Criminalización do independentismo e da copa menstrual

Figueroa Torres, Iria (S2A1)

 

dels-CUP-que-no-CDC_1439266101_24563508_1500x1001
Os deputados das CUP no Parlament, Antonio Baños e Anna Gabriel, facendo o símbolo feminista nun mítin do partido. Foto por Cristina Calderer para http://www.ara.cat

 

O delito que os medios lle imputan á Candidatura d’Unitat Popular (CUP) é o de defender métodos alternativos para a menstruación, como poden ser as esponxas mariñas ou as copas menstruais. Os titulares?: A CUP de Manresa, contra compresas e tampóns, A CUP quere substituír os tampóns e as compresas por esponxas mariñas ou A CUP de Manresa, contra os tampóns e compresas tradicionais.

Os feitos que nos ocupan son unha moción do grupo municipal da CUP en Manresa na que se defendía unha mellora do apoio que reciben as adolescentes durante o comezo do seu ciclo menstrual, pulando tamén polo emprego de métodos alternativos para a recollida do sangrado, como poden ser as mencionadas copas menstruais ou esponxas mariñas.

Nas noticias que recollen a proposta, podemos atopar enunciados como “sorprendente proposta da CUP de Manresa”, ou “nun intento de fuxir dos «intereses comerciais», a CUP de Manresa decántase polos métodos alternativos en contraposición aos tradicionais”. O que non mencionan ningún destes é a maior conveniencia sanitaria da copa menstrual, ou mesmo da esponxa mariña, no canto dos tampóns e compresas tradicionais (son hipoalarxénicas, non están asociadas ao Síndrome do Shock Tóxico que poden provocar os tampóns, non desprenden cheiro, non interfiren co pH vaxinal, non resecan, están indicadas para mulleres coa entorna vaxinal delicada e non desprenden as fibras que pode desprender o algodón dos tampóns).

Alén disto, outras vantaxes máis evidentes de métodos como a copa menstrual tampouco son mencionados, nin o feito de que sexan reutilizábeis e supoñan un enorme aforro (dato relevante tendo en conta que os produtos para a menstruación non teñen o tipo impositivo de produtos de primeira necesidade) e un impacto ambiental moito menor, nin o feito de que pode durar moito máis ca un tampón e de que se pode empregar durante a noite.

Son múltiples os datos que nos refiren aos puntos positivos do emprego da copa menstrual, e aínda que loxicamente tamén ten algúns negativos (maior dificultade de colocación ou un posíbel maior perigo de fugas), nin sequera estes son mencionados na crítica cara a estes sistemas alternativos. A única crítica que se realiza é mediante un desprezo “subliminal” cara á proposta, ridiculizando que se rexeite algo tan interiorizado na nosa vida diaria como as compresas e os tampóns e tratando de visibilizar moito máis a proposta do emprego dun método máis descoñecido (a esponxa mariña) có máis popular e xa cada vez máis estendido (a copa menstrual).

A persecución dos medios de comunicación cara a aqueles partidos políticos que seguen ideoloxías opostas ás da súa liña editorial non entende de respecto cara ao medio ambiente, nin cara á saúde das mulleres, nin cara aos nosos petos. Parece que o único que importe sexa demonizar todo aquilo que fagan, no canto de analizar por que se fai e que se pretende.

Referencias:

Redacción El Periódico (20 de abril 2016), La CUP de Manresa, contra compresas y tampones. elPeriodico.com. Recuperado de: http://www.elperiodico.com/es/noticias/extra/cup-manresa-propone-alternativas-compresas-tampones-menstruacion-5069704

Redacción La Voz de Galicia (20 de abril 2016), La CUP de Manresa, contra los tampones y las compresas tradicionales. lavozdegalicia.es. Recuperado de: http://www.elperiodico.com/es/noticias/extra/cup-manresa-propone-alternativas-compresas-tampones-menstruacion-5069704

Redacción ABC (20 de abril 2016), La CUP quiere sustituir los tampones y las compresas por esponjas marinas. ABC.es. Recuperado de: http://www.abc.es/espana/catalunya/abci-defiende-metodos-alternativos-compresas-y-tampones-para-regla-201604201404_noticia.html

Revisión da editora: 21/04/2016 – 19:00

Revisión do GBO: 21/04/2016 – 21:00

Publicación: 21/04/2016 – 23:00

 

 

 

Advertisements

9 comentarios en “Criminalización do independentismo e da copa menstrual

  1. Mouriño Almeida, Jacobo – S2D6

    Este é un exemplo máis de que todo vale nos grandes medios de comunicación para atacar ós partidos de esquerdas e/ou nacionalistas dunha manera que vai máis alá da liña editorial. Intentan crear medo a calquera costa, coma neste editorial de El Mundo (http://www.elmundo.es/opinion/2015/10/11/56197cd6e2704eea738b45a0.html) que lles dedica frases tan cuestionábeis coma que o seu programa de choque contra a pobreza “expulsaría a Cataluña de la zona euro para hundirla en un modelo más propio de las extintas repúblicas soviéticas”, aproveitando a demonización xeneralizada dos países socialistas na prensa española. Ou que son un partido de “ultraizquierda” e “antisistema” que “no tiene ningún pudor en exhibir un mensaje extremista”. E se para iso teñen que ser tan rancios como para atacar métodos alternativos para a menstruación a pesar de ser máis baratos e duraderos, da o mesmo.

