III Círculo de debate sobre LGTBI

Fonte: Pixabay.com

Iglesias Hervella, Kelly S2B1

Lemos Alonso, Ana  S2B2

Losada Miguéns, María S2B3

Martínez Graña, Paula S2B4

Martínez Lorenzo, Inés S2B5

Meda López, Xiana S2B6

 

O pasado xoves 21 de abril tivo lugar a realización do noso terceiro círculo de debate sobre o tratamento informativo do colectivo LGTBI, que pretende realizar un seguimento así como unha crítica constructiva de como abordan os medios de comunicación esta temática.

Neste último encontro contamoscoa presenza de 3 membros: Julio Regueiro (presidente da asociación Ultreia LGTBI Santiago), Antía Fernández (primeira deportista federada transexual nun deporte olímpico) e Adrián Álvarez ( estudante de Ciencias Políticas e afectado por discriminación).

Adríán foi a novidade deste círculo, xa que por cuestións de incompatibilidade de horario non puido asistir aos círculos anteriores.

O círculo comeza cun repaso da situación das persoas transexuais no panorama deportivo.  Neste caso, coméntase o tratamento mediático do debut de Izaro Antxia, primeira futbolista transexual federada.  Neste caso, mestúrase, para os membros do círculo, o feito de ser pioneira, co de que o deporte en cuesión sexa o fútbol. A primacía e omnipresenza do fútbol nos medios de comunicación tamén afecta a este tipo de cuestións, nas que a atención mediática é maior cada vez. Así, Antía comenta que o seu caso foi tratado nos medios xeneralistas e na contraportada dun periódico coruñés, metres que Izaro consegue ser portada tanto de xornais xeneralistas coma deportivos, cando as categorías nas que xogan ambalas dúas deportistas serían equiparables en canto a nivel e importancia dentro da súas respectivas disciplinas. A crítica do fútbol como deporte rei nos medios, que se esquecen doutras disciplinas, non fai restar mérito ó paso de Izaro, senón que todos recoñeceron os avances que se están a realizar no colectivo transexual cara a integración. Porén, ante a pregunta de Adrián sobre a regulación existente nos clubes deportivos sobre a temática transexual, Antía explica que o rexeitamento dos clubes non ven por unha normativa da federación, senón que se dan outro tipo de excusas (como dicir que se atopan no medio de tempada) para apartar ós deportistas trans.

A noticia da saída do armario de Miguel Póveda é o seguinte tema a tratar, plantexándose a cuestión de se o mundo do flamenco é ou non é un mundo homófobo.  Discútense deste xeito as dificultades existentes na sociedade e os prexuízos que aínda perviven á hora de facer pública a orientación sexual.  A importancia dos medios de comunicación neste tipo de informacións, denominadas coloquialmente “saída do armario”, é vital. O tratamento que se da deste feito (traumático ou positivo), e a redacción con ou sen ideas preconcebidas, é un factor determinante na concepción da sociedade coa temática LGTBI.  As “saídas do armario” dos famosos, volven a acaparar a atención, e tanto Julio coma Adrián consideran que no caso dunha “boy-band” na que se producira este feito, as consecuencias para os seus ingresos e popularidade sería moi negativas.

Ademais, faise fincapé nos vindeiros días da Visibilidade Lésbica do 26 de Abril, e o 17 de maio, día contra a homofobia, a transfobia, e a interfobia.  Deste xeito, os membros do círculo consideraron que durante este período de tempo, os medios sacarían información relacionada co colectivo LGTBI. Julio destaca tamén a mellora do tratamento informativo que están a realizar os medios de comunicación con respecto á comunidade LGTBI, e a incorporación dos novos modelos de familia en datas claves, como é o vindeiro día da Nai. La Voz de Galicia publicará un especial do Día da Nai, no que incorporará a testemuña dunha parella lesbiana. Este tipo de noticias, en días tan coñecidos fan mudar estereotipos, e axudan a aceptar a situación destas familias, que non son vistas como “raras”, senón coma un exemplo máis. Antía comenta en relación a este aspecto o cambio dos modelos familiares, que fan que moitas familias non se sintan identificadas con este día comercial.  A sensibilidade dos medios de comunicación no tratamento deste tipo de datas significativas, que durante anos se relacionaron co modelo tradicional de familia convértese en algo moi importante. A mudanza deste tratamento nos medios deberá ser un feito, abranguendo  a realidade e diversidade existente, e non tratar á familia como un ente homoxéneo e inmutable. Deste xeito, e tratando a temática LGTBI, non só en noticias específicas sobre o colectivo senón integrandoas na totalidade da información, a vía cara a normalización e aceptación social está máis preto.

