III Círculo de Debate. A manipulación nos medios de comunicación

f483233d-e45c-46ce-97f9-da69eca55856De esquerda a dereita: Santi García, Rosa González e Purificación Carballo

Figueroa Torres, Iria- S2A1

Fontela Alvelo, Lara-S2A2

García Diéguez, Marina-S2A3

García Fernández, Ana-S2A4

González García, Julián-S2A5

González Nuñez, Ana-S2A6

III Círculo de debate

O venres 22 de abril tivemos o terceiro e derradeiro encontro co noso círculo de debate, renovado de novo desta volta. Acudiron á Facultade de Ciencias da Comunicación: Santiago García González, ex cámara da TVG; Purificación Carballo Pérez, actualmente xornalista en CulturaGalega.gal,  pero anteriormente traballou en medios de Euskadi e na Radio Galega; e  Rosa González Peña, xornalista galega ex traballadora da TVG. Esta última sería a encargada de moderar o debate. Nesta ocasión quixemos xuntar a dúas xornalistas cun cámara para intentar ampliar a visión da problemática desde outras áreas que tamén conforman a nosa profesión.

Desta volta, o debate comezou de forma distinta aos dous anteriores. A moderadora, Rosa, con un carácter calmo, comeza falando dun artigo do diario online Postdigital titulado “El New York Times destripa la libertad de prensa española sometida por el gobierno y los bancos” xa que considera que acerta cando di que detrás de toda manipulación sempre están os cartos ou o poder. Ademais, di que a reportaxe do diario estadounidense ofrece exemplos moi claros da censura nos medios públicos españois, como RTVE, e tamén en medios privados debido á propiedade dos mesmos e aos intereses empresariais. “En concreto fala dalgúns casos nos que empresas como Telefónica, relacionadas co grupo Prisa, recibían artigos sesgados ou modificados para non criticalas”, indica. Conclúe así dicindo: “en moitos casos o que realmente pasa é que é o poder o que lle dá directamente os cartos aos medios e aí xúntase un cúmulo de intereses que fai imposible que un medio sexa libre.”

Despois desta breve intrudución por parte da moderadora, intervén por vez primeira Purficación Carballo. O seu carácter é sempre apacible e explicativo, xesticula moito coas mans acompañando os seus argumentos. Explica que a sintomatoloxía é moi clara cando hai un ano electoral e as axudas dos diferentes gobernos aos medios de comunicación “son escandalosas e vergoñentas”. Ademais, apunta que a Lei de Regulación de Publicidade Institucional que se está mudando constantemente a favor de cada novo Goberno é unha axuda máis para que mediante a regulación se manipule legalmente.

Nesta primeira parte do debate, na que falan maioritariamente as mulleres, Santiago toma notas e olla moi atento as súas compañeiras.

Entón, Purificación di medio dubidosa que “case se destinan fondos a dedo” e tanto primeiro Santiago como logo Rosa afirman de forma moi contundente que “non é ‘case’, senón que se fai a dedo”. Intervén xa de forma clara Santi, dicindo que nas últimas eleccións a maioría dos fondos se lles deron a El Mundo e a La Razón, xornais cunha liña editorial afín ao Goberno do PP que gobernaba (e aínda o fai en funcións).

Os tres coinciden en conderaren que os fondos non se reciban pola tiraxe nin polo número de lectores.

A moderadora intervén agora para introducir un novo concepto para o debate relacionado de forma moi estreita co anterior. Explica que algúns medios de comunicación galegos, como La Voz de Galicia, “cambian de liña editorial cada vez que teñen prometida unha subvención e cando non a reciben é cando opinan duramente contra a Xunta”. Intervén Santiago dicindo que para que houbese unha transparencia inicial, por un lado, deberían todos os medios de comunicación ter unha liña editorial marcada, “por exemplo La voz de Galicia que eu me lembre só fixo dous editoriais”, remarca. E, por outra banda, opina que “se debería saber quen forma parte do consello de administración de cada medio e quen pon os cartos para saber se ese xornal é de Telefónica, por dicir unha empresa, ou non”. Con relación a isto, Purificación, afirma que ademais, a información sobre a propiedade dos medios pode chegar ao ámbito das persoas do gremio pero que nunca chega aos verdadeiramente afectados, “á xente de a pé”.

Relacionado coas axudas aos medios, Purificación amosa o material que trouxo: a Resolución de Axudas aos medios do 16 de decembro de 2015. Son os cartos que se sabe que a Xunta de Galiza lles dá aos medios, pero ela insiste que “son unha parte moi pequena dos que logo reciben realmente”. Segue examinando os seus papeis e destaca que se deu “1 millón 300 mil euros para campañas sobre lume e para impulsar o comercio dos produtos galegos”. Opina que “isto, sen dúbida, é publicidade solapada”.

De novo, Rosa intervén para coller a idea exposta por Purificación e di que “os medios de comunicación e a manipulación que existe neles fai que os medios, ben sexa por cartos ou polo poder, ao final máis que informar o que fan é publicitar os intereses de quen está por enriba deles”. Con esta afirmación, Rosa relaciona todo o transcurso do debate e as conclusións ás que están chegando coa súa idea inicial de apertura do debate. Ademais, fala de que non só as axudas son unha ferramenta para manipular e ter poder sobre os medios, senón que cada vez que un novo goberno entra ao poder decide a dedo quen serán os responsables da televisión pública do Estado ou da Comunidade Autónoma.

