As estafas e os timos á terceira idade

Fonte da imaxe: El Mundo

Fernández Peón, Alexandre – S2C2

Esta publicación ten como finalidade chegar a coñecer de que forma son tratadas as informacións vertidas polos medios de comunicación de masas en torno a un tema que sempre está de actualidade: os timos e as estafas. Para centrar máis o ámbito, só se falará aquí daqueles casos nos que as vítimas fosen persoas da terceira idade, colectivo que nos atinxe e que é moi vulnerable ante este tipo de prácticas. Así pois, para a fin proposta, utilizáronse noticias de diversos medios de comunicación.

Non obstante, antes de comezar coa análise, é necesario explicar que o indicador que vai primar neste post está inserido na dimensión “Autodeterminación das persoas” e non é outro que o de tratar a determinados individuos como se tivesen menor capacidade de decisión e de responsabilidade, polo mero feito de pertencer a un determinado grupo social. Así a todo, este tema xa foi falado no III Círculo de Debate.

En primeiro lugar, hai que ter en conta que os anciáns son as persoas que máis sofren este tipo de delitos, e que os corpos policiais xa están ó tanto disto, como podemos observar nesta noticia de La Tribuna de Cuenca, titulada “La Policía enseña a los mayores a no ser víctimas de timos y estafas”. Nesta nova, o que máis chama a vista é que non se lle chega a dotar de voz ós anciáns que acoden ás charlas sobre a prevención destes delitos e que a Policía sexa tratada coma un proxenitor que se dedica a protexer os seus fillos porque estes non teñen capacidades para facelo. Así pois, isto implica que os medios de comunicación prefiren negar o dereito á autodeterminación persoal dos nosos maiores. Estaría ben, por exemplo, en vez de dar só a palabra a membros dos corpos de seguridade do Estado, expoñer tamén a visión dos asistentes ás charlas, pois isto faría que mellorase a comunicación (tanto interpersoal como comunitaria).

Se pasamos á nova publicada en La Voz de Galicia, poderemos ver que se volve cometer o mesmo erro que no artigo anterior. Esta noticia fala sobre a detención de dous estafadores que deixaran atrás unha quincena de vítimas (na súa totalidade anciáns). Ademais de non procurar os propios protagonistas dos feitos, isto é, os afectados; tampouco se profunda na repercusión que supuxo para eles a estafa. As informacións convértense, pois, nunha mera consecución de feitos, mais non chegan a profundar o suficiente como para que o lector se involucre nelas.

En contraposición a isto último, atopamos esta noticia aparecida nos informativos televisivos de La 1. Vemos aquí que unha vítima das falsas revisións do gas expón a súa situación, o que, sumado á información xudicial, nos aporta unha nova perspectiva que nos fai achegarnos máis ós sentimentos dos afectados por estas prácticas.

Porén, e tendo en conta todo o mencionado, os anciáns son tomados nestas novas como individuos moi vulnerables ante as estafas e os timos mais, se ben é verdade que son as presas perfectas (por varios motivos, como que pertencen á franxa de idade con menor índice de escolarización e alfabetización), non é recomendable xeneralizar e moito menos fuxir dos seus puntos de vista sobre o asunto.

Horas de revisión e publicación:

-Revisión do editor: 25/04/2016 17:50

-Revisión do GBO: 25/04/2016 18:40

-Publicación: 25/04/2016 20:00

Advertisements

8 comentarios en “As estafas e os timos á terceira idade

  1. Adrián Álvarez Martínez S1B3

    Moi boas Xandre, primeiro felicitarche polo contido do post, xa que coido resulta dun valor informativo moi alto. Gústoume especialmete o punto no que falas do dereito á autodeterminación, que parece atropelado por un baremo arbitrario que conduce ao xeneralismo dos casos e non ao seu estudo exhaustivo. Falas da conducta paternofilial que semellan exercer os medios cara aos máis anciáns, o resultado é o empobrecemento das relacións entre grupos de idade, case me apena ler algunhas das noticias. Mais voltando á toma de decisións, gustaríame coñecer a túa opinión sobre este enlace de ElPeriódico.es [http://www.elperiodico.com/es/noticias/politica/que-voy-votar-monja-dado-sobre-4217297] no que máis que unha noticia parece que estemos a ler unha sátira. Por un lado a manipulación dun colectivo sobre un dereito fundamental, o de decidir.

    Un saúdo!

