Voltar á terra e á xente

Silvia López López

Unha soa ollada á poesía galega abonda para somerxerse nas historias de migración do século pasado. Temática recurrente na literatura, é reflexo dunha sociedade que se construíu tamén na diáspora. América Latina – en especial Cuba, Arxentina e Venezuela – foi o lugar de destino nunha primeira onda migratoria. Máis adiante, foron Suíza, Alemaña ou Francia os países receptores daquelas persoas que, maleta baixo o brazo, viaxaron na procura de traballo, diñeiro e vida digna. Moitos volveron. Que é deles? Que se conta deles?

Os migrantes retornados nos medios de comunicación

Chama a atención a pouca presenza nos xornais desta historia do pasado que hoxe é presente. Porén, coma se dun paradoxo se tratase, os medios están asolagados de noticias sobre a migración. E é que, inevitablemente, a actualidade obriga a prestar atención aos refuxiados sirios, á “fuga de cerebros”, aos sen papeis – así os denominan, coma se esa fose a súa característica definitoria -,  de xeito que o espazo que se lle adica a esoutra perspectiva migratoria é mínimo. Pero non inexistente.

Atopamos referencias a este grupo social ligadas a temas fiscais. Dende o 2012, Facenda impón aos retornados a regularización das pensións cobradas no estranxeiro. Situación que xerou conflito naquel momento – e que aínda segue a xerar –  , foi motivo de que xornais como El País ou o dixital eldiario.es  trataran esta realidade. Así mesmo, atopamos mencións ao impago das pensións a retornados de Venezuela.

Malia isto, pouco sabemos deste colectivo alén das protestas, declaracións e sucesos vinculados a aspectos tan concretos. Non obstante, hai outros focos que tamén precisan de atención: estamos a falar das posibles dificultades de reintegración na sociedade ou da patente problemática arredor dos lentos trámites burocráticos.

Asociacións de retornados en Galicia

A Xunta de Galicia conta cun proxecto adicado á emigración, Galicia Aberta. No marco do mesmo, reúnense as asociacións de retornados da nosa comunidade. Tendo en conta a cantidade de agrupacións de cada provincia, destaca A Coruña. Alí están ubidadas a Asociación Marusía (Santiago de Compostela)  ou Casa Argentina de La Coruña.

Triptico_Page_2.jpg

Os obxectivos da Asociación Marusía, recollidos neste tríptico.

 

Os puntos de interese aos que faciamos alusión anteriormente son defendidos por estes grupos. Son eles quen realizan actividades a prol destes fins. A maiores, existen outros espazos dende os que se promulga a situación pasada e actual destas persoas. É o caso do Centro de Maiores Afundación de Santiago, por exemplo. Varios protagonistas de historias de migración xúntanse alí a miúdo e, de cando en vez, acoden a centros educativos para relatar as súas experiencias e vidas no exterior a nenos e nenas de distintas idades.

Segundo Álvaro Álvarez, director do centro, ao principio recelan ir e mesmo lles custa comezar a falar, “pero logo sóltanse” e o discurso flúe. Álvarez conta que o estudantado escoita moi atentamente as palabras deses señores  que viron terra alén de onde o mundo se chama Galicia.

Integración

Accións deste estilo, visibilizadoras do colectivo, son precisas para explicar a historia galega, sobre todo polo feito de que moitas das migracións do século XX foron motivadas por razóns político-económicas. O xornalismo e os medios de comunicación cargan coa responsabilidade correspondente de saber contalo. Fomentar a inserción destas persoas nunha sociedade que lles é propia e allea á vez é un labor que se cumpre conxuntamente.

É indispensable, polo tanto, coñecer a realidade fóra das nosas fronteiras e a perspectiva deses ollos que chegan húmidos – emocionados por voltar á terra e á xente logo de atravesar o charco – e que ven outra Galicia que non vemos nós.

Imaxe de cabeceira: "Os adeuses",  de Alberto Martí.

 

Advertisements

13 comentarios en “Voltar á terra e á xente

  1. A historia da emigración galega é a nosa propia historia. Foi mudando ao longo dos anos, como ben contas, e rebuscando máis profundamente ou menos atopamos restos na propia historia familiar. No noso imaxinario, Galicia é ese recuncho no noroeste da península, pero tamén as terras do outro lado do Atlántico que malia non ter visitado nunca, coñecemos coma se fose a nosa propia casa.
    Estes episodios de dor e salgadas despedidas son agora recordos máis amables para todos os que os sufriron; porén, abandonar casa e familia para ter unha vida mellor é máis real que nunca, tristemente cambiando a palabra emigrante por unha máis escura: refuxiado.

