Emigración e retorno: achegamento ás historias de vida

Este vaise i aquel vaise / e todos, todos se van”. Con estes versos de Cantares gallegos (1863), Rosalía de Castro reflectiu unha das realidades galegas máis visibles durante os séculos XIX e XX: a emigración, o éxodo. Precisamente a este tema quixemos prestar nós especial atención. Galicia, terra de migrantes, é tamén hoxe punto de retorno daqueles que puideron e quixeron voltar. Deste xeito, preséntase interesante a posibilidade de afondar nas historias vitais desas persoas que, no seu día, mudaron o lar galego por unha casa no estranxeiro pero que, de novo, volven ás súas raíces.

Historias de vida contadas polos protagonistas

Conscientes da pouco espazo que ocupa este tema na axenda mediática, trataremos de achegarnos a esta realidade co fin de comprendela ben e poder visibilizala. Para iso, mergullarémonos nas historias de vida e nas experiencias de persoas de máis de sesenta e cinco anos que emigraran durante o período do século XX. Por que marcharon?, como foi a súa vida no país receptor?, a que se debe o seu regreso?, cal foi a situación que atoparon á volta? Procuraremos, entón, atopar respostas a estas incógnitas e a aqueloutras que nos xurdan polo camiño.

Co gallo de desenvolver este proxecto de maneira satisfactoria, tentaremos contactar con homes e mulleres de forma equitativa. Deste xeito, tamén poderemos coñecer as diferenzas existentes entre ambos sexos en canto á emigración. Se hoxe as desigualdades entre un e outro xénero son palpables, no século XX eran inmensas. Consecuentemente, é probable que homes e mulleres deran con distintas problemáticas á hora de atopar emprego, por exemplo. Exploraremos, tamén, se as razóns da súa marcha son distintas ou se, pola contra, existen similitudes entre ambos sexos.

Para acadar o noso obxectivo, falaremos con persoas que permaneceran no país de destino durante unha etapa igual ou superior aos dous anos. Desta forma, as historias de vida serán moito máis amplas e os relatos máis fundamentados. Seremos quen de viaxar no tempo e no espazo a través das súas palabras?

Atrevémonos a afirmar que si logo de ir ao Centro Sociocultural O Ensanche. Entrar alí é tamén entrar nunha especie de túnel que nos transporta ao Brasil, á Arxentina, á Suíza… Segundo nos conta a directora do centro, hai un grupo de retornados que acoden diariamente alí para facer vida social. Uns xogan ás cartas, outros len o xornal, outros simplemente conversan… Mestúranse acentos marcados nas súas falas. Quen mellor ca eles para relatarnos as experiencias vitais que andamos a procurar?

Contaremos con eles ao longo do noso traballo. Intentaremos crear un ambiente cordial e coa suficiente confianza entre os integrantes do círculo e nós mesmos. Así, será máis doado que se sintan nun entorno cómodo para contar as súas historias sen vernices e con seguridade. Isto, sen dúbida, favorecería a ambas partes, dado que nós conseguiriamos coñecer biografías e sucesos reais, mentres que eles poderían compartir as súas memorias. Pode resultar interesante para eles o exercicio de transmitir as súas vivencias dende un punto de vista agradable, mais tamén lembrando as dificultades ás que tiveron que facer fronte. Neste aspecto, poderían atopar en nós un apoio.

Facer real aquilo que o foi

Para falarmos con eles fomentariamos a realización de debates que xirarían ao redor dos puntos expostos con anterioridade. Pretendemos que sexan xuntanzas interactivas, polo que estaría ben que eles mesmos aportaran fotografías ou cartas que intercambiaban cos familiares. Deste xeito, a conversa fluirá máis facilmente e facilitará a chegada de recordos e a introdución de cuestións interesantes que, doutro modo, non sairían a relucir.

Ademais, isto permitirianos elaborar un mural en forma de mapa no que destacariamos os países de destino e incluiriamos elementos das súas experiencias. Materializar as súas lembranzas e expoñelas ao público sería unha boa forma de visibilizar esta realidade e lograr un maior impacto. Así mesmo, cabe a posibilidade de facer un programa de radio a partir das súas declaracións, gravadas previamente.

A emigración do século XX nos medios actuais

Cómpre destacar que este non é un tema tratado asiduamente nos medios. Porén, si que se afonda na emigración e na inmigración actual. Por un lado, atopamos os mozos españois que se ven obrigados a marchar na busca de traballo especializado e, por outro, a chegada de refuxiados. Confrontaremos, pois, esta situación do presente con aqueloutra similar do pasado.

