Compostela Diversa. III Reunión Círculo de Aprendizaxe

David Costoya López (S1C1)

Gemma Aguete Sancho (S1C2)

Juncal Álvarez Álvarez (S1C3)

Marta Eireos Currás (S1C4)

Lucía Casas Piñeiro (S1C5)

 

O venres 15 de abril de 2016 tivo lugar a terceira e última reunión do noso círculo de aprendizaxe, Compostela Diversa. O noso obxectivo é traballar o tema da accesibilidade en Santiago de Compostela e mellorar a súa visualización e interpretación nos medios de comunicación. Esta vez reunímonos na sede compostelana de COGAMI, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade. Non era a primeira vez que nos reunirámos aquí; xa organizáramos nesta organización a I Reunión Círculo de Aprendizaxe . O trato dos traballadores de COGAMI foi fantástico en ambas ocasións.

Os participantes de dito círculo de debate son cinco persoas con distintos tipos de discapacidade: Tito Cabo, Toni López, María Jesús Pérez (Susi), María Dolores Piñeiro (Lolita) e Shaila Tarela. Todos eles participan no círculo e colaboran con nós de xeito voluntario. Nesta ocasión, Tito e María Jesús non puideron acudir á reunión por motivos persoais, polo tanto, o círculo estivo composto por Toni, Lolita e Shaila. Os tres participaron nun intenso debate protagonizado pola diversidade de opinións e a pluralidade de ideas. Ademáis, aportaron diferentes puntos de vista e informacións preparadas previamente para compartir con todos nós.

DSC_0043
Lolita e Shaila manteñen unha charla informal minutos antes de comezar a posta en común de informacións sobre accesibilidade

Despois dunha breve charla sobre varios temas, tanto persoais como profesionais, centránmonos no obxectivo principal do círculo de debate: a análise de noticias e informacións aparecidas nos medios de comunicación que abarcan temas relacionados coa discapacidade, a mobilidade e accesibilidade.

A primeira noticia tratada no círculo foi achegada por Toni, quen quería que se comparase o tratamento dunha noticia sobre un deportista con discapacidade co tratamento nas noticias sobre deportistas sen ningún tipo de discapacidade. A entrevista, La paratriatleta viguesa Susana Rodríguez Gacio en V Televisióntrata sobre unha atleta de tríatlon con albinismo, enfermidade que lle ocasionou unha perda da visión dun 90%. Unha vez vista a entrevista, os integrantes do círculo consideran que o tratamento da mesma foi óptimo. Tratouse o tema con suma delicadeza, ata o punto en que a entrevistadora non decide preguntarlle a Susana pola súa albinismo ata a quinta pregunta. Tal e como afirmaba Toni, o principio da noticia está ben, xa que non se centra na discapacidade. Con todo, a xornalista non quería dicir paralímpico. A xornalista quixo dar un punto distintivo á entrevista ao preguntar polo tríatlon olímpico, erro que os integrantes do círculo consideran que foi premeditado.

A pesar diso, Lolita opina que a información foi tratada dunha forma sinxela e sen dar lugar a exclusións: <<A xornalista tratábaa como unha persoa, como unha deportista e non como unha persoa con discapacidade>> o cal é crucial á hora de buscar a integración das persoas con discapacidade na sociedade.

Toni comprende a realidade na que está inmersa no deporte paralímpico, el practicouno durante anos e opina que debería reformarse completamente: <<Non digo que teña que desaparecer, pero si deberiamos enfocalo doutro xeito>>. Así, o deporte paralímpico hoxe día non é máis que, en boca de Toni, <<o espectáculo dos inútiles>>.

Dende o deporte de élite non se loita pola integración, trátase dunha minoría e este <<debe ser integrador>>. É no deporte a niveis baixos onde os nenos teñen verdadeiramente a posibilidade de integrarse, xa que poden practicar deporte con persoas sen ningún tipo de discapacidade. <<A integración é a base de todo. A ler e a sumar xa aprenderán os nenos. Que é máis importante, aprender coñecementos lograr o éxito ou a integración?>>.

DSC_0038.jpg
Toni foi moi crítico á hora de falar sobre o deporte paralímpico, disciplina na que participou anos atrás

Outra noticia que nos trouxeron foi a titulada La mayoría de las igresias en Vigo no están adaptadas, de La Voz de Galicia (versión web) do 27 de marzo do 2016. A noticia  causou distintas reaccións. Para Toni era xa unha mentira que dixese <<Confesarse ou recibir algún tipo de eucaristía en Vigo resulta moito máis complicado para as persoas con algún tipo de discapacidade que para o resto>>. Isto é porque a dificultade radica na accesibilidade, mais esquécense de que non todas as persoas con discapacidade atopan niso un problema. Desta forma a autodeterminación das persoas con mobilidade reducida parece ser minada en prol de atraer máis a atención do público. Declarada totalmente sensacionalista para os participantes.

