Se non falo sobre ti, non existes

 

Figueroa Torres, Iria – S2A1

Slide1-1
O control do capitalismo sobre os medios. Imaxe de http://www.mediosdecomunicacion2010.blogspot.com

 

E se falo moito, todo o mundo sabe de ti. Niso se basea a manipulación máis invisíbel que se leva a cabo desde os medios de comunicación de masas: na propia escolla das noticias e na súa orde e relevancia na axenda informativa do medio en cuestión.

Desde este Observatorio de Comunicación, igual que desde a sociedade en xeral, resulta relativamente doado detectar un mal tratamento da información, unha noticia que está a enmarcarse nun posicionamento claro ou, directamente, un exercicio de manipulación.

Porén, a raíz da manipulación e aquel punto no que probabelmente é esta máis perigosa está na propia escolma de que é noticia e que non o é. A axenda mediática esta a miúdo repleta de banalidades, ao tempo que se nos agochan realidades que están a acontecer no noso día a día porque supostamente “non interesan á audiencia”. O criterio real é que a súa publicación non interesa ás oligarquías dominantes, e polo tanto en último termo non interesa aos medios, monicreques desas oligarquías.

Temos múltiples exemplos no noso día a día nos medios de comunicación. Aqueles máis preocupantes son os dos acontecementos que hai que rebuscar para sabermos deles, aqueles que non aparecen en ningún medio de masas e que demostran que sexa cal sexa a liña editorial do medio, todos eles son o soporte do sistema capitalista e imperialista no que vivimos e hai certas realidades que a todos eles lles interesa ocultar. Este caso é, por definición, moito máis complicado de detectar. Aquel que si resulta máis detectábel é o de noticias de clara relevancia que atopamos nun lugar mesmo destacado de certos xornais pero que non podemos ver por ningures noutros.

Un exemplo deste segundo caso é o do Garda Civil que asasinou a un home disparándolle cinco tiros á cabeza coa súa arma regulamentaria nunha discusión de tráfico, estando fóra de servizo por baixa. Isto aconteceu en Valencia e é, por suposto, unha noticia de destacábel relevancia, como así o entenderon varios medios estatais. Porén, o xornal de ultradereita La Razón non recolleu sequera a nova, e outros de liña editorial semellante, coma o ABC, publicábano outorgándolle unha nula visibilidade na súa edición online.

Os exemplos do primeiro caso son máis difíciles de atopar. O drama dos refuxiados, que apareceu de súpeto nos medios tras estar realmente vixente durante dous anos antes, podería ser un exemplo disto. Porén, prefiro ilustralo cun exemplo máis concreto, aínda que non sexa tan ilustrativo do ocultamento de cousas que acontecen no mundo no conxunto dos medios coa clara intención de manter os alicerces do sistema, senón que se trata máis ben de algo a pequena escala. Este exemplo sería o do ocultamento por parte dos principais medios privados galegos que reciben unha importante subvención por parte da Xunta, como pode ser o caso de El Correo Gallego ou La Voz de Galicia, de calquera noticia que poida resultar prexudicial para o goberno galego.

Cómpre visibilizarmos que a manipulación máis perigosa é (como con todo) a que resulta máis difícil de detectar, a que non podemos ver porque os medios son os que nos transmiten que é o que está a acontecer, e se directamente non o fan, é para nos coma se non tivera sucedido nada. Iso é o que debería de aterrarnos.

Referencias:

Publico. es. (2016) “El guardia civil detenido por matar a un hombre tras una discusión de tráfico le disparó 5 veces en la cabeza”: http://www.publico.es/sociedad/detenido-guardia-civil-matar-tiros.html

ABC.es. (2016) “Un guardia civil de baja mata a tiros a un marroquí en una discusión de tráfico”: http://www.abc.es/espana/madrid/abci-guardia-civil-mata-tiros-marroqui-discusion-trafico-201604251017_noticia.html

ABC.es (2016): http://www.abc.es

Larazon.es. (2016): http://www.larazon.es

Datas e horas de revisión e publicación

Revisión GBO: 22:00

Revisión editora: 23:00

Publicación: 23:50

 

