Novos paradigmas de xestión democrática: o caso dos orzamentos participativos en Compostela

Durante o ano 2016, o concello de Santiago puxo en marcha, en cumprimento co programa electoral do grupo de goberno, Compostela Aberta, un proxecto de orzamentos participativos para o 2017, creando deste xeito, en palabras da institución, “un mecanismo gobernamental de democracia participativa que permite á veciñanza influenciar ou decidir sobre os orzamentos municipais a través de procesos de participación da comunidade”.

Desde o comezo, o proceso recibiu críticas da sociedade organizada de Compostela, que amosou desconfianza e dúbidas sobre as intencións do grupo de goberno. Este habilitou unha plataforma web e externalizou a xestión do procedemento contratando os servizos dunha consultora privada.  A cantidade orzamentaria a decidir participativamente foi só de 1,1 millóns de euros. Utilizáronse os orzamentos como arma de ataque ao grupo gobernante, tanto por parte da oposición como dos medios de comunicación afíns a ela.

Unha vez rematado o proceso, os resultados e os medidores do éxito están en discusión. A loita polo discurso convértese no eixo fundamental dun debate onde a participación  comeza a flotar en termos de significado, pasando a ser un “significante vacío” (Laclau, 2005) e, polo tanto, un termo en disputa. Asúmese por parte do grupo de goberno como un identificador ideolóxico positivo e por parte da oposición púlase por convertelo nun lastre identificativo, negativo polo tanto.

O caso dos orzamentos participativos pon enriba da mesa múltiples contradicións. Unha é a que existe entre a democracia directa e a democracia representativa: “a cuestión é dirimir que aspectos deben ser sometidos a procesos participativos”, en palabras de Xulia Guntín, presidenta da Asociación Veciñal Sta Marta. Á súa vez, aparece unha vertente no conflito entre a participación cidadá individualizada e a organizada, un dos paradoxos que resalta Foucault ao analizar  a capacidade creadora e construtora da realidade que practica o poder como acción estratéxica (1994). Tamén agroma un conflito entre saber popular, neste caso das problemáticas diarias da veciñanza de Santiago,  e saber técnico ou profesionalizado, paradigma dun xeito de reinventar o poder en base ao fortalecemento de novas formas de saber (Santos, 2010).

O modelo de participación define, en gran medida, o modelo de cidade. Por iso preguntamos: que conclusións cabe tirar da experiencia dos orzamentos participativos?

Bibliografía:

Foucault, M. (1994). Microfísica del poder. 1ª ed. Barcelona: Planeta-Agostini.

Laclau, E. (2005). La razon populista. 1st ed. Buenos Aires, Argentina: Fondo de Cultura Económica.

Santos, B. (2010). Descolonizar el saber, reinventar el poder. 1ª ed. Montevideo, Uruguay: Ediciones Trilce.

Advertisements

17 comentarios en “Novos paradigmas de xestión democrática: o caso dos orzamentos participativos en Compostela

  1. Polo que vexo non só o noso grupo se topou con esta problemática de comunicación entre Concello e cidadanía. Parece que se trata máis dun problema do Concello á hora de publicitar as súas iniciativas que dunha auténtica falta de vontade para con a cidadanía neste aspecto. Entre o noso círculo xa se comentara o feito de que, por exemplo, o Concello dispuxera na súa web unha especie de buzón de suxerencias e demandas referidas a cuestións relacionadas coa estado de rúas e estradas pero que, sen embargo, só recibira dúas suxestións e ademais fóra do prazo establecido. Agora mesmo ese enlace está pechado, pero se podía acceder a través da área de participación do Concello:

    http://santiagodecompostela.gal/facendo_cidade/facendo.php?txt=fc_relacions&lg=cas

    Liked by 1 person

    1. Efectivamente Juan, acertas cunha das chaves principais do que os veciños mencionan. Preguntan: se se quere facer participar á sociedade, por que non se conta coas organizacións que a representan e que artellan un movemento veciñal participativo? Pola contra, o Concello está a habilitar canles que favorecen unha participación individual, de xeito pouco frutífero. Por que? Son as asociacións de veciños un centro de poder dos partidos tradicionais e das estructuras da vella política? De novo, paradoxos e contradicións. Déixoche un enlace interesante a modo de visión de perspectiva: https://polis.revues.org/6515
      Agardo a túa resposta!

