Desenredar as frases para mellorar a comunicación cos xordos

Reino Gorín, Lola Antía- S3A1

a dos velas
Fonte: El País

Moitas veces empregamos expresións ou frases feitas que, sen decatarnos, damos por sentado que todo o mundo vai comprendelas ou que non resultarán ofensivas para ninguén. Porén, ao entrar en contacto coa comunidade xorda, démonos conta da pouca claridade coa que nos expresamos nos medios de comunicación. Por intentar resultar máis “formais” acabamos empregando oracións moi rebuscadas que se afastan da sinxeleza que debe caracterizar ás informacións aportadas por xornalistas, pois o seu deber é facer chegar as novas a todo o mundo defendendo o seu dereito a ser informados.

Estas frases feitas normalmente adoitan usarse nas seccións de opinión ou deportes, pero non deixan de ser unha parte divulgativa dun xornal que tamén debe estar ao alcance dos xordos. Nesta columna de Periodista Digital, emprégase a expresión “estar a dúas velas”, que como nos explicou Andrés Caamaño nun dos nosos encontros, é unha expresión que aínda que xa ten un xesto de por si, é moi difícil de entender para unha persoa xorda. Por que lles custa comprender a ampla variedade de frases feitas, expresións e refráns que ten a lingua española ou galega? Porque na linguaxe de signos a comprensión das palabras é estritamente literal, cun xesto que empregas para facer un dous e simulas as velas eles entenderán iso, que hai dúas velas, pero se non lle explicas o significado non alcanzarán a comprender o que lles queres dicir. Outra expresión que tamén se utiliza é “facerse o sueco”, e que atopamos neste artigo do ABC, que está cheo de outras moitas expresións similares e igual de difíciles. Con poucas palabras pode dicirse o mesmo sen recorrer a estas expresións que fan que as persoas con deficiencias auditivas opten por non ler o xornal, despois de ter que pasar moitos esforzos para descifrar o que pon. Algunha outra expresión como pode ser “ao pe da letra” nesta entrevista de Diario de Córdoba tamén entorpece a lectura, sen ser necesaria esta interrupción.

Outra das expresións que me gustaría destacar e que aparece constantemente na prensa, nos discursos, nas columnas de opinión… é a de “facerse o xordo”. Pode resultar ofensiva para aquelas persoas que, por desgracia, son xordas. José Antonio Estévez, membro do noso círculo de lectura crítica e hipoacusio, fixo referencia a este tipo de expresións nun dos debates. El ten unha situación diferente: leva audífono pero aínda así non pode escoitar con plenitude polo que moitas veces a xente bromea dicindo que “so escoita o que quere escoitar”. Son expresións que feren os sentimentos deste colectivo, que se esforza por poder comunicarse cos demais sen que se noten esas diferenzas, e que son empregadas cunha connotación negativa. É sorprendente a cantidade de veces que sae esta frase feita nas novas tanto de Galicia como de España. Algúns exemplos están no Correo Gallego ou La voz de Galicia, pero hai exemplos peores como este do Diario de León, que emprega unha cita como titular que fai referencia a xordos e cegos, algo totalmente innecesario. É preciso que este tipo de expresións desaparezan no ámbito dos medios de comunicación para que este grupo se poida sentir realmente incluido, sen ser utilizada a súa situación como un insulto. Aprender a utilizar os termos adecuados para respectar aos cidadáns é tarefa de calquera xornalista. Igual que explicaba a miña compañeira Lucía Rodríguez nun dos seus últimos artigos que non se debe empregar xordomudo para toda a comunidade xorda porque pode resultar ofensivo, de igual xeito deben eliminarse outros termos e frases que denoten desprezo cara eles.