Advertisements

11 comentarios en “Se non falo sobre ti, non existes

  1. Estévez Avelar, Alejandro. S1D5

    Moi boas. Resulta curioso, ou máis ben coma ti dis, aterrador, o dominada que se atopa a axenda mediática dos medios por intereses de corte político e económico. Isto da lugar a falar das cinco realidades do periodismo: 1. Todo o que acontece, 2. Os feitos que chegan ó medio, 3. A realidade publicada (axenda mediática, aquela que o medio decide publicar), 4. Realidade excluída (aquela que chega ó medio e se decide non publicar), 5. Realidade censurada, a cal tampouco se publica, por motivos económicos, políticos, profesionais, etc. Ante estas cinco realidades, os medios de comunicación sólo nos ofrecen á terceira. Os medios realizan a selección da axenda mediática cuns intereses políticos e económicas que adultera estas decisións. Desta realidade nos medios de comunicación escribe Toni Cuadrado, especialista en comunicación da UNED neste artigo: http://www2.uned.es/ntedu/espanol/master/primero/modulos/teoria-de-la-representacion/realidad_medios.pdf
    As subvencións, a ideoloxía, os poderes económicos… influén na información que chega ate os cidadáns. Cada día faise máis necesario a existencia dun xornalismo independente que garantice información de calidade sen ningun tipo de ataduras que manipule a información que chega as nosas mans. Máis poder para os cidadáns e menos para os medios de comunicación, que cada vez son máis negocio que servizo.

    Revisión GBO: 26/04/2016 1:45

    Gústame

    1. Figueroa Torres, Iria – S2A1

      Boas, Alejandro, e moitas grazas polo teu comentario!
      É moi acertada a división que fas dos feitos e moi esclarecedora a que é esa pequena parte que realmente se publica, e creo que é moi ilustrativo do que trataba de expoñer co meu artigo. Evidentemente, deses feitos que fican fóra do que os medios publican, o máis preocupante é a realidade excluída e a realidade censurada, que ti tan ben diferencias no teu comentario.
      Apertas!

      Gústame

  2. Valdivieso Vidal, Jaime (S3C4)

    Como ben dis, a manipulación que os medios de comunicación levan a cabo coas noticias resulta canto menos desconcertante, xa que estes non teñen ningún reparo en deixar de lado a ética de traballo e as directrices básicas en materia de moralidade que todo xornalista debería ter. Non é nada novo. Desde hai moitas décadas, o xornalismo estivo suxeito aos intereses dous poderes capitalistas ocultando verdades ou distraendo ás audiencias do que de verdade importa. Todo o século XX e ou que levamos de século XXI foi a grandes liñas, unha farsa informativa na cal ocultábase, a propósito dá realidade, as verdadeiras causas dous grandes acontecementos de todos estes anos. A entrada dos estados unidos nas duas guerras mundiais, sen ir máis lonxe, é un engano que se estuda en todas as escolas do mundo; ou atentado terrorista máis salvaxe dá historia, o cal esta envolto nun circulo de mentiras que a gran maioria de poboación non sabe ou non quere crer. E os exemplos non acaban. A prensa, subordinada e vendida a estas oligarquias ten gran parte dá culpa. A culpa de que nos como lectores sexamos cada vez máis conformistas e que nos creamos ao pe dá letra o que din nos telexornais e nos artigos dos periodicos. Deixo adxunto un documental de Peter Joseph chamado Zeitgeist non cal trátanse todos os grandes enganos dá historia dá humanidade. Un documental que todo o mundo debería ver para reflexionar sobre o poder dá prensa e sobre a desinformación á que estamos sometidos. https://www.youtube.com/watch?v=pC2jnGZlVtE
    http://www.ceuediciones.es/blog/informacion-desinformacion-y-manipulacion-por-gabriel-galdon/

    Gústame

    1. Figueroa Torres, Iria – S2A1

      Moitas grazas polo teu comentario, Jaime, e polo interesante documental que achegas.
      A reflexión que realizas en retrospectiva sobre o papel xogado polos medios de comunicación na construción das grandes mentiras que sustentan o actual sistema occidental é moi interesante. A propia crise dos refuxiados é un exemplo máis que se une aos que ti mencionas: tras anos de seren ignorados polos medios, de súpeto os refuxiados aparecen en todos os medios de comunicación de masas de occidente ao mesmo tempo. Tras anos en guerra e tras teren pasado por épocas nas que a cantidade de refuxiados e de persoas fuxindo foi dunha afluencia moito maior. Desta mediatización do drama dos refuxiados fala Albano Nunes no seu artigo “Síria” no Terra e tempo (http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=3985&seccion=7), analizándoa como unha estratexia para desviar a atención da crise do proceso de integración capitalista europeo.
      Nunha liña semellante vai o artigo de Xosé Manuel Baños García na mesma web, no que critica o uso político que se fixo do drama das persoas refuxiadas: http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=3980&seccion=7.