    As manipulacións e contradiccións, de feito, chegan a ser tan claras que tórnanse absurdas. No caso de Catalunya, criticaron que Junts pel Si se beneficiase do sistema electoral inxusto e pouco proporcional que funciona no estado español, mentres o consenten e incluso defenden no caso do partido popular ou do PSOE. Ou no caso de Venezuela, que sae sospeitosamente moito na prensa española, chaman a Maduro dictador por utilizar o seu poder executivo para paralizar medidas da Asamblea Nacional cando Rajoy está facendo polo menos o mesmo dende o goberno en funcións e o senado. Xa non saben que facer para deter a decadencia dos grandes partidos de dereitas que nos gobernaron ata agora.

    Revisión da coordinadora: 22/04/2016 ás 17:50
    Autor e editor son a mesma persoa

    Gústame

    1. Iria Figueroa Torres – S2A1

      Moitas grazas polo teu comentario, Jacobo, achegas unha boa cantidade de ideas interesantes.
      Efectivamente, na entrada referinme á inmediata crítica, sen previa análise de fondo nin verdadeira valoración, que se fai nos medios cara a calquera iniciativa levada a cabo por un partido político de ideoloxía contraria á da liña editorial do medio en cuestión; porén, cando falamos do nacionalismo, da esquerda, ou non digamos xa do comunismo, isto acrecéntase “sospeitosamente”.
      Máis alá de liñas editoriais, fica claro que o socialismo é a alternativa que pode ameazar o actual réxime mundial (e que no caso do estado español, o nacionalismo é o gran medo do sistema) e que aos medios de comunicación de masas (garantes, perpetuadores e defensores do réxime capitalista e imperialista no que vivimos) o que lles convén é silenciar ou criminalizar todo o que rodee a estas ideoloxías.
      En canto ao silenciamento, nada novo baixo o sol: hoxe mesmo, un medio galego como é La Voz de Galicia non outorgaba ningunha cobertura a que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza condenara a Xunta por infracción grave dos dereitos de traballadoras do Sergas (http://www.sermosgaliza.gal/articulo/traballo/xunta-condenada-infraccion-grave-dereitos-traballadores-do-sergas/20160422122759046950.html). Porén, amencíamos vendo moi visíbel na súa páxina web que “Correa aproveita o terremoto para subir os impostos de Ecuador” (http://www.lavozdegalicia.es/noticia/internacional/2016/04/22/correa-aprovecha-terremoto-subir-impuestos-ecuador/0003_201604G22P24991.htm). Ecuador, ese país do que só interesa falar cando é para criticar ao goberno. E así, día tras día, medio tras medio.

      Gústame

  2. María Aneiros Aneiros – S1A1

    Boas Iria,

    O principal “erro” que cometeu a CUP que a levou a esta polémica é falar do que ninguén quere falar. O certo é que está científicamente demostrado que os métodos tradicionais para a recollida do sangrado durante a menstruación provocan moitos máis problemas de saúde que os novos métodos, aída descoñecidos por moitas. Sabes cal é o problema? Que ademais de producir máis problemas de saúde, tamén producen máis beneficios económicos. Unha copa mentrual teño entendido que ronda entre os 30 e os 40 euros e que pode durar anos e anos se se cuida adecuadamente. Porén, calquera muller estará de acordo conmigo en que 40 euros en tampóns e compresas non cubren nin seis meses de período. Ás empresas non lles convén que se fale disto, porque podería supor unhas perdas monetarias xigantescas para a industria da hixiene feminina, polo tanto os medios tamén permanecen calados ao respecto, pois non podemos olvidar que os medios son financiados pola publicidade de empresas privadas, ademais de por subvencións estatais, en nin empresarios nin gobernantes queren que a copa menstrual triunfe sobre os tampóns e as compresas

