II Círculo de Debate. Mocidade . LGTBI

Imaxe de: http://www.fotolibre.org

Iglesias Hervella, Kelly – S2B1

Lemos Alonso, Ana – S2B2

Losada Miguéns, María – S2B3

Martínez Graña, Paula – S2B4

Martínez Lorenzo, Inés – S2B5

Meda López, Xiana -S2B6

O pasado martes 5 de abril tivo lugar a realización do noso segundo círculo de debate sobre o tratamento informativo do colectivo LGTBI, que pretende realizar un seguimento e facer unha crítica constructiva sobre cómo abordan os medios de comunicación esta temática.

Neste segundo encontro contamos coa presenza dos catro membros do círculo:  Julio Regueiro (presidente da asociación Ultreia LGTBI Santiago), Antía Fernández (primeira deportista transexual federada nun deporte olímpico), Fernando Reija (propietario do pub Bloom de Santiago de Compostela) e Delia Recio (membro pertencente ao colectivo LGTBI e afectada por discriminación). Os catro son personalidades moi implicadas no ámbito da defensa dos dereitos do colectivo LGTBI.

Antes de comezar o debate propiamente dito, os membros mantiveron unha amistosa conversación sobre o tratamento mediático que se lle dá ao VIH. Denunciaron que é tratado (xa non mediática, senón socialmente) como se fose a peste, e falan de varios casos. Neles, fixeron fincapé en que se lle paga máis atención ao feito de que había un afectado con VIH que ao estado de saúde das vítimas do suceso.

Nesta ocasión, o tratamento dos casos de homosexualidade e lesbianismo de persoeiros famosos nos medios de comunicación acaparou a primeira parte do debate.  Todos os membros do grupo coincidiron no tratamento espectacularizante e morboso que realizan os medios deste tipo de situacións, sobre todo cando se da unha “saída do armario”. Un tratamento informativo dramático ou tremendista, como ocorre na actualidade non axuda, de ningún xeito, a poder acadar unha normalización do colectivo LGTBI. Este tipo de tratamento só incide no prexuízo de “rareza” que leva arrastrando consigo a comunidade todo este tempo.

Todos coincidiron en que o tratamento dos casos de “saídas do armario” de homes, adóitanse amosar como dramas persoais, como historias de tristeza. Para os membros do noso círculo de debate, estas actitudes son consideradas como tremendistas e innecesarias, e son vistas como contraproducentes para os xoves que se decidan a dar este paso.

Porén, coidan que no caso das lesbianas o tratamento desa mesma realidade se realiza de xeito diferente. Isto é, no tratamento morboso e sensacionalista que ofrece a cobertura mediática deste tipo de casos, que en ocasións, interesa máis a fotografía dos momentos de parella, que a historia que conleva.

Chegados a este punto cabe lanzar varias preguntas: debe seguir sendo na actualidade noticia a condición sexual dun determinado persoeiro público? Ata que punto ten interese para os receptores da información coñecer tal matiz da vida íntima da persoa? Non se está caíndo nun sensacionalismo sen filtros no que se di “non á discriminación do colectivo LGTBI” pero as noticias relacionadas con pertencer a el seguen a verse como casos aillados e de gran relevancia social?

Tamén foi comentada a obsesión dos medios de comunicación por buscar noticias, que en moitos casos raian a mera hipótese, de cuestionar a sexualidade das personaxes públicas e facer desto información. Famoso é o caso do futbolista Cristiano Ronaldo, que saiu a colación no debate, e que non deixa de ser máis que un exemplo de que nos medios aínda existen tratamentos informativos que se atopan moi lonxe da igualdade.

A apertura do segundo círculo de debate contou cunha nova incorporación, a de Delia Recio, membro do colectivo LGTBI e afectada por discriminación. Con timidez inicial que se transmitía pola súa posición cruzada de pernas e mans, Delia vai collendo confianza ó longo do círculo a medida que este transcurre. Ó contrario, os membros habituais xa mostran fluidez, apertura e empatía. O abundante emprego da linguaxe xestual por parte de, por exemplo, Fernando, deixaba mostra delo.

Pode apreciarse unha notable diferenza entre o primeiro círculo, no que Fernando mostraba unha posición máis reservada, e o segundo, no que se mostraba moito máis cómodo. Este cambio de actitude repercutiu positivamente no desenvolvemento do círculo.