    A todos os medios que mencionas no teu post, gustaríame sumar un, menos coñecido, pero no cumio do xornalismo español no que a esta problemática se refire. A revista 5W naceu no 2015 coma un oasis para todo aquel que quixera descansar da sobreinformación instantánea que estabamos a padecer. Dedícanse ao xornalismo “de larga distancia” e, na miña opinión, de forma maxistral e efectiva.
    Volvendo ao caso, un dos seus especiais máis traballados é o referente ás migracións que fan xirar o mundo na actualidade. Denominado con acerto “Un mundo en movimiento” (https://www.revista5w.com/un-mundo-movimiento), viaxan desde o conflito Sirio, con todos os seus terremotos europeos, ata a América polarizada de Trump ou a Colombia desplazada polas FARC.

    Volvendo ao noso, non sei se coñeces o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (http://consellodacultura.gal/aeg/index.php). Dispoñen tanto de documentación da época como de imaxes e outros recursos audiovisuais que poden ser de utilidade para comprender a realidade da emigración galega.

    Por último, quería compartir un traballo de Xosé M. Núñez Seixas para a Revista de Indias (http://revistadeindias.revistas.csic.es/index.php/revistadeindias), unha publicación especializada sobre América do CSIC. O artigo, “Retornados e inadaptados: el ‘americano’ gallego entre mito y realidad” (http://revistadeindias.revistas.csic.es/index.php/revistadeindias/article/viewFile/748/818) versa sobre a importancia que tiveron estes retornados nas súas zonas de orixe, xeralmente rurais, como introductores de innovacións técnicas ou culturais.

    Gústame

    1. Si, a revista 5W é, probablemente, unha excepción no panorama xornalístico español en canto ao tratamento desta temática. Porén, reitérome no dito: as circunstancias actuais obrigan os medios a traballar sobre os movementos migratorios do “aquí e agora”. Mais non creo que iso sexa incompatible con seguir achegándose a outra realidade que tampouco deixa de ser actual, que é a do retorno dos migrantes galegos. Poucos ou ningún son os espazos mediáticos que se lles adica a este colectivo.

      Pola contra, na rúa, nos centros sociais ou nos centros de maiores si que se presta atención a este grupo de xente, e son diversas as actividades que se programan arredor disto. Sería interesante que ocorrera algo semellante – quizais tan só leves pinceladas – nos medios de comunicación.

      Agradezo, por outra parte, as túas aportacións documentais. Poden resultar moi útiles. Do mesmo xeito, recoméndoche que lle botes unha ollada á serie fotográfica de Alberto Martí que leva por título “Os adeuses” ( http://www.20minutos.es/fotos/cultura/alberto-marti-el-fotografo-de-la-emigracion-gallega-10071/?imagen=2) . Un exemplo é a imaxe escollida para a cabeceira do post, pero calquera das súas fotografías axudan a entender a realidade da migración galega.

      Gústame

      1. Pódoche dicir que en calquera concello galego a figura dos emigrantes resalta coma quen fala da alcaldesa ou alcalde. Ainda máis se é un sitio pequeno, que nos coñecemos todos. Esa persoa que nun momento da súa vida deixou todo e colleu barco, tren, ou o medio que fora, ocupa un espazo singular na memoria dos veciños. Moitos volveron e revolucionaron o seu entorno; outros decidiron quedar, sen olvidarse nunca do lugar que deixaron atrás. Vese o día da festa, cando os maiores van saudar a ese amigo que tanto tempo levan sen ver, cuxa casa queda bautizada para sempre como “a do emigrante”.
        Algo que incide tanto nunha sociedade non se pode obviar, e o xornalismo debe ser reflexo das relacións entre as persoas. As fortes correntes informativas que nos asolagan non deixan espazo para ningún tipo que información que sexa “diferente”. E tampouco é diferente, é o que se ve na rúa, é o que somos.

