Enfermidades mentais: o paciente na institución especializada

Moitas son as causas que poden motivar a aparición dunha enfermidade mental. A xenética e os antecedentes familiares vencellados ás súas experiencias vitais, tales como o estrés ou un historial de abuso, xogan un papel determinante na orixe destes trastornos. Tamén poden proceder de factores biolóxicos, como unha lesión traumática no cerebro ou algún dano durante o embarazo da nai. E a lista de causas é case tan longa como preocupante: o abuso de substancias psicotrópicas ou o padecemento de cancro son tamén factores de risco.

Non é que xogue precisamente ao favor dos afectados por estas patoloxías o descoñecemento da cidadanía acerca das mesmas. Ben é certo que nas últimas décadas estamos a ser testemuñas de como a sociedade experimenta unha melloría na súa visión deste tipo de trastornos. As reclamacións deste grupo social van a máis, e estanse facendo cun oco importante na demanda de melloras de dereitos. Con respecto ao proceso de rehabilitación deste tipo de enfermidades encontramos tamén múltiples avances. Cada vez hai máis institucións especializadas en dar tratamentos con bos resultados aos doentes. Isto supón, na maioría dos casos, unha vida máis levadeira e máis feliz para estas persoas. As enfermidades mentais contan cun nivel cada vez maior de normalización; porén, segue sen chegar a ser óptimo. As carencias seguen a ser enormes, e aínda que se avanzou nunha boa dirección, a día de hoxe este colectivo segue estando renegado a un segundo plano social. Con ánimo de dar a coñecer aspectos da súa realidade que continúan desaparecidos, cremos necesario facer unha análise do que realmente supón a asistencia a estes centros na vida diaria dos pacientes. Na mesma liña, afondar na visión da sociedade sobre este tipo de temas vólvese unha tarefa fundamental. Esta sería unha maneira de, entre outras cousas, averiguar se é certo que algúns estereotipos poden chegar a influír na evolución —e mesmo superación— das enfermidades mentais. Poñerse na pel das persoas afectadas, tanto para os que escribimos coma para os que nos len, é basico. Cómpre centrarse naqueles aspectos descoñecidos pola gran maioría da poboación.

Por suposto, esta tarefa non recae soamente en nós, os xornalistas. Grazas aos apoios de diversas asociacións con ampla experiencia no tratamento desta realidade, a nosa achega será moito máis fiel. Unha delas será Itínera, institución que vén realizando dende a década pasada diversas actividades no Hospital Psiquiátrico de Conxo, loitando pola integración deste colectivo na sociedade. Por outra banda, colaboraremos tamén con Andaina, unha organización que leva case sete anos operando na periferia de Santiago, unha área que ata ese momento non contaba con cobertura para o tratamento deste tipo de patoloxías. A partir destes dous pilares básicos poderemos chegar a unha información que nos permita aportar luz a un tema escuro para o resto do mundo.

Colaboración, base da información veraz

Para atopar esa interpretación, libre de prexuízos e máis próxima ao concepto que conciben os propios afectados, estaremos rodeados por doentes e persoas moi próximas ao entorno dos mesmos. O noso propósito é que os propios participantes colaboren no blog, obtendo deste xeito un testemuño directo que aporte claridade ao asunto. Para todo isto botaremos man das institucións ás que nos referimos anteriormente, que ao mesmo tempo contarán con outro punto de vista moi a ter en conta: o das consecuencias que lles acarrea aos traballadores o paso dos pacientes polas instalacións.

Sen dúbida, esta será unha visión novidosa e que poucas veces se viu reflectida nos medios de comunicación. De feito, tentaremos pescudar nos textos publicados nos periódicos e demais soportes sobre este tema ata este momento, para deste xeito determinar a súa veracidade. En resumo, pretendemos descubrir se aparecen nestas publicacións algunhas das falsedades que xeralmente teñen cabida no pensamento global dos habitantes.

Precisamente, en contraposición coas percepcións erróneas que a miúdo aparecen nas publicacións xornalísticas, tentaremos promover algunha actividade que presente a realidade correctamente. A expresividade dos doentes podería plasmarse, por exemplo, mediante as artes plásticas. A exposición dos resultados nalgún lugar público supoñería para a cidadanía unha maneira de achegarse a esta comunidade. Esta sería unha nova forma de integración, que aspiraría a alcanzar mellores resultados e a continuar coa tendencia de mellora na concepción social sobre as persoas con trastorno mental.

A necesidade de contalo

Facerse escoitar e desmentir todas as inexactitudes da concepción que se ten deste colectivo é unha das súas esixencias. A nosa tarefa como xornalistas será a de servir de enlace co exterior, e de certo xeito, cooperar con estas institucións para complementar o tratamento que lles proporcionan no día a día aos doentes. E é que non todas as persoas con discapacidades mentais poden ser metidas no mesmo saco. Existen moitas tipoloxías distintas, e á súa vez, un proceso de rehabilitación adaptado ao mesmo. Non se pode tratar de igual xeito a unha persoa que padece depresión ca alguén con esquizofrenia. Tan só con traballo diario, paciencia e esforzo por ambas partes, pode prosperar un doente. Porque non hai só a necesidade de contalo; é imprescindible sabelo.

