A cura dos males xornalísticos. Onde está?

Fonte Imaxe: El Giraldillo
 Rivas Pérez, Ramón – S3B2

Que o xornalismo é unha profesión á que se accede por vocación deixou de ser un misterio fai moito tempo. Mala imaxe, condicións laborais pobres ou tendencia ao sensacionalismo. Problemas que, sexan sinalados pola cidadanía ou incluso polos mesmos xornalistas, non deixan de interpoñerse no tratamento de asuntos serios como a inmigración. Falo, por suposto, dos problemas relacionados coa perspectiva, co enfoque que os medios de comunicación adoptaron respecto á inmigración.

No último artigo sinalei algúns erros cometidos pola prensa de xeito tan constante que precisaban ser destacados. É lóxico considerar que dito acto é esencial para que o xornalismo poida cambiar de rumbo. Pero, sen arrebatarlle o claro valor que tal afirmación contén, é moi posible que en ningún momento nos parásemos a pensar que rumbo é ese. Trátase dunha dirección positiva? A pesar de que é certo que é a obriga do xornalismo ter informada á cidadanía, é o deber dos propios cidadáns mellorar a súa sociedade. E sendo o xornalismo parte de esa sociedade, debemos poñer o noso grao de area a fin de que unha mellora se produza. Entón, qué podemos pedir ao xornalismo para que o seu tratamento da inmigración sexa bo?

Á hora de propoñer solucións para esta clase de trabas podemos atopar diversos métodos certamente efectivos. Asociacións como Ecos do Sur, por exemplo, incluso propoñen unha guía de estilo para xornalistas cando toca realizar unha noticia sobre temas relacionados coa exclusión e a pobreza, sendo estes algúns dos males internos que experimentan os inmigrantes. Dende logo, non resulta estraño que as asociacións desexen que os medios de comunicación poñan un pouco da súa parte. Un dos membros do noso Círculo de Lectura, Guillermo Fernández, director da asociación Ecodesarrollo Gaia, sinalou a falta de interese por parte da prensa sobre a súa labor e colaboración en beneficio de inmigrantes senegaleses. Por tanto, unha maior visibilidade destes acontecementos constitúe unha das primeiras solucións que buscamos, para a cal iniciativas como a guía compartida por Ecos do Sur son necesarias á hora de tratar temas tan delicados como o é a inmigración.

Quizais o concepto máis importante que cómpre mencionar á hora de propoñer saídas das barreiras ás que nos enfrontamos é o do contexto. Un contexto que, por suposto, brilla pola súa ausencia. Nesta noticia de La Voz de Galicia, por exemplo, podemos ver perfectamente esta problemática. Sacamos en claro que son moitas persoas involucradas na desaparición, pero descoñecemos os motivos polos que, en primeiro lugar, decidiron abandonar os seus países de orixe e viaxar por mar a Italia. Tampouco sabemos cales son as posibles consecuencias que este feito implica. É unha noticia totalmente centrada no presente, sen ter en consideración pasado e futuro para poder relatar unha historia máis completa e comprensible. Contra esta falta de contexto só se pode loitar mediante un proceso de investigación exhaustiva por parte dos medios que non se leva a cabo na actualidade.

Tampouco podemos esquecernos de que, sen este contexto, os xornalistas fracasan ao incorporar na noticia o valor humano dos seus protagonistas, dos inmigrantes. A creación dun contexto, o resultado de establecer as causas e consecuencias do fenómeno, non so permite ao cidadán ter unha maior comprensión da información que recibe, senón tamén acadar certo grado de empatía cos individuos dos que se fala na nova. Este contexto, ao fin e ao cabo, non é senón a historia desas persoas. Ampliando dita historia, moi relacionada coa vida persoal dos inmigrantes, estes adquiren unha identidade humana que nos impide velos como meros números, resaltando a importancia da utilización do contexto nos medios de comunicación.