        Eu votaba por un “Novo xornalismo á galega”, que falase de Galicia no seu conxunto e nas súas particularidades. Un espazo para retratar e autorretratarnos nas nosas miles de formas.

        Gústame

      2. Falas de que nos pobos pequenos, sobre todo, as persoas que emigraron son recoñecidas e sinaladas á súa volta como tal. “O emigrante”, dis. Eu atrévome a dicir que a cousa vai máis alá. Nesa calificación vai implícito, case sempre, aquilo de volver ricos da migración. Explícome: está asentado no maxín colectivo o feito de que aquel que emigra, torna rico. Que hai daqueles que non conseguen ese bo porvir económico? No século pasado pode que se tratara dunha pequena parte, pero na actualidade non é tan estraño atoparse casos así.
        Pode que deba mudar (quizais xa o estea facendo) a concepción que temos sobre o retorno da migración?

        Por outro lado, por que apostarías ti nese “Novo xornalismo á galega” no tocante ao tema que estamos tratando?

        Gústame

      3. Debe mudar e mudou en boa medida. Se penso na emigración onte e hoxe distínguense claramente nas razóns que levan a emigrar e nas sensacións ao retornar. É certo que non todos os que emigraron no século pasado retornaron ricos, pero temos esa idea de que alí lles esperaba unha vida mellor. Hoxe en día ese panorama mudou. Saímos dunha situación precaria e metémonos noutra peor en moitos casos.

        O novo xornalismo á galega debe defender aos galegos perante políticas irresponsables que derivan en fugas en masa do país. Debe saber poñer o foco nesta situación, apoiándose sempre do aprendido no pasado, do que tantos libros de recordos temos.

        Gústame

      4. Si, os motivos da marcha non son tan dispares entre unha época e a outra, pero si a situación no país destino.

        Suscribo a túa opinión no tocante a ese “novo xornalismo á galega”. Oxalá sexa así.

        Un pracer a conversa!

        Gústame

  2. Máis aló da pouca presenza que se lle outorga a este colectivo nos medios (coma a tantas outras comunidades minoritarias, ás que só se utiliza para abrir portadas cando protagonizan accións polémicas), quizais o peor da súa situación é que se ven rexeitados pola mesma sociedade á que non hai moitos anos estaban mantendo viva.
    Os galegos somos especiais de sempre. Como ben explicas neste artigo, Silvia, foron moitos os que se viron obrigados a “cruzar o charco” deixando gran parte da súa vida atrás. Pero non toda. O que a poucos emigrantes se lle esqueceu na súa loita pola supervivencia foron as súas raíces: o seu fogar. Na meirande parte das aldeas galegas pódense contar varias casas daqueles que “foron a Francia”, “están en Suíza” ou “veñen nas vacacións da Arxentina”, por exemplo. O primeiro no que pensaron ao acadar algo de diñeiro foi en manter as súas orixes, e deixar sempre aberta a posibilidade de voltar.
    A sociedade actual, e especialmente a galega, é o que é na actualidade grazas ao esforzo deste colectivo. Isto fai aínda máis doloroso se cabe o esquecemento e o desmerecemento que se lles mostra. Sobre todo logo de estes últimos anos, nos que se puido atisbar a pantasma do vivido no século pasado (http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2017/03/15/colectivogallegos-residentes-exterior-aumento-8000-personas/00031489574664551260527.htm).
    Sorprende ver que tanto os medios de comunicación como o conxunto de todos nós sigamos botando a mirada cara outro lado incluso agora, cando o pasado nunca estivo tan cerca do presente.

    Gústame

    1. Cando dis que a sociedade galega é o que é na actualidade grazas ao esforzo deste colectivo, lémbrome das palabras dunha integrante do noso Círculo de Lectura. Dicía, e repetía, “se nós non foramos a Francia, a Alemaña ou a onde fora non había maneira de que hoxe viviramos como vivimos […] A casa que temos agora témoslla que agradecer á emigración”.

      Por outra banda, abres o debate da emigración actual, facendo certo paralelismo coa do pasado. Non pode ser doutro xeito, porque o tempo que as distancia é tan relativo… Porén, debemos coidarnos de comparar ambas situacións sen miramentos, posto que as condicións dun e doutro momento son ben distintas. Iso é algo que tamén quixeron deixar claro nas reunións os membros do Círculo.