Advertisements

4 comentarios en “Enfermidades mentais: o paciente na institución especializada

  1. Dalama Veiga, Laura, S2B

    Un dos principais problemas para o tratamento das enfermidades mentais é o estigma social que rodea ás persoas afectadas. Cando unha persoa ingresa nun hospital por unha enfermidade que non afecte á saúde mental recibe visitas de familiares e amigos preocupados pola súa saúde e alégranse cando se recupera. Non ocorre así coas persoas afectadas por unha enfermidade mental, que sofren os prexuízos cando xa están rehabilitados ou inclusive sen haber pasado por un hopsital psquiátrico. De feito, non se escoita a ninguén dicir que non pode facer algo porque ten hora co psicólogo, cousa que sí se fai co médico de cabeceira ou co dentista. Con respecto a estes prexuízos, aínda que é unha noticia antiga e trata o tema da ludopatía e non das enfermidades mentais, é interesante ver o que é capaz de facer unha persoa para evitar o estigma social: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/pontevedra/2004/01/30/vecino-denuncia-robo-ocultar-ludopatia/0003_2376240.htm

    Ademais, penso que unha das maneiras de chegar a unha plena integración social é a través da integración laboral, algo difícil para as persoas afectadas de enfermidades mentais: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2017/01/02/enfermos-mentales-siguen-luchando-contra-estigma-laboral/0003_201701O2C1992.htm

    E, xa que mencionades o Hospital Psiquiátrico de Conxo, o único en toda Galicia, engado unha reflexión nun artigo de opinión acerca do peche destas institucións: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2017/02/05/manicomio-/0003_201702O5C2993.htm

    Gústame

    1. Entendo a que te refires, Laura. Non supón o mesmo dicir que tes cita co psiquiatra ca dicir que tes hora para o otorrinolaringólogo (máis aló do trabalinguas, me refiro). Agora en serio. O principal problema das enfermidades mentais é que seguen a ser tabú. Tanto na prensa como na sociedade, aínda que o segundo vén como consecuencia do primeiro. E avanzamos moi lentamente. De feito, vouche mostrar un artigo publicado no 2010, hai xa sete anos, e vas poder observar o pouco que cambiou a situación respecto á actualidade: http://www.laopinioncoruna.es/coruna/2010/07/16/tabu-enfermedad-mental/402569.html.
      Penso e confío en que a solución pasa primeiramente por buscar un xiro na realidade que os medios de comunicación mostran deste colectivo. Deixar de lado a parte mala, a relacionada con sucesos que carecen de explicación lóxica, e pasar a mostrar historias que acheguen á sociedade ás persoas que padecen destas enfermidades. Eles non poden elixir. E inevitablemente, a poboación é unha masa que se move segundo a información que nos queiran mostrar os medios dominantes. Este sería o mellor dos tratamentos posibles para calquera tipo de patoloxía.

      Gústame

      1. É un artigo moi interesante xa que é moi parecido ao que engadín eu sobre os estereotipos no ámbito laboral, e como dis, hai sete anos de diferencia entre un e outro: si que avanzamos moi lentamente. É certo que a sociedade móvese segundo a información que mostren os medios dominantes, pero o xornalismo o fan as persoas polo que penso que a visión da sociedade inflúe no que se publica nos medios así como o que se publica nos medios inflúe na visión da sociedade. É unha retroalimentación. Precisamente para lograr este xiro na realidade que mostran os medios a OMS (Organización Mundial da Saúde) elaborou un Plan de Acción sobre Salud Mental (2013-2020) e resulta interesante ver as medidas que se levan a cabo ou que se pretenden: http://apps.who.int/iris/bitstream/10665/97488/1/9789243506029_spa.pdf?ua=1

        Gústame

      2. Non vexo eu tan clara a retroalimentación á que te refires. Máis ben seméllame unha utopía (e o que na realidade debera ser). E isto refléxao moi ben o Plan de Acción que adxuntas no teu comentario. A OMS márcase como un dos principais obxectivos dar comezo a “campañas contra a discriminación do colectivo nos medios de comunicación”. Está claro que hai un problema na visibilización que se lle dá ó conxunto das persoas afectadas por enfermidades mentais. Moitas veces aparecen mencionadas na prensa, como sinalei anteriormente, pero en poucos destes artigos se pon énfase nalgo que non sexan as consecuencias negativas da condición dos doentes. Non é o mesmo ler a prensa que ler un folleto informativo, pero a función debera ser semellante. Os medios de comunicación, máis aló de entreter, deben informar. E non desinformar. Sería interesante que estes se nutriran de informes coma este https://consaludmental.org/sala-prensa/estigma-principal-barrera-integracion-personas-trastorno-mental-20528/, para así saber que necesidades informativas debe cubrir.
        O xornalismo actual non está o suficientemente comprometido coas realidades sociais do presente. E a nosa labor é loitar dende dentro para que isto cambie.

        Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s