Que lle pasa á mobilidade en Compostela?

O escenario da mobilidade dentro do Concello de Santiago, coma o doutros importantes núcleos urbanos do territorio galego, é unha cuestión de análise que abrangue un amplo abano de significados e interpretacións: dende unha connotación primaria —desprazamento de vehículos privados, transporte público, etc.— como secundaria —tránsito de vehículos alternativos, estacionamento, obras na vía pública, etc.—.

Do mesmo xeito, é un tema que contempla a perspectiva dos seus usuarios/as e demais persoas involucradas, que realizan desprazamentos cunha periodicidade moi marcada, por non dicir extremadamente habitual, ou mesmo que son responsables ou operarias destes medios de desprazamento.

Para coñecer en profundidade as inevitables problemáticas e deficiencias que tenden a xurdir en todo gran núcleo de poboación relativas a este tema, precisamos saber cal é a súa dinámica actual así como a máis próxima no pasado, e comprender e analizar os seus antecedentes para logo facer unha serie de prognósticos axeitados que definan o seu futuro a curto prazo. Para iso, partimos do chamado “Pacto Local pola Mobilidade”, un documento concordado entre o executivo do concello santiagués e máis un gran número de asociacións e colectivos de diversa natureza preocupados nesta materia. As negociacións presidiunas o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte.

O Pacto Local é o noso eixe

Este “Pacto Local pola Mobilidade” senta unha serie de precedentes que haberán de guiar, nos anos vindeiros, toda decisión relativa e que afecte á estrutura, dinámica e obra do viario público. É por iso que establecemos este documento como o noso eixo vertebral ó longo do traballo e que definirá en todo momento a temática de discusión e debate nos encontros que manteremos co Círculo. Como xa mencionamos, a resolución deste pacto responde a un proceso de case un ano de negociacións entre o Concello de Santiago e múltiples representantes de plataformas veciñais, do sector do transporte, de asociacións de comerciantes e doutros tantos colectivos —como a asociación Composcleta, que promove o uso da bicicleta como medio de transporte— que supervisaron nese tempo os aspectos e liñas a desenvolver polo acordo e que, polo tanto, son a quen máis expectativas suscita o seu inmediato cumprimento.

Entre os principais obxectivos a cumprir polo Concello cómpre salientar a redución da velocidade máxima no municipio a 30 km/h —exceptuando algunhas zonas concretas nas que seguiría a ser de 50 km/h—, establecer políticas de tarifas que regulen o aparcamento en cidade, diminuír o tráfico de paso en favor da mobilidade dos residentes ou exercer un maior control sobre os niveis de contaminación acústica e atmosférica. Asemade, o goberno municipal pretende impulsar o emprego dos vehículos eléctricos a través de diversos plans de investimento, mellorar a convivencia entre o tránsito peonil, o tráfico viario e os ciclistas, facer as rúas máis accesibles ancheando as beirarrúas e fomentar o transporte colectivo aumentando a fiabilidade e a cobertura do servizo.

Que queremos conseguir?

O noso propósito primordial será o de achegar ó público o proceso mediante o cal se manifestou o consenso para alcanzar o “Pacto Local pola Mobilidade”, así como as diversas apreciacións que deste posúen os distintos grupos que colaboraron —ou non— no seu asentamento. Para isto, buscamos conformar un Círculo diverso, composto tanto por persoas ás que podemos considerar como “expertas” na materia por verse involucradas no seu momento nas negociación do “Pacto” en nome dos seus colectivos correspondentes —asociacións de veciños/as, grupos de ANPAS…—, como tamén doutras persoas ás que podemos definir como “usuarias” e que responden a unha serie de perfís escollidos polo grupo —estudantes, persoas con diversidade funcional, xubilados…—.

