I Círculo de Debate sobre a criminalización xuvenil

IMG_0321

S1E1 – Baloira Armas, Ricardo

S1E2 – Cabado Vázquez, Aarón

S1E3 – Carrera Álvarez, Jesús

S1E4 – Casas da Rocha, Paula

S1E5 – Cascales Quiroga, Gádor

S1E6 – Lestón Lago, Antón

O pasado xoves, día 21 de abril, celebramos o primeiro círculo de debate en relación á problemática da criminalización xuvenil. A dita reunión asistiron os seguinte integrantes: José Manuel Oreiro, psicólogo con experiencia no ámbito da mocidade, Iris Rois, integrante de Wikitrans, Zoraida Jiménez, colaboradora no departamento de xuventude de Cruz Vermella Santiago, e Miguel Gayoso, que acudiu ao debate en calidade de mozo afectado. Pola súa parte, non puidemos ter connosco a ningún representante do Secretariado Gitano, por incompatibilidade de horarios, nin de SOS Racismo, xa que a colaboración desta asociación có GT foi meramente informativa, debido a que a súa sede está en A Coruña.

O asunto a tratar era analizar como os medios de comunicación criminalizan á xuventude, con que obxectivos, e onde se atopa a xénese de este hábito. Toma a palabra en primeiro lugar, como moderador, José Manuel, que coida que é axeitado comezar cun titular que atopou en Internet: “Hoxe, a mocidade ama o luxo, é maleducada, despreza a autoridade, non respecta aos maiores, contradice aos seus pais, zanfonea, cruza as pernas e tiraniza aos seus mestres”. O aforismo, emitido dogmaticamente por Sócrates hai vintecinco séculos, non mostra demasiadas diverxencias con algún titular que podemos atopar actualmente na prensa. Cambian os termos, como apunta José Manuel, pero a asociación entre xuventude e estes vocábulos pexorativos segue vixente. Así, afirma que é certo que existe, e que sempre existiu, un tratamento por parte dos medios de comunicación orientado a describir á xuventude como un colectivo con valores e calidades negativas.

José Manuel trae outra noticia que utiliza para exemplificar o uso de determinados termos que contribúen a configurar unha imaxe concreta dun suceso. Así, á hora de falar dun botellón, se insiren na noticia conceptos como “invasión”, “deambular” ou “dispersar”, que poden dar unha sensación de violencia ou perigo potencial. A pesares disto, tamén asevera, en ton suave, que os mozos temos certa responsabilidade nisto.

Tras o exordio de José Manuel, toma a palabra Miguel, que opina que hoxe en día os medios de comunicación procuran a espectacularidade, chamar a atención co obxectivo de vender, e que iso lles leva a esaxerar os sucesos. Incide especialmente nun aspecto: a xuventude do 2015 non é moi diferente, en canto a costumes e hábitos, da mocidade da década dos setenta ou oitenta, senón que é o propio tratamento dos medios o que alimenta a percepción de distancia entre eles, creando un abrupto abismo xeracional.

Iris comenta que os medios achacan á xuventude actitudes que non pertencen propiamente a ela. Para iso toma como exemplo a crítica que fan algúns xornais cara o desinterese político dos mozos e mozas, feito que consideran como mal endémico da xuventude, cando realmente é un problema que ten pouco ou nada que ver coa idade. O mesmo acontece, cóntanos, cós teléfonos móbiles: intentan transmitirnos a idea de que a xuventude está enganchada aos aparellos dixitais, que nos abstraen e nos fan perder a noción da realidade. Así, Iris finaliza dicindo que os medios xeneralizan á hora de falar destes temas, provocando que este tipo de pensamento se instaure na opinión pública e chegando a facer cousas como, por exemplo, construír salas de cine, destinadas a mozos, nas cales se poida utilizar o WhatsApp.

José Manuel toma a quenda de novo, dicindo que o concepto de xuventude tamén variou nas últimas décadas, e que o rango de idade alongouse. Aporta que, anteriormente, o paso de mozo a adulto acontecía na realización do servizo militar, pero que agora que xa non é obrigatorio, o punto de inflexión é máis difuso.

