A nova pobreza

López Fernández, Alejandro – S2D5

A pobreza pode adoptar moitas formas. Os medios de comunicación adoitan centrar a súa atención nunha das súas múltiples caras, evidenciando nela importantes erros ao tratar a información. Pero non só aquí o xornalismo peca de superficialidade ou descontextualización; o problema ven de raíz, de non afondar en todas e cada unha das múltiples vertentes desta temática. A nova pobreza apenas ten voz.

A nova pobreza é un aviso, unha realidade que alerta de que a falta de recursos é un problema de todos e non duns poucos. A nova pobreza é o “non mo podo permitir”,  o non chegar a fin de mes. É non garantir unha dieta saudable aos máis pequenos, nin  ser capaz de costearse os estudos. A nova pobreza é a gran consecuencia da crise económica que deixou baixo mínimos a centos de miles de persoas, a cara oculta dunha problemática que parece expandirse día a día. A nova pobreza constitúese como o principal temor da clase media española, coma unha porta aberta cara unha realidade que moitos viron demasiado lonxe. Esa renuncia do que un día tiveches pero que xa non podes costear, a caída do traballador nunha pobreza que dende un principio cría imposible, rara vez aparece reflectida nos medios de comunicación.

Resulta curioso como a gran maioría de novas relacionadas coa pobreza fan unha referencia inmediata a indixentes ou mendigos, vítimas da falta de recursos máis extrema.  Xa comentei noutras ocasións a falta de contexto e a invisibilización que os implicados sofren neste tipo de casos,  pero a nova pobreza está a experimentar un problema aínda maior: a súa presenza nos medios de comunicación é ínfima. Case ningún xornal presenta a realidade  daqueles traballadores que nunca viron posible estar baixo o umbral da pobreza pero que agora loitan por evitar durmir na rúa. A falta de visibilidade deste tipo de situacións non permite alertar á poboación de que a situación extrema que viven moitas persoas é responsabilidade de todos. No seu lugar atopamos artigos nos que se criminaliza ao afectado, describíndoos como individuos totalmente marxinais do resto da sociedade.

Aínda así, o tratamento da nova pobreza nos medios non é totalmente inexistente. Nesta noticia de La Voz De Galicia coméntase a situación de todas aquelas familias que non poden permitirse pagar a calefacción, unha clara manifestación da nova pobreza. Pero a ditadura das cifras, da pura estatística frente á humanización da problemática, mantense patente ao longo de todo artigo. Non atopamos a voz de ningún dos afectados, nin tampouco o por que deses elevados números. A invisibilización das fontes e a descontextualización dos feitos consolídanse tamén no tratamento da nova pobreza, cuxa presenza nos medios é, xa de por si, anecdótica.

Con isto non pretendo dotar de maior importancia á nova pobreza. Dar a coñecer a extrema situación na que se atopan centos de persoas resulta imprescindible na loita pola igualdade socioeconómica, pero isto non pode implicar a total ignorancia daqueles casos que, sen  o milagroso “colchón familiar”, sumiríanse na miseria. A profundización por parte dos medios desta nova pobreza, moito máis próxima á clase media traballadora, suporía unha maior concienciación do que implica a necesidade de recursos. Como xa comentei antes, este tipo de situacións son un aviso, unha chamada de atención que achega a pobreza á poboación que aínda non se viu afectada. Debe ser o xornalismo o que, a través da voz dos afectados, logre empatizar con eles e transmitir así as súas necesidades.

É aquí onde radica a importancia da visibilidade dos implicados. Non só é necesario dar a coñecer esta nova pobreza, senón que sexan as propias persoas as que poidan expresar a situación na que se atopan. A colaboración dun dos membros deste Observatorio Cidadán, Luis Feijoo García, permitiume descubrir unha sección de Cadena Ser chamada “Diario de la crisis”, onde podemos atopar, ademais dun xornalismo moito máis social, decenas de testemuñas de afectados por esta nova pobreza.

Por outra banda a película Uma Onda No Ar, que narra a historia real dunha emisora de radio ao servizo do pobo, é o exemplo perfecto do que o xornalismo social debería ser: unha ferramenta de comunicación por e para a xente.

 

 

 REFERENCIAS:

Baquero, Camilo. 2016. “Un 20% de los españoles, en riesgo de ser ‘pobre energético’”. EL País. Consultado o 16 de abril de 2016. http://economia.elpais.com/economia/2016/04/14/actualidad/1460625255_236891.html

Cadena Ser, 2016. “Diario de la crisis”. Cadena Ser. Consultado o 20 de abril de 2016. http://play.cadenaser.com/seccion/hoy_por_hoy_diario_de_la_crisis/

Erroteta, Peru. 2012. “La nueva pobreza”. theeconomyjournal.com Consultado o 16 de abril de 2016.  http://www.theeconomyjournal.com/es/notices/2012/09/la-nueva-pobreza-66494.php

Europa Press. 2015.” El gobierno local pide tiempo para atajar el problema de la indigencia.” lavozdegalicia.es  Consultado o 16 de abril de 2016.   http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2015/12/08/gobierno-local-pide-tiempo-atajar-problema-indigencia/0003_201512S8C1992.htm

Filmaffinity. 2016. “Radio Favela (2002)”. Filmaffinity. Consultado o 16 de abril de 2016. http://www.filmaffinity.com/es/film914700.html

Gómez, José. 2012. “La nueva pobreza”. El Huffington Post.  Consultado o 16 de abril de 2016. http://www.huffingtonpost.es/jose-marti-gomez/la-nueva-pobreza_b_1667436.html

Linde, Pablo. 2014. “Cómo luchar contra la nueva pobreza”. EL País. Consultado o 16 de abril de 2016. http://elpais.com/elpais/2014/06/25/planeta_futuro/1403718553_200621.html