      Liked by 1 person

  2. Resúltame curiosa e tamén moi acertada a diferenciación que fai Xulia Guntín entre a presentación teórica dos orzamentos, nas súas palabras, “acertada”, e a, según ela, “desastrosa aplicación práctica”. Esta separación e diferencia entre o teórico e o práctico non deixa de ser unha representación do que día a día vemos nos medios de comunicación e na política, onde os conceptos teóricos non teñen nada que ver co que se ve cando se levan á praxis. Así, tamén é interesante o exemplo que pon ‘Tesi’ Barral para deixar clara a mala aplicación destes e apoiar as afirmacións de Xulia ó contar que lles chegaron os regulamentos para firmar con moi pouco marxe de reacción.
    En definitiva, considero que a publicación explica á perfección o problema
    Adxunto aquí un enlace do xornal El Correo Gallego na que se fala destes orzamentos participativos:
    http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/raxoi-lanza-el-proceso-para-los-presupuestos-participativos-de-2017/idEdicion-2016-04-29/idNoticia-994581/

    Liked by 1 person

    1. Exacto Diego, unha das claves deste tema é a diferencia que existe entre os discursos, o que se di, por unha banda, e as accións e feitos que se executan, por outra. Por moito que se fale de participación e novos modelos en entrevistas e debates, todo pode quedar en nada se despois non se concreta en políticas e as que se implantan sofren de improvisacións como as que mencionan os veciños. Como lembra Xulia Guntín, houbo un paradoxo neste proceso que é paradigmático das múltiples contradicións que adolecen as novas dinámicas participativas de Compostela: un orzamento participado (con ánimo de facelo público e aumentar as dinámicas de política colectiva) xestionado por unha consultora, privatizado polo tanto. Curioso, verdade?
      Propóñoche que revises este enlace da UCM no que se recolle algúns dos aspectos que mencionas:
      https://www.ucm.es/data/cont/docs/3-2016-03-02-11_fundamentos_politicos.pdf

      Tamén che pode resultar de interese a seguinte análise estrutural:
      http://www.internationalbudget.org/themes/PB/72Respuestas.pdf

      Agardo a túa resposta!

      Gústame

  3. Os orzamentos participativos son un elemento máis a ter en conta na xestión democrática. Pero é evidente, que non está ben plantexado o asunto. Demasiadas sombras e poucas luces.
    Soan fortes as palabras de Xulia Guntín “privatiza
    aron a xestión democrática”, a que vén incluír a unha consultoría no proceso?
    Ao meu xuízo, outro gran erro: priorizar a opinión individual do cidadán á das asociacións veciñais. Se non saben elas dos problemas, carencias e necesidades dos seus barrios entón, quen?
    Asusta un pouco que ata cando as cousas parecen estar feitas por, para e coa xente, non saian ben.

    Plantexo unha laguna dos orzamentos participativos: se só participaron 1350 composteláns, o que veñe sendo o 1’4% da poboación total de Santiago, segue tendo isto sentido ?

    Liked by 1 person

    1. Coma sempre, moi pertinentes todas as cuestións que pos sobre o tapete Paula. Por partes:
      O tema da consultora deu sen dúbida moito que falar. Non é extraño que unha administración decida contar cos servizos dunha empresa especializada para xestionar procesos de participación. Con todo, como se fixo? Cales foron as ordes, sempre políticas, que recibiu esa consultora? Os veciños insisten en que a súa intervención non fomentaba nin permitía, senón que máis ben limitaba a participación. Propóñoche que olles unha das reunións deste proceso de orzamentos para que vexas como era a dinámica: https://www.youtube.com/watch?v=MyEt1aFsQ9g
      Propós outro debate interesante, o da participación vehiculada. Parece estar claro que este goberno aposta por facer participar o cidadán a título individual, como ben mencionan “Tesi” e Xulia. Isto resposta á idea de querer implantar un novo modelo. A pregunta é: un modelo mellor ou peor? Está vendo o goberno de Compostela nas asociacións de veciños unha pedra no camiño do cambio político?
      Por último o tema da representatividade. Sen dúbida un reto intentar incorporar as mariorías veciñais á toma das decisións orzamentarias.

