A cara oculta do xornalismo en Galicia

Cinthya Martínez Lorenzo

En Galicia contamos con numerosos profesionais da información e da comunicación. Existen importantes medios galegos tanto en prensa, formato dixital, radio ou televisión. Pero, cal é a situación económica destes? E a dos seus traballadores?

Os xornalistas galegos: un colectivo prexudicado

Os xornalistas galegos son unha das pezas fundamentais para formar e informar á sociedade na actualidade, pero tamén é unha das profesións que máis está sufrindo a crise económica e os recortes que realizan as empresas informativas.

Segundo un estudo do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), realizado a través dunha enquisa ás 1.100 persoas que o conforman no mes de novembro de 2016, o 38’6% dos xornalistas galegos carece dun emprego estable. Isto quere dicir que o seu contrato é temporal ou que son freelance, xornalistas autónomos que traballan pola súa conta.

grafico-xornalistas

Situación laboral dos xornalistas galegos. Fonte: Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

 

Esta radiografía publicada no medio Galicia Confidencial , revela que a maior parte dos xornalistas atópanse traballando nas cidades de A Coruña e Santiago de Compostela. Nestas radica o 46’8% das persoas adicadas á comunicación, debido a que contan cun maior número de empresas de este ámbito.

Subvención ó xornalismo galego

A situación dos traballadores nos medios de comunicación galegos non é gratificante, pero é certo que estes, como empresas, acaban recibindo unha cantidade de diñeiro (uns máis que outros) que ben podería axudar a resolver esta delicada situación. Pero a onde van a parar eses cartos non se encontra de todo claro.

Dende hai bastantes anos, os medios galegos son subvencionados a través da Secretaría Xeral de Medios. No DOG nº 249 do 30 de decembro de 2016, publicáronse parte das axudas económicas que a Xunta lle concedeu ós medios xornalísticos e de radiofusión galegos. Repartíronse arredor de 1.506.342 euros a empresas periodísticas e de radiodifusión.

Para recibir este tipo de axudas, tan só é necesario que o 8% do publicado sexa en galego, no caso dos medios escritos, e de que o 50% emitido sexa en galego  no caso das radios. Os medios que maior cantidade perciben son La  Voz de Galicia (718.500 €) xunto con Faro de Vigo (305.686 €), existindo unha gran diferenza con respecto ó que reciben o resto de medios.  Isto chama a atención xa que estes dous medios relegan o galego a contidos como poden ser os artigos de opinión e non ás noticias.

Tamén é sorprendente que nin o xornal El Correo Gallego nin outro medio pertencente á Editorial Compostela non se encontre nos beneficiados. Intúese que é polas súas débedas e o seu impago de impostos, situación que acarrexa dende fai bastantes meses.

Outra das axudas que perciben os medios son as que están vinculadas coa publicación íntegramente en galego, pero estas tan só son percibidas por medios publicados en papel. Unha restrición bastante notoria se temos en conta o auxe das publicacións dixitais en galego.

O problema é que moitas outras inxeccións de diñeiro público ocúltanse e non se publican debidamente. Un exemplo destas son os convenios de consellerías da Xunta cos medios de comunicación a cambio de que estes publiquen información “de estratexias, programas ou iniciativas da consellería e que teñan interés para a cidadanía”. A cantidade de convenios que existen deste tipo é considerable, pero pódemolos apreciar neste exemplo ou neste outro.

As consecuencias

Esta tradición de subvencionar ós medios galegos fai posible un control informativo por parte do poder político galego. Así o constatou un estudo realizado por MediaACES, titulado “Contexto mediático en Andalucía, Cataluña, Galicia, Madrid, País Vasco e Valencia”.  Foi realizado entre xuño e setembro de 2016, e a autora do caso en Galicia é  Marta Pérez Pereiro, da Universidade de Santiago de Compostela.

Tal como se recalca na publicación, “desde la larga etapa en la que Galicia fue gobernada por Manuel Fraga (1990-2005), la práctica de subvencionar a los medios de comunicación ha sido constante por parte de los distintos ejecutivos autonómicos”, ó que engade “la excesiva dependencia de los medios gallegos de la información y ayudas institucionales inclinan a pensar en que su ideario político queda relegado a las necesidades económicas del medio, sobre todo desde el inicio del siglo XXI”. Para acabar concluíndo que “en una marcada situación de crisis, la importancia de las subvenciones públicas para su supervivencia dificulta seriamente la pluralidad de la prensa impresa gallega”.

A sociedade ten que estar informada de que a información que recibe a partir dos medios de comunicación galegos moitas veces se encontra sesgada e manipulada. Ademais, unha parte desta provén de xornalistas que poden encontrarse nunha situación laboral precaria. Estas persoas que se adican á comunicación poderán elaborar información de calidade cando se encontren nunha situación laboral digna, a cal debería de ser garantida tanto para elas como para calquera outra profesión. .

