Quen é a Valedora do Pobo?

Yáñez Vila, Natalia- S3C5

Para todos aqueles que aínda non saiban quen é esta importante figura, defensora de tódolos cidadáns de Galicia ante as institucións públicas, deixovos aquí o perfil de Milagros Otero Parga, a muller que ocupa actualmente este posto:

-A función do Valedor do Pobo é moi importante, e ten todo un equipo detrás. Pero aínda así, hai moita xente que non coñece esta institución, como é posible isto? Hai un certo interese por non promover o labor do Valedor ou quizais só é desinformación?

 Penso que só é desinformación. E precisamente por iso é importante corrixir ese erro promovendo un maior coñecemento da institución para que poida atender mellor á función da defensa dos dereitos dos cidadáns fronte á administración. Desde esta valedoría se está a traballar arreo neste sentido. Unha das primeiras iniciativas que se tomou neste ámbito foi a de ofrecer a cada unha das 7 cidades de maior poboación de Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e Ferrol) unha visita institucional para explicar en primeira persoa que é a institución e para que serve. Ademais aproveitamos estas xuntanzas para exercer a escoita, para poder coñecer,  de primeira man,  as demandas da cidadanía.

 

-Que porcentaxe de resolución teñen as queixas que son recibidas? Cantas queixas se atenden ao ano/mes?

O ano pasado atendéronse mais de 36.000 queixas se contamos de forma individual aos cidadáns que se dirixiron a esta Institución, aínda que as súas peticións resultasen, nalgúns casos, apoiadas por un  colectivo de persoas sobre un mesmo asunto. A porcentaxe de resolución é alta, aínda que depende da área de traballo na que se encadre o problema. De todos os xeitos, en cifras globais, é más que aceptable. Non temos unha estatística xeral porque o tipo de resolución é diferente segundo o caso. Se entendemos que se está a preguntar sobre a cantidade de problemas que, tras chegar á valedora,  poden solucionarse  dalgún xeito (ben dando a razón á persoa, corrixindo a irregularidade ou mostrando o camiño a seguir)  estimamos que será ao redor dun 80%.

 

-Como é escollido o Valedor? No perfil xa figuran algúns datos sobre a carreira e o percorrido de Milagros Otero, pero sempre foi así? Sempre se trata de persoas influíntes e con estudos destacables?

O valedor do pobo precisa para ser elixido un amplo consenso do Parlamento de Galicia que se concreta nunha maioría cualificada de tres quintos dos deputados. A persoa elixida debe ser, por tanto,  unha persoa que, a xuízo de todos eles, pertencentes a diferentes formacións políticas e con sensibilidades moi distintas, consideren capaz de asumir a autoridade que esixe o desenvolvemento da súa función. Non existe un perfil determinado para ocupar a titularidade, pero é preferible que a persoa designada sexa experta en Dereito pois os problemas que vai ter que resolver son de índole xurídica, na súa maior parte. Debe ser ademais unha persoa de consenso, que suscite confianza entre a cidadanía e na propia Cámara. Ademais debe ser imparcial e carecer de vinculación política algunha.

 

-Aspírase a ser Valedor (aínda que sexa escollido por maioría) ou é algo que xorde? É dicir, un preséntase e fai “campaña” para ser nomeado ou é máis ben espontáneo?

O procedemento parte da proposta dun grupo parlamentario en busca dese amplo consenso que relatei. Non existe unha campaña para ser elixido. O candidato é proposto polos membros da Cámara sen mais.

 

-Que tema é o máis tratado e recorrente a través dos últimos anos? (accesibilidade, grupos minoritarios, discriminación… ?

Na oficina do valedor trátanse todo tipo de temas, algúns deses que menciona están incluídos,  pero hai moitos mais. En canto á frecuencia, algúns son recorrentes, outros dependen dalgunha circunstancia concreta, do contexto. Nese sentido recordo por exemplo o problema das preferentes que foi moi reclamado nun momento dado.

 

-De xeito resumido, como é proceso ao recibir unha queixa? Por que fases se pasa, quen se encarga de que, cantos persoas se implican e canto tempo aproximadamente tarda en resolverse?

Cando se recibe unha queixa , despois de proceder ao seu rexistro,  pasa a mans da Secretaría Xeral que as clasifica para determinar se son ou non admisibles. Case todas o son. Só se rexeitan aquelas que están fóra do ámbito da lei que regula a nosa función.

A continuación se distribúen por áreas materiais,  dando a cada un dos asesores xurídicos aquelas que se refiren aos problemas obxecto do seu coidado.

Os reclamantes reciben atención particularizada desde o momento no que se informa de que  a queixa se admite e se comunica o inicio do proceso de investigación. A primeira etapa desta consiste en preguntar  á autoridade administrativa responsable do suposto mal funcionamento. Unha vez que se recibe a resposta, analízanse ambas as dúas posturas, a do queixoso e a da administración aludida, tratando de trasladarse unha resposta fundada. Se esta satisfai ao reclamante, aí termina o proceso. Do contrario, sempre se pode continuar o caso coa aportación de novos datos,  ou reabrilo no caso de que, unha vez pechado, incorran novas circunstancias que así o aconsellen.

Cando a administración realizou algunha conduta que se considere contraria aos dereitos dun cidadán, a valedora emite unha recomendación que pode ser ou non aceptada pola mesma. Xeralmente é aceptada de modo que a situación inicial que xerou a queixa resulta corrixida e os dereitos do cidadán repostos.

Os tempos de tramitación son breves aínda que dependen un pouco do grao de celeridade á hora de contestar dos entes supervisados.

 

 –No noso observatorio de comunicación estamos tratando distintos temas de actualidade: discapacidade, inmigración, prostitución, terceira idade, manipulación nos medios, colectivo LGTBI e as enfermidades mentais (https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/) Tanto Mara coma min encargámonos de informalos que na páxina web do Valedor do Pobo poden acceder a distintos documentos e materiais relacionados. Pero tamén podería ser interesante falar dun xeito máis persoal destes temas. Como de recorrentes son, a importancia que ten darlles voz, é dicir, tratalos dun xeito máis social que institucional. O ideal sería un pequeno comentario de opinión persoal sobre eles, de xeito resumido.

 A institución do Valedor do Pobo ten a misión de velar polos dereitos da cidadanía, de todas as persoas. Este dereito tórnase máis relevante cando nos referimos aos dereitos das persoas especialmente desprotexidas, das discriminadas ou multidiscriminadas.

Por iso situacións como a discapacidade, a vellez ou calquera tipo de discriminación sobrevoan moi a miúdo como causa da discriminación reflectida nas queixas que se nos achegan. Atender os seus problemas é, para nós, non só un deber senón unha honra e unha responsabilidade que asumimos conscientes da importancia do seu desempeño.

Data de emisión da publicación: 19/04/2016- 12:32

Data de revisión do editor: 19/04/2016- 14:34

Data de revisión do GBO: 19/04/2016- 21:21

Data de publicación: 22/04/2016- 16:12

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s