Por último, xa non son só as frases feitas ou expresións as que dificultan a lectura, tamén hai que ter en conta a sintaxe empregada. Coma indicaba ao principio, en moitas ocasións pretendemos parecer “eruditos” e escribir dun xeito máis “formal”, sen decatarnos de que os xornais son información do pobo, sobre o pobo e para o pobo. Tendo en conta isto, a claridade e a sinxeleza son dous parámetros clave que se deben asumir en calquera tipo de texto xornalístico. O mellor exemplo disto e que serve tamén para ver o pouco que avanzou o xornalismo neste ámbito, tróuxonolo Andrés, que lendo o titular da seguinte nova tivo que ler todo o texto para comprendelo: “La Asociación de Sordomudos leyó la conversación de los duques de Lugo durante la boda”. A nova é de 1995 e trata sobre a conversa privada que mantiveron os duques mentres se casaban e que soamente puido traducir dita asociación mediante a lectura dos labios. Aínda así, este é un titular difícil de entender mesmo para un ouvinte e, tras o noso análise diario dos medios de comunicación no Observatorio, vemos que isto segue a ser exactamente igual na actualidade. No noso traballo como xornalistas debemos avogar polo dereito á comunicación dos cidadáns, visibilizar os seus problemas (neste caso a falta de comprensión das novas) e buscarlles solución. Cun pequeno esforzo pola nosa parte para ser máis concisos na nosa forma de comunicar facilitarémoslles moitísimo a comprensión, fomentaremos a lectura e manteranse ben informados.

 

Referencias

GARCÍA, F. (2016). “Han estado ciegos y sordos con los ránkings”. [online] Diario de León. http://www.diariodeleon.es/noticias/leon/han-estado-ciegos-sordos-rankings_1058846.html (Consultado 16 Abril 2016).

Global, El (2016). La Generalitat valenciana hace ‘oídos sordos’ al pago de intereses a farmacias. [online] Elglobal.net. http://www.elglobal.net/noticias-medicamento/2016-04-08/farmacia/la-generalitat-valenciana-hace-oidos-sordos-al-pago-de-intereses-a-farmacias/pagina.aspx?idart=976096 (Consultado 16 Abril 2016).

LÓPEZ, S. (2016). Venezuela, a dos velas. [online] Periodistadigital.com. http://www.periodistadigital.com/opinion/columnistas/2016/04/10/venezuela-a-dos-velas.shtml (Consultado 16 Abril 2016).

GARÓFANO, L., Vivienda, S., Farmacéutico, C., Médico, D., Búho, E., Editorial, E., Editorial, U., Empleo, E. and Editorial, E. (2016). El Supremo falla contra el modo en que se suprimió una unidad de élite de la Guardia Civil. [online] ELMUNDO. http://www.elmundo.es/andalucia/2016/04/15/57112faf468aebb8748b465a.html (Consultado16 Abril 2016).

VERDÚ, R. (2016). Piden retirar mallas en mal estado de edificios ruinosos en Padrón. [online] El Correo Gallego – Diario de la Capital de Galicia: http://www.elcorreogallego.es/area-de-compostela/ecg/piden-retirar-mallas-mal-estado-edificios-ruinosos-padron/idEdicion-2016-01-18/idNoticia-974897/ (Consultado 16 Abril 2016).

Voz de Galicia, La (2016). [online] Lavozdegalicia.es. http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/lalin/2016/03/18/cuina-reitera-demanda-ambulancia-medicalizada-lamenta-sanidade-negase/0003_201603D18C3994.htm (Consultado 16 Abril 2016).

  • Revisión do editor: 20/04/2016 14:30
  • Revisión do coordinador: 20/04/2016 23:00
  • Publicación: 21/04/2016 15:31
Advertisements

6 comentarios en “Desenredar as frases para mellorar a comunicación cos xordos

  1. Losada Miguéns, María S2B

    Moi boas Antía, dende logo comparto contigo a preocupación pola pouca accesibilidade que teñen os medios de comunicación para determinados colectivos, como pode ser o das persoas con discapacidade auditiva. Comparto tamén a necesidade de utilizar nos medios unha linguaxe que se alonxe da vulgaridade pero que fuxa dos formalismos, para que poida ser entendida con máis facilidade.