Ao fío desta mesma temática, Adrián fai referencia a unha noticia publicada no xornal El País, no que se trata a visión dun neno, cuxa nai se divorciou dun home, e agora mantén unha relación cunha muller. A total aceptación do rapaz e da realidade, é todo un exemplo á hora de ver que “as familias homoseuxais non van a acabar coa sociedade”.

Julio recorda o caso dun home de Caldas de Reis que asasinou á súa filla. O que fixeron os xornais foi contar a traxedia e espectacularizar sobre se este home era gai ou non. Adrián e mais Antía falan da desafortunada asociación que existíu entre a homosexualidade e o asasinato, dous temas que non tiñan nada que ver, pero que foron empregados nunha comparación que levaba á criminalización desta orientación sexual.

Xa pasando da homosexualidade á transexualidade, Antía fala das noticias sobre Izaro e a existecia duns poucos medios de comunicación que mencionan o seu nome, reflexiona sobre si é realmente relevante ou posúe algún tipo de interese deportivo que se difundan datos como ese.

Isto leva a que Antía fale de como foi en liñas xerais a súa infancia, cando ela dicía con total naturalidade que ela tiña dúas nais e que como elas, de maior quería ser monxa. Este tema serve para reflexionar sobre a naturalidade coa que un neno pequeno afronta o seu día a día, e como a medida que vai crecendo, a sociedade vai condicionándoo.

Ademais, ponse sobre a mesa que a sexualidade non depende da familia que che toque, xa que para persoas como Antía isto non tivo ningún tipo de influencia ou relación.

Ábrese agora outro punto do debate. O 28 de xuño é o Día do Orgullo Gai, o único día que quizáis os informativos abran con este tema. Isto provoca ironía nas palabras de Julio, e unha actitude crítica por parte de Antía, que está en desacordo coas “plumas” e a esaxeración de hipersexualización que se ten deste acontecemento. Para ela, deberíase representar ao colectivo a través doutros eventos ou celebracións (charlas, coloquios… feitos de carácter máis intelectual). Adrián di que isto débese á estigmatización que a sociedade ten deles, postura coa que Antía coincide plenamente.

Julio engade que o que máis vende, coma sempre, é o desfile. Antía volve a recalcar que deben defender a imaxe do colectivo de maneira diferente, xa que o o desfile non os representa. Para ela, débense ter máis en conta os exemplos de Carla Antonelli para ese tipo de días, pois resulta máis próximo a representación dos seus intereses.

Adrián menciona o caso da Asamblea de Irán, a raíz do que falan sobre a cobertura social no tocante á economía que neste país se lle dá ao tratamento homosexual, xa que a transexualidade nese país vese como un defecto. Tamén fala da saída do armario e cómo o espazo no que un individuo habite (urbano ou rural) pode condicionar esta acción.

A continuación, pasan a falar de casos como os de Bibiana Fernández ou a Veneno. No exemplo desta  útlima incídese na espectacularización que os medios de comunicación intentaron facer dela. Antía pensa que non representaba ao colectivo.

Antía menciona que para ela, en parte, ser unha referente no mundo do deporte como primeira transexual federada non lle supón un orgullo, xa que iso débese a que ata o momento, ninguén o fixera. Adrián dille que debe estar orgullosa, que agora será un exemplo a seguir para outros.

Seguindo no mundo do deporte, Julio dá conta do caso de Arancha Sánchez Vicario e como se intentou ligala ao lesbianismo só polo feito de ser unha muller que debutaba no deporte.

O círculo finaliza co debate sobre a reasignación de sexo. Antía menciona o seu desexo de que ogallá a nova xeración de nenos e nenas trans non teñan que sentirse obrigados a recorrer a unha operación quirúrxica de reasignación de sexo. Julio, ao contrario, non ve isto como un estigma de orgullo, senón que defende que depende da vontade de cada persoa.

