Inclusión laboral das persoas con diversidade funcional

A discapacidade ou, dito doutra forma, a diversidade funcional é un asunto moi polémico: polos prexuízos, polo descoñecemento, polo seu tratamento case tabú durante anos.  O noso labor como xornalistas empúxanos a tratar este tema e a súa inabarcable extensión obríganos a delimitalo. Por esta razón, pretendemos abordar a discapacidade no eido laboral, isto é, identificar a raíz, as causas da discriminación e a súa repercusión na contorna social. 

Recentemente publicouse en La Voz de Galicia un artigo no que dous membros da Fundación Down Compostela, Juan Carlos Castiñeiras e Adrián Cutrín, contaban a súa experiencia como traballadores da área de mantemento do Multiusos Fontes do Sar, posto ao que accederon grazas ao programa de apoio laboral que desenvolven na Fundación. Para eles o máis importante é que as persoas con síndrome de Down logren unha maior independencia, e para iso confían na inclusión laboral.

Aprendendo da nosa realidade máis próxima

Co fin de dispoñer dunha visión máis acertada das circunstancias, a nosa pretensión é constituír un círculo de lectura crítica que aporte diversos puntos de vista. Os perfís que buscamos son fundamentalmente afectados e afectadas, é dicir, persoas con diversidade funcional que conten con experiencia laboral, que se atopen en busca activa de emprego ou mesmo traballando. Porén, tamén sería imprescindible coñecer a opinión de contratantes ou de operarios/as, como poden ser os/as orientadores/as laborais, que gardan un contacto directo coas persoas prexudicadas, xa que actúan de ponte e facilitan que as persoas con discapacidade atopen traballo. A súa experiencia e coñecemento de primeira man axudaranos a entender cal é o problema, por que existe e como podemos solucionalo, así como tratar máis detalladamente a situación actual da inclusión laboral.

É importante empezar estudando as cifras de desemprego e comparándoas coas do colectivo sen discapacidade. Con esa base poderemos analizar as posibles causas da discriminación laboral e a súa repercusión nas persoas con diversidade funcional que buscan traballo e na súa contorna social máis próxima. Pero tamén nos posicionamos no caso contrario, a discriminación positiva e as opcións laborais que abre tendo en conta as razóns que motivan as contratacións.

Para potenciar os resultados da nosa investigación achegarémonos ata centros especiais de emprego.  Por exemplo, sen ir máis lonxe, en Santiago atopamos a Fundación Down Compostela, que, centrándose nesta síndrome, traballa para que todos os seus membros teñan oportunidades no ámbito laboral.

Educando desde unha comunicación inclusiva

Como xornalistas, somos conscientes da influencia das nosas mensaxes sobre a opinión da cidadanía. Pretendemos contribuir a educar en certa maneira á sociedade embarcándonos nunha acción que modifique o panorama mediático. Prestaremos especial atención ao tratamento da temática por parte dos medios de comunicación e tentaremos identificar a vertedura de informacións erróneas ou que empreguen palabras non axeitadas. Canalizaremos as impresións, interpretacións e opinións dalgúns lectores mediante o envío de cartas ao director ou, incluso, enviando unha mensaxe ao propio autor ou autora da publicación desacertada.

De acordo co anteriormente exposto, a terminoloxía discriminatoria perpetrada polos medios é unha dimensión que na meirande parte dos casos vén dada polo descoñecemento da importancia da utilización linguaxe correcta, pero non é o único ámbito no que existe. Partindo da base de que a discriminación ou marxinación é un problema social, tamén a atopamos no eido do traballo, nas mesmas oficinas, a través dun clima negativo creado polos propios compañeiros e compañeiras das persoas afectadas. A reticencia de certas persoas que subestiman a eficacia do traballo dos colectivos vulnerables deriva en moitos casos nun sentimento de superioridade que provoca que non sexan contratados. Polo tanto, partindo da comunicación e dunha correcta información, podemos chegar a eliminar de raíz moitos prexuízos que impiden que as persoas con diversidade funcional se sintan excluídas socialmente.

A colaboración co resto de temáticas do Observatorio é esencial. A retroalimentación é clave durante todo o procedemento de traballo para enriquecer os nosos coñecementos. Por este motivo, tentaremos crear sinerxias entre nós e o grupo que aborda a temática da saúde mental, aportando materiais, ideas e enlaces de interese que poidan resultar útiles para ambos os dous. Ademais de cooperar conxuntamente con este grupo tamén o faremos con outros equipos, pretendendo en todo momento descubrir posibles relacións coa cuestión que nos ocupa.

Con este traballo pretendemos achegar á sociedade un ámbito durante anos olvidado polos medios de comunicación e demais colectivos. Co cambio de século normalizouse o feito de que as persoas con discapacidade accedesen ao mercado laboral. Porén, as cifras demóstrannos que o desemprego na discapacidade é moito maior que entre a poboación sen discapacidade. A última enquisa do INE sobre o tema é do ano 2015 e sitúa o número de persoas con discapacidade en idade de traballar no noso país en 1.774.800. Mentres os números do Goberno esquecen pronunciarse sobre cifras de paro entre persoas con diversidade funcional, debemos achegarnos a institucións coma esta para coñecer a realidade: a taxa de paro entre discapacitados/as é nove puntos maior que entre as persoas sen discapacidade. Estudaremos os motivos e as posibles solucións a este problema ao longo destes catro meses de traballo.

Integrantes do grupo

  • Alonso Salgueiro S2B1
  • Couce Castro S2B2
  • Dalama Veiga S2B3
  • Fernández Iglesias S2B4
  • González González S2B5
  • Junquera Pazos S2B6
Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s