    Porén, no tocante ás frases feitas empregadas, a solución paréceme máis difícil. Evidentemente, deberían ser eliminadas todas aquelas que poidan resultar dañinas ou ferir sensibilidades, e todas aquelas utilizadas en sentido pexorativo para un colectivo. Mais pareceme difícil eliminar completamente as frases feitas da linguaxe xornalística, xa que son unha forma de expresión da linguaxe presente na meirande parte das formas de comunicación e plenamente integradas na lingua, e que non fan senón enriquecela.

    Dende logo, como comentabas o uso nos medios de comunicación de expresións como “facer oídos xordos” son unha costume xa nos medios, que deberían revisar, apostando por unha linguaxe máis inclusiva. Os exemplo son tan habituais que todos os días temos varios casos nos medios:

    http://www.eldiario.es/sociedad/Herrera-UE-vision-combatir-despoblacion_0_507449894.html
    http://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/vigo/2016/04/21/barcos-atracados-vigo-alquilan-habitaciones-parking-terraza/0003_201604V21C1993.htm

    Un saúdo,

    Revisión da coordinadora: 21/04/2016 ás 18:49

    Gústame

    1. Reino Gorín, Lola Antía- S3A1
      Ola María! Xa sei que no tocante ás frases feitas é moi complicado eliminalas, pero a maioría son innecesarias ou poden substituirse por frases máis comprensibles. Se se quixera manter unha frase feita nun texto xornalístico por motivos estilíticos, penso que se debería poñer ao lado unha explicación entre parénteses ou comas. O contexto é o que lles dá información aos xordos sobre o que queremos dicir, xa que eles non empregan a mesma estructura sintáctica ca nós. Por iso, cada vez que len calquera tipo de texto escrito por un ouvinte xa están facendo un esforzo de comprensión bastante considerable, como para que nós lles compliquemos aínda máis a lectura con “florituras”. Coincido en que as frases feitas e expresións supoñen unha riqueza léxica para o español, pero penso que para “escribir bonito” xa están as novelas, os xornalistas tentamos informar, formar e, se se pode, entreter, non estamos para expresar beleza nos nosos textos. Por iso, é o nos traballo facer chegar a información a tódolos nosos lectores, os xordos incluidos. Aquí che deixo unha ligazón a un blog en que dan certas pautas para mellorar a comunicación cos xordos e unha xustificación para cada unha delas: http://www.xtec.cat/~cllombar/espanol/informacio/informacio.htm. Tamén máis amplamente podes ollar este estudo sobre a comunicación coas persoas xordas: http://www.unapeda.asso.fr/article.php3?id_article=618. Aquí inclúense exemplos de prácticas que poden dificultar a comunicación dun xordo, como cando un profesor da a explicación de costas ao alumnado mentres escribe no encerado.
      Por último, como ti dis, hai moitos exemplos na prensa española de estas expresións que poden resultar ofensivas ou irrespectuosas. Onte mesmo publicábase no ABC (http://www.abc.es/espana/abci-dialogo-sordos-entre-sanchez-iglesias-201604201217_noticia.html) o seguinte titular: “Diálogo de sordos entre Sánchez e Iglesias”. Este tipo de prácticas xornalísticas son as que debemos cambiar para respectar a tódolos colectivos e permitir o seu dereito á comunicación. Non son eles os únicos que deben adaptarse a un mundo de ouvintes, tamén nós pola nosa parte debemos facerlles máis doada esa adaptación e integración, como cando chega un alumno de erasmus a unha clase e os compañeiros tradúcenlle o que non entende pero se explican na súa linguaxe dunha forma máis comprensible para el.

