A contaminación dos ríos en Santiago de Compostela

Na actualidade vivimos alleos e alleas a problemas que poden poñer en risco o noso benestar dentro da sociedade. Por iso resulta cada vez máis necesario facer fincapé naquelas cuestións ás que non se lle presta a atención que en realidade merecen. O estudo crítico e serio da realidade dos grupos, comunidades, colectivos e movementos que moitas veces ignoramos é esencial para comprendermos como funciona o mundo. A construción dunha boa comunicación pasa por ser a base da mellora das realidades sociais. E nós, como xornalistas, temos o deber de fomentar as relacións coas fontes, con esa xente de a pé que nos conte as súas experiencias persoais e as súas vivencias do día a día. Neles está a calidade dunha información.

Unha das moitas realidades pouco tratadas e pouco comentadas é a problemática á que se enfrontan os ríos composteláns. A súa situación actual – e xa hai ben anos que isto acontece – é bastante grave: a contaminación dos ríos da comarca de Santiago como o Sar, o Sarela ou o Tambre está á orde do día, e a veciñanza sábeo ben. Se se quere estudar esta realidade, é necesario saber cal é a actuación que levan a cabo as distintas asociacións medioambientais e coñecer tamén as accións do Goberno e dos concellos para sandar a auga destes ríos. Pero sobre todo, é prioritario coñecer á xente afectada e establecer relación con ela.

A meirande parte da poboación descoñece a situación que padecen estas augas. Os medios de  comunicación non ofrecen unha visión en conxunto do que acontece nestas comarcas, só dan pequenas pinceladas en certos momentos de gravidade. En ningún caso se fai un seguimento detallado dos problemas e dos avances – se é que os hai -. En certo modo, isto tamén fomenta as dificultades das plataformas medioambientais para poder chegar á cidadanía. E a falta de apoios económicos por parte do Goberno e tamén de apoio social ten unha repercusión directa sobre as posibilidades da súa actuación. Por todo iso, o cometido sobre o que este proxecto traballará nos vindeiros meses pasa por dar visibilidade á situación a través do noso rol de xornalistas.

Medioambiente latente

É necesario que un tema desta magnitude conte cun bo tratamento por parte dos medios. Os técnicos da Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con” afirman que os índices de contaminación nos ríos son moi elevados, polo que se precisa informar e concienciar á poboación de que os ríos compostelans, coma o Sar, están cheos de residuos tóxicos tales como medicamentos, metais pesados ou praguicidas prohibidos pola UE. Son poucas as novas que afondan nesta problemática e hai ben tempo que non sae á luz ningunha información relativa á situación dos ríos galegos. Só se trata de xeito illado algunha protesta feita pola propia veciñanza da zona afectada ou cando se esixen medidas inmediatas para loitar contra a contaminación. Non se dá unha visión de conxunto. Ademais, todas as novas que podemos atopar nos diversos xornais datan de hai máis dun ano, cando hoxe en día, os ríos seguen nun estado moi mellorable.

Por parte do Goberno, a situación que sofren os nosos ríos foi só lixeiramente abordada por algúns políticos nas épocas de campañas electorais, pero aínda non se levaron a cabo accións que puideran arranxalo ou melloralo. Son moitas as asociacións que loitan por unha atención máis seria e rigorosa. O “Plan Hidrolóxico Galiza Costa 2015/2021” elaborado por Augas de Galicia determina a política a seguir en materia de augas e corrobora o mal estado dos ríos. Aprobouse o 18 de febreiro de 2016 e un dos seus obxectivos principais era e é a protección e mellora do medio e os ecosistemas acuáticos e a redución da contaminación. Mais, tivo realmente este plan unha aplicación verdadeira? Dende a Xunta de Galicia non se está a levar ningunha acción que mire pola calidade das augas e non poña en risco a saúde dos seus usuarios.

Os involucrados coa causa

Queremos coñecer as persoas involucradas coa causa e afectadas, queremos que nos conten as súas visións e a historia que eles e elas teñen en mente de todo este caso, pois levan toda a vida loitando por melloras. Queremos darlles voz e que xuntos fagamos unha acción que poida servir dalgunha axuda. Con esta xente falaremos sobre o consumo diario que fan de auga, sobre como consideran o seu estado, que fixeron durante todo este tempo para melloralo, como cren que se debería parar os pés a esta contaminación e por que ninguén o fai.