      Gústame

  3. De Matos Alonso, Adrián. S1D1.

    Certamente, na escolma de noticias encontrámonos co exemplo de manipulación máis primario de todos. Como ben reflexas no artigo, “se non falo de ti, non existes”. E, se non falo do problema, quizais a xente acabará pensando que tampouco existe ningún problema.

    Intentando ilustralo cun símil futbolístico –para non variar-, podémonos atopar con este tipo de manipulación nos catro diarios deportivos máis importantes de España. Dous afíns ao Madrid e dous afíns ao Barça, como ti xa saberás. Nos catro existen millóns de exemplos que amosan a manipulación xornalística desde a súa raíz, desde a escolma de noticias. Así, encontrámonos diariamente coa ausencia dun sen fin de noticias negativas sobre o club afín, así como coa utilización de “bombas de fume” (supostas fichaxes, sobre todo) para tapar problemas deportivos e non tan deportivos. Non obstante, e como cae de caixón, a información nociva para o club rival –aínda que en moitos casos naza de rumores infundados- sempre aparece en primeira plana.

    O gran problema –e conste que o do xornalismo deportivo non é pequeno!- ven cando extrapolamos esta situación aos diarios de ámbito xeral. É dicir, o gran problema ven cando cambiamos Madrid e Barça polos partidos X e Y; ou Getafe, Granada e Levante, coa súa ínfima cobertura, por A, B e C. Ou os cambiamos polas simples –e por iso tan complexas- liñas de pensamento ideolóxico de cada xornal. Ou, peor aínda, cambiamos ao resto de deportes polos miles de problemas sociais dos que aínda non temos idea. E non sei se quero saber eu cal é o tenis de mesa dos diarios xerais…

    Revisión GBO: 12:53 28/04/2016

    Gústame

    1. Figueroa Torres, Iria – S2A1

      Moitas grazas polo teu comentario e polo teu habitual (pero moi acertado) símil futbolístico.
      Realmente agradezo que achegues exemplos daquilo do que eu estaba a falar no artigo observado desde a prensa deportiva, xa que no blog do Observatorio non adoitamos facer unha lectura crítica dos medios de masas deportivos (e que conste que me parecen tan pouco serios como calquera medio de masas xeneralista) e non vén mal variar, aínda que efectivamente, como ben sinalas, a gravidade da ocultación de información nun e noutro caso non é comparábel.
      Apertas!

      Gústame

  4. Alonso Posada, Fabián – S1B4

    Boas tardes Iria, a maioría dos lectores dun diario reciben de forma pasiva a información que se lles ofrece, os mandamáis dos grandes grupos editorias deciden por eles que é o que deben pensar, selecionan o material e o tratamento que hai que darlles. O lector medio non pode levar a cabo estudos independientes sobre a situación do mundo, sería imposible incluso para un especialista .O lector medio que traballa, volve a casa canso e quere pasar un rato tranquilo coa súa familia, recibe unicamente a mensaxe que lle chega nunha rápida ollada aos titulares do diario, estas breves liñas determinan que pensamos do mundo e como o pensamos.