      Gústame

      1. Resúltame sorprendente que as asociacións de veciños, que non deixan de ser a voz da comunidade, poidan resultar un obstáculo para a xestión urbanística. Ao revés, son os que mellor saben das carencias dos barrios e as súas necesidades. Parece que hai máis casos de disputas neste sentido:
        http://www.lne.es/gijon/2017/04/27/asociacións-veciños-piden-concello/2095273.html
        Moitos se pensan que canto máis individual a elección, máis democrático todo. Nestes casos, resulta absurdo priorizar a opinión individual.

        Liked by 1 person

      2. Creo que se trata de buscar un equilibrio axeitado, Paula. Ben é certo, como dis, que son as asociacións de veciños as que mellor coñecen as realidades dos seus barrios e parroquias. Non obstante, tamén o é que as novas dinámicas sociais fan que moitos cidadáns prefiran a participación directa a través, por exemplo, da web. Ambas opcións son compatibles, sempre que se queira apostar por esa compatibilidade.

        A filosofía dos orzamentos participativos (https://decide.santiagodecompostela.gal/) parecía facer posible esta concomitancia. Con todo, segundo din os veciños, as asociacións sentíronse puenteadas e ingnoradas logo do proceso. Problema de comunicación? Intencionalidade política derivada dun desexo de cambio de modelo? Son preguntas interesantes que nos debemos facer.

        Agardo a túa resposta!

        Gústame

      3. Non creo Pablo que iniciativas como esta conten con “problemas de comunicación”. Máis ben parece unha manobra política enfocada a pasar por alto as opinións das asociacións de veciños como conxunto que como che comentaba estarán máis ao tanto das problemáticas urbanísticas. Moitas veces, quen máis sabe, máis pode molestar, non ?

        Liked by 1 person

      4. O máis probable é que así sexa. Resulta complicado pensar que un grupo de goberno artelle un mecanismo de participación do alcance dos orzamentos participativos sen ter ben definido o papel das asociacións de veciños. Algúns deles sospeitan que detrás deste feito se atopa unha estrataxema para apartalos das decisións trascendentes na cidade. Con todo, Compostela Aberta defende a súa proposta e insiste en que todos deben mudar de mentalidade no novo tempo político.

        Grazas polo interese Paula!

        Gústame

  4. Boas Pablo!
    Penso que o desenvolvemento e promoción duns orzamentos participativos nesta cidade sería unha excelente nova para toda a sociedade compostelá. Así e todo, é evidente que a boa intención do Concello non é suficiente senón se establecen as canles precisas que teñan un funcionamento correcto. De feito, non é a primeira vez que o goberno local non acada os resultados agardados cunha iniciativa semellante: hai uns meses poñíase en funcionamento unha canle de participación cidadá para elaborar propostas de cara ó Pacto Local pola Mobilidade. Debido á escasa publicidade que se lle deu e á ineficacia que resultou ter, só se rexistraron dúas propostas, ambas fóra de prazo.
    Con todo, sempre é positivo tentar unha maior participación social na política. Deixo neste fío a recente proposta de Izquierda Unida en Xixón para elaborar uns orzamentos máis participativos: http://www.lne.es/gijon/2017/03/21/iu-propone-modelo-presupuestos-participativos/2076714.html

    Liked by 1 person

    1. Excelente comparación Yuri! O Pacto Local pola Mobilidade no que estades a traballar é, sen dúbida, un exemplo más das dificultades que xorden á hora de implantar procesos de participación. Unha das máis importantes, como mencionas, que os propios chamados a participar, os veciños de Compostela neste caso, non o fan. Sobre isto reflexiona Mario Nespereira neste enlace: http://www.abc.es/espana/galicia/abci-solo-cada-cien-vecinos-implico-presupuestos-participativos-201611020942_noticia.html
      Propóñoche que sigas atento ao noso traballo. Seguiremos profundizando!