    Revisión do editor: 22:00

    Revisión do coordinador: 23:40

    Hora de publicación: 23:45

    Gústame

    1. Boas, Adrián. En primeiro lugar, agradecerche as túas palabras de alento e de felicitación pola publicación do post e pola súa calidade informativa. Sobre o enlace que adxuntache pouco hai que dicir, xa que, por desgraza, estamos ante unha práctica para nada fóra do común: utilizar os colectivos máis vulnerables para a consecución de determinados fins (cousa máis que palpable nese caso).
      Entendo que os paternalismos están ben en determinados casos nos que se tornan necesarios, mais penso que no caso do xornalismo non deberían existir. O máis recomendable, como expuxen nesta entrada, sería cederlle a voz ás propias persoas que sofren os feitos e non a terceiros.
      Finalmente, apuntar que levas toda a razón nesa última frase, na que dis que decidir é un dereito fundamental. Para que sigas polo mesmo tema, gustaríame deixarche o enlace a unha entrada dunha das miñas compañeiras do grupo S2C (https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2016/03/30/tenen-os-maiores-capacidade-de-autorrepresentacion/), na que se fala precisamente da capacidade de autorrepresentación das persoas da terceira idade. Ademais, nesta entrada aparece un caso de roubo de votos coma o que compartiches ti.

      Gústame

  2. Aixa Rodríguez Carballo S3D2

    Boas Alexandre!
    Paréceme moi interesante o teu artigo dándono a coñecer noticias nas que tratan ás persoas da terceira idade como inferiores e sen voz.

    Este tipo de cousas deberían mudar no mundo do xornalismo, os medios de comunicación deben dar voz a todas as persoas afectadas sexa cal sexa a súa idade. É certo que as persoas canto máis maiores son máis lle costa desenrrolar as súas capacidades, a moitos cóstalles ler, tardan máis tempo en entender algo,etc. As persoas que escriben ou falan nos medios non se dan conta que cando pasen unha serie de anos estarán nesa situación e non lles gustará que os traten así.

    Os anciáns merecen respeto, vexo ben que se lles advirta dos posibles timos que poden sufrir, pero co que xa non estou de acordo e coa noticia que mostra que a policía lles ensina a non ser víctimas de timo, porque como ven dis parecen nenos aos que hai que ensinar porque son inferiores. Unha falta de respeto hacia eles é empregalos para timalos e estafalos, non sei en que pensa a xente que o fai, non entendo como é capaz de facelo posto que a maioría dos anciáns desprenden bondade.

    Pero o peor é que hai moitas entidades bancarias que tamén se aproveitan das persoas maiores, xa que son moi fáciles de convencer para firmar cousas que despois os arruinan.
    http://www.lagacetadesalamanca.es/sucesos/2016/04/26/audiencia-juzga-ex-agente-bancario-acusado-estafar-veintena-vecinos/172913.html

    Menos mal que existen noticias nas que se lles da voz e se lles deixa explicar a estafa que sufriron, porque o mellor para evitar futuros timos é escoitando aos que xa os sufriron. Non nego que co que lle ensina a policía aprendan pero que mellor que escoitar aos cidadáns para aprender e non caer nos mesmo erros ca eles.

    http://www.laopiniondezamora.es/toro/2016/04/06/guardia-civil-alerta-aumento-robos/916181.html
    Nesta última noticia avísase aos anciáns de que teñan coidado e dánlle unha serie de pasos a seguir, pero volvemos a ver unha vez máis que non aparece a declaración de ningún.

    Gústame

    1. Fernández Peón, Alexandre – S2C2

      En primeiro lugar, gustaríame agradecerche a túa aportación, posto que falas dunha cousa que eu non tratara e que, non obstante, é de vital importancia para comprender este tema. Non me estou a referir a outra cousa que a ese aproveitamento ilícito das persoas da terceira idade. Ocorreu coas preferentes e tamén en casos coma o que ti adxuntaches en forma de enlace. Para dar un exemplo da cobertura informativa que reciben este tipo de feitos, deixo o link dunha noticia relacionada coas preferentes (enlace: http://www.elmundo.es/elmundo/2013/04/16/economia/1366134473.html).
      Por último, incidir en que os medios de comunicación non fan senón deixar máis ó descuberto a un colectivo xa de por si vulnerable.
      Un saúdo!