A primeira noticia da que se fala é a homosexualidade e o deporte, a raíz da noticia do deportista danés que se aporta (o cal mencionan desde un principio como tema). Antía non dubida en dar o seu punto de vista, xa que é o seu terreo, collendo o mando da conversación. É entón cando a fluidez de preguntas cara a lexislación e regulacións da federación que se lle cuestionan á Antía axilizan o círculo e crean un ambiente de confianza.

Tras a análise desta noticia, que trataba sobre un home transexual federado (que foi o primeiro en desputar un torneo feminino de golf), o debate derivou no problema da visualización das lesbianas, centrándose no machismo instaurado na sociedade. Neste aspecto, ambos os integrantes do círculo coincidiron en que está máis aceptado ser gay na sociedade que ser lesbiana.

A conversa neste punto centrouse na contraposición existente no tratamento temático da “saída do armario” de lesbianas e gais. E é que, no tocante ó lesbianismo, existe unha esfera de morbosidade que rodea sempre o contexto. Esfera que, non se entende ó contapoñela co contexto dos gais, que se trata como traumático.

A partir de entón, o círculo de debate mudou cara unha temática máis social, centrándose na análise mediática da “saída do armario” dalgúns dos casos de famosos máis coñecidos. Así, falouse da espectacularización da saída do armario de Ricky Martin e da xestación subrogada para dar conta dela. Neste aspecto, creouse bastante polémica comparando dous dos casos máis mediáticos do panorama actual, a saída  do armario de Fernando Tejero e a de Paco León, exposta como exemplo a seguir por Julio Regueiro.

O tratamento mediático do seu caso foi o idóneo, caracterizado pola naturalidade, espontaneidade, sinceridade e facilidade coa que el mesmo llo fixo público á prensa, eliminando toda posibilidade de espectáculo por parte de revistas ou medios televisivos.

Así, os membros do círculo criticaron que na prensa todas as “saídas do armario” son traumáticas. Fernando plantéxase: por que existe tanto dramatismo?

En relación con este tema, os catro integrantes centrarónse tamén en debatir sobre os problemas que plantexan os diferentes ritmos de “saída do armario” nunha relación amorosa. E é que, cada caso é un mundo, unha realidade diferente.

Antía aproveita entón para comentar que no Orgullo Gai do 2015 coñeceu a unha gran cantidade de mulleres que soamente eran lesbianas ese día. Nestes casos, nin sequera os compañeiros de piso destas mulleres coñecían a súa orientación sexual, apuntou a deportista.  Esta afirmación creou sorpresa en todos os membros, reflexo dos problemas que aínda siguen vixentes na actualidade. Ademais, o dato non fixo máis que confirmar que esa morbosidade coa que é entendido o lesbianismo está incrustado na nosa sociedade tanto en homes como en mulleres.

Con maior posteridade, Antía, facendo emprego do enfoque cara o deporte do debate, mencionou un evento do 10 de abril. E é que, en fútbol sala da federación española de fútbol debutaba a primeira muller transexual.

Tras isto, como un último bloque do círculo,  deuse  paso á escoita da entrevista de radio que Antía nos proporcionou, noticia que, tal e como se pode ver no noso vídeo, causou sorpresa e repugna por parte dos nosos membros.  As súas miradas o din todo. Nela, pódense escoitar frases aberrantes como: loitadora que agora é loitador. Ademais, o ton de lamento neste tipo de entrevistas e o tratamento dos tópicos de sempre mantense presente.

Tras a súa escoita íntegra, os membros tamén criticaron o emprego doutra expresión alarmante: “sentirse atrapada nun corpo que non é o teu”. Como lembramos, este, o uso inadecuado da linguaxe, é un dos indicadores máis comentados nos nosos círculos.

Por último, xurdiu a pregunta nos membros do círculo sobre se a reasignación de persoas transexuais converte a estas en heterosexuais. Tamén se someteu a debate a diferenza existente entre termos como atracción sexual e identidad sexual e orientación afectiva ou orientación sexual. Delia mostrouse con fluidez neste tema, explicando a súa opinión e posición. A identidade sexual, como conclusión, non equivale a atracción sexual.

Como tercer bloque de análise realizada dos nosos círculos, está a observación xestual realizada polos membros integrantes. E é que, a partir de esta establécese unha segunda linguaxe, que, moitas veces, deixa entrever máis aló do que as palabras trasnmiten. Inseguridades, repugnancia e incredibilidade. Todo, a través de xestos e miradas. A nosa análise foi a que segue.