Contamos, pois, coa participación dun afectado e implicado na Plataforma pola Recuperación do Sar, formada por catro asociacións veciñais; unha traballadora de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia) e un afectado e participante do Club Vía Láctea de sendeirismo de Santiago de Compostela. Desta maneira, conformaremos un círculo de lectura crítica onde debateremos sobre do tratamento que fan os medios de comunicación arredor deste cometido.

Tentaremos crear con este pequeno grupo (que pode ser ampliado nun futuro) un ambiente de conversa agradable no que achegarnos a esta realidade grazas á voz dos que estiveron e están ao pé do problema, que son quen máis coñecementos e experiencia nos poden aportar. Queremos, tamén, levar a cabo algunhas actividades para darlle maior visibilidade á contaminación das augas. Temos en mente algunha acción conxunta que nos axude a lograr un pouco máis de publicidade e, polo tanto, apoio. Gravar ou sacar fotos durante algunha limpeza dos ríos para logo difundila é unha acción de interese, xa que os involucrados participan de cheo. Algunha charla informativa tamén podería servir para achegar esta problemática á xente da nosa idade, á nosa contorna. Mais todo isto nacerá do consenso e dos debates que se formen ao longo deste período, para dar finalmente coa mellor opción e cumprir o noso cometido.

As accións que realizaremos atópanse dentro do marco da cidade de Santiago de Compostela. Non é doado prever o impacto que pode ter calquera das que se realice, mais polo menos confiamos en ser quen de amosar á cidadanía o problema existente e conciencialos de que é algo que leva latente moitos anos e que precisa dunha solución. As nosas pretensións para os próximos meses pasan, pois, por desenvolver este proxecto xunto co noso Círculo. E farémolo fomentando unha interactividade coas persoas afectadas, que nos permitan obter unha visión crítica, aportar luz, e sobre todo, poñer o noso grao de area para mellorar, aínda que sexa minimamente, a situación que hoxe en día viven o Sar, o Sarela e o Tambre.

S2E. Integrantes: Cives Romar S2E1; Dios Suárez S2E2; Estévez Casado S2E3; Felpeto Uceira S2E4; González Álvarez S2E5.

Advertisements

6 comentarios en “A contaminación dos ríos en Santiago de Compostela

  1. Proposta temática moi interesante, aínda que algo complexa debido á desinformación existente sobre este tema. Ao meu parecer, un punto dramático da contaminación dos ríos é a inevitablemente vencellada desaparición de especies autóctonas de flora e fauna. http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/el-mejillon-de-los-rios-gallegos-en-peligro-de-extincion/idEdicion-2011-07-17/idNoticia-687058/

    Moitas veces centrámonos unicamente na consecuencia directa da contaminación da auga(a prohibición do seu consumo humano) e ignoramos que os resultados son moito máis fondos e trascendentais para a nosa existencia. Os seres vivos comparten un ecosistema no que todos son unha cadea e a ausencia duns leva á ausencia doutros. É dicir, non somos conscientes de que as especies que habitan neses ríos continuan a vivir deles e pode darse a posibilidade de que logo eses animais se convirtan no noso alimento.
    Ademais, non unicamente as especies que consumimos nos afectan, mesmo a desaparición de flora afecta a todo o noso habitat. O ser humano non é alleo á vida que o rodea e a harmonía de todos os seres vivos é vital para a nosa supervivencia.

    Deixovos dúas publicacións que me parecen adecuadas para o voso proxecto. Unha é unha entrevista un hidrobiólogo na que fala da riqueza dos nosos ríos e o descoñecemento que hai sobre eles. https://xornal.usc.es/xornal/entrevistas/entrevista_0090.html
    Outra, unha publicación bastante antiga sobre o perigo de desaparición de especies nos ríos galegos. Estaría ben se puidesedes actualizar esta información e saber cal é a situación actual das especies en perigo de extinción. http://www.rios-galegos.com/contamic.htm

    Gústame

    1. Como ben apuntas, a contaminación dos ríos abarca un marco máis amplo do que se adoita pensar, xa que ademais de afectarnos a nós como cidadanía, afecta aos nosos ecosistemas e o noso entorno. Tamén inflúe de xeito directo á cadea trófica, na que ocupamos o último lugar, é dicir, tódalas substancias contaminantes van dende a auga ata os productos que nós consumimos. Estamos ante un problema cíclico: o que rexeitamos cara o medioambiente acaba por volver á sociedade, e pouco a pouco causaremos máis danos irreversible se non visibilizamos os problemas latentes.