Necesitamos, en conclusión, iniciativa pola nosa parte, non só para sinalar os erros cometidos pola prensa, senón tamén para suxerir novas vías. Precísase iniciativa para que o xornalismo non tropece dúas veces coa mesma pedra, non por esixir aos profesionais da información o que queremos que nos dean, senón por esixirlles o que deberíamos ter. Non existe unha única cura para os males xornalísticos, pero si podemos buscar solucións e mellorar a situación actual da profesión para que feitos como a inmigración reciban un trato digno da súa importancia.

Referencias:

 

Revisión do editor: 11: 40

Revisión do coordinador: 11:45

Hora de publicación: 12:00

Advertisements

4 comentarios en “A cura dos males xornalísticos. Onde está?

  1. Gutiérrez Caneda, Beatriz – S2D4

    Resultoume moi interesante o teu artigo. Estou de acordo contigo en que o xornalismo de hoxe en día deixa moito que desexar sobre todo en canto ao tratamento da información relacionada coa inmigracion. Pero non só no tocante a este tema, tamén no meu grupo comentabamos en relación coa pobreza e a precariedade a necesidade dunha maior contextualización nas noticias. Ao non contextualizar os feitos, os xornalistas están sesgando e manipulando a información, sexa de forma consciente ou inconsciente. Isto ocorre a miúdo á hora de publicar sobre folgas de traballadores, nunca aparece o motivo da folga e como consecuencia criminalízase aos traballadores. Por se che interesa este tema, déixoche o link a un artigo que escribín no que amplío a información sobre o mesmo:”Folgas e precariedade laboral nos medios” (https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2016/04/20/folgas-e-precariedade-laboral-nos-medios/) . Como dicía, esta descontextualización da información leva a que o lector tome inconscientemente o bando que o xornalista quere. Esta descontextualización da que falamos atopámola hoxe en día nas noticias que saen sobre os refuxiados. (Durante o noso primeiro círculo falouse desta gran crise humanitaria, déixoche o link por se lle queres botar unha ollada https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2016/04/04/s2d-debate-1-pobreza-e-precariedade/) . Case en ningún medio explican correctamente que está a pasar, por que tanta xente abandoa o seu país. E coma este caso, outros moitos relacionados coa inmigración.

    Outro aspecto que deben ter en conta os medios ao tratar temas como a inmigración é a invisibilización dos afectados. Nas noticias saen moitos datos e fontes oficias, pero non temos as voces dos verdadeiros protagonistas do feito. Contar con todas as partes implicadas no suceso é básico para non discriminar e ofrecer unha información honesta e veraz.

    Por último, gustaríame tamén destacar o feito de que en sucesos violentos se resalte a nacionalidade do implicado (no caso de que sexa inmigrante) o cal consiste unha grave discriminación. Parece que os medios queren levarnos a pensar que por non ser españois é máis normal que delincan. (http://www.larazon.es/historico/5919-se-entrega-tras-matar-a-su-pareja-y-al-hijo-de-esta-en-almeria-PLLA_RAZON_357062#.Ttt1s9t7POASGgT)

    Todas estas cuestións contribúen a xerar máis desigualdade, a consolidar e crear prexuízos e a aumentar a barreira social entre inmigrantes e o resto da sociedade. Os medios deben ter en conta os libros de estilo das asociacións, coma ti ben dis, e os indicadores que estamos a empregar nos grupos de traballo para contribuir a crear unha sociedade de igualdade en vez de destruila.

