VIDA MARÍTIMA

porto costa da morteSambad Guillomía, Denise (S3E2) e Tojeiro Ces, Rita (S3E4).

Muxía acolleunos no bar O Porto para reunirnos con dous experimentados na vida marítima da Costa da Morte: José Manuel Rey e Manuel Antelo. O primeiro é mariñeiro e armador xa xubilado, que estivo enrolado durante 40 anos; e o segundo é percebeiro dende fai 9 anos, ademais de levar un restaurante e traballar como cociñeiro nel. O noso encontro foi moi agradable ao ser xa coñecidos por unha de nós e pola súa predisposición a contarnos todo o que crían interesante.

O motivo da nosa entrevista foi incluír no Observatorio o tema non tratado de Vida marítima para indagar nas causas do esmorecemento deste sector, nas diferenzas de lexislación entre o auxe e a decaída, coñecer a situación real das mulleres neste sector e facer unha crítica aos medios de comunicación sobre o tratamento informativo deste asunto.

http://www.farodevigo.es/galicia/2016/02/27/miles-marineros-protestan-santaigo-defensa/1412904.html

Con esta noticia do Faro de Vigo podemos comezar a nosa investigación, xa que nos dá unha idea da problemática que existe entorno a este colectivo e o seu oficio. Non obstante, comprobamos que non se afonda en absoluto sobre as causas da protesta e nada máis que se informa sobre o mero feito, cando se podería ter explicado os inconvenientes básicos da lei que rexeitan.

O comezo da entrevista consistiu nunha explicación dos seus oficios e do tempo que levaban neles. Ambos comezaron de moi novos: José Manuel aos catorce anos, que foi cando comezaron a pagarlle, e aos dezaseis sacou a libreta do mar en Camariñas, que era onde se conseguía entón. Dende ese momento xa foi enrolado, polo que lle pagaban unhas 900 pesetas aproximadamente. Manuel comezou aos quince ou dezaseis, fixo un parón de quince anos, reincorporouse ao oficio e actualmente segue en activo.

Cando lles preguntamos pola súa experiencia e as súas dificultades, Manuel confesounos que para el resultaba un traballo moi relaxante, que engancha moito dende o primeiro momento. Aínda así, admite que resulta moi difícil polo mar e polas condicións meteorolóxicas, ademais de explicarnos que na actualidade é máis complicado obter percebes pola escaseza. José Manuel, en cambio, explicounos isto de maneira máis persoal. O problema que mais destaca el é o feito de estar tantos días fóra da casa, vendo as mesmas persoas, gaivotas e mar. Contounos que a convivencia era difícil pola falta de espazo físico, sumado ás longas xornadas de traballo e desvelo.

Falando do cambio que notaron con respecto ao pasado deste oficio, Manuel destacou a diminución de mortes polos avances no equipamento dos traballadores (traxes de neopreno, arneses e demais utensilios), aínda que tamén nos falou da baixada de prezo do marisco e a escaseza da actualidade. Sobre os avances en tecnoloxía tamén nos quixo falar José Manuel, que nos contou como moitas veces tiñan que volver a terra por non saber as predicións do mar, xa que non existían ordenadores que cumpriran esa tarefa como agora. Non obstante, outros avances tecnolóxicos provocaron unha gran perda de postos de traballo, xa que antes todo se realizaba a man. “Antes ao mellor largabas vinte aparellos e collías mil quilos ou así, e agora para coller iso teñen que largar sesenta, setenta ou cen. Collen máis peixe pero a base de moito traballo”, relatou en referencia á escaseza do produto. Antigamente as instalacións das embarcacións tamén eran moito máis deplorables, xa que non contaban con baño ou cociña, por exemplo: “Agora xa non, os barcos están cerrados, antes sempre estabas descuberto, é un mundo totalmente a parte que hai trinta ou corenta anos, cambiou moito”.

As principais causas da decadencia do sector pesqueiro son as administracións e o furtivismo, segundo nos dixo Manuel: “Non saben moi ben do que se trata, entón non fan as cousas como deberían facelas. Ademais está o furtivismo, que había que erradicalo e meterlle man a ese tema”. Na opinión de José Manuel as causas son algo distintas, xa que por unha parte referiuse ao gubernamental: a entrada na Unión Europea deu unha grande facilidade para desfacerse de embarcacións, coa asignación de grandes subvencións. Por outro lado aclarounos que na súa opinión era realmente importante o cambio na tradición de continuar co legado da familia, e actualmente poucos son os que queren que o seu fillo vaia ao mar. Entre estas causas que nos expuxeron conseguiuse unha diminución de persoas que se adican a esta labor.

Este sector tamén se ve afectado pola invisibilización dos medios, porque como ambos apuntaron, practicamente so se publican noticias cando un mariñeiro morre ou ten un accidente. Así o comprobamos buscando nos medios tradicionais galegos, onde podemos comprobar as numerosas novas sobre isto, pero non atopamos noticias frecuentes que mostren a realidade do sector. Aquí dous exemplos:

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/maritima/2016/01/23/marinero-muere-durante-maniobras-pesca-arrastrero-corunes/0003_201601G23P37994.htm

http://www.farodevigo.es/sucesos/2016/01/30/encuentran-barco-marineros-desaparecidos-sur/1395186.html

O sexismo é outro dos indicadores máis tratados no Observatorio, polo que tamén quixemos dedicarlle algún espazo na entrevista. Preguntámoslle cales crían que era a razón pola que as mulleres están desprazadas na vida mariñeira, aínda que sempre tiveran outros papeis fundamentais na elaboración doutras tarefas. A resposta de José Manuel foi que a diferenza non radicaba no sexo da persoa, senón en que non hai cabida para a integración cando este emprego xa está en decadencia para os homes. Aínda así afirma que coñece mulleres de Muxía que están encantadas co seu traballo e que teñen o mesmo nivel que moitos outros. Para Manuel as razóns radican simplemente no risco, no esforzo físico e no excesivo tempo que ocupan as tarefas.

Para rematar a entrevista quixemos coñecer a súa opinión acerca do futuro desta ocupación, sobre o que non foron demasiado optimistas. Manuel  cre que será complicado polo pensamento das novas xeracións, que xa non ven o oficio da mesma maneira e non coidan igual a tradición marítima. Non obstante José Manuel aportou outros argumentos: Á marxe da escaseza ve o futuro bastante difícil por culpa da presión que as autoridades exercen sobre os traballadores con zonas de pesca, licencias e permisos. Ás veces vense obrigados a facer un reconto exhaustivo do peixe, despois de levar todo o día no mar. “En vez de aproximar o peso teñan que estar os mariñeiros varias horas contando cantos quilos hai exactamente, é moi cansado.” Ademais da perda da cultura marítima as autoridades provocan así que moi pouca xente estea disposta a entrar no oficio debido ao gran esforzo físico que require, levándoo á decadencia cando se podería evitar.

Un dato positivo para concluír o texto saíu á luz esta mañá: A pesar da crise que atravesa o sector, diversas vilas mariñeiras están renovando a súa flota para reforzar a importante presenza do oficio na comunidade pesqueira, manténdose así como unha das principais fontes de ingresos de Galicia, cun total do 2% do PIB.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/camarinas/2016/04/27/cerco-reactiva-nuevos-barcos-malpica-camarinas/0003_201604C27C1992.htm

 

Hora de revisión editor: 19:00

Hora de revisión do coordinador: 19:26

Hora de publicación: 19:50

 

Advertisements

Un comentario en “VIDA MARÍTIMA

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s