atopar intereses económicos dos xornais como o medo a perda de anunciantes ou de subvencións por publicar certas informacións ou simplemente ese “amiguismo” do que se queixaba Miguel Ángel Hombre Eiras, coordinador e voluntario da Asociación San Vicente de Santiago de Compostela en colaboración co Banco de Alimentos, durante o noso primerio círculo de aprendizaxe. Cando isto ocorre, a información que están publicando os medios convírtese en información sesgada e censurada, previa ou posteriormente. En moitos casos esta censura é unha autocensura que comete o propio xornalista por medo ao que poden dicir os seus superiores. Para que isto non suceda, ter en conta os indicadores relativos ao dereito á comunicación á hora de tratar a información, é o primeiro paso a seguir.

Miguel expúñanos casos nos que a asociación á que pertence se mobilizara para tentar que algunha das actividades que realizaban como o reparto de xoguetes á nenos afectados saíse na prensa local sen ningún resultado mentras que outro tipo de actividades similares doutras asociacións saían constantemente. Manuela Caneda Cabrera, experta en prevención de riscos e precariedade laboral, coincidía con Miguel. A ela aconteceulle o caso de ver como se enviaban notas de prensa sobre reformas laborais e novos estudos de moito interese para todos os traballadores e non saían publicadas en ningún xornal. Se dous dos principais valores noticia que se estudan son o número de persoas afectadas e as consecuencias do feito, como pode ser posible que un suceso que afectaba a miles de persoas e que ía ter unhas consecuencias nas vidas de todos eles non fose publicado?

Un claro exemplo desto foi o tratamento que se deu nos medios á apertura da nova tenda de Primark no centro de Madrid como vemos, por exemplo, nesta noticia que saíu na portada do diario La Voz de Galicia: “Locura por la apertura de un Primark de cinco plantas en Madrid”. Noutras noticias como esta “El BID y La Caixa invertirán en proyectos de desarrollo en Colombia” vemos como o titular serve de publicidade para estes dous organismos mentras que non menciona a outras ongs e asociacións que aparecen no corpo da noticia. Neste caso non se trata quizais tanto da aparición da noticia senón do seu tratamento. Como vemos, nas grandes portadas nunca atopamos noticias relacionadas coa pobreza ou coa precariedade porque, simplemente, parece que hai cousas máis importantes. Ou unha grande empresa decide investir en axudas sociais ou a pobreza e a precariedade quedan relegadas ás últimas páxinas. En calquera caso, as persoas afectadas pola pobreza e a precariedade sofren as consecuencias desta falta de profesionalidade xornalística xa que ou ben non saen nos medios de comunicación ou ben o tratamento que realizan estes da información é incorrecto. Como consecuencia, afógase a voz dos afectados que nunca chegan a actuar como fontes nas noticias das que son protagonistas. Nestes casos  en concreto deberíase ter moi en conta tamén os indicadores relativos a visibilidade e  invisibilización do grupo afectado.

Froito deste tratamento da información por parte dos medios, en moitos casos, o dereito á comunicación dos afectados non se respecta. A dificultade dos mesmos para achegarse aos medios de comunicación e o feito de que se lle reste relevancia á información que lles afecta constitúen dous dos indicadores máis básicos que deben ter en conta os xornalistas á hora de seleccionar e producir noticias para o medio.

O problema do xornalismo de hoxe en día é que se converteu nunha empresa máis que só busca obter os maiores beneficios posibles. Isto fai que cada vez máis os medios caian no sensacionalismo, publiquen información sen contrastar, sesgada ou incluso censurada. E coma sempre, son os máis débiles os que pagan como ocorre cos afectados pola pobreza e pola precariedade que ven como son marxinados na vida real e nos medios, quedando apartados de calquera posibilidade de mellora e sen poder erguer a voz sequera para contar o que está a pasar, para contar a súa realidade. É o noso deber loitar por unha información imparcial e libre, que non dependa de intereses económicos, políticos ou persoais.