Doutra banda, Lolita dicía entre risas <<non me importa porque non vou>>, pero déronse conta de que seguía sendo un asunto de certa importancia. A maioría dos fieis teñen máis de 65 anos, polo que moitos deles acaban tendo tamén problemas de mobilidade. Igualmente, segundo avanzaba a conversación, si se ían dando conta de que na maioría de igrexas, incluída a catedral de Santiago, eles vense obrigados a entrar por portas laterais. E ademais, á hora de querer estar dentro para asistir a misa, Lolita comentábanos como dentro da súa igrexa só podía estar ou atrás ou diante de todo.

O mesmo sucede coa facultade de xornalismo, tal e como sinalou Toni, pois aínda que teña ramplas, <<a xente que teña cadeira de rodas só pódese sentar nun sitio [atrás de todo]>>. Tamén lembrou outro caso nun edificio público de Compostela, o cal preferiu non especificar, que contaba cun chanzo enorme á súa entrada. Para arranxalo instalaron unha rampla e con todo, unha vez consegues estar dentro volves atoparche con seis escaleiras. Toni volvía insistir sobre <<as barreiras mentais da xente>>, que son aínda peores que as arquitectónicas.

DSC_0052
Lolita puxo a nota de humor durante o trasncurso da reunión, na que houbo momentos para pequenas bromas e risas

A Estrada inicia el derribo de sus barreras arquitectónicas, noticia aparecida en La Voz de Galicia (versión web) do 8 de abril do 2016 foi a seguinte información que nos trouxeron á mesa, seguindo un pouco coa liña da anterior noticia. Lolita móstrase escéptica ante o texto, pois nel só se menciónan cadeiras de rodas, polo que pensa que sería perfecto se a medida fóra complementaria doutras. 

Ademais, o artigo atrévese a comparar unha cadeira de rodas co carriño dun bebé ou o carro da compra. Para Lolita non resultaba nada xusto <<a un carriño ti pódelo subir, pero a min non me podes subir>>, existe un grave problema co emprego pouco respetuoso da linguaxe. Aínda así, tamén comentaba: <<Sácache un sorriso>> di Lolita ríndose, <<ler que unha cidade inicia a derriba das súas barreiras arquitectónicas é magnífico>>.

Un elemento que desconcertou ao grupo foi que no artigo mencionásense declaracións da concelleira de Servizos Sociais, en lugar do de Urbanismo. Ademais, de que é a única voz na noticia, tampouco se entrevista a ningún veciño interesado por este tema. Shaila pensa que a noticia <<pon ao goberno como uns heroes por facer isto>>, dáse conta de que a palabra goberno non deixa de repetirse ao longo do texto nunha sorte de afán publicitario. Toni bota en falta un verdadeiro plan de actuación desa derriba de barreiras arquitectónicas, mais para el resulta a mellor noticia das que leron ata o momento en canto ao emprego da linguaxe. Non quere xulgar se o logra ben ou mal pero afirma que: <<trata de equiparar á xente que ten unha discapacidade, que necesita a supresión de determinadas barreiras, coa xente que non ten ningunha discapacidade física, pero pode necesitar tamén a supresión desas barreiras>>. Sen embargo, a Toni agradoulle observar que na noticia non se use a palabra discapacidade máis que unha vez no medio do texto, polo que non se usa este ter,o de forma morbosa nin para chamar a atención.

DSC_0056
<<Pon ao goberno como uns heroes por facer isto>> comentaba Shaila sobre a noticia  A Estrada inicia el derribo de barreras arquitectónicas

Continuamos cunha noticia que trae numerosos problemas e incongruencias, <<“Somos impedidos, tenemos el dinero y non nos dejan instalar un ascensor”>> é o seu titular (La Voz de Galicia, -edición web-, do 14 de abril de 2016). Trátase dunha comunidade de veciños da cidade de A Coruña que desexa instalar pola súa conta un ascensor no edificio, pero o concello ponlles trabas. Unha delas é a esixencia de instalar un salvaescaleiras para acceder ao ascensor. Eles defenden que non é obrigatorio, a pesar de que un dos veciños trasládase en cadeira de rodas (polo que o acceso seguiríalle sendo dificultado). E é que a propia veciña que accede as declaracións chega a admitir que non é o seu desexo instalar o ascensor polos discapacitados.

