As institucións especializadas, tamén no rural

 

Alejandro Vázquez Corral

Hai seis anos que as vidas de Daniel e Rosa “tomaron un novo rumbo”, segundo comentan eles mesmos. O resultado é apreciable con só ollar para as súas facianas: o sorriso inesgotable de Rosa parece invitar a que a conversa prosiga durante horas. Daniel comeza a falar semellando non dar coas palabras exactas que pasan polo seu maxín. Os ollos ilumínanselle, inevitablemente. “É que toda a miña vida cambiou“, resume.

Falar de Galicia sen nomear o rural é algo parecido a facer un bocadillo sen poñerlle o pan. É o piar, a base grazas á cal se sustenta a urbe e sen a cal non podería sobrevivir. O corazón galego, a todos os efectos. Porén, está claro que o agro non conta cos mesmos servizos ca unha cidade. A poboación, sen dúbida, é menor se a comparamos coa que habita as principais urbes, o que en moitos casos a leva a estar discriminada ou esquecida polo sistema. E pasa exactamente o mesmo coas institucións encargadas do tratamento das enfermidades mentais.

No medio desta situación, e estendéndose pola periferia rural compostelá, foi creada Andaina Pro Saúde Mental. Leva case sete anos dando cobertura con bos resultados a unha demanda social a miúdo esquecida. Esta asociación sen ánimo de lucro dálles a todas aquelas persoas doentes unha oportunidade para comezar cun tratamento imposible de subministrar farmacoloxicamente: o do afecto. Con cariño e paixón pola súa labor, Omaira está ó fronte da organización. Tanto na súa sede en Dodro coma na de Ordes operan monitores titulados en diversas ramas do coñecemento, como nas da psicoloxía ou incluso nas da química.

Un novo comezo

Estas non son afirmacións baleiras. “Se houbera máis centros coma este noutros lugares, penso que o proceso de recuperación para todos nós habería ser moito máis levadeiro“, conta Rosa. Facendo pendurar as pernas na cadeira, e mirando con encanto e picaresca a cada obxecto que cruza por diante dela, calquera diría que Rosa sofre do Síndrome de Peter Pan. “Son cariñosos, cercanos… Son humanos. Aquí encho eu os meus días e a miña vida“, confesa sorrindo. Nada máis lonxe da realidade, a súa vida non foi sempre como amosa agora. Os altibaixos anímicos de Rosa —sobre todo os baixos— non lle permitiron mirar o mundo da mesma maneira que o fai na actualidade. O trastorno depresivo que ten diagnosticado ocultoulle ós demais a súa verdadeira forma de ser.

“Fun sempre unha apaixoada do xornalismo. Mágoa que me pillara tarde, se non aínda estaría dando a vara pola vosa Facultade”, garantiza cando lle preguntamos polo programa de radio que cada luns grava na sede que Andaina mantén en Dodro. Alí, xunto con Rosa aparece Daniel, quen cada mañá se achega ata as instalacións para “comezar coa terapia da vida“. “Cando todo isto comezou, os meus coñecidos dicíanme que non fora, que non ía facer máis ca perder o tempo. Van seis anos dende iso, e penso que en lugar de perder o tempo, gañeino“, relata Daniel. Foi na súa adolescencia cando lle detectaron esquizofrenia, “a peor época posible”, asegura. “O que peor levaba era a medicación. A maioría dos días tan só quería quedar na cama, sen tomar as pastillas e sen atender a razóns“, recorda, coa mirada perdida. O seu rostro muda por completo, e semella acudir de novo á realidade: “Cando entrei por esta porta iso rematou. Agora sei que por moito que non queira, teño que seguir para adiante. O mellor tratamento é vir aquí“.

Enchendo a vida

As actividades son o día a día dos que chegan a Andaina. Nas paredes do centro en Dodro colgan decenas de fotografías nas que Daniel, Rosa e todos os seus compañeiros gozan da compañía e atención dos profesionais que velan por eles. Ademais de programas de radio —os cales se emiten cada sábado na radio local de Valga—, os membros de Andaina preparan obras de teatro da man de mestres do oficio coma Fran Rei, coidan dunha horta totalmente ecolóxica ou fan a súa propia sidra. “Non nos aburrimos, cada día dannos máis traballo”, comentan os nosos anfitrións entre risas. Estes tres últimos anos ata estiveron acompañados de varios estudantes de Erasmus que participaron como monitores voluntarios, e os cales recordan con moito cariño.