REFERENCIAS

EFE.”Locura por la apertura de un Primark de cinco plantas en Madrid”. La Voz de Galicia, 16 de octubre de 2015. <http://www.lavozdegalicia.es/noticia/economia/2015/10/15/locura-apertura-primark-cinco-plantas-madrid/00031444911327459995346.htm> [consulta 05/04/16]

El País. “El BID y La Caixa invertirán en proyectos de desarrollo en Colombia”. El País, 11 de decembro de 2015. <http://internacional.elpais.com/internacional/2015/12/11/colombia/1449861651_444265.html> [consulta 05/04/16]

Observatorio Cidadán de Comunicación. “[S2D] Debate 1: pobreza e precariedade”. Observatorio Cidadán de Comunicación, 2 de marzo de 2016. <https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2016/04/04/s2d-debate-1-pobreza-e-precariedade/> [consulta 05/04/16]

 Revisión do editor: 07/04/2016 ás 11:40

Revisión GBO: 07/04/2016 ás 11:42 e segunda revisión 08/04/2016 ás 15:37

Publicación: 08/04/2016 ás 08:30

Advertisements

13 comentarios en “Buscando o factor de noticiabilidade

  1. Temía esto. Se quiere falar de “valores noticia” os que ten nos indicadores escogidos polo seu grupo. Mude de novo. Ollo editores e coordinadores con esto de “valores noticia”. A ver que é o que pasa por ser valores.

    Gústame

  2. Os chamados “valores noticia”, tal como se entende no modelo de produción informativa dominante, non responden a criterios consolidados e consensuados nas carencias da información que teñen as comunidades e os cidadáns, senon nun determinado proceso e tratamento conectado aos poderes que precisan esa información para manter o seu statu quo. No caso dos indicadores utilizados polo proyecto CIDEC e neste OCC, lembrar que foron creados e revisados por máis de 20 organizacións civís e institucións como o Valedor do Pobo, non desde os intereses das empresa informativas e as institucións que exercen a biopolítica (é dicir, que tentan controlar a nosa existencia). Como práctica, a creación de círculos e a resolución de indicadores de interese (os seus) podrían deixar de lado as axendas empresariais, publicitarias e de poderes políticos que acostuman seguir os periodistas de periodismo estreito e sen credibilidade.

    Gústame

  3. Parada Vila, Laura – S3B

    Ola Beatriz. Como ti dis os medios de comunicación non teñen en conta a estas persoas con problemas de integración, forman parte da noticia pero nunca teñen voz para poder expresar o que realmente están a vivir. Ademais tampouco prestan atención ás causas polas que cada un deles ten que sobrevivir na rúa. Os medios de comunicación neste sentido utilizan ao colectivo da pobreza como un colectivo débil, e a través do cal soamente publican noticias negativas. Deixote unha noticia de La Voz de Galicia, sobre un estudo de Cáritas, sobre a herdanza dos nenos pobres.
    ( http://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2016/04/07/ocho-diez-ninos-pobres-seguiran-siendo-pobres-adultos/00031460031132526922805.htm ).

    Un saúdo.

    Gústame

    1. Gutiérrez Caneda, Beatriz – S2D4
      Ola Laura. A verdade é que a noticia que adxuntas sobre a imposibilidade de saír dunha situación de pobreza ou precariedade é moi interesante. Este feito non é tan coñecido como debería e tería que dar lugar a unha modificación e mellora das políticas sociais. Por desgraza, hai moitos nenos que non conseguirán saír desa situación. De feito, un dos afectados que participou no noso círculo de aprendizaxe sufriu xa na súa infancia unha situación de precariedade e, por desgraza, non puido escapar para sempre dela. Podes ver a nosa interpretación do círculo de aprendizaxe aquí O mal tratamento da información por parte dos medios de comunicación é un dos factores que leva á marxinación dos afectados, provocando que non se coñeza a súa realidade e que polo tanto non chegue a axuda que precisan.