      A entrevista apórtanos datos moi relevantes, como que a exixencia para a conservación do patrimonio é moi baixa ou que a concienciación sobre os problemas dos ríos en Galicia non existe. Por iso escollimos esta temática, para darlle voz aos afectados e visibilizar o máximo posible o que está acontecendo diante dos nosos ollos. Tamén resulta moi interesante a túa aportación sobre a desaparición e malformación das especies polas substancias tóxicas nas augas, tentaremos pescudar cal é a situación actual da fauna acuática, o que resulta complicado, como mencionaches anteriormente, pola desinformación existente nos medios de comunicación.

      Gústame

  2. Estaría moi ben que pescudárades esa información. Deixovos como primeiro avance un par de noticias que atopei nos últimos días de intentos da Xunta de Galicia por recuperar esa biodiversidade tras anos de maltrato por parte de empresas e cidadanía.
    http://www.xunta.gal/hemeroteca/-/nova/016492/medio-rural-aposta-pola-recuperacion-posta-valor-salmon-atlantico-nos-rios-galegos
    http://www.xunta.gal/hemeroteca/-/nova/022236/xunta-repobla-rio-verdugo-con-alevins-troita-comun-dentro-plan-recuperacion-desta

    E aproveito tamén para preguntarvos sobre a responsabilidade da propia Xunta, que sabedes da regulación actual do tema? Nos últimos anos, houbo algún tipo de sanción? A lei protexe os ríos galegos ou nos atopamos ante un baleiro legal?

    Non só os ríos senon tamén as rías sofren diariamente o vertido de augas residuais e aínda que nos últimos anos parece que comezan a verse algunhas iniciativas por parte das institucións ao final vemos, como no voso traballo, que é a xente de a pé quen termina por interesarse sempre na recuperación da natureza. Polo tanto e visto isto, gustaríame saber algo mais sobre a lexislación neste tema.

    Gústame

  3. Moitas grazas polas noticias adxuntadas, Uxía. Servirannos para a pescuda.

    En canto ás responsabilidades da administración, a regulación vixente é a Ley 9/2010, do 4 de novembro, de aguas de Galicia, deixo o enlace. https://www.boe.es/buscar/pdf/2010/BOE-A-2010-18559-consolidado.pdf

    Unha noticia moi recente http://www.farodevigo.es/galicia/2017/02/03/xunta-multiplica-siete-millones-euros/1616458.html confirma que a Xunta de Galicia está preparando unha nova lei de Patrimonio Natural de Galicia, que aumentará notablemente as sancións, e entre outras cousas, creará un catálogo de hábitats en perigo de extinción e unha lista de especies ameazadas, polo que poderemos actualizar esas informacións. En xeral, é un paso para tentar arranxar o dano xa causado no medioambiente.

    Gústame

    1. Grazas por toda a información Paula, espero que co voso proxecto axudedes a visibilizar esta problemática tan frecuente en Galicia. Quería facer unha última apreciación que quizais moita xente do común (inclúome) non ten en conta á hora de pensar en contaminación: Boa parte dos vertidos tóxicos aos ríos veñen de explotacións gandeiras intensivas. http://www.europapress.es/galicia/noticia-csic-constata-rio-limia-contaminacion-causada-gran-presion-agroganadera-depuracion-adecuada-20141227141848.html

      Fío con esto a vosa temática á nosa e conclúo con que ao final a base está sempre na educación e na concienciación dos nosos hábitos de consumo.https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2017/02/17/unha-ollada-a-nosa-alimentacion/
      Invítovos a que pasedes polos nosos post e noraboa pola vosa proposta!

      Gústame

      1. Moitas grazas por esa última aportación, é outro aspecto importante. hai moita xente que non é consciente, e adoptan o pensamento de: “non pasa nada, xa o limpará o río”. Mais os puríns gandeiros afectan de forma grave á calidade das augas.

        A vosa proposta é moi interesante, e tamén é imprescindible a sensibilización, e sobre todo, a educación. Dende o Observatorio tentaremos facer este traballo o mellor posible. Moita sorte!

        Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s