Deste xeito, procuraremos xerar unha atmosfera máis heteroxénea nos encontros que organizaremos co Círculo. Ademais, dada a presenza superficial coa que os medios —en especial os locais— acostuman a tratar a estes colectivos, abordaremos tamén co Círculo esta cuestión que, segundo o noso grupo, consideramos como unha estratexia dirixida a agochar ou mesmo menosprezar a labor e esforzo destas corporacións. En último caso, procuraremos soster igualmente a base do noso traballo arredor de documentación e investigacións complementarias que consideremos oportunas neste eido e no que, de feito, xa temos seleccionados algúns traballos como a compilación “La ciudad inclusiva” de Marcello Balbo, Ricardo Jordán y Daniela Simioni ou “Políticas de movilidad urbana e infraestrutura urbana de transporte” de  Jorge Lupano e Ricardo Sánchez, entre outros tantos que buscaremos engadir proximamente.

Traballaremos co noso Círculo de persoas principalmente tres subtemas: a circulación e o estacionamento, o transporte colectivo e os modos brandos de transporte. Coa finalidade de facer ver este colectivo prexudicado pola mobilidade compostelá ante o resto da sociedade, levaremos a cabo unha acción que consistirá na elaboración dun mapa do concello que indique a situación, en canto ao transporte, dos diferentes barrios. Tentaremos tamén que este mapa chegue ao maior número de persoas posibles e, incluso, a un medio de comunicación local.

O traballo individual

Para levar a cabo este proxecto, é necesaria unha repartición de tarefas entre os diferentes membros do grupo de traballo para ser máis eficientes nos nosos resultados. A documentación —tanto bibliográfica como audiovisual— da que se encargarán, Yuri Carrazoni e Daniel Canal, resulta fundamental para a nosa investigación. Debemos ter un amplo coñecemento sobre o asunto para poder guiar os debates do círculo e atopar tamén diferentes solucións ante o problema que formula a mobilidade en Santiago de Compostela. O control do fluxo de información e organización do propio proxecto estará a cargo da editora deste grupo de traballo, Anaïs Álvarez, que tamén se encargará de maquetar as diferentes publicacións grupais neste blogue.

Un dos piares do noso proxecto é o círculo de persoas que formamos para levar a cabo debates e unha acción conxunta principalmente. O encargado de fotografar e gravar estes encontros será Juan Aceiro que contará tamén coa axuda da editora. En canto ás diferentes conclusións e anotacións das reunións, Claudia Vila será a responsable de captar o máis salientable así coma de manter un contacto continuo e próximo cos membros do noso círculo. Por último, Andrés Bernárdez exercerá de moderador durante os encontros e será tamén o encargado de tratar con diferentes fontes informativas de primeira man ao longo deste proxecto.

Cada semana, os distintos membros deste grupo de traballo irán publicando un artigo individual que indicará, en certo modo, o progreso e a evolución da nosa labor. A primeira publicación será principalmente informativa acerca da mobilidade e o transporte en Santiago de Compostela para afondar mellor este tema. As seguintes irán informando dos avances na investigación e as distintas conclusións que se obterán co paso do tempo. Queremos participar e incentivar un cambio para mellor na capital galega. Queremos axudar a intentar mellorar o proxecto do Concello de Santiago escoltando e dándolle voz aos afectados pola mobilidade.

 

Advertisements

10 comentarios en “Que lle pasa á mobilidade en Compostela?

  1. Moi interesante proxecto o que van levar a cabo.
    Ás veces, no xornalismo, tratamos de afondar en temas moi mediáticos e exclusivos, esquecendo que unha das principais labores da profesión consiste en crear unha sociedade mellor, composta por persoas que saiban e poidan convivir. Todos utilizamos as rúas (beirarúas e estradas) cada día sen percatarnos de que poden chegar a constituír un enorme problema se por calquera causa hai algo que non funciona de xeito adecuado. É moi habitual padecer, ou escoitar as queixas cando por exemplo hai problemas coas liñas de buses ou se sabemos que alguén con dificultades para camiñar ten que facer grandes esforzos cada día para chegar ao seu lugar traballo.
    Este pode que sexa un bo xeito de crear conciencia e ver de qué xeito a cidade de Santiago vai evolucionando.