      E en canto a que os medios boten a vista para outro lado, tes razón. Peor aínda, só miran para este tema cando lles convén. Como indicaba no post, atopamos moitas novas nos xornais vencelladas ao impago das pensións dende países estranxeiros ( http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2017/02/23/valedora-queja-venezuela-impago-pensiones-retornados/0003_201702G23P8995.htm ) ou ben de problemas fiscais que iso supón aquí. Está ben, que se conte iso, é necesario. Pero semella que este colectivo social queda reducido aos intereses económicos dun país. Non sei que opinas ti diso…

      Gústame

      1. Certo. Cómpre diferenciar unha situación doutra, é verdade. Escribía Julia Navarro en Dime quién soy que “la vida de las personas tiene sentido si se explica en su contexto”. E o mundo avanzou, por sorte. A sociedade non tanto. Á fin e ó cabo, cando a necesidade apreta hai que buscar unha saída, fora fai cen anos ou sexa agora.

        Como dis, os medios só fan caso da realidade dos emigrantes, dos retornados e dos que aínda non voltaron, cando lles convén. Non sei se coincidirás comigo, Silvia, pero semella que prevalece na prensa actual certo interese por mostrar a información que pode crear máis polémica nas masas. Parece que sabemos máis de Venezuela polos medios ultimamente que dos recortes en sanidade ou en educación. Que coincidencia.
        Os medios de comunicación, polo menos no presente, mostran máis o que se quere ver ca o que resultaría clave saber. En parte, a culpa é nosa, da sociedade. Non nos atrae o mesmo que nos expliquen a actualidade económica da bolsa mundial ca que nos conten cal é o novo amorío de Belén Esteban. O certo é que os medios, coma calquera empresa, apostan por facer negocio en lugar de dar información máis importante pero menos atractiva.

        É por iso que a culpa de botar a ollada cara outro lado cando nos referimos aos emigrantes recae tanto nos informadores coma nos receptores. Un exemplo máis do único que atopamos nos xornais cando intentamos rebuscar novedades sobre este colectivo: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/economia/2017/03/08/suiza-aprieta-tuercas-fiscales-emigrantes/0003_201703G8P30995.htm. Temas fiscais e máis temas fiscais.

        Gústame

      2. En efecto. Que politizado está todo, non si? Isto chama máis a atención, se cabe, cando se trata dun grupo social con tanto que contar. E explícome. Viaxar ao estranxeiro -máis aínda!, vivir alí- outorga unha condición especial e unha perspectiva única arredor do mundo. É un punto de vista a ter en conta. Neste estudo (https://www.academia.edu/7661029/Narrativas_de_ausentes._La_Transici%C3%B3n_desde_el_punto_de_vista_de_los_emigrantes_y_exiliados_retornados), por exemplo, ponse de manifesto a narrativa da Transición dende a visión dos migrantes.

        Ademais, acaso non teñen outra problemática ca relacionada cos temas fiscais?

        Gústame

      3. Co que lles gusta falar a eles, va que si? O problema está no enfoque e nos intereses, de novo.

        Ademais de telo en conta, este punto de vista é moi interesante. Reflexa moi ben a distinta lente coa que miran a vida. Ben sabes que non todos o facemos do mesmo xeito, pero a súa forma de observar o que pasa, logo de tantas vivencias (e nalgúns casos, calvarios), aporta moito coñecemento.

        A emigración galega no pasado foi unha válvula de escape, que na actualidade (relacionando de novo, como non) está volvendo a ser unha vía (http://www.elmundo.es/internacional/2016/11/09/5822cb42268e3e29518b4646.html) que se abre cando cunde o pánico.

        E seguindo co tema de Trump, un dos principais artífices de que a emigración supoña máis desvantaxes ca solucións (polo menos para os que intentan acceder aos Estados Unidos), cres que supón un perigo o exceso de migrantes?

        Gústame

      4. Para contestarche a cuestión que plantexas, debo comezar dicindo que o termo “exceso” é ben abstracto. Boto man dunha frase que se escoitou nunha das reunións do círculo: “nin que nos foran comer!”

        O mundo cambia, a sociedade móvese. Que o faga ao mesmo tempo a mentalidade humana (en todos os seus sentidos, xa que só deste modo poderemos evitar as problemáticas que envolven o tema migratorio)

        Grazas polas túas reflexións, Álex.

        Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s