Revisión do editor: 18/04/2016 ás 15:21

Revisión GBO: 18/04/2016 ás 21:33 e segunda revisión 19/04/2016 ás 14:00

Publicado: 19/04/2016 ás 12:17

Advertisements

23 comentarios en “A nova pobreza

  1. Denise Sambad Guillomía, S3E2

    Os medios de comunicación deberían concienciar, informar e “educar”. Dar toda a información necesaria e as posibilidades existentes para que o cosumidor de dita información poda crear unha opinión propia e contrastada. Isto exténdese a calquera tema que poida ser tratado nos medios de comunicación. A todo, en resumo. Sen embargo resulta inútil plantexar o problema como se a raíz estivera nestes medios. Ben é certo que non cumplen co seu deber ao tratar indebidamente a algúns colectivos, neste caso ao que ti te refires, ás persoas relacionadas coa pobreza. Hai que ter en conta que aínda que os medios existan para servir á sociedade tamén forman parte de ela e é case imposible non estar suxeito a algunha atadura.
    O problema da pobreza e o trato que reciben os afectados vén do goberno. É este o que crea leis e normativas que afectan de maneira negativa a este sector. Do mesmo xeito o sistema tributario, por poñer un exemplo, ampara aos que máis teñen en lugar de a aqueles que máis o necesitan.
    Así é que a clase media en España está a desparecer, os ricos cada vez son máis ricos, en moitos casos a conta dos que menos teñen, e aos que ninguén ampara nin protexe.

    http://www.lavanguardia.com/economia/management/20150520/54431743398/ricos-mas-ricos-pobres-mas-pobres.html
    Aquí recollense e explícanse algunhas das causas do aumento desta pobreza (e por suposto invisibilización) ligado ao aumento das fortunas dos máis poderosos, e é que canto máis medra a economía máis medran as desigualdades.
    Así mesmo hai que engadir que en tan só un ano (de 2014 a 2015) as familias españolas que se atopan baixo o umbral da pobreza aumentou casi un 2%, pasando do 20,4% ao 22,2%. Debemos ser conscientes do problema xa que no noso país case unha cuarta parte da poboación atópase nunha situación de carencia. Tamén preocupa o gran aumento de pobreza infantil que provoca na maioría de casos un grave risco de exclusión social. http://www.20minutos.es/noticia/2472416/0/poblacion-riesgo-pobreza-2014/encuesta-condiciones-vida/ine/

    Para que a situación cambie ha de cambiar o goberno e as súa lexislación. A día de hoxe resulta case imposible que unha familia viva con 600 euros ao mes, que é o que o salario mínimo estipula. E se teñen que vivir dunha pensión, por exemplo, a situación pode ser aínda máis complexa. En canto ao salario mínimo suponse que está estipulado en relación coas necesidades básicas para vivir decentemente segundo a lei expresa. Sen embargo a cantidade establecida é cuestionable. Os diputados do goberno actual reciben ao final do ano 12.187 euros en calidade de dietas. É dicir, algo máis de mil euros ao mes. Polo tanto consta con mil euros só para transporte, comida e demais en calidade de traballador, xa que a maiores cobran un salario que resulta máis que suficiente para vivir. Un deputado conta con 400 euros máis para manterse nos seus viaxes de traballo que unha familia para pagar a súa comida, hipoteca, seguros e demáis.
    Esta noticia do 2013 recolle algunhas cantidades recibidas polo presidente do goberno, Mariano Rajoy, en concepto de dietas. Un total de 98.225 euros nese ano. http://www.eldiario.es/escolar/misterioso-sueldo-Rajoy_6_87901226.html

    É certo que os medios de comunicación deben facer a súa labor social, inclusive visibilizar colectivos marxinados pola sociedade, pero non hai que olvidar que para que estes problemas non se repitan teñen que ser os membros da comunidade os que decidan cambialo. É o goberno o que provoca estas desigualdades na sociedade, e é esta a que debe erradicalas, a poder ser nas urnas.

    Para rematar quería mostrar o meu acordo contigo en que os medios non dan voz aos “invisibles” en lugar de axudar a visibilizalos, por isto considero máis interesante que vós si o fixérades e engadírades ao menos algunha cita dalgún afectado, que seguro non será difícil de atopar.

    – Revisión do editor: 19/04/2016 14:20
    – Revisión do GBO: 19/04/2016 14:32
    – Publicación: 19/04/2016 15:05

    Gústame

    1. Non digo que o problema da pobreza non veña do goberno e das súas medidas, que por suposto é así. Ao comentar no artigo “o problema ven de raíz”, continúo a referirme ao tratamento da información nos medios de comunicación, de como ademais de cometer erros ao falar da pobreza, invisibilizan vertentes enteiras xa dende un principio, neste caso a nova pobreza. En ningún momento pretendo aludir á orixe da mesma pobreza.

      E aínda que as medidas gubernamentais sexan a principal causa, é o xornalismo o que consinte a súa impunidade, convértendose nunha ferramenta ao servizo dos máis poderosos, dos líderes políticos e do diñeiro. Por iso é tan importante que os medios fagan fincapé nas razóns de por que unha persoa xa non ten cartos para pagar a calefacción, ou por que ese estudante non pode costearse unha carreira. A orixe non está non xornalismo, pero a súa parte de culpa é innegable.
      En canto ao de dar voz a persoas sen recursos, o meu grupo e máis eu tivemos o placer de falar con afectados no noso primeiro círculo de lectura.
      https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2016/04/04/s2d-debate-1-pobreza-e-precariedade/
      Por outra banda, a miña compañeira Cintia fixo unha moi boa entrevista a un afectado, na que se comentan de primeira man moitos dos erros do xornalismo actual. Recomendo que lle botes un ollo.
      https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2016/04/04/a-pobreza-son-moitas-cousas-pero-o-xornalista-reduce-o-seu-significado-a-unha/

      Revisión da coordinadora: 20/04/2016 ás 12:57
      Revisión do editor: 21/04/2016 ás 16:01