Do defecto, Rosa e Daniel sacan o positivo: “Somos unha familia, estar aquí non é o mesmo que estar nunha asociación con sede nunha cidade. Coñecémonos todos, temos o lugar de onde provimos ao noso redor, e iso fainos estar o doble de unidos“. Crear un centro de emprego é o próximo obxectivo que se marcan en Andaina. O éxito rotundo desta organización non debería pasar por alto. O que contan Daniel e Rosa é unha pequena mostra do que supón o apoio de toda unha institución á hora de loitar contra o noso propio corpo. “Outra vida“, como eles din, “é posible“.

 

Advertisements

12 comentarios en “As institucións especializadas, tamén no rural

  1. O proxecto de Andaina Pro Saúde Mental paréceme imprescindible, xa que moita xente do rural que padece algún tipo de enfermidade ou trastorno mental e que vive en aldeas ou pequenas vilas esparcidas por toda a contorna galega, estivo ata o momento esquecida e abandonada, sen recibir nin o apoio nin a axuda de ningún tipo de institución. Ata a creación de asociacións coma esta, fundadas preto dos afectados, todas estas persoas oriundas do máis profundo da Galiza non dispoñían de servizos cerca das súas casas, polo que se tiñan que desprazar deica o centro urbano máis próximo para recibir asistencia médica ou algún tipo de tratamento especializado. Pero dende a creación de Morea, Alume e Andaina (entre outras), todas aquelas persoas con algún tipo de trastorno mental e que non poden achegarse ás capitais de provincia para o seu tratamento, poden disfrutar da asistencia e atención que precisan. Iso é algo fundamental, pois todo o mundo debería poder recibir os servizos médicos que precisa para a súa recuperación.
    Polo tanto, creo que sería positivo que houbese máis asociacións semellantes a ésta en máis lugares, porque axudarían a moita xente no seu proceso de recuperación e permitiríanlles establecer contacto con outras persoas coas súas características, o que facilitaría enormemente a súa reintegración na sociedade. É importante que estas persoas saiban que teñen o apoio e que contan con axuda por parte da cidadanía.
    Deixo un enlace que considero importante á hora de tratar este tema:
    http://www.atlantico.net/articulo/area-metropolitana/enfermedad-mental-gran-olvidada-comarca/20170222095946574268.html

    Gústame

    1. Sen dúbida, Lidia. E o peor é que non só quedan esquecidos no seu territorio. Isto desencadea moitas reaccións nas persoas afectadas que grazas á aparición de asociacións como Andaina se poden solucionar. Sen ir máis lonxe, e volvendo ao caso de Daniel que expoño no post, este deixounos totalmente claro que sería incapaz de ir a unha institución a Santiago, xa que os problemas de mobilidade son imposibles de asumir para el. E para moitos máis que se atopan na súa mesma situación.
      Evitar caer no desánimo e no ostracismo, ademais dos beneficios anímicos que supón participar nas actividades, é o gran logro das institucións especializadas do ámbito rural. O ambiente, inevitablemente, é moi distinto ao que se vive nos diversos centros que hai espallados polas capitais de provincia. A cercanía dos monitores e dos propios asistentes rara vez desencadea problemas internos (como nas cidades, onde as asociacións están moito máis masificadas: http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/localizado-buen-estado-paciente-no-habia-regresado-psiquiatrico-conxo/idEdicion-2017-02-22/idNoticia-1042625/). E como vimos, o éxito que supón a súa existencia non fai máis ca asegurar o seu futuro e o seu crecemento.

      Gústame

      1. Estou completamente de acordo contigo. Sen dúbida algunha, o traballo realizado por estes monitores en centros do rural non é o mesmo que o que se leva a cabo nas grandes urbes, pois o contacto cos pacentes é máis cercano, e iso leva ós mesmos a sentirse ben dentro do programa de reinserción que estas institucións propoñen. O feito de que estes centros se atopen preto das súas casas, nun lugar que coñecen ben, e cun círculo máis ben íntimo de persoas que non varía especialmente día tras outro propicia a súa rápida recuperación ou favorable evolución.
        A historia de Daniel e Rosa que plasmas no teu post é, cando menos, conmovedora. Nótase que Andaina os axudou moito a volver recuperar a alegría e iso é algo a ter en conta. Porque o seu testemuño supón que o proxecto levado a cabo por Andaina está a funcionar, o que me dá esperanza para pensar que nun futuro poderán xurdir máis asociacións deste estilo noutras zonas do rural galego.
        Inserto o seguinte enlace dunha noticia que fala un pouco da situación das persoas con algún tipo de trastorno mental en Galicia, e as trabas ás que se ven sometidos, especialmente, no ámbito da inserción laboral (onde se presentan as maiores desigualdades), así como tamén o labor emprendido por FEAFES (Federación de Asociacións De Familiares e Persoas con Enfermidade Mental): http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/sanitario-un-dez-cento-do-traballo-recuperacion-do-enfermo-mental/idEdicion-2017-01-17/idNoticia-1036771/