    Gústame

    1. Iria Figueroa Torres – S2A1

      Moitísimas grazas polo teu comentario, María, porque sacas á luz un asunto de vital interese. No meu post quíxenme centrar na ridiculización inmediata que se fai de todas as propostas presentadas polos partidos políticos de ideoloxía contraria á liña editorial do medio en cuestión, sen entrar a valoralas nin analizalas realmente, pero efectivamente no que respecta á copa menstrual hai outros elementos en xogo. Xa non é o vomitar unha inmediata crítica cara ás CUP por propoñeren “rematar cos tampóns”, senón protexer as empresas que producen eses tampóns e esas compresas e que poden estar a financiar o medio, ou que nalgúns casos poden ter grandes accionistas que coincidan cos accionistas do medio en cuestión.
      Efectivamente, a copa menstrual, que ten un prezo en torno aos 20 ou 30 euros, é reutilizábel. Dependendo da marca, se é correctamente esterilizada e limpada con frecuencia, pode durar até dez anos, o que suporía un aforro de até 600 euros en relación ao número de compresas e tampóns que podemos usar nese período (http://www.lacopamenstrual.es/porque-es-mejor/mejor-para-tu-bolsillo/). E aínda que non chegara a durar até ese máximo: realmente en menos de medio ano o seu prezo xa está completamente amortizado. Mires por onde a mires, é unha gran inconveniencia para as grandes empresas e efectivamente aos medios de comunicación non lles interesa difundir a súa existencia nin os seus beneficios.

      Gústame

  3. Ola compañeira!

    Atopámonos ante a máxima politización mediática que dende hai un tempo pretende marxinar e aniquilar os nacionalismos. O afán destrutor é total. Chégase ata o punto de criminalizar un movemento por defender unha alternativa que, ademais de ser máis barata, é bondadosa ca saúde e co medio ambiente.

    Resulta curioso que medios como ABC, exemplo do que falo no parágrafo anterior, publicasen novas aínda hai tempo promocionando e dándolle espazo a esta alternativa.

    http://www.abc.es/salud/noticias/20150209/abci-menstruacion-copa-menstrual-201502062030.html

    Que pasaría se o apoio á copa menstrual partise do Partido Popular, PSOE, Ciudadanos ou Podemos? Obviamente, a alternativa convertiríase no dogma.

    Gústame

    1. Figueroa Torres, Iria – S2A1

      Moitas grazas pola información que ofreces, Ana, porque resulta moi clarificadora co tema que eu pretendía tratar ao amosar como un medio se pode posicionar totalmente a favor e totalmente en contra do mesmo dependendo de onde proveña a proposta.
      Efectivamente, hai aproximadamente un ano (que é de cando data a noticia que adxuntas) a copa menstrual comezou a ser coñecida no Estado español e comezaron a xurdir noticias e artigos nalgúns medios que falaban da mesma e dos seus beneficios. Tan só un ano despois, e no mesmo medio, de súpeto resulta unha alternativa ridícula e tola.
      Que puido pasar para que se producira este cambio de opinión? Pois que un partido independentista decidira visibilizala e dar a coñecela entre as mozas.
      Efectivamente, xórdeme a mesma dúbida que a ti: se a proposta saíra dunha forza de corte estatal, recibiría este terríbel tratamento informativo? Eu creo que non.

      Gústame

  4. Boas Iria!
    Estou totalmente dacordo co que expuseches no teu artigo. Dende a miña perspectiva non soamente os medios de comunicación os que apuntan co dedo a xente que quere empregar algún avance, senón a sociedade enteira. A maior parte da xente presume de ser leberal pero á hora da verdade sempre se mostra receloso ante este tipo de novidades. Probablemente sexan os medios de comunicación os grandes culpables disto, xa que queiramos ou non, estamos totalmente influenciados polo que lemos nos xornais e polo que vemos nas noticias.
    Nest artigo do país podemos leer unha pequeña crítica encuberta ás esponxas marñas das que falas http://verne.elpais.com/verne/2016/04/20/articulo/1461161580_616154.html cómo podemos pretender que a sociedade avance se nos mostramos reacios cada vez que aparece algo diferente? É imposible non quedar ancorado no pasado se se aferra firmemente ós seus ideais. Este artigo destapa bastante controversia sobre cal é o verdadeiro interese da sociedade http://www.lavanguardia.com/vida/20160422/401279154258/ecomujeres-nueva-fe.html
    Se continuamos con esta desinformación por parte dos medios de comunicación o único que conseguiremos serán noticias como esta, que nos informa de que os adolescentes non saben como usar un preservativo http://www.clarin.com/sociedad/mitad-adolescentes-usa-mal-preservativo_0_1435656614.html é necesario que esta situación cambie e que todo o que teña que ver coa sexualidade normalícese no noso país.
    Revisión editor: 26/04/2016 14:30
    Revisión coordinador: 26/04/2016 15:30
    Publicación: 26/04/2016 16:52

    Gústame

    1. Figueroa Torres, Iria – S2A1

      Moitas grazas polo teu comentario, Susana. Partillo plenamente a opinión da máxima gravidade que ten a nula educación sexual existente no estado español e a posíbel relación da mesma co tema abordado sobre os métodos alternativos de recollida do sangrado durante a menstruación.

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s