    Liked by 1 person

    1. Ola Nuria!
      Tentamos analizar correctamente a situación da mobilidade nunca das cidades mais representativas de Galicia. Normalmente, téntase evitar este tipo de temas nos medios de comunicación locais afíns ós gobernos pero o nos obxetivo é que non se esqueza que hai miles de perxudicados polo noso modelo de cidade. Por comodidade, estamos demasiado afeitos a utlilizar o vehículo privado como indico na miña última publicación (https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2017/03/28/a-vision-de-composcleta/) pero este modelo de cidade non é sostible como ben se explica nesta reportaxe: http://www.atresplayer.com/television/programas/lasexta-columna/temporada-1/capitulo-172-cochecracia-vamos-ningn-lado_2017020200373.html

      Gústame

  2. Pode resultar moi útil o voso proxecto. Propóñovos vencellar coa temática de Modelo de Cidade. Como se escoita aos veciños e veciñas da sociedade organizada para tomar decisións políticas? Existe un compormiso real do goberno municipal por artellar un modelo de mobilidade dacordo as necesidades da xentes dos barrios e lugares de Santiago?
    Déixovos un enlace sobre a posibilidades da veciñanza de forzar cambios no tema da mobilidade:
    http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2017/01/19/raxoi-cede-ante-vecinos-idea-sacar-lineas-bus-virxe-da-cerca/0003_201701S19C3991.htm

    A mobilidade é un factor fundamental para crear un relato de cidade. Sobre a posibilidade de comunicar ou non certas zonas. Onde se pon o énfase? Buscaremos respostas en común.

    Liked by 1 person

    1. Está claro que a mobilidade é clave no relato unha cidade. No noso caso, Santiago de Compostela non é unha cidade excesivamente poboada pero debemos ter sempre en conta ás miles e miles de persoas de concellos limítrofes que chegan cada día para traballar ou por servizos dos que non poden gozar no seu municipio. Sabendo isto, xustifícase o exceso de vehículos privados na nosa cidade. Este pasado xoves, o noso concelleiro de Espazos cidadáns, Dereito á vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, ressaltou nun congreso de Carril Bus que para cambiar o noso modelo de cidade, débense promover os peóns, a bicicleta e o transporte público. Se queres saber un pouco mais sobre este congreso aquí tes o enlace: http://www.carrilbus.com/noticias/539_3_congreso_carril_bus_en_santiago_el_ayuntamiento_reclama_un_ente_supramunicipal_para_reorganizar_el_transporte.php#sthash.rMufBbIJ.dpbs

      Parece ser que as medidas aínda tardarán en porse en marcha por parte do Concello. A nosa labor é atopar os principais problemas que a Institución ignora e dar a coñecer a opinión dos veciños e veciñas afectados. Para vós, en canto ó relato de Compostela, pensades que é prioritario mellorar a mobilidade no casco urbano ou sería beneficioso darlle prioridade ás zonas rurais?

      Liked by 1 person

      1. Recollo con gusto a túa pregunta Anaïs! Sen dúbida trátase dun problema de modelo, de cara a onde queremos ir. As zonas rurais e o bus urbano parten dunha contradición, mesmo terminolóxica. En principio, o bus urbano está pensado para a cidade, e resulta eficiente nese marco. Non obstante, Santiago é un entorno que vai máis alá, e os veciños do rural son tan veciños coma os outros. Polo tanto, antes que nada, precísase unha decisión política: estamos dispostos ou non a manter un servizo deficitario polo ben dos veciños? O consenso xeralizado é que si, e moito máis tendo en conta a marxinación histórica que sofre o rural de Compostela.
        Unha vez recorrido este tramo do camiño, albisca a seguiente pregunta, como facelo? Non só o Concello de Santiago reflexiona sobre iso. Faino ata a Xunta de Galicia con propostas como esta: http://www.abc.es/espana/galicia/abci-xunta-estudiara-implantar-autobus-demanda-rural-201610071125_noticia.html
        Transporte baixo demanda? Pode ser unha solución tamén nos trazados da cidade. Que pensades?