      Revisión do editor: 18/04/2016 ás 11:26
      Revisión da coordinadora: 18/04/2016 ás 20:29

      Gústame

  4. Rivas Pérez, Ramón. S3B2

    Creo que, dada a temática do artigo, cómpre recordar un feito que pasou inadvertido no seu momento: http://internacional.elpais.com/internacional/2013/05/03/actualidad/1367566004_471909.html. A pesar do número de falecidos e a súa conexión con grandes empresas do sector textil como El Cortes Inglés podería dicirse que un acontecemento que pasou sen pena nin gloria polas nosas terras. Se ven non cumple co factor de proximidade xeográfica e cultural segue sendo un suceso importante debido á cantidade de mortos e á previamente sinalada conexión con empresas como El Corte Inglés ou Primark. Era unha oportunidade excelente para amosar ao mundo as pésimas condicións laborais nas que traballan moitas persoas, pero os medios decidiron mirar a outro lado para complacer os desexos duns poucos afortunados. Eu pregúntome: sucedería o mesmo se isto houbera sucedido no noso país, ou mesmo na nosa Comunidade Autónoma? Espero que non teñamos que chegar a ese punto para darnos conta da necesidade de cambio que precisan os nosos medios de comunicación.

    Gústame

    1. Gutiérrez Caneda, Beatriz – S2D4
      Estou de acordo contigo, Ramón. Se ben , coma ti dis, este feito nos queda un pouco lonxe (xeográficamente falando) si que ten moita importancia na nosa sociedade. Esas persoas que morreron son, en parte, responsabilidade desas dúas empresas que mencionas e que teñen tanto éxito no noso país. Non temos probas pero o feito de que unha información tan relevante non saia apenas nos medios de comunicacións debería facernos pensar e reflexionar, sobre todo cando unha delas especialmente se publicita en case todos os medios españois. Unha vez máis prima o poder económico sobre unha información de calidade. Se aínda encima estamos a falar de persoas que non viven no que nós consideramos “países cercanos” en canto a cultura ou ben xeográficamente, aos medios e por extensión á sociedade (se non se coñece o problema sequera, non se abre o debate) aínda “lles importa” menos. En relación ao “fast fashion” e ás duras condicións laborais de traballadores en fábricas textís deslocalizadas, fixo Jordi Évole un programa moi interesante, “Fashion Victims”(http://www.atresplayer.com/television/programas/salvados/temporada-11/capitulo-13-quin-cmo-dnde-fabrica-ropa-que-venden-grandes-marcas_2016021900402.html). É curioso como á pesar da trascendencia deste tema, apenas sae nos medios de comunicación.

      Revisión da coordinadora: 20/04/2016 ás 11:17

      Gústame

  5. Boas Bea, é certo ese apunte que fas de queos valores noticia que se predican nunha clase de xornalismo logo poden distar moito do que se realiza na práctica. Moitas veces debemos recordarnos a nós mesmos que o traballo que facemos vai moito máis alá dun apunte ou dunha clase teórica. Na realidade hai que atender a moitos outros factores que inflúen la publicación da nosa noticia. Neste caso a pobreza e o trato da mesma pode responder a unha casuística concreta na cal non deben ignorarse feitos que rodean e contextualizan a nova.
    Aínda que moitas veces a publicación dunha noticia pode responder perfectamente a unhos factores noticia de publicación existen outras moitas puntualizacións que ter en conta, Que esté xustificado facerse eco dun acontecemento non quere decir que non deba terse tino coa linguaxe coa que se cobre a noticia.
    Neste caso gustaríame acercarche un dos exemplos máis sonados. Nesta noticia de El Correo Gallego chaman “pés negros” a uns indixentes. Neste caso a utilización do término vincula unha connotación moi negativa. Hai que ter tino.
    http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/cumbre-de-seguridad-para-poner-coto-a-los-robos-y-a-pies-negros/idEdicion-2013-06-21/idNoticia-812979/

