Unha viaxe de ida e volta

LUCAS MÉNDEZ VEIGA

Galicia concentra multitude de historias de emigrantes. Están marcadas pola precariedade, a morriña, o traballo e os prexuízos. Fuxir de Galicia supoñía deixar atrás unha familia, un arraigo sen tan sequera saber se se ía regresar. O caso que nos aborda, o de Xosé Emilio Esperón Rodríguez, de 91 anos, é unha historia de emigración con retorno. É un caso particular, xa que á súa volta, xurdiulle a posibilidade de ser alcalde de Marín e tentar mellorar a vida da vila.

“Alí o que importa é traballar sen descanso, sen importar as titulacións”

IMG_0602
Esperón (der.), antes de partir cara Arxentina

Ao reunirnos con el, atopámonos cun home que xa ten moito vivido pero que recorda todo á perfección para contalo. O seu pai xa fora emigrante en Arxentina, e sendo perseguido por ideas republicanas, decidiu emprender a viaxe cara o país sudamericano. Corría o ano 1952 e alí atopouse unha realidade diferente. Conta que non podía acudir ás Casas de Galicia xa que o franquismo chegaba ata ó exilio.

Emilio, como antigo estudante de Dereito, atopou traballo como auxiliar de contabilidade nunha empresa arxentina. Non obstante, o seu carácter inquedo fíxolle buscarse outras vías de subsistencia. Conta que con tal de sobrevivir, ao emigrante propoñíanselle actividades incluso fóra da lei: “Cantos máis ‘senvergoña’ foses e menos escrúpulos tiveses, máis pesos tiñas no peto”, comenta.

No posto de oficinista  pedíaselles ser moi metódicos e sen afán de asentarse, decidiu tentar sorte. Atopou un filón nas panaderías arxentinas e fíxose cun posto de comercial de sacos de fariña, a cal vendía aos postos panadeiros para facer o seu produto. Os establecementos demandaban preto de 100 sacos de fariña cada un, polo que estabamos a falar dun produto privilexiado. Emilio fala de que, incluso os outros comerciales da empresa para a que traballaba, se roubaban sacos entre eles para poder gañar máis.

Despois dese traballo, chegaron outros como o de consignatario de gando. Porén, menciona a vivenda como o principal problema que se atopou en Arxentina: “Eu cheguei a gañar o equivalente a tres pensións, pero sempre vivín nunha estancia pequena onde durmía e comía. A vivenda en Arxentina estaba mal e non había onde escoller”, di.

Ao pouco de chegar, coñeceu a unha asturiana a cal acabaría sendo a súa muller. Os dous decidiron casar alí e pronto chegou o nacemento da súa primeira filla. Chegaron a ter outra filla en Bos Aires, pero volve mencionar a vivenda como o seu problema para “botar raíces” no país. Fartos da mala calidade de vida, cunha posibilidade de traballo en Galicia e tras dez anos de moita loita en Arxentina, embarcaron de volta para a casa.

“A prensa alí reflictía que ser español era unha vergoña”

Malia esta frase lapidaria, Emilio menciona que nunca se lles discriminou. Conta que chegou a ler que eran tres millóns de galegos en Arxentina e proba da pegada na terra foi a creación do Museo de la Emigración Gallega en Argentina. A prensa, non obstante, reflectía os galegos como pobo destinado a traballar, mentras que “os aristócratas levaban apelido vasco”, afirma Esperón.

Agora a cousa é diferente en España. Afirma ler os xornais e notar a importancia dos grandes bancos, a Igrexa e o exército nas principais cabeceiras. Segundo iso, todas buscan uns beneficios e favorecer “ó patrón” aínda que isto repercuta en crear falsos prexuízos: “Os emigrantes non van roubar traballo á xente da zona, buscan a súa propia subsistencia. Como persoa que emigrei para buscarme a vida, dáme vergoña ler certas cousas sobre xente que pode ser tan honrada coma ti e coma min, que só busca traballo e benestar para os seus”.

“Nunca quixen meterme en política pero sempre tentei mellorar o meu pobo”

escanear0003
Emilio Esperón (esquerda), nun acto como alcalde de Marín

A historia de Emilio Esperón é curiosa porque, ao seu regreso a Galicia, e tras un traballo de comercial nunha empresa de electrodomésticos,  presentóuselle a oportunidade de entrar en política. Sen querelo, acabou creando o Partido Socialista en Marín, e presentándose nas listas do partido para as eleccións municipais do 79. Non era o cabeza de lista, pero o alcalde electo, José Manuel Pierres, tras dous anos no poder tivo un conflicto co partido e acabou dimitindo, deixando como responsable ó noso protagonista.

Malia todo, Emilio Esperón menciona que ó día seguinte de acabarse a lexislatura, no ano 83, deixou a política. “A miña maior alegría na política foi darlle auga corrente á barriada de San Pedro. Recordo perfectamente a satisfacción na cara dos veciños e foi a miña maior victoria“. Fala do mundo da política como un mundo sen escrúpulos, no que todos buscan o seu afán persoal en vez de tentar facer crecer ó pobo, algo do que se enorgullece Esperón.

Trátase dunha historia máis da emigración. Emilio se topou cunha realidade diferente no país de acollida e ó seu retorno se lle presentou unha vida mellor e a posibilidade de mellorar a dos seus veciños.  A experiencia no estranxeiro marcou a vida dun home que loitou, primeiro por sacar os seus adiante, e despois por facer medrar ao concello de Marín.