      Gústame

  2. Riande Cortizo, Carlos – S3A2
    Boas Alejandro.
    Concordo contigo na irrupción dunha nova pobreza, como consecuencia da actual crise económica. Isto faime recordar ao meu círculo de lectura crítica, o que traballa coas persoas con discapacidades auditivas. Non todas as persoas con estas deficiencias son xordos. Nin moito menos xordomudos, termo pexorativo que os medios acostuman a utilizar. Hai variedades, e como tal, hai que coñecelas todas para logo poder falar con propiedade. O mesmo pasa coa pobreza. Os medios de comunicación tratan á pobreza extrema, como dis ti, pero apenas tratan esta nova pobreza. A de chegar a fin de mes, esa de “non mo podo permitir”.
    Fai escasos días chamoume a atención a portada de La Voz de Galicia http://kiosko.net/es/2016-04-16/np/vozgalicia.html. No pé de foto pode lerse “un sintecho y su pareja, embarazada”. Na miña opinión, non me parece correcto usar esta palabra, mais creo que é un avance que novas deste estilo aparezan en portada.
    Mais esta nova pobreza está aumentando e non ten a acollida nos medios que debería. Non existe denuncia ante esta situación. As familias da denominada clase media, cada vez son máis clase baixa. Esta nova http://www.elmundo.es/economia/2015/04/23/55389c67ca4741b5188b4570.html mostra o aumento do número de fogares con todos os membros en paro. Ata situarse, no 2015, en 1.793.600 familias nesta situación. Escandoloso e verdadeiramente preocupante. Mais o peor non é a cifra, xa que isto non é soamente un número, senón o drama de sobrevivir e ir perdendo pouco a pouco a túa capacidade de adquisición.
    Outra publicación do Faro de Vigo http://www.farodevigo.es/galicia/2015/07/04/familias-dificultades-llegar-final-mes/1271894.html titula que as familias con dificultades para chegar a fin de mes crecen, e xa son seis de cada diez. É unha mostra de que Galicia sofre especialmente a crise. Fogares que antes de esta non tiñan problemas, atópanse agora de fronte coa triste realidade.
    É preciso que os medios fagan a labor social de facer visible a realidade actual, que é como ben dis, a nova pobreza.
    Revisión de editor: 14.34
    Revisión de coordinador: 14.42
    Publicación: 16:00

    Gústame

    1. Ola Carlos, concordo contigo na escasa rigurosidade xornalística á hora de usar a terminoloxía máis precisa. Neste tipo de casos non só é un erro puramente lingüístico, senón que de forma moi semellante ás persoas xordomudas, invisibilízase toda unha vertente que necesita urxentemente de presenza nos medios. E cando por fin logra ter un mínimo de voz, ocorre o que exemplificas ti no artigo de El Mundo: o retorno das cifras, moi importantes pero fácilmente olvidables. Son moitas as novas nas que se especifican datos sobre o paro:
      http://www.20minutos.es/noticia/2686897/0/paro-registrado/febrero-2016/datos-inem/
      http://ccaa.elpais.com/ccaa/2016/03/02/madrid/1456912155_214243.html
      http://www.lavozdegalicia.es/noticia/economia/2015/11/03/paro-registrado-espana-subio-82327-personas-octubre/00031446537846250271416.htm

      Calquera artigo de calquera xornal sobre as cifras do paro o ilustrará con gráficas, táboas ou imaxes da oficina de emprego; pero case nunca aparecerá a voz do traballador que xa non ten para pagar as facturas da luz. E coas causas desas grandes cifras ocorre exactamente o mesmo.
      A publicación do Faro de Vigo do teu comentario certamente resulta esclarecedora no referente á situación económica de Galicia, pero onde está a humanidade? Onde está a voz desas familias con dificultades? Aquí é onde falla o xornalismo actual, pois non está ao servizo do pobo e daqueles que máis precisan do seu poder.
      Un saúdo!

      Revisión da coordinadora: 20/04/2016 ás 12:56
      Revisión do editor: 21/04/2016 ás 16:01

      Gústame

  3. Pombo Silva, Cristina
    S3E1

    É interesante a reflexión que fas sobre esa chamada “nova pobreza”, aínda que estou dacordo contigo e coa túa reflexión sobre este tema, si é verdade que existen distintos factores que levan a esta situación. Desde meu punto de vista, é moi diferente a pobreza, a que coñecemos na nosa sociedade como pobreza extrema, á falta de recursos que debido a unha situación actual leva a diminuír o noso nivel de vida. Este tema, aínda que me parece moi interesante, creo que é máis cuestión de linguaxe e lingüística que de conceptos, xa que a nova pobreza pode considerarse o mesmo que hai uns anos pero cunhas palabras diferentes.

    De todos modos, volvendo ao tema central, que non é como se denomina senón o feito en si, temos que ver a situación actual e como os medios responden ante eses cambios. Como ben dis, Alejandro, nalgúns casos os medios confunden á poboación con estes términos.

    A pobreza parece que ten que estar asociada a pobreza extrema; non ter fogar, non ter para comer ou incluso ter que ser inmigrante para verse nesa situación. Porén, a maioría dos casos de pobreza neste momento ten unhas condicións totalmente distintas, como ben o explicas. Os pais vense en apuros para pagar as facturas, non teñen diñeiro para poñer a calefacción en inverno, ten que facerse cargo de moitas persoas da súa familia… Estas situacións as viven milleiros de familias en toda España e en todo o mundo, pero a crise económica agravou estes aspectos e en España podemos dicir que a crise político-social tamén tivo moita influencia nalgúns casos. Nesta noticia de Faro de Vigo explican como se desenvolve esta nova pobreza no territorio de Galicia e a súa aproximación a pobreza extrema e cunha imaxe nos complementa a información dada: http://galego.farodevigo.es/galicia/2013/10/20/nueva-pobreza-golpea-galicia-desarrollada/899323.html .

