A muller no mundo laboral

O século XXI debería ser o do avance, o momento de deixar atrás todas as inxustizas que asolan á nosa sociedade, máis non é así. Recén comezado 2017, aínda é patente a desigualdade entre xéneros nos mercados laborais en canto ás oportunidades de acceso, ó trato e ós resultados. O desprestixio do traballo feminino e a brecha salarial é unha realidade difícil de negar.

Se observamos os datos da muller no eido científico e da investigación, atopamos que en relación á participación feminina, as cifras para o total nacional pasaron de 55.256 a 88.247 (o que reflicte un aumento dun 59,7%). Se falamos destas mesmas cifras en Galicia, as estatísticas mostran un aumento desde 2868 a 4175 mulleres; un incremento do 45.6%, case 13 puntos menos ca a media nacional. As mulleres atópanse especialmente na ensinanza superior (39,4%), e en menor medida, no sector empresarial (24,1%).

Estes datos amosan a triste realidade, e é que as mulleres aínda seguen marcadas por estereotipos, medos e prexuízos. A porcentaxe de mulleres que se adica a actividades como arranxar vehículos, estudar telecomunicacións, dirixir una empresa ou un grupo de investigación segue sendo moi baixa. Aínda que haxa certos avances, hoxe en día, o traballo segue tendo xénero.

Melloras ínfimas nun mar de desigualdade

Segundo un informe executivo da Organización Internacional do Traballo (OIT), os progresos para superar os obstáculos ós que se enfrontan as mulleres foron lentos e só se lograron melloras mínimas desde a Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller celebrada en Beijing no ano 1995. Así mesmo, algunhas destas melloras limítanse unicamente a unhas determinadas rexións do mundo. O centro de estudos de economía aplicada (Fedea) presentou este luns un informe no que analiza a situación de desvantaxe das mulleres no mercado laboral. O estudo mostra que a pesar de ter unha mellor formación, é máis difícil para elas acceder a un posto. Ademais, unha vez conseguido, moi dificultosamente será un alto cargo e ben remunerado.

Así mesmo, as tarefas domésticas xeran desigualdade: o reparto dos labores de coidado e tarefas da casa non remuneradas entre mulleres e homes representa un papel determinante na desigualdade no traballo. O seu mínimo recoñecemento perpetúa as precarias condicións de traballo das mulleres, que son as que máis tempo lle adican a isto.

Menos emprego

Por outra banda, o informe da OIT amosa que no tocante ás taxas mundiais de desemprego, as mulleres superan ós homes nun 0’7 %. A maior disparidade obsérvase en África Septentrional e nos Estados árabes. Porén, en Europa Septentrional, Meridional e Occidental e en América do Norte, esta diferencia foi reducida por mor da crise financeira dos últimos anos e que afectou, sobre todo, a aqueles sectores maiormente dominados por homes. Isto tivo como consecuencia a incorporación ó mundo laboral de moitas mulleres, mais as desigualdades seguen sendo moi alarmantes. Sen ir máis lonxe, en España hai 1.642.000 mulleres menos traballando ca homes, segundo datos de la última Enquisa de Poboación Activa (EPA) elaborada polo INE.

No 2015, o número de mulleres traballando aumentou por primeira vez dende o ano 2008, polo que minguou a cantidade de paradas en todos os seus tramos de antigüidade. Cabe destacar que son as mulleres de máis de 45 anos as que presentan unha subida maior en canto ao emprego. A pesar desta melloría aparente, o número de paradas de larga duración presenta unha subida apreciable.

Ourense sitúase nunha das dez provincias que superan o 50% do índice nacional das paradas de larga duración. Apréciase, pois, que o paro de larga duración afecta a máis mulleres que homes, xa que por exemplo, o 65% das mulleres de 45 anos levaban en 2015 máis dun ano sen emprego. Todo isto tamén depende moito dos tramos de idade, e vaise reducindo conforme nos acercamos á mocicade.