      Gústame

  2. González Núñez, Ana – S2A6

    Este artigo resultoume moi interesante. Nunca nos paramos a pensar na importancia da linguaxe e o coidado que deberíamos ter co seu uso. Os medios de comunicación deberían ser máis coidadosos con este tema, sobre todo á hora de empregar determinadas expresións. Ten que ser moi duro para unha persoa con deficiencia auditiva ler un xornal e non enterarse do que está a ler. Pero o certo é que en todas as linguas existen este tipo de expresións e frases feitas. Unha persoa que está acostumada a ler un xornal ten que entender esas frases tan típicas da prensa.

    Por outro lado, respecto ás expresións como “facerse o xordo” ou “facer oídos xordos”, é certo que poden resultar ofensivas para unha persoa con deficiencia auditiva. Neste aspecto, os medios deberían ter moito máis coidado co uso da linguaxe, xa que estas frases as podemos atopar todos os días na prensa e son totalmente innecesarias Por exemplo, a seguinte noticia utiliza a expresión “facer oídos xordos” no seu penúltimo parágrafo. https://www.diagonalperiodico.net/global/30117-criticas-y-division-interna-llevan-ahora-madrid-posponer-reglamento-vivienda-municipal

    Gústame

    1. Reino Gorín, Lola Antía- S3A1
      Ola Ana! Alégrame que che interesase este artigo xa que non é un tema que se trate habitualmente e necesita ser visibilizado. Os termos, expresións, frases feitas… hai que coidalos moito porque o que nos contemos nos medios de comunicación ten moita repercusión na sociedade e pode marcar unha opinión pública ou mesmo unha ideoloxía, por algo se lle chama o cuarto poder. O problema non é que estean máis ou menos afeitos a ler a prensa, senón que non hai quen lles explique este significado. Se ti estás nunha clase de inglés e sae algunha frase que ti descoñeces porque o inglés non é a lingua que dominas, pero tampouco tes as ferramentas comunicativas suficientes para coñecer o seu significado, por moitas veces que empreguen esas frases continuarás sen entendelas. A raíz desta problemática esta na educación, que non lles permite a ouvintes e a xordos ser totalmente bilingües e, se non hai formación, hai pouco coñecemento. Pero se a educación non adaptada e os medios tampouco colaboran a mellorar esa comunicación co colectivo dos xordos, o problema agrávase. E neste caso so me refiro, como ti dicías, a aquelas expresións máis cotiás empregadas nos medios. Porén hai moitas outras que son ofensivas o moi complicadas e que so sería posible explicarllas traducíndoas ao seu idioma. Para resolver isto e mellorar a canle comunicativa recoméndoche que leas a resposta ao comentario anterior a María Losada, ou ben que olles esta páxina: http://aprendelenguadesignos.com/pautas-para-la-comunicacion-con-una-persona-sorda. Con esforzos moi pequenos podemos cambiar completamente a súa forma de comunicarse con nós e mellorala moitísimo.
      Por outra banda, como ben explicaches, hai exemplos destas expresións mal usadas ou ofensivas tódolos días e o peor é cando aparecen xa no titular: http://www.bolsamania.com/noticias/analisis-tecnico/el-eurodolar-hace-oidos-sordos-a-las-palabras-de-mario-draghi–1132161.html ou http://www.diariocritico.com/noticia/497086/nacional/rajoy-y-puigdemont-dos-horas-y-pico-de-dialogo-de-sordos-.html. Da igual se son xornais especializados, como no primeiro enlace sobre a bolsa, ou xeneralistas como o segundo. Todos os medios de comunicación deben fixarse no tratamento da información respectando a tódolos seus lectores e permitindo o seu dereito á información adaptando os seus contidos.

      Gústame

  3. Álvarez Álvarez, Juncal (S1C3)

    Ola, Antía,

    é moi interesante a perspectiva empregada no teu artigo. As frases feitas poden resultar moi confusas para persoas que non compartan noso mesmo tipo de linguaxe. É curioso que ao informarse sobre a linguaxe de signos, resulta que ten unha construción sintáctico-morfológica totalmente distinta, polo que en ocasións poden chegar a ter máis problemas coa lingua escrita do que nos imaxinamos.