    Buscando información sobre este tema, encontrei unha entrevista que trata o tema da pobreza nos medios de comunicación e pareceume moi interesante añadila para poder ter un punto de vista máis: http://ethic.es/2013/11/«los-medios-tratan-la-pobreza-de-forma-confusa-y-superficial»/

    Nestes últimos anos, onde vimos nalgunhas ocasións persoas chorando nos medios e implorando que non se levara a cabo o desafiuzamento das súas casas tivemos a oportunidade de ver ao pobo, aos afectados, de transmitir o seu sufrimento e poder comprender a situación na que están. Estas noticias, que habitualmente aparecen nos programas televisivos da mañá, e non están sustentados a unha rutina como pode ser o telediario, dan a posibilidade de que esas persoas, a minoría, teñan acceso aos medios, cousa moi complicada hoxe en día. Sobre este tema en concreto, vemos esta noticia del Faro de Vigo (http://www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2016/04/19/diego-feijoo-pontevedra-llegan-semana/1444575.html ) onde se lle fai unha pequena entrevista a Diego Feijóo sobre os desafiuzamentos en Galicia, en concreto na provincia de Pontevedra.

    Así, destacar a importancia que ten a humanización nestas cuestións xa que o mais importante nestes casos tan delicados son as persoas. Normalmente, os afectados, nestas situacións evitan acudir aos medios ata que se ven nunha situación moito máis precaria como pode ser os desafiuzamentos. Isto ocorre por que os medios son pouco accesibles e tamén pode ser por vergoña por verse nunha situación así.

    Por último gustaríame citar a Muhammad Yunus, ganador do Premio Nobel de la Paz:
    “ A pobreza non a crea a xente pobre. Esta é produto do sistema que creamos, por ende hai que cambiar os modelos e os conceptos ríxidos da nosa sociedade”

    – Revisión do editor: 19/04/2016 14:49
    – Revisión do GBO: 19/04/2016 14:41
    – Publicación: 19/04/2016 15:34

    Gústame

    1. Ola Cristina, efectivamente a pobreza tende a asociarse únicamente ás condicións máis extremas. Isto é así en gran medida pola influencia dos medios na concepción que a sociedade ten de diversas temáticas. Ao apenas tratar a nova pobreza, esta nin sequera é considerada por unha gran parte da poboación, impedindo así unha maior concienciación. A xente tende a ver ás persoas que dormen na rúa coma individuos cuxa situación queda moi lonxe, que xa naceron nesas condicións ou que están relacionados coa droga e outros sectores de semellante índole (esta criminalización tamén ven dada polos propios medios). Nese sentido a presenza da nova pobreza é moi importante, posto que é o exemplo vivo de que calquera de nós pode padecer do mesmo problema, da falta de recursos.

      Interesante o artigo do Faro de Vigo sobre a nova pobreza, aínda que seguen a faltar a voz dos implicados, coma en case todas as novas. En canto á entrevista que deixas no teu comentario, xa puiden utilizala no meu primeiro artigo e resultoume bastante útil á hora de enfocar a miña opinión sobre o tema.
      https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2016/03/30/a-pobreza-e-a-desinformacion/

      Aínda así, moitísimas grazas polos aportes, un saúdo!

      Revisión da coordinadora: 20/04/2016 ás 12:58
      Revisión do editor: 21/04/2016 ás 16:01

      Gústame

  4. Parada Vila, Laura – S3B1

    Ola Alejandro

    Totalmente de acordo contigo. O colectivo da pobreza ao igual que o tema que o meu grupo analiza, a inmigración, non forma parte das fontes de primeira man. Polo que todas as noticias que nos chegan destes colectivos non son totalmente fiables ao non haber a experiencia do protagonista.
    Ao memo tempo o xornalismo deixase cada vez máis levar polas altas esferas e soamente nos informan do que queren. Se non, por que non hai noticias dos numerosos casos de nenos que pasan fame en España, e pola contra cada día temos nos medios, cifras sobre os mortos pola guerra en Siria ou por enfermidades en África

    No referente ao tema da inmigración atopei estas dúas noticias. A primeira ten por título “Fármacos: volvamos a lo básico para combatir las enfermedades”. (http://elpais.com/elpais/2016/04/15/planeta_futuro/1460738384_389205.html ) Segun o artigo o importante e manter as condicións básicas de hixiene e desa forma o problema desaparecer. Pero o que nos deberían informar é sobre a falta de medidas dos distintos gobernos dos paises do primeiro mundo.

    Nesta outra noticia a pobreza é a protagonista pero a pobreza que os latinoamericanos están a vivir. ( http://elpais.com/elpais/2016/04/18/planeta_futuro/1461001311_420420.html )

    O que está claro é que os medios de comunicación teñen maís doado evitar aquelas fontes que teñen menos poder sobre eles. No tema da pobreza, ao igual que o da inmigración, as causas deberían cambiar e poder mostrar á sociedade a auténtica realidade e dese modo tamén acabariamos con todos os prexuizos que existen sobre estes colectivos.

    Revisión do editor: 19/04/2016 17:23
    Revisión do coordinador: 19/04/2016 17:46
    Publicación: 19/04/2016 18:04

    Gústame

    1. Ola Laura, coincido na escasa fiabilidade que os medios posúen debido a case nula aparición dos implicados na información. A isto súmaselle a ínfima presenza que xa de por sí ten a nova pobreza, pero tampouco pretendo que as novas sobre a falta de recursos en África ou a problemática de Siria sexan substituídas. Todas as vertentes dun mesmo conflicto son importantes e deben tratarse. O problema ven cando unha delas apenas conta con presenza nos medios, e no momento no que logra un pequeno oco na masiva cantidade de artigos que atopamos diariamente, os principais afectados non teñen nin voz ni voto. Fíxate que ti mesma ao comentar noticias referentes a África ou a Siria falas de cifras, precisamente porque é o único que obtemos: un continuo bombardeo de estatística.
      http://www.elmundo.es/salud/2014/11/12/5463b38f22601d6d128b4581.html
      Dixéronnos moitos números sobre a cantidade de mortos por ébola en África, pero moi poucas veces o por que esa enfermidade resultaba tan letal alí. E non é suficiente comentar que os países africanos están en vías de desenvolvemento. Precisamos dunha maior profundización e ir a raíz do problema: por que se da a falta de recursos en África e quen é o culpable?
      Un saúdo!