Bibliografía:

-Consello da Cultura Galega, Etapa franquista: http://consellodacultura.gal/cdsg/loia/historia.php?idioma=3&id=95

-Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina: http://www.fsgallegas.org.ar/?page_id=17

-Xunta de Galicia, Secretaría Xeral de Emigración: http://emigracion.xunta.gal/etiqueta/retornados

Advertisements

6 comentarios en “Unha viaxe de ida e volta

  1. A emigración sempre foi unha constante en Galicia. Poderíase dicir que en tódalas familias hai unha persoa que tivo que marchar a buscar unha vida mellor pola falta de oportunidades que se ofrecían aquí. Falo en pasado, pero tamén podo trasladalo ao presente.
    A principios deste mes lía no Faro de Vigo que o 83% dos xóvenes galegos estaban dispostos a emigrar na busca dun traballo. http://www.farodevigo.es/galicia/2017/03/10/83-jovenes-gallegos-dispuestos-emigrar/1638114.html
    A historia non cambiou. Non obstante, coido que si pode existir algunha diferenza. Como Xosé Emilio Esperón di “Alí o que importa é traballar sen descanso, sen importar as titulacións”. Actualmente, as persoas rematan os seus estudos e atópanse cunha realidade moi diferente a agardada: non hai traballo para eles. Porén, saen na procura dun traballo no que eles estén cualificados. Antes, era todo o contrario: ían ao que atopaban.

    Liked by 1 person

    1. Moi interesantes e esclarecedoras as cifras do artigo que citas, Sara. Un dos propósitos que nos plantexamos dentro do noso grupo de migración e retorno é tentar comparar as multitude de migracións galegas que se deron no século XX e as migracións actuais. Seguen a ter un punto en común: todo o mundo busca a subsistencia. Neste sentido tamén se expresou Emilio no encontro que tivemos, e mostrouse preocupado polo futuro dos seus netos. El comparou ambas situacións, a de cando emigrou el e a actual, dicindo que ambos casos as persoas teñen que ser pouco conformistas e estar en constante aprendizaxe.
      No plano dos estudos que comentas, penso que este artigo pode dar una lixeira idea sobre o perfil do emigrado, aínda que non sei se valerá para xeralizar: http://www.elmundo.es/economia/2015/12/11/566866ee46163f0e4d8b4618.html. Opinas que é un perfil que se axusta a realidade?

      Gústame

      1. Estou totalmente dacordo co exposto neste artículo. Son persoas que estiveron formándose e, cando rematan, o único que queren é traballo. E coincide con que sería extraordinario que ese traballo tivese algo que ver cos seus estudios. Porén, marchan. E non marcha un, como aparece nese enlace que me proporcionas, entre 2008 e 2012 foron un total de 225.000 persoas.

        Deixando a un lado a emigración de xóvenes, non todo retorno é doado. Ás veces, atópanse con problemas como pode ser o que lle sucedeu a Antonio Vázquez. Chega de Venezuela e alguén apropiou o que era seu. http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2017/03/22/regresa-venezuela-encuentra-casa-tomada-okupas/0003_201703G22P4991.htm?utm_source=facebook&utm_medium=referral&utm_campaign=fbgen

        Con que problemas, excluíndo casos como estes, crees que poden atoparse estas persoas ao voltar a casa?

        Gústame

      2. O caso que comentas de Antonio foi soado e verdadeiramente triste, xa que lín que pretendía traer á súa para esa casa que se atopou ocupada. A verdade é que considero que casos así son, sen dúbida, illados e os problemas que se poden atopar estas persoas ao retonar van más a temas de índole económica ou de adaptación. Nas últimas semanas e co allo do meu post, o cal invítoche a ler, decateime de que era necesario sensibilizar á poboación de que é un tema importante en Galiza e merece a pena que sexa máis visible. Quen máis ou que menos, coñece alguén cercano, ou non, que haxa estado fóra, así que penso que o tema merece un trato mellor.
        Déixoche un artigo sobre cifras da emigración de galegos que creo que é esclarecedor para o que estamos a falar: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2015/03/19/500000-gallegos-viven-extranjero/0003_201503G19P6991.htm

        Gústame

      3. A verdade é que medio millón de galegos emigrados non é unha cifra que pase desapercibida.
        Outro dato interesante, que é o que ti mencionas, é o do problema de adaptación que se pode dar cando voltas. Un post no País http://politica.elpais.com/politica/2015/10/28/actualidad/1446069956_087923.html reflicte esta realidade dunha maneira moi clara.
        Ás veces, podes rematar por sentirte de ningún lugar: o paso do tempo non perdoa, e as sensacións, costumes e sociedades dos lugares trocan.

        Gústame

      4. De tódolos xeitos, volvemos ao mesmo. A xente non decide marchar por casualidade, e penso que o sentimento de pertenza non muda coa migración. Malia todo, se que estou de acordo co que expós no último parágrafo. As sociedades cambian co paso dos anos, e pode acabar trastocando os plans da xente. Moita non decide voltar, e outra o fai sacrificando cousas que xa conseguira no país de acollida como pode ser unha mellora na calidade de vida. Creo que é necesario trocar de mentalidade cara a migración, deixar de lado os tabús e os clichés e comenzar a mudar a percepción xeral do tema.

        Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s