    Un diario é unha ferramenta fundamental para construir a opinión pública. Se un feito non aparece nos medios, non existe (tal e como afirmas ti). Os medios de comunicación son hoxe tan grandes, influíntes e importantes que comezaron a construir un mundo propio, un mundo que pouco ten que ver coa realidade, pero é que estos medios non están interesados en reflexar a realidade, senón en competir entre eles. Un periódico ou unha cadena de televisión non pode permitirse carecer da noticia que ofrecen os seus rivais. Así acabábase por estar máis pendente da competencia que da realidade, por iso as noticias que recibimos son practicamente as mesmas en todos os medios, todos cubren a mesma información, descartando outros acontecementos tamén importantes ou cruciais que quedan no olvido, que no existen. Aquí deixo como exemplo tamén que a manipulación chega incluso ás fotos; como pode cambiar a opinión modificando tan só un pouco a imaxe:

    http://www.quesabesde.com/noticias/10-ejemplos-retoque-chapucero-fotografia-prensa_6242

    Revisión editora: 26/04/16 18:00
    Revisión coordinador: 26/04/16 18:30
    Publicación: 26/04/16 19:00

    Gústame

    1. Figueroa Torres, Iria – S2A1

      Moitas grazas polo teu comentario, Fabián. Quédome especialmente coa reflexión final que fas e que eu tamén trataba de, en parte, reflectir no meu artigo: a maioría dos medios de comunicación cobren a mesma información día a día, e isto chega a límites nos que un feito que leva vixente meses ou mesmo anos, de súpeto aparece ao mesmo tempo en todos os medios de masas occidentais, e polo tanto pasa a ser parte das nosas conversas e dos nosos coñecementos sobre a actualidade.
      É algo así o que aconteceu do drama dos refuxiados, que apareceu de súpeto en todos os medios tras levar anos sendo un problema grave no eido internacional. Comentáballo a Jaime e ligáballe un artigo de Albano Nunes no Terra e tempo (http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=3985&seccion=7), no que analiza a mediatización do drama dos refuxiados como unha estratexia para desviar a atención da crise do proceso de integración capitalista europeo.
      Apertas!

      Gústame

  5. Aguete Sancho, Gemma – S1C2

    Moi boas tardes Iria! En primeiro lugar, felicítote polo teu magnífico artigo. Consegues plasmar á perfección a idea base do teu círculo: A manipulación dos medios de comunicación.

    Hoxe en día cada un ve o que os demáis queren que se vexa. Unha proba é a axenda mediática dos principais medios de comunicación. Todos seguen unha mesma liña, coincidindo sempre en varias noticias. Os temas do día son os temas do día. Non hai máis. Se queremos profundizar nos temas que outros consideran máis banais temos que mover ceo e terra para atopar a noticia nalgún xornal de renombre.

    A escolma das noticias ten sempre un fin, e detrás agocha unha ideoloxía, un criterio, un interés. A obxectividade pasou a ser unha utopía consolidada fai moito tempo, agora temo porque tamén esquezamos a o código ético.
    O pensamento dun medio convertirase no pensamento de milleiros de receptores. Creamos, modulamos, modificamos e evolucionamos a opinión pública ao noso antoxo. Dende sempre, o poder manipula os medios, ergo os medios manipulan as masas.

    Aquí che deixo un enlace que podería ser interesante sobre os medios como armas de manipulación masiva: http://www.fundacionmelior.org/content/tema/medios-de-comunicacion-armas-de-manipulacion-masiva

    Gústame

    1. Figueroa Torres, Iria – S2A1

      Moitas grazas polo teu comentario, Gemma.
      Efectivamente, a idea que achegas é esencial: a manipulación das masas. Ao fin e ao cabo, acho que o obxectivo último non é tanto a protección dos intereses das oligarquías como a manipulación da sociedade. E explícome: efectivamente, o mantemento dos privilexios e da situación de poder dos grupos dominantes é fundamental para o mantemento do actual sistema, do cal explico no meu artigo que os medios de comunicación son o máximo garante.
      Pero de que lles servirían realmente a estas oligarquías eses privilexios se tiveran enfronte a unha sociedade concienciada, ben informada, con plena capacidade crítica e consciente de que este sistema está exclusivamente creado para beneficiar a uns poucos? Probabelmente de nada, porque se terían que enfrontar a unha revolución en menos do que canta un galo.
      Por iso creo que o obxectivo último e prioritario para os medios é o de crear e manter unha sociedade plenamente aborregada.
      Apertas!

      Liked by 1 person

  6. As respostas da autora nos dous últimos casos son incomprensibles nun medio coma este. xa non hai tempo para modificalas, pero debido a estas respostas a interlocución enteira non terá valor para a avaliación final.

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s