      Revisión da coordinadora: 20/04/2016 ás 12:59
      Revisión do editor: 21/04/2016 ás 16:01

      Gústame

  5. Feijoo García, Luís (S1D4)

    A Organización Internacional do Traballo (OIT) asegura que o número de “traballadores pobres” en España, isto é, que gaña menos do 60 % da renda media, aumentou en máis de catro puntos entre 2000 e 2014, ao pasar de 18% ao 22,2% dos ocupados. Na presentación do informe o “Estado do Traballo Decente no Mundo”, púxose de manifesto o “avultado” volume de precariedade en España cun aumento da temporalidade e criticouse a reforma laboral, por aumentar as desigualdades e reducir a protección.

    Así, aproveito o artigo no que se fai un excelente tratamento desta problemática nos medios para salientar un dos principais motivos para a aparición destes novo pobres. Deste xeito, a crecente precariedade laboral e o desamparo en que quedan as persoas en paro de longa duración sen prestación de desemprego ampliaron considerablemente a pobreza de moitos fogares. Ademais, a gran destrución de emprego xuvenil no últimos anos e a emigración de mozas e mozos en busca de traballo cara a outros países e territorios está ensinando novos pobres descoñecidos ata o de agora.

    Por outra parte, para dar cumprimento as testemuñas que solicita Marcelo á ligazón a sección da Cadena Ser “Diario de una crisis” que amosa, cada mañá pouco antes das 8 horas, a crisis en primeira persoa.

    http://play.cadenaser.com/seccion/hoy_por_hoy_diario_de_la_crisis/

    Como resumen final parece que o acceso ao emprego xa non é unha salvagarda ante as situacións de pobreza.

    Reevisión GBO: 20/04/2016 12:50

    Gústame

    1. Ola Luis, ante todo moitísimas grazas por compartir a ligazón desa sección de Cadena Ser no teu comentario, engadireino canto antes no artigo. “Diario de una crisis” marca en certa medida o camiño que debe seguir o xornalismo para poder ser unha auténtica ferramenta ao servizo do pobo. Como resposta ao informe ao que aludes, deixo por aquí unha ligazón a outro informe da UXT no que non só se comentan datos e cifras interesantes sobre a precariedade laboral en España, senón que tamén informan sobre algunhas das súas principais causas, como as políticas de emprego efectuadas; algo que resulta extraordinarimente escaso no xornalismo actual.
       http://www.ugt.es/Publicaciones/precarizacion_mercado_trabajo_evidencias_espanya_UGT.pdf

      Un saúdo!

      Revisión da coordinadora: 20/04/2016 ás 13:04
      Revisión do editor: 21/04/2016 ás 16:01

      Gústame

  6. Rubio Rodríguez, Iciar S3D4
    Coma ti ben expós no texto, co comezo da crise a pobreza diversificouse e aumentou sobre todo na clase media. A opulencia que puideronse permitir durante moitos anos rematou de golpe e sen comparecencia algunha. A pobreza da clase media é un tema ao que os medios no lle dan extrema importancia, supoño que será pola ausencia do morbo que producen outra serie de noticias ou pola falta de espectáculo que merma nelas.
    Existen moitos tipos de pobreza, unha delas é a pobreza enerxética, según datos de “El País´´ un 20% dos españois encóntrase en risco de ser un pobre enerxético ou xa o é. Dentro deste tipo de pobreza hai un amplio abanico de situacións coma non poder facerse cargo das facturas, non poder manter o fogar a unha temperatura adecuada ou a estar baixo o umbral de pobreza tras paga los recibos. O 15% das familias españolas gastamos máis dunha décima parte dos nosos ingresos na factura eléctrica. O problema constitúese no momento no que estas familias deixaron de pagar as escolas dos seus fillos, apartan o pescado das suas dietas porque é demasiado caro e cambiar o ximnasio por paseos pola rúa para poder chegar a fin de mes. http://economia.elpais.com/economia/2016/04/14/actualidad/1460625255_236891.html
    O artigo de Maria Antonia Sanchez Vallejo contanos historias reais, de persoas reais, que deixaron a vida de mileuristas por unha vida sen nada. Un exemplo é Manuel G., un parado de larga duración que añora o mileurismo das primeiras embestidas da crise , perdeu o seu traballo de administrativo hai tres anos e agotou a prestación por desempleo. Sen colchón familiar vive nunha habitación alquilada e recurre aos comedores sociais e o reparto da ropa dunha ONG. Neste enlace pódense ler historias de persoas reais que tiveron que deixar a sua vida por culpa da falta de recursos económicos. http://internacional.elpais.com/internacional/2012/01/29/actualidad/1327865151_521750.html.
    Como Manuel miles de persoas están sufrindo hoxe en día o maltrato da crise e a pesar desto os medios de comunicación non lle dan ningunha relevancia. A prensa debería ser un aliado estratéxico para influir na axenda social do país. Os medios de comunicación transmiten contidos e intencionan determinadas prácticas e conductas. Polo tanto sendo esta a súa principal tarea, poderían favorecer o exercicio de dereitos das persoas en situación de pobreza informando correctamente sobre os diversos instrumentos, políticas, programas e servicios disponibles e facilitar así o acceso daquelas familias que requiren da complementación do Estado e visibilizar públicamente as boas prácticas en materia de superación da pobreza. Sen embargo isto non é así, existen serias dificultades para intencionar un proceso como o mencionado anteriormente, xa que a noción que predomina da pobreza nos medios aliméntase de imaxenes reduccionistas que estriban entre a subcultura delincuencial, o conflicto social ilícito e a debilidade ou exposición absoluta ante os desastres naturais. Por exemplo as imáxenes dunha desgracia coma pode ser un terremoto ou un episodio de contaminación masiva que rotula aos seres como incapaces e desprotexidos.
    Sexa coma sexa, a pobreza non é un tema de gran notoriedade na prensa coma poden ser os deportes ou o espectáculo, desgraciadamente todavía nos queda moito camiño que recorrer.
    Adjunto o enlace dunha película que reflicte a perfección o tema tratado, como una familia chega a non ter nada para alimentarse e como a desesperación os vai sumindo pouco a pouco. https://vimeo.com/57837968