    Gústame

    1. Gutiérrez Caneda, Beatriz – S2D4
      Ola Marina. Grazas polo teu comentario. Estou de acordo contigo, a maneira de presentar á información é moi importante tamén. Cando falamos de noticias sobre precariedade e pobreza vemos que nos medios non se fai un bo tratamento da información relacionada con estes temas. Na maioría delas existe unha forte descontextualización do feito, como sucedeu na noticia que publicou o diario La Voz de Galicia sobre un incidente cunha muller afectada na praza do Toural durante unha procesión (http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2016/03/25/muestra-incivismo-sintecho-toural-indigna-vecinos-comerciantes/0003_201603201603251458923349270.htm). Esta noticia ataca directamente á dignidade desta persoa tanto pola imaxe que a acompaña como polo tratamento que se lle dá. Parece que o único que importa é que “molesta” o que fixo, non o feito de que non teña onde vivir ou de que os servizos sociais non se encarguen dela ou de que esté enferma. Nin sequera se lle dá voz a ela, protagonista da noticia, para que dé a súa versión dos feitos. Volvendo á noticia que me presentabas ti e ó termo que se emprega para facer referencia aos afectados, esta non é a única vez que xornalistas do diario El Correo Gallego cometen este erro. Marta, unha traballadora social do Centro Vieiro de Cáritas, traíanos unha noticia sobre as chocolatadas que organizou o pasado Nadal o concello de Santiago. O titular facía referencia aos afectados que se achegaran á chocolatada (como outros moitos cidadáns, por outra banda) tamén co termo “pés negros”. Afortunadamente, nesta ocasión o xornal decatouse do seu erro e agora podemos ler unha rectificación no lugar da noticia (http://www.elcorreogallego.es/opinion/cartas-al-director/ecg/rectificacion/idEdicion-2015-12-18/idNoticia-970162/). Esperemos que non se volvan a cometer estes erros.

      Revisión da coordinadora: 20/04/2016 ás 11:06

      Gústame

  6. Reino Gorín, Lola Antía- S3A1
    Como ti ben criticas no teu artigo, hai un problema no xornalismo actual, e é ese, que son empresas que so buscan lucrarse sen interesarse no que contan e sen implicarse nos feitos. Neste estudo da Revista Mexicana de Opinión Pública defínenno moi ben: “El objetivo permanente de la empresa mediática es “lucrar e influir”, al que se subordinan los objetivos específicos diseñados en cada caso.” Aquí tes o enlace para que poidas ler o artigo enteiro con detenemento e onde explica a situación dos medios de comunicación hoxe en día: http://www.sciencedirect.com/science/article/pii/S1870730015000046. Nesta nova do Ideal pódese apreciar ese interese que teñen os medios de comunicación por vender: http://www.ideal.es/nacional/201510/08/trabajadores-espana-pobres-tiene-20151007174221.html. O titular: “El 22,2% de trabajadores en España son ‘pobres’ y tienen un trabajo poco decente” xa é bastante chamativo, pois hai que ter moito cuidado de onde e como se empregan termos tan impactantes como pobres e pouco decente. Pero non é iso o máis preocupante, na noticia vemos a fotografía de una afectada cunha pancarta cunha frase irónica e crítica, porén no corpo do artigo limítanse a falar con organización e nomear cifras. A invisibilización do colectivo que se está a tratar é clara, non fai falla que eles falen se o poden facer por eles datos e números que non poden expresar todo o que lles acontece, non? Así, déixase a un lado o seu dereito a comunicar e céntranse soamente nas entidades, que sempre teñen o protagonismo. Pero non so pasa no caso da pobreza e precariedade laboral que o voso grupo trata, no noso traballo analizando as deficiencias auditivas en relación cos medios de comunicación atopámosnos co mesmo problema, cun interese xeral por parte dos xornais a centrar a atención nas entidades e non nos protagonistas e afectados reais. Anímote a que pases botar una ollada aos nosos traballos e de seguro verás as similitudes que, por desgracia, comparten ambos grupos (https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/tag/s3a/).