Así mesmo, para evitar que as migracións do século XX – aínda non obsoletas – caian no esquecemento dos medios de comunicación, elaboraremos e enviaremos cartas ao director nas que faremos fincapé neste tema.

Mirar ao pasado dende o presente para pensar no futuro. Iso será o que nos mova neste traballo e na vida. Todos somos un pouco migrantes; todos voltamos. Contar as historias que quedaron polo camiño – ben sexa nos medios, ou ben a un público de forma directa – é unha maneira de perpetualas e facernos un pouco inmortais. Parte da historia de Galicia tamén se escribiu dende o estranxeiro, non o esquezamos.

 

 

 

Advertisements

12 comentarios en “Emigración e retorno: achegamento ás historias de vida

  1. A temática escollida por este grupo de traballo chamoume especialmente a atención xa que, como ben se especifica no post, a situación dos migrantes retornados non é un tema moi recorrente nos medios. Se ben o tema de por sí non se trata, a figura da muller migrante, co conseguinte lastre que supón o seu xénero na sociedade patriarcal, é aínda máis invisible nos medios. Penso que o compoñente de xénero é un factor a ter en conta cando falamos de migrantes, xa que o feito de que as mulleres se incorporasen ao fenómeno migratorio de xeito tardío e desequilibrado provocou que a súa presenza se reducira a simples cifras, negándolle o protagonismo que lle corresponde. Afortunadamente, a sociedade -e os medios e recursos dispoñibles- avanzaron o suficiente como para proveer específicamente ás mulleres nesta situación de apoio, información, e pautas para lidiar coa súa circunstancia, como é o caso da plataforma “Mujeres en Red”, que elabora artigos e accións orientadas a este público específico.
    http://www.mujeresenred.net/spip.php?rubrique45

    Gústame

    1. Si, Marta. É preciso situar sempre un foco de atención sobre o colectivo feminino, un pouco para contrarrestar ese esquecemento ou ostracismo ao que foron -e están sendo- condenadas as mulleres. De feito, un dos nosos próximos posts estará orientado á situación da muller galega emigrante.

      En canto á páxina que compartes, semella interesante. Déixoche por aquí o link dun traballo de investigación no que se analiza a emigración da muller americana e da europea (https://books.google.es/books?id=8KX8PGSSUz8C&printsec=frontcover&dq=nais,+xornaleiras+e+emigrantes&hl=es&sa=X&ved=0ahUKEwj4jbSciYPTAhWJxRQKHWiaBeMQ6AEIHjAA#v=onepage&q=nais%2C%20xornaleiras%20e%20emigrantes&f=false) Data do ano 1999, pero sérvenos para o noso tema (xa que nos centramos no século XX, principalmente)

      Gústame

      1. Grazas por me facilitar ese traballo, Silvia. Lino con interese e sobre todo a satisfacción de saber que pouco a pouco a ideoloxía de xénero vai calando cada vez máis fondo en todos os ámbitos administrativos (como representa a existencia dunha “Conselleira da Muller, responsable do prólogo do escrito.) É ben sabido que os testemuños sobre a situación histórica da muller son poucos e están falseados e elaborados dende unha óptica paternalista e de inferioridade, na que non hai espazo para as miles de mulleres fortes que emigraron con todo na súa contra na procura dunha vida máis digna. Gustaríame, en primeiro lugar, que me facilitases o post do que falas sobre muller e emigración; e tamén saber as túas propias impresións sobre o tema tras ter a oportunidade de coñecelo de primeira man. Gracias!

        Gústame

      2. Claro! O post do que che falaba é este https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2017/04/12/emigracion-e-muller-loita/, escrito por Sara Lozano.

        Por outro lado, estou de acordo contigo cando dis que as referencias que temos da migración feminina están, polo xeral, contadas dende a perspectiva masculina e, polo tanto, sesgada. Por iso vexo esencial pararse a falar coas protagonistas destas historias. No noso Círculo contabamos con dúas mulleres, María e Sara. Ambas lembraban con agarimo o trato que recibiron no estranxeiro, comparándoo coa situación do noso país. Dende o meu punto de vista crítico, considero que tamén no estranxeiro foron relegadas a un segundo plano. Quizais non fora tan evidente coma en Madrid, de onde dicían que a discriminación e a desigualdade era espantosa, pero si dalgún xeito. Dende o momento no que se segrega totalmente o traballo por sexos -como elas relataban- existe discriminación. Tamén está, por outra banda, a “obriga” de quedar na casa para coidar os fillos mentres o marido era quen migraba e traballaba no exterior. Son exemplos dunha sociedade patriarcal e machista que se acentúa aínda máis se falamos deste colectivo.