 

Advertisements

11 comentarios en “A cara oculta do xornalismo en Galicia

  1. Os datos que aportas son realmente impactantes, Cinthya. Sorprendeume especialmente a pouca porcentaxe que se esixe na prensa escrita para recibir subvencións. Isto implica que o galego continue nun segundo plano, xa que esas esixencias non incentivan en absoluto o uso da nosa lingua nos medios de comunicación. Ademais, nun país tan castelanizado como no que vivimos, deberíase tomar consciencia da importancia de ter unha lingua nativa e propia, como é o caso da valoración do catalán na súa comunidade. Non podemos esperar que se respete a nosa lingua e cultura se dende os propios órganos de goberno non se incentiva o seu uso, inclusive por riba do castelán.
    http://llengua.gencat.cat/web/.content/documents/informepl/arxius/IPL-2014_es.pdf

    Por outra banda, creo que un aporte fundamental a este post serían as posibles solucións ao problema que azota á nosa nación e aos seus medios de comunicación. Desta forma, unha maior autonomía pode aumentar a valoración e calidade dos mesmos, ademais de ser unha ferramenta para mellorar a posición do idioma e fomentar o seu uso dentro da poboación. Seguindo o exemplo do modelo SBP-CA, unha cooperativa impulsada por profesionais da comunicación, fomentando un xornalismo comprometido coa sociedade galega, conseguiremos erguer a situación do noso idioma.

    https://ic-journal.org/soluciones-creativas-y-colectivas-a-la-crisis-en-el-sector-de-la-comunicacion-el-modelo-sbp-ca/http://sebuscanperiodistas.com

    Gústame

    1. A administración debería de promover máis a nosa lingua na prensa, dándolle a importancia que se merece. Pero ademais, nós, como lectores e consumidores de prensa (tanto dixital como en papel) deberíamos de reclamar esa importancia. O problema é que existe un pensamento erróneo asentado nas mentalidades dos galegos dende fai anos: “co galego só se chega a Galicia” ó que temos que facer fronte. http://praza.gal/movementos-sociais/11200/para-a-normalizacion-e-clave-a-asociacion-positiva-co-galego-e-dificil-sumarse-a-derrotismos/

      En canto ó segundo tema que argumentas, creo que o problema hoxe en día (o cal xa falamos cos membros do círculo) é a gran dependencia económica que teñen os medios de comunicación da administración pública. No momento en que dependes dese orzamento para sobrevivir, é imposible poder ter unha autonomía. Ademais, isto conleva, como explico no post, a que moita información sexa manipulada e sesgada, favorecendo na maioría dos casos á fonte de financiamento. Unha posible solución é que sexan os lectores, e non a administración, a principal fonte de financiamento, sendo un exemplo desto último eldiario.es (http://www.eldiario.es/faq/).

      Liked by 1 person

      1. A dependencia á chegamos é realmente alarmante. Para que todo funcione parece que ten que ser o goberno o que nos impulse a fomentar algo tan propio como a nosa lingua. Deberiamos ser nós mesmos os que nos ergamos reivindicando o que é noso. A discriminación que os propios galegos fan da súa lingua e da comunidade en si é vergonzosa. Nos xornais incluso se ven noticias de xente allea á nós que nos da leccións sobre como actuar:
        http://www.sermosgaliza.gal/articulo/lingua/consello-europa-insta-encarecidamente-xunta-protexer-impulsar-galego-no-ensino/20160121151616044213.html

        Temos que concienaciarnos, darnos conta dos recursos e da riqueza que poseemos. É a única forma de avanzar.

        Gústame

  2. O peor é que o goberno é un dos actores que menos apoia á lingua. Porque aínda que é certo que nós, como galegos, debemos de loitar polos dereitos da nosa lingua, non temos a capacidade que ten a administración para darlle a forza que merece.

    Gústame

  3. Moi boas, Cinthya. Primeiro de todo felicitarche por esta análise da situación dos medios galegos. É interesante analizar estos aspectos debido á crítica social que rodea ao xornalismo hoxe en día e ver de primeira man cales son os motivos desta suposta falta de calidade.
    Obviamente, o motivo principal é a crise económica, que provocou un xornalismo moito máis precario e que privaba a moitos medios dunha liberdade completa. Como ti argumentas, cantos menos sexan os fondos dos que dispón un medio para sobrevivir, máis necesitará do capital externo e isto dificulta a calidade do xornalismo ao non poder aislarse do poder.
    Nos últimos anos contamos con miles de exemplos de medios á merced do goberno debido a que a súa supervivencia dependía exclusivamente das súas subvencións. A solución parece difícil e arriscada, pero se se quere cambiar esta tendencia, o pobo debe ser quen empece a pagar un xornalismo que defenda ao pobo.
    Aquí che deixo unha interesante entrevista ao director do NYT, Mark Thompson, no que aborda esta temática. http://www.elmundo.es/television/2017/04/17/58f24a74ca474187538b45c3.html

    Gústame

  4. Moitas grazas pola felicitación Sergio, alégrome de que che resultase interesante o post, ó igual que a min mo pareceu a entrevista que adxuntaches. Tal como dis, o xornalismo actual conta con unha visión moi negativa por parte da sociedade pola perdida de calidade das novas. Ademais da crise económica, outro dos factores que propiciou esta perdida de calidade foi o auxe das redes sociais. Hoxe en día, a sociedade está acostumada a recibir información gratis e case instantáneamente. Esta nova de fai dous anos explica como tan só o 11% dos internautas paga por unha información veraz e de calidade e que tan só o 17% estaría disposto a facelo nun futuro: http://www.eldiario.es/cultura/noticias-internet-informacion-usuarios-pagar-contenidos-oxford_0_399310380.html .