    Gustariame engadir outro artigo de PlayGround (http://www.playgroundmag.net/articulos/entrevistas/llaman-tonto-pagar-impuesos_0_1732026796.html) que me pareceu moi chamativo, xa que se centra nun empresario rico que paga os seus impostos. Ensálzase a súa figura como se fose un deus, e si, aínda que a entrevista que lle fan poida ter certo interese non creo que sexa necesario darlle esta espectacularización, xa que isto non debería ser algo tomado como una novidade, moitos outros cidadáns pagan os seus impostos e non saen nos xornais. A selección que se fai das noticias, do que é ou non é relevante, seguindo os valores que ti dis é algo moi importante e que non debemos perder nós os xornalistas, sen olvidar que soamente somos o altavoz da sociedade, non un actor político que traballa polos seus propios intereses.

    Gústame

    1. Gutiérrez Caneda, Beatriz – S2D4
      Ola Antía. Resultoume moi interesante o traballo de Bernadette Califano que adxuntas. Por outra banda coincido contigo en que o tratamento da información que se realiza na noticia que achegas é incorrecto. Aparte do sensacionalismo que se desprende do titular, tes razón tamén en que o emprego de datos e o feito de non contar cos protagonistas das noticias contribúe a unha invisibilización do colectivo. Neste caso ademais, paréceme que o uso de termos como “pobre” ou “trabajo poco decente” son de todo menos profesionais e que danan a dignidade dos afectados.
      Traballando cos membros do Círculo de aprendizaxe decatámonos que practicamente todas as noticias relacionadas con precariedade e pobreza teñen como principal problema o feito de non contar cos afectados como fonte, desenvolvendo así unha especie de paternalismo ou chegando incluso a criminalizalos, o que impide que vexamos a súa realidade e que se invisibilicen os seus problemas. Outros problemas que vemos en noticias relacionadas con este tema son unha grave falta de contextualización e dunha investigación máis profunda en canto a causas e consecuencias así como unha colectivización dos afectados que leva a que non se vexan como persoas individuais senón como un grupo homoxéneo cando en realidade cada persoa é un mundo diferente. Tamén destaca o feito de que, cando máis saen nos medios estes dous temas é cando acontece algo violento ou negativo que perxudica ao resto da poboación, como é o caso das folgas (http://www.abc.es/espana/abci-calles-malaga-llenas-basura-4783041774001-20160302044500_video.html) ou o da afectada que interrumpiu unha procesión na pasada Semana Santa en Santiago (http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2016/03/25/muestra-incivismo-sintecho-toural-indigna-vecinos-comerciantes/0003_201603201603251458923349270.htm). En ambos casos, criminalízase aos afectados en vez de estudar as causas dos feitos.

      Pareceume tamén moi interesante o artigo de Playground que compartiches. É certo que non deberíamos ensalzar a esta persoa xa que é o comportamento que todos deberíamos ter. Non obstante considero que publicar esta noticia, despois de tantos escándalos de corrupción, defraudación etc., tamén axuda a ver que outra sociedade é posible e quizais por iso non estea demais que saia nos medios.

      En canto ao que comentabas ao principio, por desgraza, os medios de comunicación non deixan de ser empresas e sacan ou deixan de sacar noticias para vender ou para favorecer a aqueles que sustentan económicamente o medio. O máis preocupante quizais sexan as noticias que non chegan a saír tanto como deberían (ou que directamente non saen) “porque non interesa” ou o mal tratamento que se fai da información que leva a creación de prexuízos e marxinación. Todo isto fai que haxa unha realidade que non vemos, unha realidade que nos están impedindo ver. En resumo, oxalá que nun futuro os medios de comunicación teñan en conta os indicadores cos que estamos traballando nos grupos para non crear máis desigualdades das que xa existen por desgracia na nosa sociedade. Unha información honesta e veraz é un paso esencial cara un mundo máis xusto.