A porcentaxe de mulleres sobre o total de parados de larga duración (taxa estatal de paradas de larga duración) presenta un incremento do 4% respecto á estatal de demandantes paradas. Lugo constitúe o lugar onde menos creceu esta taxa. Porén, os datos mostran que o 50% das provincias superan a taxa media nacional.

O estudo Fedea constata que en España, o 57% das traballadoras están ocupadas a tempo parcial por non lograr atopar un traballo a xornada completa. Existe un total de 1’16 millóns de mulleres nunha situación de precariedade laboral, cifra que dobra á dos homes. Tamén no sector da I+D+i se detectan importantes diferenzas por sexo. O 56.4% das mulleres teñen un contrato indefinido, mentres que no caso dos homes, a porcentaxe ascende ao 75,3%.

A contratación temporal nas mulleres colocouse nunha posición preponderante fronte á indefinida. Os contratos temporais experimentaron unha subida de máis dun 10%. Caso especial o de Ourense, que se sitúa nunha das doce provincias cunha taxa de estabilidade na contratación feminina superior á nacional.

Mellor formadas

Tamén nos amosa o informe Fedea que as mulleres están mellor formadas cós homes. Actualmente as mulleres de menos de 50 anos alcanzaron un nivel educativo moi superior ó dos homes da súa xeración. O 67% das mulleres entre os 20-50 anos completaron a educación secundaria superior, fronte o 58% dos homes. Ademais, o 43% das mulleres entre 20-50 anos teñen estudos terciarios, fronte ós homes cun 36%. A pesar disto, como xa vimos, o xénero feminino atópase en desvantaxe fronte ós seus compañeiros.

Crecente dificultade de acceso a un bo posto

Isto é ó que se lle denomina teito de cristal. En España só o 17% das conselleiras das grandes empresas son mulleres, unha taxa que se atopa moi por debaixo da media europea. Ademais, somentes unha de cada dez mulleres ten acceso a un posto de executivo de máximo nivel e só o 3% son conselleiras delegadas. A brecha salarial culmina canto máis se achega unha muller a un alto posto. No que se refire á remuneración, en liñas xerais as mulleres están moi por debaixo dos homes, sendo inferior a porcentaxe das mulleres respecto aos homes nos salarios superiores a 2.500€ e superiores a 1800€ no eido científico, por exemplo. Mais si é certo que no caso galego, en relación ao ano 2014, se pode constatar unha melloría en relación á contratación feminina, incrementándose lixeiramente.

Mulleres e historias propias para a análise crítica da desigualdade

Calquera pode ter acceso a estes datos que aquí se verteron, pero resulta moito máis enriquecedor achegarnos á voz da experiencia, ás propias afectadas. Saber máis do cualitativo, e non tanto do cuantitativo. Os datos xa non impresionan, non fan que as persoas reaccionen, mais se se comezan a contar historias de mulleres que viviron na súa propia pel esta desigualdade, de seguro se chama máis a atención. A meirande parte dos medios de comunicación, ó noso parecer, tratan esta problemática dun xeito puntual e non chegan ó fondo do problema. Non dan unha visión de conxunto.

Vemos primordial achegarnos a quen sofre, a elas, ás mulleres. Con base nesta comunicación, levaremos a cabo un proxecto durante estes próximos meses no que estableceremos contacto cos familiares ou testemuñas de situacións de desigualdade laboral, mulleres que foran ou sexan vítimas desta disparidade ou calquera outra persoa que se preste a axudarnos a cambiar esta situación coa achega da súa experiencia e historia. Esta idea versará, pois, na interacción cun grupo de mulleres co que se realizará unha lectura crítica das informacións publicadas nos medios de comunicación ao longo duns cantos debates.