        Gústame

      2. Eu creo que van ser o futuro, sinceramente. Tan só que en Andaina (por mencionar algunha institución no rural, pois non é a única) se chegara a plantexar a opción de crear un centro de emprego é síntoma de que as cousas están funcionando. E moi ben.
        FEAFES colabora moito no crecemento deste tipo de asociacións, e como ben explica o seu director, Antonio Hernández, non todo o proceso de recuperación se basa nelas.
        E gustaríame incidir neste aspecto. A vontade, ademais do cariño e da cercanía dos profesionais e dos compañeiros, é o máis importante dos compoñentes dun tratamento eficaz. Por iso é clave que as persoas doentes se atopen a gusto no entorno no cal realizan as actividades. E o rural outorga unha liberadade que dificilmente se pode obter no seo dunha cidade. Neste ambiente poténciase a autoestima, e os ánimos afloran. Dicía Sócrates que as verdadeiras loitas se libran no interior. E non mentía.
        Un exemplo, salvando as distancias coa realidade e o que amosan as estatísticas (que non sempre responden á verdade inmediata): http://elprogreso.galiciae.com/noticia/645318/la-enfermedad-mental-afecta-la-mitad-de-los-sin-techo-en-lugo. Canto máis doada se lle poña a situación a alguén, maior avance terá en calquera dos obstáculos aos que lle toque enfrontarse.

        Gústame

  2. Ás veces esquecemos que os problemas de saúde mental son tan importantes coma calquera outra doenza. O peor de todo isto é que parece que as propias institucións tamén o fan, é dicir, no rural tamén hai centros de saúde, algúns ata con especialistas como por exemplo odontólogos. Porén, por que non ocorre isto coas enfermidades mentais se son das máis extendidas entre a cidadanía?
    A labor de asociacións como Andaina paréceme fundamental. Todo aquel que sufra ou sufrira algún problema deste tipo, sabe que as actividades que fan son esenciais para facilitar a recuperación ou simplemente para poder levar unha vida normal e apartar esa nube negra que utiliza Sabina como metáfora e da que nos fala o artigo de El Progreso.
    Fai falta máis conciencia social, que se siga falando das enfermidades mentais e que os que as padezan teñan os medios necesarios para saír adiante, sen importar cando e onde se atopen. Aínda que a medicación xogue un papel moi importante (todo depende tamén do grao do trastorno), aquelo que fagan día a día os afectados será sempre crucial para a súa recuperación. Recordo que un familiar cercano que padeceu unha forte depresión, díxome tras superala “as pastillas son un 10%. O outro 90% vén marcado pola actitude e por aquelo que fago día a día”. Alégrame saber que hai quen voluntariamente axuda a estas persoas.
    Podería ser interesante falar da depresión en Galicia de xeito máis profundizado e tratar de desmontar (ou non) a crenza de que os galegos somos máis propensos a este tipo de doenzas. Aquí falan algo diso: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/salud/2016/02/23/alertan-precocidad-depresion-cronicidad/0003_201602G23P24993.htm