      Grazas polo teu comentario e por suposto que estarei encantada de botarlle unha ollada ao voso traballo. Un saúdo.

      Revisión da coordinadora: 20/04/2016 ás 11:57

      Gústame

  7. Ola Bea. Gustoume moito o teu artículo, estou dacordo contigo en que o principal problema do xornalismo de hoxe en día é a falta de contrastación, a censura á que se ven sometidas certas informacións que van en contra de determinadas institucións, e tamén a falta de contextualización nas noticias, de maneira que se cubren un feitos afondando o xusto neles, sen explicar causas nin consecuencias, sen dar voz aos realmente afectados… O periodismo actual está concebido, coma ti dis, como unha gran empresa que cae constantemente no sensacionalismo, co único propósito de chegar a máis lectores, subir as ventas e xerar cada vez máis máis diñeiro. Deixouse de concebir o xornalismo coma un instrumento garantor da democracia, unha forma de comunicación na sociedade e unha maneira de achegar a realidade á mesma. Actualmente o xornalismo só responde aos intereses do mellor postor, deixando as raíces prosociais que motivaron a súa aparición marchitar ao fondo dun caixón. Deixoche un texto de Gabriel Esteban Merino moi interesante no que analiza o xornalismo dende a época da ditadura ata chegar a crise mediática que estamos atravesando na actualidade: http://ces.unne.edu.ar/prealas/eje1/Merino.pdf
    Noraboa polo artículo. Un saúdo.

    – Revisión do editor: 20/04/2016 20:05
    – Revisión do GBO: 20/04/2016 20:30
    – Publicación: 20/04/2016 21:09

    Gústame

    1. Gutiérrez Caneda, Beatriz – S2D4

      Boas, Nerea. Antes de nada, moitas grazas polo teu comentario. Resultoume moi interesante o artigo que adxuntas de Gabriel Esteban Merino xa que nos permite ter unha visión máis clara de como chegamos a esta crise mediática que estamos atravesando. Despois de ler o seu traballo non podo evitar pensar de novo que, unha vez que permitimos aos grandes poderes (tanto políticos como económicos) ter o dominio dos medios de comunicación e non hai ningún organismo para defender a independencia do xornalista, a liberdade de expresión e de comunicación así como unha información honesta e veraz, desaparece. Sobre a manipulación e censura, escribiu Julián González un artigo moi interesante. Déixoche o link por se queres botarlle unha ollada (https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2016/04/15/os-traballadores-de-informativos-de-rtve-lanzan-unha-mensaxe-de-socorro-contra-a-escandalosa-manipulacion/). Esta claro que os principais medios de comunicación de hoxe en día deixaron de lado a súa labor social e os seus principios éticos para convertirse nunha grande empresa que só busca obter os mellores resultados económicos posibles. O outro día viamos no documental “Page One: un año en el New York Times” como os directores dalgúns xornais se basaban no que máis vendía para elixir que noticias publicar. “Si quieren conejos de peluche le damos conejos de peluche”. O problema de todo isto é que esa non é a función dun medio de comunicación xeralista serio senón a de informar sen caer en sensacionalismos nin superficialidades dos diferentes feitos que importan á sociedade. Quizais á solución a esta crise que está a vivir o noso xornalismo sexan os medios comunitarios, medios creados por e para membros dunha comunidade que non dependen de ningún poder nin político nin económico e que polo tanto informan con total liberdade. Adxúntoche unha nova sobre as radios comunitarias europeas por se é do teu interese (http://praza.gal/movementos-sociais/6404/cuac-fm-levou-a-voz-das-radios-comunitarias-ao-parlamento-europeo/). Grazas de novo e un saúdo.

      Revisión do editor: 22/04/2016 ás 12:00
      Revisión da coordinadora: 22/04/2016 ás 17:33

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s