Asemade, pretendemos iniciar unha serie de actividades mediante as plataformas Twitter e Instagram, así como a realización dun vídeo a pé de rúa cuxo contido será coñecer a opinión e a consciencia da cidadanía. O fin destas actividades, así como de todo o proxecto, será concienciar. Ademais, cremos viable a elaboración de carteis que inciten á reflexión, destinados ás paredes dos lugares que máis frecuentamos (facultades, bibliotecas), así como o envío de cartas ó director pedindo unha mellor cobertura a aqueles medios que, desde o punto de vista de todo o círculo, puideran dotar esta problemática dunha maior importancia dentro dos seus xornais ou plataformas.

Cómpre retamar poñendo o acento en que a pesar dos significativos avances de cara a igualdade, o máis importante aínda está por conseguir. Non se manifesta nas diferentes áreas profesionais, no día a día das mulleres que están na procura dun traballo e que loitan polo seu recoñecemento. Así pois, os xornalistas temos o deber de actuar, como cuarto poder que somos, e darlle a todas as traballadoras voz para que se lles recoñeza o que é seu.

Integrantes do grupo: S2A

  • Cuíñas Obeso S2A1
  • Crujeiras Losada S2A2
  • Gómez López SDA3
  • Gómez Fernández S2A4
  • Grande Carral S2A5
Advertisements

6 comentarios en “A muller no mundo laboral

  1. Interesante post. A problemática que plantexades é grave e desalentadora, sobre todo para as mulleres que estamos a piques de acceder ao mundo laboral, que, se ben se atopa nunha situación delicada para calquera, engrandece os seus obstáculos e dificultades para o colectivo feminino. Chamoume especialmente a atención o dato de que son as mulleres maiores de 45 anos as que rexistran unha suba na súa empregabilidade, o cal supón un dato desalentador para nós, as mulleres novas, e o noso futuro no ámbito laboral. Gustaríame saber, coa perspectiva do tempo dende a publicación deste post e ata a conclusión do voso traballo, se a vosa perspectiva sobre o tema variou e como evolucionou a vosa forma de pensar; se hai motivos para se desalentar ou existe algunha esperanza de acadar condicións equitativas nun futuro.

    Gústame

    1. Boas Marta, moitas grazas polas túas palabras. Facendo un análise a grandes rasgos, o panorama segue igual de desolador. Non só falamos da posibilidade de acceder ao traballo, senón tamén das desigualdades económicas, dos casos de acoso sexual, dos estereotipos aos que nos temos que enfrontar as mulleres… Faste unha idea da cantidade de temas que tratamos e aos que intentamos buscar unha solución. E é precisamente esa esperanza da que falas a que vinculamos as solucións: a deconstrución e a concienciación son fundamentais. Unha das nosas integrantes, nunha das reunións, díxonos unha frase que nos quedou moi marcada: “xa non temos que educar, senón des-educar”, é dicir, derribar as conductas machistas e patriarcalistas que son patentes na noso día a día. É a única forma para avanzar nesta loita, a nosa loita.
      Deixoche uns enlaces interesantes a outros post nos que tratamos este tipo de casos:
      https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2017/04/03/mabel-perez-integrante-da-secretaria-de-ccoo-a-solucion-o-acoso-pasa-pola-deconstrucion-e-a-prevencion/
      https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2017/04/20/as-mulleres-tenen-voz/

      Liked by 1 person

      1. Gracias, Lucía, polas túas achegas. Lin con interese ambos posts, e chamoume especialmente a anteción o referente ao acoso á muller no seu ámbito laboral. Día a día asistimos con impotencia, non só ao feito de ter que demostrar máis na nosa profesión por ser mulleres, senon que nos enfrontamos a ser infantilizadas e tratadas de xeito paternalista por xefes e compañeiros. Resulta desalentador comprobar que as solucións aportadas contra este tipo de acoso pasen por trasladar ás afectadas e non se centren en medidas serias contra os acosadores, que na meirande parte das ocasións non obteñen perxuízo nas súas carreiras nin ven perigar os seus postos de traballo. Penso que unha solución cara estes abusos sería o de adoptar unha postura intransixente ante eles; dandoos a coñecer e poñendo ao acosador en evidencia ante a sociedade, para que non teñamos que asistir a casos como estes:
        http://politica.elpais.com/politica/2016/09/06/actualidad/1473165018_143499.html
        Ti que opinas?