Volvendo ao tema da criminalización xuvenil, Zoraida conta que os mozos e mozas ás veces se atopan con que teñen que facer fronte a certos prexuízos, por exemplo á hora de alugar un piso, onde un estudante é visto como unha persoa que vai dar problemas á comunidade, que vai facer ruído e vai ser unha molestia constante para os veciños. En opinión de Zoraida, os medios reforzan esa idea, permitindo que se perpetúe na sociedade e que este mensaxe cale fondo na mesma.

Miguel, pola súa parte, pon como exemplo o feito das miradas suspicaces que moitos mozos e mozas reciben ao entrar nunha tenda, esa sensación de “me están a vixiar porque sospeitan que vou roubar algo”. Iris toma unha postura continuativa con respecto á de Miguel, afirmando que esas miradas xa son algo absolutamente xeneralizado, e que esta situación se acentúa cando a persoa en cuestión ten algún trazo distintivo que se afaste do convencional. Así, nos fala da temática á que ela está máis acostumada a tratar: o colectivo trans. Segundo Iris, se unha persoa, por exemplo, “debería ser coma unha rapaza pero non o é”, (isto é, ten o pelo curto, leva roupa asociada ao xénero oposto, etc.) vai ser tratada dunha forma diferente dado o seu aspecto físico.

Aí, José Manuel incide en que é posíbel que, dicindo iso, Iris caia precisamente nos mesmos estereotipos que ela mesma critica, e que no todos os adultos teñen por que ser así. Afirma o psicólogo que moita veces os mozos cren estar máis libres de prexulgar á xente, cando isto non ten por que ser así.

Neste momento, o debate colle un pouco máis de fluidez: percíbese que se empezan a tocar temas máis sensíbeis e que todos teñen interese en dar a súa opinión. A composición do grupo, cunha persoa de idade máis avanzada (José Manuel) e tres máis mozos(Iris, Miguel e Zoraida non chegan á trintena) provoca que se conformen dous grupos diferenciados.

Iris apunta que ela en ningún momento concretou que o dependente da hipotética tenda teña por que ser unha persoa adulta, e apoia a súa opinión cun caso persoal: cóntanos que cando ela vai pola rúa –ten o pelo tinguido de cor rosa– é bastante frecuente, especialmente en persoas adultas, que crucen a rúa para non pasar ao seu carón. O cal é un problema grave, porque implica que o subconsciente humano (xa que é unha decisión tomada en escasos segundos, polo que non hai moita ocasión para levar a cabo un razoamento elaborado) leva a estas persoas a cruzar para así evitar calquera problema que poda acontecer. É dicir, lévase a cabo unha rápida asociación entre un aspecto non-convencional e a perigosidade.

José Manuel comenta que ás veces pode acontecer o que recibe o nome de profecía autocumprida, un fenómeno sociolóxico que indica que cando presupoñemos que unha persoa se vai comportar dunha determinada maneira, aumentan as posibilidades de que finalmente se comporte así. Para ilustralo, pon un exemplo no ámbito da educación: se a un profesor lle din que un neno é bo e traballador e que outro ten tendencia a portarse mal, o xeral é que o mestre sexa máis benévolo (de forma inconsciente) co neno do que ten boas referencias. Así, José Manuel afirma que unha persoa desconfiada xera desconfianza no resto das persoas, polo que as veces depositamos un estereotipo en alguén e, precisamente ao facelo, propiciamos que dito estereotipo se cumpra.

Iris esboza un sorriso que transmite desacordo, pero José Manuel insiste, dicindo que descoñece o grado de responsabilidade que terá ela no feito de que algunhas persoas eviten pasar ao seu carón, pero apunta que o feito de que ela espere que esa persoa se vaia apartar é algo que pode influír no feito de que se aparte. Así, afirma finalmente que “todos somos responsables dos comportamentos que xeramos nos demais”.

Esta última frase, que dende o grupo opinamos que foi emitida sen uns matices que quizais precisaba, xerou bastante controversia nos outros tres membros do grupo. José Manuel díxoa cunha rotundidade que, cremos, non quería transmitir: ía máis orientada a explicar que en ocasións o noso comportamento pode propiciar a creación de certa idea, e non tanto a responsabilizar á persoa criminalizada, que é o que podería parecer a frase tal cal a dixo o psicólogo.