    Aínda así, esta solución que ti propós (coa que eu tamén estou de acordo) non é imposible de conseguir, xa que existe un alto porcentaxe de cidadanía que está disposto en invertir en boa información xornalística. Pero cabe recalcar que estes contidos teñen que ser claramente diferenciales, sen ser ofrecidos de maneira gratuita por outras vías (é unha das conclusións dun estudio de Pepe Cerezo moi recomendable: http://evocaimagen.com/dosieres/dosier-evoca-04-paywalls.pdf). Polo tanto, estarás de acordo comigo en que é un proceso que está nas nosas mans e no das futuras xeracións de xornalistas.

    Gústame

    1. Por suposto, Cinthya. O opinión da sociedade sobre o xornalismo é un escollo á hora de crear contidos de pago, xa que é unha minoría a que cre que isto vala a pena. Pero este escollo é modificable e está nas nosas mans cambiar a opinión da xente. Se o xornalismo se arremanga e se esforza de verdade en dar ao pobo o que o pobo pide, a retroalimentación de seguro será positiva.

      Respecto ao que comentas das redes sociais, consideroas, en certo modo, perigosas. Aplicacións como Facebook, Instagram e ,sobre todo,Twitter, tenden a mostrar a opinión de cidadáns, que por moi especializados que estén no tema, non son xornalistas profesionais. O perigo destas redes é validez que se lles dea. Son moi útiles, certo, pero non se deben tomar como fontes de verdade absoluta como se deberían considerar aos medios oficiais. O uso das redes sociais é un dos grandes inventos do século XXI, pero débense usar con prudencia distinguir entre xornalismo cidadán e profesional. Aquí che deixo un pequeno artigo que trata o tema: http://globovision.com/article/periodismo-ciudadano-riesgo-de-mentir-ante-el-afan-de-informar

      Lamento de verdade non haber contestado antes, pero ao realizares un comentario aparte a computadora non me notificou a túa resposta. Disculpas.

      Gústame

      1. Non te preocupes, é un erro do blogue porque non me deixaba contestarche se non fose nun comentario aparte, perdoa. Relativo ó teu comentario, estou totalmente de acordo en que cambiar a opinión da xente está nas nosas mans e na das posibles xeracións futuras.

        En canto ó tema das redes sociais, eu tamén penso que poden chegar a ser un perigo. O denominado “xornalismo cidadán” non é xornalismo, son testigos de novas ou opinións de persoas sobre feitos que teñen lugar. Sempre existiron, pero agora contan con plataformas para retransmitilo. Pero coincidarás comigo en que un xornalista cidadán non ten coñecementos nin preparación para filtrar e entender que é o que hai que contar e o que non. Adxúntoche este enlace no que se plasman reflexións de xornalistas sobre este tema: http://www.cuv3.com/2017/04/01/periodismo-ciudadano-esta-bien-poco-milonga/

        Liked by 1 person

    2. Totalmente dacordo, Cinthya. Como ben di no artigo, o xornalismo cidadán ten demasiadas lagoas como para sustituír ao profesional. Túa veciña non é xornalista por contarche que a do séptimo tivo un accidente de coche, nunca o foi e nunca o será. A única diferencia deste caso co das novas tecnoloxías e que agora hai unha ferramenta que che permite comunicalo ao mundo.

      Hai que andarse con ollo con todas estas información que circulan pola rede, pois a maioría carecen de fiabilidade e non están contrastadas. Un xornalista sempre será máis fiable, pois si que contrasta a información e conta con esa reputación que o fai crible, aínda que agora mesmo a confianza nos medios estea nunha situación máis dubidosa. Aquí che deixo unha reflexión sobre o futuro do xornalismo e, como engadido, dos xornais de papel. http://blogs.20minutos.es/masquemedios/2015/07/14/el-futuro-de-los-periodicos-y-del-periodismo/

      Gústame

      1. Totalmente de acordo en todo o que dis Sergio. Creo que agora mesmo se lle da importancia a estas informacións que circulan pola rede polo feito de que a sociedade perdeu a confianza nos xornalistas e na súa profesión. Incluso vendo ó xornalista como unha persoa que minte ou manipula, cando este feito é consecuencia da censura que sofren eles mesmos (tema que tamén tratamos nós no noso grupo de traballo noutras publicacións ). Cando a opinión da sociedade sobre torne, outro tipo de xornalismo será posible.
        Grazas polo enlace, moi boa reflexión.

        Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s