    Revisión da coordinadora: 22/04/2016 ás 18:51
    Revisión do editor: 24/04/2016 ás 1:17

    Gústame

    1. Rivas Pérez, Ramón. S3B2.

      Efectivamente, Bea. Este é un problema que afecta, especialmente a todos os colectivos minoritarios que existen no noso país. Son aqueles sobre os cales a prensa causa máis dano, pero me temo que non son os únicos afectados. Ao fin e ao cabo, é a totalidade do resto da sociedade a que termina sendo a masa ignorante, mal informada e, peor todavía, sen iniciativa nin motivación para cambiar esta situación tan pobre que promoven os nosos medios. Como dixen no artículo, debemos facer algo para mellorar a nosa sociedade, e como o xornalismo forma parte dela tamén debemos melloralo. Os puntos que ti mencionaches (contextualización, visibilidade e a mención da nacionalidade, a cal, dende o noso grupo, consideramos unha práctica máis habitual do que pode parecer en principio) son os primeiros pasos a dar para facer iso posible. Dende logo, haberá moito máis que facer. Este é un problema que arrastramos dende fai moito tempo, polo que nos espera un duro camiño, pero creo firmemente que é posible chegar a meta.

      Gústame

  2. García Vegas, Cintia [S2D2]
    Ola Ramón,
    pareceume moi interesante o teu artigo, xa que se dá a casualidade de que moitos dos problemas que ti denuncias sobre o tratamento da información nos medios son os que estamos a denunciar dende o meu equipo de traballo (precariedade e pobreza). Por unha banda, fas referencia contextualización, a cal é fundamental á hora de explicar os feitos, os seus antecedentes e as súas consecuencias. Por outra parte, tamén falas da falta de humanización. Nós, o largo destes mes e tras traballar con xente implicada directamente nunha situación de precariedade e pobreza, decatámonos que este é un dos principales problemas que ten hoxe en día o xornalismo. Por unha banda, porque importan máis as cifras que as persoas que sofren o problema, e, por outra, porque estamos convertindo a sociedade estase nun colectivo tan superficial ó que so lle interesan os seus propios problemas. Déixoche o exemplo dunha noticia onde os afectados xa non son persoas, agora son simples números froito dunha investigación, a ver que che parece: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/economia/2016/04/14/cinco-millones-espanoles-pueden-calentar-hogar-invierno/00031460649524027318655.htm

    En canto o tema da inmigración, eu creo que está acontecendo exactamente o mesmo. O que importa son as cifras e o sensacionalismo, caendo moitas veces na denigración das persoas e na superficialidade máis absoluta.
    Non sei que opinas de esta noticia, pero a min paréceme que insisten tanto no feito de que se trata dun inmigrante para criminalizar o resto do colectivo: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/redondela/2016/04/05/condenado-inmigrante-desvalijar-casa-redondela/0003_201604V5C9995.htm

    Revisión da coordinadora: 22/04/2016 ás 19:10
    Revisión do editor: 24/04/2016 ás 1:17

    Gústame

    1. Rivas Pérez, Ramón. S3B2.

      A noticia do robo en Redondela representa perfectamente a imaxe que dan os medios dos inmigrantes. Ao largo da realización do proxecto do meu grupo logramos identificar cal é esa imaxe: delincuente, pobre, sen educación. A inmigración é identificada con eses tres aspectos, pero é moito máis. Un portugués, que está practicamente á volta da esquina, non é considerado un inmigrante, por exemplo, porque non cumple, na maioría dos casos, esas características. Isto indica, finalmente, que estamos criminalizando a xente que carece de recursos e que só quere unha mellor vida para eles e para as súas familias. Estamos criminalizándoos por algo que, como podemos ver no caso dos refuxiados, non é culpa súa. Moi probablemente atopásedes un problema similar, ou completamente idéntico, no voso campo de estudo.

      Gustaríame resaltar o teu punto sobre a humanización dos protagonistas destas noticias, pois considero que é esencial para poder dar un paso adiante. Xa sexa por tratalos como meros números, como ben afirmas, ou mesmo por non darlles voz e ignorar por completo os seus graves problemas, os grupos minoritarios e máis necesitados da nosa sociedade non son considerados persoas como nos poden considerar a nós. Nunha época na que os dereitos fundamentais de todo ser humano son ben coñecidos por todo o mundo, isto é algo que non deberíamos consentir, menos todavía por parte dos nosos xornalistas, tendo en conta a responsabilidade coa que cargan.

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s