      Gústame

  3. Rodríguez Losada Adrián (S3D3)

    Boas Alexandre
    Os argumentos espostos no teu post son unha boa explicación de ata que punto este colectivo de terceira idade pode chegar a ser considerado como ¨moi vulnerable¨ por parte dos medios de comunicación, e en definitiva pola sociedade.
    A labor dos medios de comunicación non só é documentarse da información, senón tamén ofrecela ao público de un xeito o máis preto da realidade posible, e iso conséguese, co que comentas ti, facendo partícipes a cada unha das voces que forman parte das novas.
    Son moitas as noticias que salientan a falta de autodeterminación dos anciáns.O xornalismo debe ser moi codadoso, pero a mentalidade do resto da poboación ainda máis, senón seguiremos tendo noticias coma estas tódolos días nos xornais.
    http://www.elperiodico.com/es/noticias/sociedad/detenidos-tres-ladrones-por-robar-ancianos-distrayendoles-con-abrazos-5042432
    http://cadenaser.com/emisora/2016/04/13/radio_murcia/1460542227_700860.html

    Gústame

    1. Fernández Peón, Alexandre – S2C2

      Boas, Adrián. En primeiro lugar, gustaríame agradecerche a túa intervención en forma de comentario nesta entrada. Entrando no tema, teño que dicir que, por desgraza, o tipo de informacións que ti adxuntaches como link está á orde do día. Creo que xa non paga a pena dicir moito máis desas prácticas tan nocivas para a sociedade. Porén, penso que si é positivo entender e facer unha análise crítica acerca do tratamento que reciben estes feitos nos medios de comunicación masivos.
      Na miña opinión (e supoño que coincidiremos), o xornalista non só se debe limitar a informar, senón que tamén debe formar á poboación no relacionado cos seus dereitos como cidadáns e como actores dos feitos. Así pois, paréceme deleznable a invisibilidade que sofren os colectivos vulnerables nas informacións que, de feito, están relacionadas de xeito directo con eles.
      Un saúdo!

      Gústame

  4. Figueroa Torres, Iria – S2A1

    Moitas grazas polo teu artigo, Alexandre, porque acho que é moi necesario. Efectivamente, ao tempo que é fundamental visbilizarmos as estafas das que son vítimas certos colectivos, como pode ser a terceira idade, é tamén fundamental facérmolo desde unha perspectiva que non considere as vítimas destes timos como menores de idade.
    Como ben sinalas nos exemplos achegados, son múltiples os casos nos que as persoas anciás sofren de paternalismos nos medios de comunicación, sendo habitual tamén que directamente se invisibilice a súa opinión ou a súa visión do feito, malia seren protagonistas afectadas polo mesmo.
    Un exemplo que se me ocorre neste asunto é o de cando saltou o escándalo das preferentes e varios medios de comunicación se fixeron eco de que as caixas “colocaran” preferentes a “anciáns analfabetos” que tiveran que asinar coa súa pegada dixital (http://www.elconfidencial.com/economia/2012-06-08/caixanova-coloco-preferentes-a-analfabetos-que-firmaron-con-su-huella-dactilar_444077/). Na inmensa maioría destas noticias, o tratamento informativo que reciben os que, ao fin e ao cabo, son os protagonistas do acontecemento, é tan terríbel coma ti describes nos casos expostos no teu artigo.

    Gústame

    1. Fernández Peón, Alexandre – S2C2

      Boa tarde, Iria. En primeiro lugar, gustaríame agradecerche a túa aportación nesta publicación, xa que me parece que entendiches de forma satisfactoria a finalidade desta entrada. Sobre os paternalismos dos medios de comunicación teño que dicir que acaban conlevando, como expos ti, a unha tara informativa moi marcada. Isto ocorre porque non son eles os que expoñen a súa visión dos feitos e, polo tanto, non se chega a dar unha comunicación real entre os protagonistas dos feitos con aqueles que consumen os medios comunicativos de masas.
      Con todo, sempre hai casos excepcionais, coma este (http://www.elmundo.es/elmundo/2012/08/02/economia/1343904161.html), no que se lle chega a dotar de voz a algún afectado. Porén, isto soe facerse de forma puntual e normalmente para darlle máis dramatismo á información e suplir así algunha carencia (cousa se cabe menos recomendable que a invisibilidade). Como xornalistas temos que cambiar estas prácticas para conseguir un xornalismo de calidade e, polo tanto, a maior confianza da cidadanía.
      Un saúdo!

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s