    Gústame

    1. Concordo contigo e co teu familiar, Nuria. Ao final o máis importante da vida é vivila. A medicación serve como base, pero sen esforzo propio e vontade xamais se pode chegar a porto.
      Respecto ao estudio que remites, creo que pasa algo parecido ao que expliquei antes. As estatísticas non sempre reflexan a realidade, e menos se se banaliza a orixe dun trastorno mental tan severo como é a depresión poñendo a causa no mal tempo de Galicia. Pero os datos son os datos, e está claro que reflexan un problema que existe. Trátase de que non todo se base na medicación, e de que a labor de asociacións como a mencionada Andaina pasen a ser a principal das terapias.
      Outra parte importante, tocada de maneira xeral no post, e que necesitaría unha ampliación en próximas publicacións, sería o tratamento dos medios de comunicación das persoas afectadas por estas enfermidades. Un exemplo: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2014/04/21/gran-mayoria-delitos-cometidos-enfermos-mentales-directamente-relacionados-enfermedad/00031398101209540336122.htm. Está claro que as enfermidades mentais aparecen nos medios, pero non da maneira que deberían. A miúdo os doentes son protagonistas de noticias onde se expón a cara mala, relacionándoos con feitos que carecen de explicacións racionais. As grandes esquecidas na prensa son as historias de esforzo e dedicación que a maioría dos que loitan contra as discapacidades mentais poñen día tras día.

      Liked by 1 person

      1. Tes toda a razón, a prensa tan só se centra no parte dramática das enfermidades mentais (aínda que está claro que moitas veces é real e tampouco se pode ocultar). Un claro exemplo é esta noticia ( http://elprogreso.galiciae.com/noticia/668087/los-suicidios-duplican-en-galicia-las-muertes-por-accidente-de-trafico ). Non se pode facer coma se estes problemas non fosen reais, pero sí que penso que é preciso moitas veces darlle outro tipo de enfoque, non sei se me explico. Deixar a un lado o sensacionalismo e as historias tristes, e mostrar claramente como todo isto ten solución. Esta forma de facer xornalismo axudaría a moitas máis persoas que padecen enfermidades mentais a saír adiante.

        Gústame

      2. Non só centrarse en historias de superación. O que realmente sería interesante é que a condición da persoa pasara a ser un detalle máis da noticia, sen que tivera importancia para o que se quere contar. Íache mostrar un artigo que servira como exemplo, pero a verdade é que resulta moi complicado atopar algún no que non se indique a condición do protagonista no titular. Pero vaia, que por aí irían os tiros.

        Gústame

  3. As enfermidades mentais están moi presentes na sociedade actual, e a labor de asociacións como a que nomeas Álex, é vital. Unha grande parte da sociedade galega é fundamentalmente rural, e correspóndese sobre todo coas persoas máis maiores e que poden verse neste caso en situacións máis vulnerables. O feito de que conten con facilidades é algo a agradecer.
    Xunto co progreso do mundo moderno, prodúxose un aumento significativo do número de persoas que sofren algún tipo de enfermidade mental. Os estudos afirman que unha de cada catro persoas en España sufriu, sofre ou sufrirá algunha doenza mental, e por iso é tan importante o traballo de asociacións como Andaina Pro Saúde Mental.
    http://www.20minutos.es/noticia/2909688/0/aumenta-numero-trastornos-mentales-espana/

    Gústame

    1. E que o digas! A verdade é que a nosa visita á súa sede en Dodro foi moi agradable. E respecto ao que dis, Laura, o avellentamento da poboación é un tema moi a ter en conta. Se combinamos esa condición coa de padecer unha enfermidade mental, as dificultades para poder acudir a un centro que se atopa nunha cidade son maiores. Andaina cobre unha necesidade básica, e asegúroche de primeira man que os que ata alí se achegan están moi contentos e satisfeitos.

      Tristemente, iso ofrecen os datos. E precisamente por iso se volve tan clave a actuación de institucións especializadas neste campo. O tratamento máis valioso realízase nelas, e complementa perfectamente a toma de medicamentos. Non se pode escoller entre o un e o outro, teñen que ser ambos. Casos coma estes (http://feafesgalicia.org/ES/noticia-detalle/La-enfermedad-mental-afecta-a-la-mitad-de-los-sin-techo-en-Lugo) son cada vez máis frecuentes. Pero este é un camiño que non se debe pasar só.

      Gústame

      1. Exacto Álex, ademais non podemos esquecer que a xente maior é moi reticente a deixar os seus fogares, e as institucións como Andaina requiren un mínimo de tempo para que as persoas comecen a estar cómodas e sexa positivo para elas, baixo o meu punto de vista.
        A noticia que engades no enlace paréceme especialmente triste Álex, por tratarse dun grupo de persoas que pode que non conten con familia ou amizades que lles poidan axudar.
        Gustaríame preguntarche se cando estivestes en Dodro houbo algún caso en particular dalgunha persoa cunha historia que quizais che chamara a atención.
        E noraboa polo artigo, pareceume moi bo!

        Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s