III Círculo de debate. Terceira Idade.

Este post ten como finalidade a análise tanto do contido como da forma das conversas que tiveron lugar no noso Círculo de Lectura, o cal levamos a cabo na facultade de Ciencias da Comunicación da USC o pasado martes 12 de abril.

Neste terceiro encontro, reuníronse os cinco integrantes dos círculos anteriores: Jorge Negreira, Benancio Martínez, Manolo Martínez, Carmen Albores e José Filloy. Todos eles mostraron gran interese por realizar este encontro e defender as súas visións sobre os medios e a sociedade en xeral, polo que a dimensión máis tratada neste post foi a relacionada co tratamento informativo. Non obstante, os participantes tocaron temas xa tratados, tales coma o sexismo ou a soidade dos anciáns, mais estes non serán analizados na presente publicación (xa foron estudados nos anteriores círculos).

Desta vez,a conversa foi iniciada pola integrante feminina, Carmiña, que falou sobre como se ve en relación á sociedade. En principio todos coincidían en que non se senten infravalorados, pois afirmaron que o desprezo que poden chegar a experimentar non é motivado pola súa condición de persoas maiores, senón porque toparon con xente maleducada. Pero pouco a pouco foron profundando no tema e comezaron a saír discrepancias entre os membros e queixas por parte da maioría con respecto ao seu tratamento nos medios de comunicación. A máis indignada pareceu ser Carmiña, que apuntou: “En los medios, pues una manera de despreciarnos es invisibilizarnos, porque no estamos visibles en la sociedad, una vez que te apartan te apartaron. Yo pienso que la gente mayor tiene mucho que aportar, mucho que decir y podría tener mucha función, mucho papel, mucho rol (…)”.  Isto aparece moi ben reflictido nesta noticia, na que se defende a necesidade de desmitificar a imaxe de obsolescencia e perda nos anciáns.

En canto á súa visión sobre a prensa, Carmiña apunta que os medios galegos seguen a mesma liña que os nacionais, exaltando a xuventude, xa que o maior é “feo e decrépito”. Ademais desta visión negativa cara eles mesmos, tamén saiu á luz a idea de que este colectivo é propenso a ser vítima de estafas como a acontecida en Murcia, tal e como mostraba a noticia aportada por Benancio. Esta reflexión axudounos a reafirmarnos nunha idea que xa fora tratada nun artigo individual do noso GT. Fronte a esta perspectiva tan negativa, xorde outra comentada por José Filloy, quen di: “Yo me siento normal como cualquier otra persona (…)”. En canto aos medios de comunicación, afirma José que se ri deles porque non lle importan, idea que comparte tamén Benancio. Isto lévanos a coñecer o concepto que teñen os maiores dos medios de comunicación de masas: non realizan un xuízo de valor, simplemente consumen a información. Así, vemos que ningún dos nosos indicadores se axusta especificamente ás ideas que xurdiron neste terceiro círculo, polo que sería necesario revisar a dimensión do tratamento informativo.

En momentos posteriores da conversación puidemos comprobar que todos os participantes do círculo coinciden en que o noso sistema social está sostido pola institución familiar, pois estes axúdanse uns ós outros. Os maiores axudan economicamente, co traballo no fogar e co coidado dos netos. Son a rede que está sostendo a sociedade. Ademais disto, consideran que cando non poidan realizar estas tarefas por causas físicas, decidirán voluntariamente ir para unha residencia, o que non implica que a familia se esqueza deles. Porén, en ningún momento se formulan deixar de ser persoas activas, xa que teñen a firme convicción de que a inactividade acelera os procesos dexenerativos. demais de negarse á inactividade, propoñen que as autoridades poderían contar coas persoas maiores para declarar as cousas molestas que suceden nas cidades e que eles tamén sofren, mais chegaron á conclusión de que é máis cómodo non telos en conta.

Despois desta terceira e última charla, e como conclusión destes meses de traballo, o noso grupo decatouse de que a confianza entre os participantes medrou de forma considerable. Por unha banda, isto levou a obter un maior grao de liberdade de expresión, dado que os integrantes amosaron soltura á hora de falar sobre os seus puntos de vista. Por outra banda, isto fixo que se entorpecese a conversa en momentos puntuais e que esta se desviara constantemente do tema que se estaba a tratar. En resumo, pouco a pouco foron abandonando as posturas politicamente correctas para dicir o que senten e pensan realmente.

A evolución, polo tanto, deste grupo de traballo, foi notoria non só en canto á liberdade de expresión, senón tamén en canto á circularidade das conversas e á reciprocidade entre os membros.

No que atinxe á linguaxe non verbal, cabe dicir que os xestos foron menos forzados e máis naturais e espontáneos, creando así unha atmosfera de relaxación e bo ambiente. Entre as peculiaridades dos nosos participantes, cabe dicir que Carmiña foi a máis preparada e a que achegou máis noticias, ao contrario que Filloy, que non aportou ningunha. Benancio foi o máis reservado á hora de amosar a súa perspectiva, e Manolo e Jorge falaron das súas experiencias persoais dun xeito que ás veces chegaba a rozar a hilaridade, o que axudou enormemente á consecución dese clima relaxado que se comentou con anterioridade.

Unha vez analizada esta última conversa, e tendo en conta o falado durante toda esta publicación, chegamos ás seguintes conclusións:

  1. A dimensión que atinxe ao tratamento informativo debe ser revisada, xa que non existe ningún indicador que fale da invisibilidade do colectivo.
  2. Canto máis avanzou a comunicación interpersoal, máis se desenvolveu a comunicación comunitaria, posto que notamos que hai un maior sentimento de afinidade e comunidade entre os membros, ao compartir as mesmas inquedanzas e os mesmos problemas. Ademais, podemos advertir que se romperon as barreiras socioculturais que a priori os separaban.
  3. O máis importante para conseguir unha comunicación comunitaria é obter a participación dos propios afectados, co que se chega así a unha maior reciprocidade e, polo tanto, a unha mellor comunicación.
  4. A confianza na información dos medios de comunicación de masas é a base da comunicación comunitaria e da interpersoal. Isto móstranos a responsabilidade que temos que asumir os xornalistas.

 

Revisión editor 15:00

Revisón coordinador 18:00

22/04/2016

Advertisements

Un comentario en “III Círculo de debate. Terceira Idade.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s