    Data de emisión do comentario: 19/04/2016- 15:23
    Data de revisión do GBO: 19/04/2016- 15:51
    Data de publicación do comentario: 19/04/2016- 16:20

    Gústame

    1. Ola Iciar, considero que a ausencia de morbo á hora de tratar as novas é un punto importante a ter en conta. O xornalismo actual depende en gran medida do sensacionalismo, do sufrimento alleo para atraer a posibles lectores ou telespectadores. Ou morres de fame e convérteste en noticia, ou quedas sen pagar a luz e a calefacción no anonimato.
      O tratamento da pobreza nos medios adoita seguir dúas vertentes: ou as cifras substitúen á presenza humana, ou pola contra esta última criminalízase. É moi dificl atopar unha nova que marque a diferenza, e no artigo de El País que mencionas no teu comentario, alude ao final a unha experencia persoal dunha afectada chamada Begoña. Esa humanidade é precisamente a maior carencia do xornalismo actual, e debe ser, al menos en parte, o camiño a seguir.
      Mañá estrease no Festival de Cine e Dereitos Humanos de San Sebastian que pode resultar moi interesante, pois parece ser que trata desta nova pobreza dende un punto de vista máis humano.
      http://www.eldiario.es/cultura/Gente-pobreza-reflejada-publicos-Turin_0_507100348.html
      Un saúdo!

      Revisión da coordinadora: 20/04/2016 ás 13:04
      Revisión do editor: 21/04/2016 ás 16:01

      Gústame

  7. Juncal Álvarez Álvarez (S1C3)

    Como ben dis, Alejandro, a nova pobreza non aparece nos medios. Aqueles que vemos pola rúa son vilipendiados e maltratados e os que non vemos? mellor que así sigan, sen verse. Os medios non colaboran a esta causa, non o demostran. Neste artigo, por exemplo: http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/indigentes-utilizan-fuente-plaza-toural-urinario/idEdicion-2015-12-22/idNoticia-971001/ os medios denuncian o mal uso da fonte do Toural, pero non profunda no asunto. Non se fala, por exemplo, da pobre accesibilidade que ten a xente da rúa a albergues gratuítos: tan só dispoñen de 7 días ao mes para durmir baixo un teito. Os outros 23 días deben arranxarllas como mellor poidan.

    Pero volvendo ao da nova pobreza, parece que quen máis se moven son os propios cidadáns por barrios, á marxe dos medios. En Oviedo, por exemplo, apréciase esta circunstancia grazas á organización autodenominada “Pero quen di que en Oviedo non hai nada?”. Desde hai meses no Ca Beleño (unha cervecería) ofrécense almorzos gratuítos para os nenos antes de que partan á escola. A situación é tal que reciben a familias que teñen que levar aos seus nenos a colexios moi afastados deste local, pero aínda así lles compensa madrugar e ir alí. Ademais, outros locais da mesma rúa, Martínez Vigil, e algúns da cidade ofrecéronse como almacén para que a xente realice doazóns. Doazóns tan simples como papel hixiénico. Esta xente non está na rúa, pero non se pode permitir darlle un bo almorzo aos seus fillos, polo que acaban acudindo a este local.

    E con todo, as noticias son escasas, apenas unhas como estas aparecen respecto diso (http://www.elcomercio.es/oviedo/201501/16/desayunos-pero-quien-dice-20150116002609-v.html), ignorando por completo a situación das persoas que aí acoden cada día.

    Revision GBO: 20/04/2016 12:36

    Gústame

    1. Ola Juncal, o caso que explicas de Oviedo exemplifica á perfección a escasa visibilidade que ten a nova pobreza. Nunca se fala deses almorzos gratuítos que ofrecen aos nenos, parece que para chamar a atención dun xornalista tes que morrer de fame na rúa. E o tratamento do caso da xente sen recuros no Toural careceu en moitas ocasións de toda ética xornalística, tratando sen respeto aos afectados e sen explicar o por que da súa situación.
      http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2015/01/09/malestar-vecinal-praza-do-toural-actitud-grupo-personas/0003_201501S9C4991.htm
      http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2016/03/25/muestra-incivismo-sintecho-toural-indigna-vecinos-comerciantes/0003_201603201603251458923349270.htm

      “Malestar vecinal” ou “incivismo” son algunhas das palabras que máis se destacan nestes artigos, criminalizando e marxinando deste xeito á xente sen recursos. Nin a voz dos afectados, nin as causas do seu estado quedan reflexados por ningures.
      Un saúdo!

      Revisión da coordinadora: 20/04/2016 ás 13:06
      Revisión do editor: 21/04/2016 ás 16:01

      Gústame

  8. Ola Álejandro. Noraboa pola túa entrada, pareceume que reflictes dun xeito moi apropiado unha realidade que están a vivir milleiros de persoas no noso país e que non está a ser tratada dun xeito apropiado pola meirande parte dos medios de comunicación. Pouco queda que decir que non teñan comentado antes os meus compañeiros, pero si que me gustaría afondar un pouco máis na película Uma onda no Ar, que ao meu parecer representa un magnífico exemplo de como se pode dar voz a toda esa xente que habitualmente non a ten usando un medio de comunicación distinto aos convencionais. Mostrando todas as dificultades que eso supón, cando non debería ser así. Penso que o filme atina a mostrar o útil que pode ser un medio de comunicación social coma ese.