        Liked by 1 person

      2. Persoalmente, estou completamente de acordo contigo Marta. O problema é que na nosa sociedade parece unha medida imposible, non crees? Xa soamente no casos dos medios de comunicación. Que é o que soemos ver? Que elas non acaban ben, que son as vítimas as que cambian de traballo, as que son trasladadas, mentres os seus acosadores seguen comodamente no seu posto habitual, e aínda poden chegar a ascender. Déixoche aquí un par de exemplos:
        http://www.publico.es/actualidad/asciende-mando-denunciado-zaida-cantera.html
        http://cultura.elpais.com/cultura/2017/02/27/actualidad/1488187225_645431.html

        Son tan só uns poucos exemplos da cantidade deles que hai. Ti mesma daraste conta, como eses titulares nos que se pon que morren mulleres, en vez de por que son asasinadas.
        Para min, a solución que ti ofreces é unha das máis efectivas, pero penso que na nosa realidade non funcionarían. Por que? Porque falta concienciación, educación, deconstrución. Todo o que che mencionei anteriormente. No caso do acoso, caberían protocolos de prevención, que segundo unha das nosas integrantes, poden resolver este tipo de casos, botando fóra ós acosadores, axudándoas a elas e previndo novos casos.
        Así e todo, debemos fomentar e educar con eses valores nos que a muller, por fin, estaría valorada.

        Gústame

      3. Tristemente, o que dis é ben certo. Esta problemática está fortemente arraigada no seo da sociedade, polo que o excepcional é que estos casos trascendan e a norma é que sexan silenciados. O caso de Zaida Cantera é un dos máis coñecidos e inxustos, xa que o acoso que sufriu a militar tivo como único resultado un ascenso para o teniente acosador. Este caso, ademáis, tivo especial relevancia política, xa que a exmilitar, agora diputada do PSOE, presentou a situación como motivación para saltarse a normativa da xestora e negarse á abstención imposta na investidura de Rajoy, alegando que o agora presidente permitiu que Morenés, o ministro de defensa que ascendeu ao seu acosador, continuara a formar parte da Executiva.
        Déixote información sobre o caso e a súa testemuña persoal por se queres ampliar información:
        http://www.elplural.com/politica/2016/10/28/zaida-cantero-explica-su-no-me-piden-que-permita-que-morenes-siga-sentado

        É, canto menos, desalentador, que nin sequera nun caso tan mediático o acosador recibira o escarmento pertinente. Non cres?

        Liked by 1 person

      4. Ben coñecía os datos, Marta. É realmente desalentador, como ti afirmabas, e se isto pasa en casos de xente coñecida, que máis ou menos ten un nivel económico relaxado, cal é a realidade silenciada de tantas mulleres en situacións de precariedade? Porque, recordemos, na maioría dos casos as mulleres aturan estas situación polo feito de que necesitan ese traballo, e eles se aproveitan disto. A min dame moita vergoña que vivamos nun país no que non se fai nada por axudar as mulleres.
        Deixoche por se che interesa un enlace sobre protocolos de prevención do mobbing (o acoso sexual nos postos de traballo), así como outro no que se tratan as principais preguntas sobre o acoso sexual.
        http://www.igualdadenlaempresa.es/recursos/herramientas/docs/Manual_prevencion_acoso_sexual_y_por_razon_de_sexo.pdf
        http://www.inmujer.gob.es/conoceDerechos/preguntas/acoso.htm

        Liked by 1 person

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s