        Gustaríame saber que opinión che merece iso das “viúvas dos vivos”, como dicía Rosalía. Neste caso, as do século XX.

        Liked by 1 person

      3. Boas Silvia! En primeiro lugar, noraboa polo post que me facilitaches, é moi clarificador e argumenta moi ben os feitos que narra. Porén, resulta desalentador comprobar, nas palabras de María, que se ben a elas lles esixían maiores xornadas de traballo non remuneradas que aos homes xa no seu día; a día de hoxe ocorre algo similar coa muller traballadora. Resulta indignante comprobar que, ademáis de que actualmente as mulleres percibimos menores salarios polo mesmo traballo, a nosa profesionalidade e valía é posta en cuestión continuamente por parte de xefes e compañeiros. Aínda así, gústame comprobar que ao longo do voso proxecto fostes quen de poñer a mira sobre esta problemática en concreto, sempre a través da voz das membros do voso círculo. En canto ao escrito de Rosalía que mencionas, a sempre pioneira escritora galega foi quen de reflexionar sobre unha problemática invisible xa no seu tempo e aínda agora: a das milleiras de mulleres que trala marcha dos seus homes cara ao estranxeiro, quedaban en Galicia co peso do fogar e da familia sobre as súas costas. O poema é enternecedor e duro, destacando sentimentos tales como o desarraigo e o desprendemento de quen sente nostalxia pese a quedar na súa terra. Especialmente rebeladora é esta estrofa en concreto, unha das miñas favoritas do poema:

        “Éste vaise i aquél vaise,
        e todos, todos se van.
        […]
        Tes, en cambio, orfos e orfas
        e campos de soledad,
        e nais que non teñen fillos
        e fillos que non tén pais.
        E tes corazóns que sufren
        longas ausencias mortás,
        viudas de vivos e mortos
        que ninguén consolará.

        Gústame

      4. Rosalía sempre soubo reflectir mellor ca ninguén o desacougo da realidade feminina.

        Sempre é preciso analizar a situación da muller, en tódolos aspectos posibles. Tamén no que nos concerne agora: migración, traballo, familia… Grazas polas reflexións, Marta.

        Gústame

  2. É ben certo que o tema da emigración dos séculos XIX e XX por parte dunha considerable multitude de galegos non é un tema tratado nos medios de comunicación. Como se di no texto, agora fálase máis da emigración e da inmigración actual, referíndose ós mozos e mozas que teñen que cambiar de país co propósito de atopar un traballo debido á máis que patente precariedade laboral, e ós refuxiados sirios que pretenden abandonar o seu país en guerra para sobrevivir. O enfoque do traballo é o axeitado, mais penso que existe un apartado que se podería tratar: as outras vítimas da emigración. As parellas, neste caso sobre todo mulleres, que tiveron que sufrir a perda dos seus maridos que ían na procura dunha vida mellor, fóra de Galicia. Era tamén Rosalía de Castro a que falaba das “viudas de vivos”, aquelas mulleres que se quedaron para que os seus homes marcharan para ofrecerlles a elas un futuro mellor. Este tema tampouco é tratado nos medios (por iso considero que se debería tocar neste traballo), mais faise algo visible grazas ó traballo de certas persoas, especialmente documentalistas ou algúns escritores, como a escritora Inma Chacón, que publicou o ano pasado unha novela sobre a situación da Galicia rural nos tempos da migración, tratando o tema do sufrimento vivido polas mulleres e familias dos emigrantes:

    http://www.lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2016/09/15/inma-chacon-novela-drama-inmigracion-rinde-homenaje-viudas-vivos-galicia-rural/0003_201609G15P46992.htm

