Luis Penido, xerente de Trameve: “integrar ás persoas con discapacidade no mundo laboral é o paso previo para a plena integración social”

Habitualmente os medios de comunicación tratan as informacións dando voz a expertos e expertas e non tanto ás persoas que conviven con esa realidade: a xente afectada. Dende aquí tratamos de achegar todos os puntos do prisma, e para axudarnos, contamos coa palabra de Luis Penido, xerente da empresa Trameve e contratante de persoas con diversidade funcional.

Trameve é unha empresa especializada no desgüace ecolóxico de automóbiles. Son un Centro de Tratamento de Vehículos que centra a súa actividade en procesos limpos e seguros, que respectan o medio ambiente e promoven a reutilización de pezas válidas, fomentando o consumo responsable de recursos. É unha das empresas que forma parte do grupo Galega de Economía Social S.L., unha matriz que xestiona nove iniciativas empresariais apostando pola innovación en distintos sectores (ambiental, agroalimentario, gráfico, textil, tic, distribución) e empregando case 500 traballadores.

Ademais, a empresa pertence ao grupo da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), polo que o principal obxectivo sempre é intentar “ocupar os postos con persoas que teñan dificultades para incorporarse ao mercado laboral ordinario”. O perfil que buscan é esencialmente o de “persoas con discapacidade que podian cubrir o posto e que ese posto sexa compatible coa súa discapacidade”. Practicamente en todos os casos “o 100% da plantilla ten algún tipo de discapacidade” xa que aínda que os requisitos son os mesmos que se non tiveran, as persoas con diversidade funcional teñen preferencia dado o obxectivo da organización: a integración. Para Luis Penido, a integración social é fundamental e ve a integración laboral como un paso necesario para acadar esta meta.

Contratar a unha persoa con diversidade funcional

Unha das barreiras máis resistentes son a desconfianza e o temor acerca das habilidades sociais das persoas con diversidade funcional e a integración que estas poden ter cun grupo de persoas que non ten diversidade funcional. O xerente non dubida na súa resposta, clara e contundente: “as persoas somos persoas e nos entendemos con uns mellor que con outros, pero iso ocórrenos ás persoas en xeral e non se debería ligar en ningún momento ao feito de que se teña discapacidade ou non”.

En canto aos beneficios e inconvenientes, “non se detecta ningún tipo de problema, todo o contrario. É moi probable que non teña tantas oportunidades polo que vai querer aproveitar ao máximo todas aquelas que se lle dean para demostrar a súa valía”. Trátase, polo tanto, de “poñer en valor unha serie de habilidades e capacidades que hai detrás desa discapacidade”. Para a empresa, a contratación de persoas con capacidades alternativas supón “unha serie de beneficios nas cotas da seguridade social ou, como é o caso dos centros especiais de emprego, unha subvención que sufrague ata o 50% do salario mínimo interprofesional”.

O incumprimento da lei

Aínda así, as persoas con diversidade funcional son víctimas dunha enorme desigualdade: menos oportunidades laborais, peor acceso á educación, taxas de pobreza máis altas… En España, máis do 80% das empresas incumpren a normativa vixente, a coñecida como lei LISMI (Lei de Integración Social do Minusválido). Esta lei remóntase a 1982 e supón, entre outras cousas, que as empresas con máis de 50 traballadores deben reservar o 2% da plantilla a postos para persoas con diversidade funcional. De non ser así, débense contratar unha serie de medidas alternativas como poden ser un contrato cun centro especial de emprego para a subministración de materias primas ou a realización de doazóns ou accións de patrocinio de carácter monetario para o desenvolvemento de actividades de inserción laboral. O incumprimento desta normativa pode ter diversas causas pero, para o xerente de Trameve, o asunto primordial é que  “non se está a facer un seguimento do cumprimento da lei e o máis cómodo é non facerlle caso. Se houbese sancións e advertencias moitas empresas caerían na conta de que están a cometer unha ilegalidade, da que nalgúns casos posiblemente nin sequera sexan conscientes”.

Aquí é onde xorde o principal problema, xa que para Luis Penido “por moito que exista unha lei, se non se fai un seguimento e esa lei non se respecta, de pouco serve”. Para o xerente, reservar un número de prazas para persoas con diversidade funcional “é unha forma de concienciar aos empresarios de que as persoas con discapacidade teñen que traballar” porque “é unha necesidade que ten a sociedade: considerar ás persoas como o que son, persoas, que teñan os mesmos dereitos e as mesmas oportunidades”.