Para exemplificalo nomea un caso que se deu en Galicia xa hai varios anos, e Santiago decide explicalo: “houbo un lume a bordo dun barco e encallárono contra a Praia do Rostro, que está á dereita de Fisterra, e desde alí foron quitando refugallos e levábanos por toda Galiza ata un porto no norte”. Continúa a propia Rosa: “por un dos sitos polos que pasaban era por Guitiriz, e a xente estaba na rúa protestando. Estaba eu traballando e  había un vídeo diso na escaleta e o xefe de informativos dixo directamente que se retiraba o vídeo”. Rosa culpabiliza a eses xefes, cabeciñas de turco dos dirixentes, de materializar directamente o concepto de manipulación.

Con referencia ao anteriormente exposto por Rosa, intervén agora Purificación dicindo que se tivese que culpar a alguén da manipulación, ela eximiría os seus compañeiros de profesión, os xornalistas. Santiago opina que este problema dos medios dirixidos polos poderes se solucionaría “facendo o que fixo Zapatero, lexislando”. No mandandato de Rogríguez Zapatero, este “decidiu lexislar minguando o seu poder sobre os medios de comunicación para facelos máis libres. Así, en vez de elexir a dirección do medio público correspondente mediante a maioría absoluta coa que se gobernaba debería facerse con dous terzos da cámara”. Os tres coinciden en que esta sería unha maneira moi efectiva de frear os problemas de manipulación nos medios públicos. O carácter de Santiago en todo o debate é especialmente distendido e inclusive, cómico.

Rosa intervén de novo como moderadora introducindo a sutilidade coa que se adoita manipular e, para ela, ese é un dos grandes problemas. Explica que unha das maneiras máis doadas de manipular é a través da manipulación audiovisual de imaxes e de vídeos. Rosa dá pé a que Santi explique mellor este aspecto, xa que el é reporteiro gráfico. Empeza así Santi, a comparar o traballo que fan os distintos medios cun dos temas máis recorridamente manipulados: as manifestacións. Di: “ xa pasou co Prestige”. Para ilustralo con outro exemplo, decide empregar o número de El Correo Gallego que trouxo. Nel fálase das fochancas que están a ser noticia recentemente en Santiago de Compostela, e ilústrase a noticia cunhas fotos que, a percepción do cámara, están claramente orientadas a manipular. “Sen tan sequera ler o corpo da noticia, ti ves estas fotos e pensas que o problema realmente é moito máis grave, pero se sabes algo de fotografía decátaste de que están feitas cun grao angular do burato e do edificio para que o burato teña un tamaño desmesurado. Desta forma, o que procura o xornal é que se pense que Santiago é coma Beirut”. Explica, ademais, que o problema desta noticia en concreto non só é ese senón a falta de contexto coa que se trata o tema. “Desde que comezou a crise o mantemento das rúas e estradas de Galicia non se está realizando, as fochancas non apareceron de súpeto ao acceder Martiño Noriega á alcaldía”. Apuntando a explicación de Santiago, Purificación afirma que se ves nos orzamentos que ela trouxo cantos cartos se lle deu desde o goberno autonómico a El Correo Gallego, todas as pezas encaixan. Coinciden os tres en que as fontes de ingresos de El Correo Gallego están nutrindo de forma moi radical a opinión das novas que ofrecen.

Rosa abre de novo unha nova vía no debate: a do control da información por parte dos núcleos de poder a través dos gabinetes de comunicación. Cinta a súa propia experiencia, sinalando que “chega un momento no que dan as ordes directamente aos xornalistas, xa non os que mandan no medio. Na Consellaría de Cultura, nas épocas nas que hai moitos incendios, sempre hai noticias sobre os incendios, pero os Gabinetes de Prensa, neste caso de Agricultura, chaman directamente a persoa que está levando esa noticia e indícanlle o que procede máis que se diga sobre o tema “. Apunta, ademais, que pola súa experiencia, tense negado a acatar as ordes por parte do Goberno e sufrir consecuencias como a prohibición da súa entrada nalgunha Consellaría. Os Gabinetes teñen o poder de mandar sobre os propios medios de forma directa. Purificación apunta que é así, e que os cómplices son os propios dirixentes dos medios, os responsables directos das irregularidades que os xornalistas se ven “obrigados” a realizar.

De cara a concluír coas posibles solucións para o problema da manipulación, aínda que algunhas xa saíron no propio debate, Santiago afirma que para el o que funcionaría sería o modelo que segue a cabeceira ElDiario.es, con subscricións e con “publicidade aparentemente limpa”. Ademais Purificación, para rematar, conta un caso persoal nun traballo de márketing que realizou en Euskadi, no cal a manipulación xa estaba inclusive pactada desde antes de saír o traballo publicado. Aproveitando esta anécdota, saca un dos titulares que trae, “O xefe de Comunicación de Urkullu, imputado pola compra de noticias, no cal opina se evidencia de forma aberrante a situación do mundo da comunicación no estado español.

Para finalizar, Purificación di que se necesitan dúas cousas fundamentais: a lexislación xusta dos medios e a transparencia das contas dos medios. Tanto Rosa como Santiago asinten con seguridade e apoian a conclusión da xornalista.

Ao rematar o debate, os tres continúan unha conversa sobre o tema connosco, demostrando que teñen moito que falar e que opinar sobre o tema e que este xera interese neles.

Data: 25/04/2016

Horas de revisión e publicación:

Hora de revisión da editora: 09:00

Hora de revisión do GBO: 11:00

Hora de publicación: 12:00

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s