    Gústame

    1. Estou dacordo contigo Elisa, tampouco se fala das outras vítimas que deixa atrás a migración. Porén, vouche pasar o enlace dun post dunha membro do meu grupo no cal fala das diferenzas que hai entre a emigración dos homes e das mulleres, para que lle botes unha ollada: https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2017/04/12/emigracion-e-muller-loita/. Tamén me gustaría engadir que dúas membros do noso círculo crítico nos contaron as súas experiencias e ambas migraron ao mesmo tempo que os seus maridos. O que quero dicir con isto é que non todas as mulleres ‘perderon’ aos seus maridos nas migracións, pese a que moitas si viviron esa situación.
      Descoñecía totalmente a existencia desta novela, grazas por compartilo comigo. Ao lelo reparei nunha cousa que di a autora ao falar da actual emigración que os adolescentes emprender para buscar un mellor futuro. Esta fuga de cerebros tamén debería de acadar un papel importante nos medios de comunicación (déixoche por aquí un artigo que fala sobre o tema que me pareceu moi interesante: http://elpais.com/elpais/2017/01/02/opinion/1483379093_147582.html).

      Gústame

      1. Alégrame saber que tratades o tema da muller, xa que me parece moi importante para entender algunhas cousas sobre a emigración do século XX, sobre a xente que sufriu tendo que ir a un país descoñecido e sobre a que se quedou sufrindo en silencio a ausencia dun ser querido, sen saber se volvería ou non.
        O artigo que compartiches conmigo paréceme moi interesante para coñecer o panorama laboral actual e o chamado eufemismo de ‘fuga de cerebros’. É realmente triste que moitas persoas se teñan que marchar porque no noso país non hai traballo, cando, como se di no artigo, o que España necesita son cerebros. Relacionado con isto, gustaríame enviarche un artigo sobre dúas mulleres que escribiron un libro, ‘Volveremos’, sobre a historia de varios xóvenes que tiveron que marchar a outros países debido á precariedade laboral existente no noso país pola crise. A ti que che parece?
        http://www.eldiario.es/cultura/libros/volveremos_0_587241307.html

        Gústame

      2. Exacto Elisa! Sempre é bo coñecer a situación dos homes e das mulleres, para poder ter unha visión completa da migración. Precisamente é necesaria polo que ti dis, xa que algunhas mulleres tiveron que quedar nos países de orixe e ver marchar os seus maridos ou viceversa, xa que como dixen tamén hai casos nos cales é a muller a que emigra.
        O tema da ‘fuga dos cerebros’ foi moi comentado nas reunións que o meu grupo tivemos co círculo crítico. É moi triste o futuro que nos depara a todos, xa que o máis probable é que teñamos que migrar para conseguir traballo (algo similar as migracións que os nosos avós e avoas realizaron anos atrás).
        No tocante ao artigo que me compartiches, paréceme incrible que algúns políticos xustifiquen a marcha dos adolescentes como un “impulso aventureiro”, cando é evidente que este realizase pola forte crise que hai no noso país e a falta de oportunidades laborais.
        Por outro lado, e xa que falamos de crise, vouche compartir un enlace no cal se fala da crise migratoria actual e das políticas que se están levando a cabo: http://cadenaser.com/programa/2017/04/29/hora_14_fin_de_semana/1493463323_114623.html. A ver que che parece.

        Gústame

      3. Está a migración acontecida ao longo do século XX, está a realizada polos xóvenes do noso país (e tamén doutros países) a outros lugares por mor da crise económica, e logo está a que sufren moitos sirios que pretenden fuxir do seu país que está en guerra. En todos estes casos de migración as vítimas non se atopan para nada beneficiadas, xa que as dificultades laborais e persoais non son poucas. Penso que esta situación complicada coa que moitos que emigraron no século XX se atoparon non mellorou en ningún sentido respecto á situación migratoria actual. Non sei qué opinas ti.
        Vouche pasar o enlace dun artigo que atopei sobre os problemas aos que se enfrontan refuxiados sirios que queren marchar do seu país, a ver qué opinas:
        http://www.eldiario.es/desalambre/Centros-registro-tribunal-cuentas-europeo_0_637636587.html

        Gústame

      4. As cousas algo cambiaron pero as dificultades seguen estando presentes en todos os tipos de migracións dos cales falamos.
        No tocante a noticia que me pasaches, para min non é nada novo coñecer as dificultades que se atopan os migrantes/refuxiados para poder viren a países máis seguros. Se a isto lle engadimos a mentalidade da nosa sociedade, contraria en gran parte a que eles veñan, esas dificultades multiplícanse. Para rematar a nosa conversa déixoche un artigo que reflicte o tema do que estamos a falar: http://www.elmundo.es/internacional/2017/02/26/58b3314246163faa288b4584.html. Penso que non son necesarias máis palabras para explicar o que di o artigo. Un saúdo!

        Liked by 1 person

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s