    Neste artigo (http://www.dicyt.com/noticias/una-investigacion-revela-as-estratexias-de-lectura-de-as-persoas-xordas) explican como funciona o sistema de lectura das persoas con problemas auditivos. Revelan que teñen problemas en xeral ao identificar palabras que non expresan contido, como artigos, preposicións ou conxuncións. Isto subliña a necesidade de realizar noticias cunha linguaxe sinxela, tal e como apuntabas. Pois o uso rebuscado da linguaxe, non só de expresións ou palabras contrarias ao seu significado natural, pode chegar a entorpecer a lectura de moitas formas.

    Doutra banda, en neste outro estudo (http://mingaonline.uach.cl/pdf/estped/v31n2/art08.pdf) apúntase que unha das razóns que levan ás súas dificultade na lectura débese á tardía detección da falta auditiva. Aínda que volve insistir tamén na estrutura totalmente distinta da linguaxe de signos e no seu léxico máis reducido. Todo este conxunto de factores fai que se deba tomar en conta a necesidade dun xornalismo cunha linguaxe que realmente sexa entendible para todo o mundo e que (por suposto) non utilice expresións ofensivas.

    Revisión GBO: 26/04/2016 1:40

    Gústame

    1. Reino Gorín, Lola Antía- S3A1

      Ola Juncal! Grazas polas túas aportacións e, como ti dis, o problema radica nesa estructura distinta que eles empregan pero tamén na falta dunha boa educación e de ferramentas comunicativas adecuadas. Respecto a este tema de ler e escribir, hoxe en día temos a sorte de que internet axudou moito a este colectivo e ás persoas que conviven con eles e non saben moi ben como actuar. Podemos atopar blogs (http://maestradesordos.blogspot.com.es/2012/10/pueden-los-sordos-aprender-leer-de.html) ou vídeos en youtube a modo de tutoriais (https://www.youtube.com/watch?v=dYjwufrjozc) e moitas outras ferramentas como tradutores ou redes sociais máis visuais como o Skype. Se che interesa este tema, recoméndoche que leas o meu artigo adicado a especialmente a iso, no que podes ver estudos e avances que facilitan a comunicación con eles: https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2016/03/17/os-xordos-poden-ler-e-escribir/. Como ves, é a nosa obriga estar informados sobre estes temas para saber como facer un tratamento informativo adecuado e visibilizar os seus problemas. Se nós non facilitamos a comunicación con eles, eles non poderán participar da sociedade do mesmo xeito cun ouvinte. Debemos garantir que as nosas novas chegan a todo o mundo e que esas novas traten sobre aqueles temas que afecten aos nosos lectores, tendoos a eles como fontes primeiras, deixando a un lado esa visión manipulada dos feitos dos gobernos e das empresas. Na nosa labor no Observatorio pretendemos dar a coñecer os problemas do colectivo e, sobre todo, aprender e ensinar o que aprendemos, sobre seu mundo, o tratamento informativo, as posibles melloras nos medios… todo o que eles pensen que é necesario visibilizar e que os medios de comunicación non están contando. Para iso, non só investigamos pola nosa conta sobre os temas que máis nos chaman a atención, tamén realizamos círculos de lectura crítica nos que eles analizan os medios de comunicación, aportan a súa opinión e explican a realidade que eles viven, os problemas aos que se enfrontan día a día. Recoméndoche que lles botes unha ollada, saíron temas moi interesantes. Nestes círculos algúns dos membros dixeron que nós seremos a semente que pode xerminar nunha nova maneira de facer xornalismo máis sensibilizada co seu colectivo e máis comprometida coa cidadanía. Ogallá que poidamos cumprir coas súas expectativas.
      Un saúdo!

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s