        Gústame

    2. No Pacto Local Pola Mobilidade non se contempla a opción do transporte baixo demanda pero é unha proposta moi interesante para as zonas rurais. A situación é realmente complicada. Non hai usuarios do transporte urbano nas aldeas porque os horarios son ineficientes, estaríamos a falar entón de arriscar a aumentar o número de viaxes a zonas onde a xente, polo de agora, non utiliza o transporte público. Neste caso, o transporte baixo demanda podería ser, se se aplica adecuadamente, unha medida moi acertada. Aínda que como xa vos indiquei, o Pacto co que traballamos non contempla este punto, si que outros plans do Concello de Santiago o fixeron para tomar exemplo da cidade de Vitoria, onde si funciona: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2016/11/11/raxoi-quiere-utilizar-coches-transporte-bajo-demanda-rural/0003_201611S11C19911.htm

      Liked by 1 person

      1. O caso de Santiago ten unha peculiaridade. Moita da xente que vive no rural emprega o transporte público para chegar a un punto central da cidade: a Praza de Abastos. Sucede que o acceso por estrada a esta se fai a través dunha rúa moi conxestionada á que chegan buses de todos os recunchos do municipio. Polo tanto, a poboación rural non só demanda un transporte que moitas veces é deficitario (polos poucos usuarios que ten), senón que ademais está acostumada a un modelo no que o bus serve de nexo de unión directo entre o seu fogar e o mesmo centro de Santiago. Se queremos cambiar iso, hai que cambiar de modelo.
        O bus baixo demanda parece solucionar o primeiro punto, pero este segundo? Que opinades logo de terdes traballado sobre o pacto de mobilidade? Vedes factible que as persoas do rural se adapten a un novo modelo que implante a cultura do transbordo?

        Por outra banda, a Xunta de Galicia parece querer fortalecer o transporte metropolitano de Santiago (http://www.europapress.es/galicia/noticia-renovado-plan-transporte-metropolitano-santiago-2018-20170429143826.html). Como credes que pode afectar á configuración das liñas de bus que conectan zonas de Compostela ás veces máis preto dos concellos limítrofes que do propio centro da cidade?

        Agardo a túa resposta compañeira!

        Gústame

      2. Un dos obxectivos principais do Pacto Local pola Mobilidade é fomentar un transporte público de calidade. As premisas baixo as que se basea a consecución deste obxectivo son as seguintes: fiabilidade, puntualidade, accesibilidade e competitividade en tempos. En canto ó rural, o Pacto indica como obxetivo: “Deseñar unha rede de transporte de calidade, axustada ás necesidades de mobilidade da poboación e á morfoloxía actual do concello, tanto das zonas urbanas como do rural.”
        Todo o anterior soa moi ben pero tes razón no que apuntas da unión: rural- centro da cidade. Isto non se contempla literalmente no Pacto escrito pero si que o temos abordado nas nosas reunións. Seguramente sexa moito máis eficiente traballar cun modelo de trasbordo de autobuses para que as diferentes liñas de buses urbanos non se solapen como pasa en Praza Galicia ou en Virxe da Cerca. Outra opción falada e contemplada no Pacto é a promoción dos aparcamentos de borde para vehículos privados para non colapsar o centro. Iso si, teñen que estar moi ben conectados co transporte colectivo e cos modos brandos de transporte para que non resulten un fracaso coma os actuais, xa que o centro segue a estar a tope de coches: http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/cuesta-aparcar-gratis-santiago/idEdicion-2017-03-01/idNoticia-1043546/

        En canto ó transporte metropolitano, cremos que é tamén un problema que teñen que resolver a Xunta e os diferentes Concellos afectados. Os vehículos privados que invaden Santiago son nunha alta porcentaxe de Concellos limítrofes…Neste caso, a mellora das liñas de autobuses que conecten ben cos urbanos, e, tamén a mellora dos aparcadoiros de borde poden ser unha boa solución para o futuro máis próximo.

        Espero terte axudado coa miña información, grazas por aportar a túa opinión!

        Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s