      Gústame

      1. Ola Pablo, grazas pola túa aportación. Efectivamente, non é unha boa noticia que a participación sexa tan baixa, quizais a veciñanza non sexa consciente da importancia e relevancia que pode ter esta canle. Porén, como di a concelleira María Rozas, é moi probable que a cidadanía comece a confiar neste método e aumente a súa implicación unha vez se vexan cumpridas as súas peticións. Penso que, co paso do tempo, vai resultar moi positivo para Compostela. Precisamente hoxe a Cadena SER recolle unha información moi relevante para o tema que estamos a tratar, un exemplo de éxito cos orzamentos participativos, no pobo de Carcastillo http://cadenaser.com/emisora/2017/04/24/radio_tafalla/1493036975_635793.html

        Liked by 1 person

    2. En efecto Yuri, existen moitos exemplos de modelos exitosos de orzamentos participativos. Moi interesante o que mencionas. Unha das cidades pioneiras no mundo, como menciona o Mario Nespereira, foi a brasileira Porto Alegre, capital do estado de Río Grande do Sur. Ao comezo, a participación foi escasa, pero a asimilación das dinámicas por parte da poboación fixo que a día de hoxe o seu modelo só reciba gabanzas e recoñecemento.

      Quizais o xeito de converter este tipo de proxectos en exitosos é agardar que a súa filosofía penetre na sociedade. Con todo, iso non nos pode levar ao conformismo e a evitar a autocrítica?

      Déixoche dous enlaces sobre o caso de Porto Alegre:
      http://www.unitedexplanations.org/2012/01/11/porto-alegre-pionera-en-la-experiencia-del-presupuesto-participativo/
      https://repository.unm.edu/bitstream/handle/1928/12264/Porto%20Alegre.pdf?sequence=1

      Agardo a túa resposta compañeiro!

      Liked by 1 person

      1. Ola Pablo! Creo que acertas plenamente cun concepto que mencionaches anteriormente: os orzamentos participativos non van triunfar da noite á mañá, iso é evidente. O caso de Porto Alegre denota unha constante e progresiva evolución ó longo de moitos anos porque, como ben dis, é preciso que esa filosofía se vaia introducindo ós poucos na cultura democrática da cidadanía que, finalmente, se acostumará a esta iniciativa e a tomará coma unha rutina máis do día a día.
        Os enlaces que me compartiches, en especial o de United Explanations, resultaron verdadeiramente enriquecedores. A democracia participativa podería dicirse que se atopa aínda en fase “piloto” e ten moitos retos por diante. De feito, son numerosas as voces que se manifestan opostas a este proceso a prol da tradicional democracia representativa, idea que o xornalista Luis Besa reflicte de xeito moi claro neste artigo: http://www.acueducto2.com/contra-la-democracia-participativa/49700
        Gustaríame saber que opinas neste eido, un saúdo.

        Liked by 1 person

      2. Exacto Yuri! Un dos mariores problemas aos que se enfronta a democracia participativa é o mar de contradicións no que voga nun marco legal claramente orientado cara a democracia representativa. Supón un cambio de modelo e de paradigma. É un camiño cara o compromiso da cidadanía na toma directa de decisións. Implica, polo tanto, a perda de poder do representante, que deixa de decidir todo en exclusivo, amparándose no voto nunhas eleccións cada catro anos. Parece sensato pensar que unha sociedade politizada pode e debe tomar decisións que lle afecten sen necesidade de mediadores. Iso non nega a democracia representativa, pero si obriga a reformulala.

        No camiño, como mencionas, aparecen todos os paradoxos e as reticencias, na maior parte dos casos en clave conservadora, na defensa dos intereses e poderes existentes.

        Déixoche un enlace no que atoparás unha boa reflexión de Pablo Simón en Politikon en referencia precisamente aos orzamentos participativos: http://politikon.es/2014/10/28/democracia-directa-y-servicios-publicos/ Nel, o politólogo di o seguinte: ” […] en suma, aunque la democracia directa no es ninguna panacea sí es cierto que bien implementada podría revertir en un mejor acomodo de las preferencias políticas de los ciudadanos”.

        Agardo a túa resposta!

        Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s