Imaxe destacada: http://www.trameve.es/

Advertisements

4 comentarios en “Luis Penido, xerente de Trameve: “integrar ás persoas con discapacidade no mundo laboral é o paso previo para a plena integración social”

  1. Moi interesante o post, Laura. Gustaríame engadir ó que ti dis que hai moitos factores ocultos na non contratación de persoas con discapacidade. O primeiro que me gustaría recalcar é que moitas veces a empresa non conta coa adecuación das súas instalacións para persoas con discapacidade física, como é o caso de moitas industrias. Moitas veces porque non queren, e outras, desafortunadamente, porque non poden facer fronte a iso economicamente. Tal vez a existencia de axudas económicas a estas empresas para poder levar a cabo as melloras pertinentes sería unha forma de intentar solucionar o problema. Outro dos factores é xa recoñecido: a falta de sensibilización con este tema, tanto por parte das empresas coma da sociedade. Existen moitos estereotipos arredor destas persoas, orixinados pola falta de información e formación sobre elas.

    http://www.europapress.es/epsocial/rsc/noticia-81-empresas-espanolas-no-cumple-aun-lismi-estudio-20160122103132.html

    Para promover a inserción laboral deste colectivo existen múltiples proxectos que seguro que xa coñeces, pero aínda así, deixote algúns exemplos levados a cabo noutras comunidades autónomas para que lle botes un vistazo. Un deles é SERPAIS en Madrid http://www.madrid.org/cs/Satellite?c=CM_InfPractica_FA&cid=1354248958863&language=es&pagename=ComunidadMadrid%2FEstructura&pv=1354249012631. Neste proxecto promóvese que as persoas con dispacidade consigan un empleo o máis semellante posible a outra persoa que non a ten. Este outro http://ecodiario.eleconomista.es/espana/noticias/8236625/03/17/UPTAA-ONCE-Andalucia-y-Fundacion-ONCE-favoreceran-la-insercion-laboral-de-discapacitados-en-pymes-y-como-autonomos.html , levado a cabo en Andalucía, tamén ten uns obxectivos semellantes, pero máis enfocado nas pymes e autónomos.

    En conclusión, queda moito camiño por recorrer. Esperemos que algún día non se necesiten este tipo de proxectos, porque significará a plena integración laboral deste colectivo, e o máis importante, nunhas condicións igualitarias ó resto de traballadores.

    Gústame

    1. Precisamente falábamos da adaptación dos postos de traballo cos círculos. As empresas públicas teñen a obriga de ter adaptadas as instalacións, pero nas empresas privadas, se non hai traballadores con diversidade funcional non. Ademais, hai que diferenciar as instalacións que están abertas ao público que as que non o están. O principal problema como ben dis é que hai bastantes beneficios fiscais en canto a contratar a unha persoa con diversidade funcional, pero son case inexistentes no caso de adaptación dos locais.

      Proxectos coma eses que comentas son moi importantes para a inserción laboral, así como a imaxe que dan os medios de comunicación deste e doutros colectivos discriminados. Certo é que queda moito camiño por percorrer pero noticias coma esta mostran todo o que xa levamos percorrido: http://www.tribunasalamanca.com/noticias/la-visibilidad-de-la-discapacidad-se-ha-consolidado-en-la-ultima-decada-pero-aun-quedan-barreras/1490100048

      Gústame

  2. A integración laboral de persoas con discapacidade funcional, exemplificada no post dende a empresa Trameve, paréceme un tema moi interesante. Sen embargo, o que máis me chamou a atención foi a altísima porcentaxe de empresas que incumplen a Lei de Integración Social do Minusválido (LISMI). Con isto, queda máis que demostrada a pouca concienciación que aínda hai sobre o tema.

    Como ben di Luis Penido, todos somos persoas e o feito de sufrir unha discapacidade non debe privar a ninguén de ningún dereito. A día de hoxe, non debería ter que existir ningunha lei que promulgara a inserción laboral deste colectivo, senón que a diversidade no eido laboral debería ser a nosa realidade, non un tema controvertido.

    Estou de acordo contigo e con Cinthya en canto a que pouco a pouco se están comezando a introducir melloras neste ámbito. Recentemente, era noticia Mélanie Ségar, unha muller francesa con síndrome de Down que presenta o tempo nun canal de televisión en Francia (http://www.elperiodico.com/es/noticias/extra/joven-francesa-con-sindrome-down-presenta-tiempo-francia-5899328). Este, entre outros, é un caso que denota un lixeiro avance. Non obstante, queda moito camiño de aquí a que estes testemuños non teñan a necesidade de ser noticia.

    Gústame

    1. Como ben dis, a integración laboral xa debería ser unha realidade polo que a noticia que adxuntas, aínda que mostra un avance na sociedade, non debería sequera ser noticia. Sobre a LISMI e outros aspectos acerca da inserción laboral das persoas con diversidade funcional hai unha entrevista á directora de Formación e Emprego da Fundación ONCE, por se queres ampliar a información: http://www.discapnet.es/Castellano/actualidad/Discapacidad/sabina-lobato-es-necesaria-una-revision-general-del-modelo.aspx

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s