Antía comeza apretando as mans, con intervencións escasas. As súas primeiras expresións son rápidas e nerviosas. A medida que colle confianza, vai xesticulando máis. Ten momentos de mirar cara ó chan e tocarse as mans. Cando fala, faino máis en dirección a Fer en vez de ao grupo en xeral. É a que menos intervén no debate de hoxe, soltándose máis no tema da transexualidade (quizais porque fala dende a experiencia). Nas últimas intervencións toca a Fer con familiaridade.

Fernando é o primeiro que se presenta. Como no anterior círculo, comeza tímido. A súa espontaneidade natural fai que pronto se sinta cómodo e fale con soltura, xesticule e mesmo se ría. Mira ao seu locutor ou locutora cando fala e inclínase na súa dirección. Neste segundo encontro está máis solto, quizais porque ten máis coñecemento. É o máis expresivo dos participantes, chegando a imitar a personaxes. É fundamental no debate de hoxe, por ser o que máis intervén. Está cómodo durante toda a sesión, e nótase porque é capaz de expresarse con todo o seu corpo. Isto é notable nos movementos das pernas, que son rápidos á hora de cambiar de postura cando vai explicar algo ou tenta mostar indignación.

Julio é o máis preocupado por tratar as noticias que ten entre as súas mans. Intervén menos que na anterior xuntanza. Pouco a pouco fala máis e acompaña as súas verbas con xesticulación. Cando explica algunha noticia mira cara nós. Exerce unha actitude paternalista entre os membros do círculo. Corporalmente é máis tranquilo, adopta a postura de cruzar a perna. Escoita aos demais. Cara ao final do debate parece canso.

Delia comeza máis seca. Logo anímase e comeza a falar máis expresiva. Intervén con relativa frecuencia. É a máis tranquila falando e faino ben, con seguridade. Debate cos demais con naturalidade e con aparente comodidade para ser a súa primeira vez. Cara o final bosteza como mostra de cansancio e xoga cos seus dedos. Ao principio, o seu cruce de pernas alónxaa dos demais participantes, pero logo cambia este cruce e consegue así estar máis preto de Julio. Intégrase por completo cos seus compañeiros no debate.

En liñas xerais, o debate flúe con normalidade, sin resultar forzado ou tenso. Hai risas e falan uns con outros. Ao ser catro, ás veces falan dous e dous (Antía e Fer ou Julio e Delia, tal e como se sentaron). Tenden a recurrir ás experiencias persoais non só para explicar os fenómenos que tratan, senón que tamén para, en parte, denuncialo e xustificalo.

Por último, Antía finalizou criticando os casos nos que persoas pertencentes ao colectivo LGTBI cometen erros, como os analizados neste observatorio, nun medio de comunicación.

En definitiva, na realización deste círculo buscamos mellorar a comunicación interpersoal mediante o tratamento en profundidade cos afectados que deixan ser meras fontes ata converterse en persoas con experiencias entre as que se produce un intercambio con nós, os xornalisas.

No caso da comunicación comunitaria, esta é fundamental para acadar o ben común. É un feito que a información pertence a todo o mundo, pero en moitos casos, e debido a intereses extraxornalísticos, isto non se cumpre. O tratamento cos grupos afectados de forma directa e cun intercambio recíproco de información é un punto clave na consecución desta comunicación comunitaria.

A modo de conclusión, queremos agradecer ós membros do círculo de lectura a súa participación, a facilidade na disposición dos mesmos e a empatía a hora de traballar en grupo. E é que, ó longo destas semanas puidemos ver cómo a medida que os círculos pasaban, a facilidade de conexión entre eles era maior, facendo das quedadas para os círculos un encontro amistoso, fluído e agradable. Asimesmo, nós estamos aprendendo a importancia do noso papel como xornalistas no tratamento mediático de colectivos como o estudado, sendo o emprego dunha linguaxe inadecuada unha das principais lacras á que se enfronta o colectivo no seu día a día. Isto é algo que necesita cambiarse, e algo, no que nós tamén somos responsables.

REFERENCIAS:

Weston, K. (2003). Las familias que elegimos: lesbianas, gays y parentesco.

Sánchez, V. S. (1980). Mujeres lesbianas. Zero.

Eribon, D. (2001). Reflexiones sobre la cuestión gay. Anagrama.

Publicado: 19/04/2016 14:10

Revisión do editor: 18/04/2016 20:14

Revisión GBO: 18/04/2016 21:47 e segunda revisión 19/04/2016 ás 18:17

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s