Iris, como é lóxico, defendeuse dicindo que non comprende cal é o proceso mental que pode levar a alguén a pensar que unha persoa é perigosa cando non hai nada no seu comportamento indicativo delo. Miguel apoia a Iria, dicindo que o razoamento de José Manuel é un tanto perverso, polo que o psicólogo intenta explicarse mellor. Para elo, bota man do concepto da “temeridade do turista”, que di que hai certos comportamentos que un pode considerar normais ou adecuados, pero que para outra persoa ou noutro contexto pode provocar desagrado, medo ou incluso transmitir sensación de vulnerabilidade. En liñas xerais, explica José Manuel, o que quere dicir é que “ninguén se libra dos prexuízos”, e que igual que estes existen por parte dos medios e da sociedade cara a mocidade, os xóvenes tamén prexulgan. Todos consideramos que certos aspectos son ou poden ser potencialmente perigosos para nós, pero tamén recalca que iso é necesario, que os prexuízos poden axudarnos a evitar certas situacións prexudiciais para nós, que é un simple instinto de protección. O problema, segundo o psicólogo, aparece cando eses estereotipos son esaxerados, cando hai un interese especial en destacalos ou cando son o xerme da discriminación, aspectos nos cales os medios de comunicación xogan un papel fundamental, como vehículos de opinión pública que son.

Zoraida, neste senso, incide no feito de que os medios insisten en mostrarnos día tras día imaxes de violencia e delincuencia en países en desenvolvemento (que son, precisamente, nos cales hai un maior porcentaxe de poboación nova), a modo de cortiña de fume para ocultar os problemas sociais que temos aquí, que aínda que son de menor gravidade tamén deben solucionarse e debemos darlles a importancia que requiren.

Cambiando de tema, Iris, coma integrante de Wikitrans, tráenos algunhas noticias que exemplifican o tratamento informativo que se lle da ás situacións nas cales están implicados xóvenes deste colectivo. Para empezar, a errónea asociación entre transxénero e o mundo da prostitución ou da pornografía, unha imaxe que ela mesma denomina como “absolutamente fetichizada”, e logo, o uso de termos pexorativos como “transexual” e “travesti”, que ademais se utilizan indiscriminadamente para denominar á mesma cousa, cando non son sinónimos.

Seguindo esta senda, Zoraida comenta que unha situación similar a viven os xóvenes doutras etnias. A colaboradora da Cruz Vermello lembrou unha noticia de violencia de xénero na cal o agresor era musulmán e negro, aspectos que o redactor se encargou de deixar ben claros na noticia, incluíndo incluso unha foto do presunto asasino, algo atípico e infrecuente cando se trata dun home de raza branca.

Coa súa opinión remata este círculo de debate sobre a criminalización xuvenil por parte dos medios de comunicación.

Referencias:

-Juan Arias. (2014). ¿Por qué la política está perdiendo a los jóvenes?. abril 22, 2016, de El País Sitio web:http://internacional.elpais.com/internacional/2014/02/25/actualidad/1393358639_000137.html

-Redacción. (2014). Superprotegidos, consentidos… los expertos analizan a los jóvenes violentos. abril 22, 2016, de La Información Sitio web: http://noticias.lainformacion.com/espana/superprotegidos-consentidos-los-expertos-analizan-a-los-jovenes-violentos_t49QopVicv02tmNLYndMB1/

-Redacción. (2011). El 8% de los universitarios españoles sufre homofobia, un miedo irracional a no llevar encima el teléfono móvil. abril 22, 2016, de Universidad de Granada Sitio web: http://secretariageneral.ugr.es/pages/tablon/*/noticias-canal-ugr/el-8-de-los-universitarios-espaaoles-sufre-nomofobia-un-miedo-irracional-a-no-llevar-encima-el-telefono-movil#.Vx5RdvmLTIU

-Vigo, E.V.. (febrero 24, 2016). Juzgan a un cliente por amenazar con un cuchillo a un travesti tras reñir por el precio. abril 22, 2016, de La Voz de Galicia Sitio web: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/vigo/2016/02/24/juzgan-cliente-amenazar-cuchillo-travesti-tras-renir-precio/0003_201602V24C4992.htm

Hora de revisión e publicación:

Revisión do editor:23/04/2016-17:00

Revisión do GBO:23/04/2016-18:00

Publicación:25/04/2016-21:20

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s