Antía afirma que unha das preguntas máis repetidas nas súas entrevistas é sobre iso. Ela sempre contesta que aínda non sabe que fará. Está pendente de que o Sergas lle confirme si sí ou se non pode optar á operación pola Seguridade Social, pero que independentemente diso, ela non sabe si o fará. Está no seu  dereito de optar por calquera decisión.

 Análise de xestos e actitudes 

Julio: empeza máis animado que no anterior círculo. É unha persoa expresiva, que mira aos ollos cando fala. No comezo, cando Antía está dando a súa opinión, el mira pensativo como reflexionando sobre as palabras que escoita. Como bo moderador, anima ao novo membro do círculo, Adrián, a participar máis. Cando conta noticias que non foron previamente impresas para este debate, mira para nós (círculo de aprendizaxe) para darnos a coñecer esa información e asegurarse de que o entendemos.

O certo é que se nota que está cómodo. Sabe levar a conversa de maneira fluída, sin axitarse corporalmente e acompañando o que ten que dicir con movementos nas mans. Neste terceiro encontro é a persoa que máis participa, chegando a interrumpir cando pensa que leva a razón. Polo xeral, amósase pendente de Adrián.

Antía: preséntase mirando a cámara. Como ten a botella na man, apóiase nela e xesticula como si este obxecto fose un elemento máis. Por norma xeral, fala da súa experiencia persoal, o que provoca que moitas veces pretenda levar o debate ao seu terreo. Por exemplo, comparándose con outro caso similar pero no campo futbolístico. Mantén unha postura cos pés cruzados.

Moitas veces, cando non se fala do seu tema, limita a súa participación a leves asentimentos ou monosílabos. Noutros casos, simplemente está pensativa. Algunhas das súas intervencións son similares as dos anteriores círculos, polo que pode resultar redundante. Cara ao final, aumenta a súa participación e mantén o xogo coa botella.

Adrián: comeza presentándose tímido e cohibido. Mantén pousado un pé sobre outro, procurando non sentirse exposto. Ten as noticias entre as mans e apóiase nelas, mirándoas de forma recurrente. Como é o seu primeiro círculo, nótase que non sabe moi ben que facer e exprésase con cautela. Esta actitude de timidez provoca que ao principio fale menos. Nótase que é novo porque non está solto, aínda que tampouco chega a amosar incomodidade en ningún momento.

Recorre as noticias para buscar o que quere dicir ou ler algún fragmento. As súas intervencións son breves (monosílabos ou pequenas opinións). Cando fala, non sempre mira aos ollos.

A medida que transcorre o tempo, vaise adaptando e gañando seguridade con relativa rapidez. Unha mostra disto é que enrola as noticias, abandonando así o seu elemento de apoio. As súas opinións xa son máis longas e a súa participación, máis dinámica. Nótase que está cómodo. Cara ao final, sóltase e chega a falar de experiencias persoais. Xa está completamente integrado.

Conclusión: foi un debate cómodo, aínda que comeza por debaixo das súas posibilidades. A partir da metade, os seus membros empezan a animarse e a coller confianza, o que permite unha maior fluidez e naturalidade na conversa. No debate hai un punto no que os tres membros se sincronizan e poñen as pernas de maneira similar, aínda que non duren moito nesta postura. Tanto Adrián como Julio manteñen unha postura corporal inclinada cara Antía.

Referencias

Gallardo Saborido, E. J. (2006). Integración y Mantenimiento de la Especificidad del Colectivo Lgtb a Través de la Argumentación.

Gil, E. G., & de Antonio, I. E. (Eds.). (2006). Ser transexual: dirigido al paciente, a su familia, y al entorno sanitario, judicial y social. Glosa.

Tsourdi, E. L. (2013). Orientación sexual e identidad de género: avances en la legislación de la UE.

Revisión da editora: 26/04/2016 ás 09:15

Revisión GBO: 26/04/2016 ás 10:00 e segunda revisión 26/04/2016 ás 10:33

Publicado: 26/04/2016 ás 10:27

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s