    Xa que parece que os medios de comunicación convencionais nunca van a ser capaces de amosar a realidade que viven os sectores máis desfavorecidos, nin de darlles voz, pode que apostar por máis proxectos coma Radio Favela sería unha boa forma de que toda esa xente, cando menos, poida facerse ouvir.

    Un saludo Álex!

    Gústame

    1. Ola Julián! En efecto, Uma Onda No Ar reflexa a perfección o que debería ser un auténtico xornalismo social, basado na voz do pobo e co fin de axudar ao propio pobo. Existen outras películas que, a pesar de non tratar sobre xornalismo e a súa importante función na sociedade, saben transmitir as dificultades que sofren aquelas persoas sen apenas recursos. Recomendo “Lloviendo piedras”, que ademais garda certa relación con esta nova pobreza.
      http://www.labutaca.net/reportaje/elcinedekenloach/2.htm

      Un saúdo!

      Revisión da coordinadora: 22/04/2016 ás 18:43
      Revisión do editor: 24/04/2016 ás 1:17

      Gústame

  9. SENRA RIVAS, MARA S3C2

    Ola Alejandro! A verdade que é importante tratar un tema como este, e sobre todo poder velo, é decir identificalo, que como ben dís é moi dificil cando as propias persoas que o padecen non se dan conta. “Estamos en crisis” xa non vale para xustificar non poder por a calefación no inverno, ou non poder mercar carne ou peixe para comer ti ou teus fillos. Penso personalmente que hai un gran problema nesa identificación, porque moita xente que agora se atopa nesa situación antes estaba nesa “clase media” da que os políticos falan, e esa clase media a que se siguen referindo está rozando ou pasando a liña que a separa coa pobreza. Non é comparable estas situacións con vivir na rúa, pero que non o sexan non significa que ambos problemas e necesidades sean ataxadas polos gobernos e polos medios.

    Os datos falan sós, e son verdadeiramente vergoñentos. Ninguén debería estar privado dunha comida e dun teito digno, ninguén, pero quen menos o merece son os nenos. Uns nenos aos que se lles está arrebatando a infancia. Un de cada tres enanos españoles vive no umbral da pobreza. Un de cada tres! Isto é unha barbaridade, e ninguén parece decatarse deso e xa basta. Os meniños non poden pagar que unha sociedade fora destrozada e saqueada como está pasando en España, un dos países coñecidos como do “primeiro mundo”, un primeiro mundo no que 1 de cada 3 nenos que podemos ver no parque do noso barrio está a pasar fame, ou frío polas noites.

    “En un informe de la Comisión Europea realizado por expertos independientes se asegura que “la situación en Rumanía, España, Bulgaria, Grecia e Italia es particularmente preocupante. De hecho, estos países combinan las tasas más altas de pobreza infantil (entre el 26 y 35%) y el más bajo impacto de las ayudas sociales sobre ellas (del 16 al 35%)” Podemos ler neste artigo do Mundo.
    http://www.elmundo.es/espana/2014/06/24/53a8ba69ca474139768b456b.html

    Ou nesta outra que amosa cando unha familia se atopa en stiuación de pobreza “El estudio considera que un hogar es pobre si dispone de menos de 780 euros mensuales en caso de una familia monoparental, es decir con un único progenitor, y 1264 en el caso de familia con hijos. Sin embargo se considera pobreza severa cuando, por ejemplo, dos hermanos viven con ambos padres y los ingresos no superan los 630 euros mensuales.” http://www.elmundo.es/espana/2015/06/05/5571839de2704e56518b4582.html

    A pesar de ser unha situación violenta e desesperante, agradécese ver artigos e noticias nas que se tratan con respeto as persoas que viven nunha situación así. Unha situación que hai que mudar canto antes facendo que a xente a coñeza a través dos medios e que estes sirvan como plataforma para denunciar esa situación ante os organismo públicos.

    Porque ninguén merece pasar fame, ninguén merece vivir na pobreza nin ser tratado dunha maneira vil por verse esta situación, pero para eso hai que facer que sexa visible e que a xente colla consciencia. Porque os nenos que se atopan no umbral da pobreza agora son os adultos que o estarán no futuro, así que atallemos este problema canto antes.

    Para rematar deixote uns enlaces que che poden ser útiles don datos e estudos sobre a pobreza en xeral e a pobreza infantil en España.

    http://www.unicef.es/infancia/ong-espana/infancia-espana/pobreza-datos
    http://www.unicef.es/actualidad-documentacion/publicaciones/la-infancia-en-espana-2012-2013
    http://www.unicef.es/infancia/ong-espana/infancia-espana/infografias
    https://www.savethechildren.es/trabajo-ong/pobreza-infantil-espana/datos-pobreza-y-exclusion

    Un saúdo Alejandro!

    Data de emisión do comentario: 20/04/2016- 13:31
    Data de revisión do GBO: 20/04/2016- 14:12
    Data de publicación do comentario: 20/04/2016- 17:52

    Gústame

    1. Ola Mara! En primeiro lugar moitas grazas polos enlaces aportados, ofrecen unha idea bastante aproximada de como é a situación en España no referente á pobreza infantil.