Segundo terminamos de lela, Toni lanza unha pregunta: <<Periodísticamente, que vos parece?>>. Contestamos que é estraño que se repita tanto o número do edificio e da rúa. Para Toni, resulta un desastre de noticia. <<O titular é sensacionalista>>. Esta mesma situación, a imposibilidade de instalar un ascensor nun edificio, afecta a calquera comunidade de veciños (especialmente en edificios antigos) e non se fai ningunha referencia a iso. Ademais, Toni apuntaba que: <<só por cuestión de estatística se o 9% da xente ten algunha discapacidade, nun edificio con 40 persoas algunha ten que ter unha discapacidade>>.

En canto ao titular, resúltalle estraño que a cita que aí mencionan non apareza en ningures do corpo. Doutra banda, non lles parece correcto que se mencione só e continuamente á veciña Laura, pois parece ser a protagonista da noticia, cando é só unha fonte máis. Ademais, resultan ser a maioría persoas que non contan cunha discapacidade, pero se autoproclaman impedidos. Neste caso, Toni recalca a necesidade de que o xornalista distinga ben o contexto e manexe ben a linguaxe, pois <<cando tratas cunha persoa de 80 anos, non van ser as mesmas que as dunha persoas de 19, aínda querendo dicir o mesmo>>. A intención é clara “tentar que a xente lea a noticia”, non importa a confusión da linguaxe.

DSC_0046
Toni e Shaila escoitan atenden á lectura da noticia <<Somos impedidos, tenemos el dinero y no nos dejan instalar un ascensor>>

Por último, Toni quixo resaltar o pouco coidado que se ten nos medios á hora de publicar certas informacións que, quizais, lonxe de informar, só pretenden buscar visitas. Un perro con dos licenciaturas foi unha noticia publicada o ano pasado por La Voz de Galicia, noticia na cal aparece, en primeiro plano, unha fotografía do propio integrante do círculo na orla da súa licenciatura e xunto co seu anterior can guía. Tras cursar dúas licenciaturas (xornalismo e xeografía), a facultade considerou oportuno que o seu can aparecese na fotografía oficial da orla: el tamén asistira a todas as clases. Toni non fixo por chamar a atención, mais ben o medio utilizou a historia persoal e a discapcidade para atraer a atención do lector.

O problema chega cando outra persoa invidente faise eco nos medios ao incluír ao seu can guía na orla: os xornais publican en masa a mesma noticia sobre aquel estudante gaditano. En contraposición, La Voz de Galicia decide publicar unha noticia, sen a aceptación previa de Toni, alegando que, lonxe de ser a primeira persoa en realizar tal cousa, un galego fíxoo non unha vez, senón dúas. A noticia énchese de comentarios de exalumnos, compañeiros de Toni e mesmo do decano da facultade de xeografía, o cal conta alegremente que mesmo algúns profesores chanceaban sobre a situación dicindo que o can prestaba máis atención que o mesmo alumno. A problemática non reside entón no feito, senón no tratamento que recibe. De verdade isto é información, ou simplemente trátase dunha noticia tremendamente sensacionalista que busca, en palabras de Toni, <<Conseguir likes en Facebook>>.

Os integrantes do círculo opinaron de forma unánime que, máis que esa procura de lectores a calquera prezo, desde os medios debería transmitirse a importancia real do can guía como ferramenta de traballo.

Para rematar, falamos de diversos temas. Como di Toni sempre, somos incapaces de centrarnos nun só; xa que cando estamos todos a conversa adoita derivar por camiños insospeitados. Para cerrar a sesión, coma sempre, preguntamos qué lles parecera a reunión. Todos amósaronse contentos, aínda que todos repararon na falta de Tito e María Jesús, os dous membros que non puideron acudir á reunión por motivos persoais.

Todos coincidimos en que os participantes do círculo amosáronse moito máis soltos e confiados, dispostos a falar e a contar experiencias persoais. Aínda que foi a última reunión do círculo e todos coincidimos en que nos deu algo de pena, estamos satisfeitos do camiño percorrido e de todo o que aprendemos destas cinco fantásticas persoas.

Finalmente, despedímonos. pero non era un adeus, senón un ata pronto, pois varios os membros do círculo aceptaron facer rutas grabadas connosco por diferentes zonas de Santiago de Compostela, para comprobar se son accesibles ou non, e amosar as dificultades que se atopan no día a día nas rúas da cidade Compostelana. 

DSC_0036 (1).jpg

Revisión editor: 25/04/2016 19:45

Revisión GBO: 25/04/2016 20:02

Publicación: 25/04/2016 22:45

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s