      Tal e coma ti comentas, a pobreza infantil é un problema moi grave que se debe solucionar canto antes, precisamente porque perpetúa a precariedade e a falta de recursos da sociedade española. É certo que os medios non son todopoderosos en non teñen a capacidade de arreglar todo aquilo do que falan, pero si poden concienciar e consolidar conceptos. Se a pobreza continúa a tratarse con cifras e en ningún momento se lle da voz aos afectados, esta problemática verase como algo apartado do resto da sociedade, un conflicto marxinado e fácilmente olvidable.
      Por outra banda, a clase media xa pasou fai tempo por esa liña que a separa da pobreza. A clase media obreira está a desaparecer, consumida pola falta de recursos e a escasa concienciación que os propios medios fomentan. Os ricos son máis ricos, e os pobres son máis pobres. Esa é a realidade actual en España, pero o xornalismo ten a capacidade necesaria para, polo menos, intentar dar un xiro á situación.
      Deixo por aquí un vídeo moi breve pero que resulta esclarecedor á hora de comprender a desaparición da clase media, dende un enfoque moito máis político.

      Un saúdo!

      Revisión da coordinadora: 22/04/2016 ás 18:37
      Revisión do editor: 24/04/2016 ás 1:17

      Gústame

  10. Iglesias Hervella, Kelly- S2B1

    Boas tardes Alejandro

    Comezo o meu comentario felicitandote, de verdade, polo teu artigo. É un dos máis interesantes que lin dende fai tempo, ademáis de tratar un tema que, de modo directo ou indirecto nos toca a todos.

    E é que, “nova pobreza” somos todos, en maior ou menor medida. Na miña familia, antes da chegada da crise vaixabamos a París todos os anos, por exemplo, algo que agora parece impensable.
    “Coidado coa luz, este mes mellor non ou aforramos e xa veremos” son comentarios cada vez máis frecuentes.
    Todo elo consecuencia dunha crise imposta,que non é nosa, que é culpa dalgúns poucos que, mentres o seu país sofre, evádense en paraísos fiscais.. indignante.
    Basta con abrir os ollos un pouco nas rúas para ver a cantidade de persoas que se ven na necesidade de pedir, persoas ás que a crise lle arrebatou o seu traballo (profesor, médico, xornalista…) e que agora, tiveron que mudar de modo total a súa forma de vida. Persoas de clase media que nunca se pensarían nese contexto.
    Ista é a realidade, a actual, a de comedores sociais que non dan a basto.
    Realidade que, como ben dis, sofre de invisualización (un dos indicadores de maior importancia) nos medios de comunicación.
    Déixoche aquí un enlace a unha noticia na que se fala de cómo crece a pobreza e cómo os concellos se adaptan a elo con fondos para emerxencias. Cómpre a pena lela.

    http://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2016/04/24/pobreza-crece-obliga-concellos-ampliar-fondos-emergencias/0003_201604B24C1995.htm

    Saúdos!

    Revisión da editora: a autora é a editora

    Revisión da coordinadora: 25/04 ás 20:06

    Gústame

    1. Ola Kelly, moitas grazas pola túa aportación! Concordo con todo o que dis, a nova pobreza é en gran medida consecuencua dunha crise fomentada por uns poucos, os mesmos que despois evaden impostos en paraísos fiscais coma no recente caso dos papeis de Panamá.
      http://internacional.elpais.com/internacional/2016/04/04/actualidad/1459758071_497979.html

      A nova pobreza precisa necesariamente dunha maior presenza nos medios, co fin de ensinar o preto que a falta de recursos está da clase media. O xornalismo conta cun gran poder, non para dar unha solución completa á pobreza, pero si para dala a coñecer e dar voz aos afectados.
      Un saúdo!

      Revisión da coordinadora: 25/04 ás 20:18
      Revisión do editor: 27/04/2016 ás 3:18

      Gústame

  11. Rivas Pérez, Ramón. S3B2.

    Concordo co dito no artículo, Alejandro. O certo é que, ao longo da investigación sobre inmigración e medios que no meu grupo fixemos, dímonos conta dun aspecto fundamental á hora de entender como actúan os medios de comunicación ao afrontar noticias que teñen a colectivos minoritarios como protagonistas: á xente asústalle a pobreza. Non tanto á pobreza en sí, senón á idea que se formou en torno a ela. As constantes relacións con crimes, drogas, sucidade, mala educación e demais tiveron impacto en algo que, en realidade, nunca estivo supeditado a tales conceptos. Nesta noticia de La Voz de Galicia (http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/ourense/2016/04/06/seis-anos-medio-carcel-ourensana-contrato-sicario/00031459868678414496109.htm) fálase dun sicario inmigrante, por exemplo, pero realmente importa ese dato? Realmente non engade información de valor, pero si produce un efecto de criminalización sobre o colectivo inmigrante cando eles son persoas moi normais, incluso máis ca nós, que nos encontramos baixo o influxo de prexuízos promovidos pola prensa. Prensa que, nalgúns casos, tamén é victíma de tales ideais. Trátase dun mal moi extendido que leva moito tempo connosco, polo que, considero, é esencial buscar a su raíz y arráncala. Os nosos esforzos por analizar este problemas deberían estar definitivamente dirixidos a tal fin.

    Gústame

    1. Ola Ramón, os temas da pobreza e da inmigración presentan moitos puntos en común no referente ao tratamento da información, e entre eles está a criminalización da que falas no teu comentario. Un claro exemplo disto foi o recente caso da muller asasinada en Lugo, e que se difundiu polos medios moi rápidamente. Foron moitos os titulares que se referían a súa exparella e presunto asasino como “o senegalés” cando este dato non aporta nada ao feito en si mesmo.
      http://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2016/04/13/unico-detenido-crimen-tatiana-vazquez-finaliza-declaracion/00031460544174718612367.htm

      Deste xeito foméntase unha actitude racista moi perigosa hacia calquera inmigrante, xurdindo ademais unha forte criminalización compartida na temática da precariedade laboral. Deixo por aquí unha entrada na que trato precisamente como os medios procuran criminalizar en moitas ocasións ás folgas, equiparando ao traballador a unha mera molestia.
      https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2016/04/08/a-criminalizacion-das-folgas/

      Un saúdo!

      Revisión da coordinadora: 25/04 ás 21:26
      Revisión do editor: 27/04/2016 ás 3:18

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s