As apostas deportivas gañan á quiniela

Na segunda reunión cos membros do círculo contamos coa baixa de Nico e coa incorporación de tres novas caras representativas da xuventude adicta ao xogo, Andrés, Quique e Álvaro. Os tres compartían que a principal razón que os levou a esta adicción foron as apostas deportivas, moi de moda nos últimos tempos.

“Nas apostas deportivas o xogo depende de ti, mentres que noutros tipos de xogo es ti quen depende do mesmo”, afirmaba Quique. Pablo, membro co que contamos na primeira reunión, apoiou a súa postura engadindo que “cando xogas a un deporte, como foi no meu caso ao fútbol, veste totalmente capacitado para apostar e gañar, porque tes coñecemento sobre o tema. Ademais de xogar, podes facer a túa estratexia e faise divertido”. Todos coincidían na tensión e emoción que produce quen vai marcar un gol ou meter unha canastra.

Unha aposta deportiva pode facerse ao gusto do consumidor. “Na quiniela veñen 15 partidos polos que marcar un resultado, mentres que nunha aposta deportiva podes elixir por cal apostar” afirmaba Quique, dando pé a un curioso debate entre ambos tipos de xogos. A xente nova que se atopa en auxe coas novas tecnoloxías, adoita preferir as apostas deportivas realizadas en directo, mentres ven os eventos deportivos, onde poden actuar en vivo a través dos seus móbiles modificando os resultados segundo a súa previsión para obter os máximos beneficios.

Esta nova forma de xogo ven deixando atrás negocios de toda a vida como é o caso da quiniela. Durante os últimos oito anos a quiniela sufriu perdas de case un 58% en recadación por xornada, mentres que as apostas deportivas non deixan de crecer, tal e como afirma Carlos, outro dos veteranos do círculo.

“A quiniela fíxose moi popular na posguerra porque era a única diversión” declaraba o que foi directivo na ONLAE (Organismo Nacional de Loterías y Apuestas del Estado). Este tipo de apostas estaba vinculada ao deporte rei, o fútbol, e popularizouse por ser o único ao que se podía xogar e porque unha noticia da quiniela chamaba atención nuns periódicos nos que había pouca liberdade temática polos tempos que corrían. O primeiro millonario foi unha bomba; un carniceiro de Santander que gañou un millón de pesetas no ano 1952 con unha soa aposta.

Unha representativa parte da poboación non culpa ás apostas deportivas do agravio da quiniela, senón á falta de adaptación da lexislación aos novos tempos. As nosas tres caras máis novas do círculo recoñecen non xogar a este tipo de xogo polo custo que supón e polo pouco beneficio que sacas do mesmo. Sen embargo, no seu entorno coñecen a persoas que seguen realizando este tipo de apostas, representado polo colectivo ao que máis se asocia a quiniela, os maiores de 50 anos e xubilados.

“Meu pai antes xogaba á primitiva, pero dende que sabe que teño este problema ten medo a facelo, porque viu como me afectou a min”, afirmaba Quique, aportando a testemuña dun familiar que viviu o seu caso de cerca. Aínda que sexa outro tipo de aposta afecta da mesma maneira e neste caso o seu familiar decidiu frear calquera tipo de xogo porque as consecuencias son igual de graves en ambos casos. Non pasa o mesmo en todos os casos xa que Carlos contradicía ao seu compañeiro dicindo que “o meu pai segue xogando, porque o problema é meu, non del”.

Outros tipos de xogo que seguen en auxe

Outro dos xogos que afecta aos membros do noso círculo é o casino. Segundo os últimos datos recollidos pola Dirección Xeral de Ordenación do Xogo, o casino foi un dos tipos de xogo que más creceu nos últimos anos, quizais polo aumento do número de establecementos. No 2015 xogáronse 1.674,77 millóns de euros en España, unha cifra similar e curiosamente inferior ao do xogo da ONCE, con 1794,87 millóns de euros. Ambos tipos de xogos presenciais están representados polos membros do círculo.

Ao falar destes datos na reunión era inevitable que saíse o tema da lotaría, que representa uns 8.680,16 millóns de euros en ventas anuais. Carlos non xogou nunca a este tipo de xogo. Recoñece que apostou en todo tipo de xogo posible pero na lotaría non, xa que para toda a cantidade de xente participa nela, os premios son moi pequenos. “A lotaría é máis tradición que vicio” asegura Álvaro, que tampouco recoñece xogar habitualmente a ela.

O póker tamén representa unha porcentaxe importante en cantidades xogadas por modalidade estatal, con un 20 %, só un 4% por debaixo do casino. Pero a pesar desta notoria porcentaxe, o póker non foi representado nas nosas reunións, a diferencia do bingo, un tipo de xogo no que se gasta moi pouco comparado con outros tipos de xogos, pero que é representado por gran parte da poboación, especialmente na terceira idade.

Todo isto son datos que nos axudan a corroborar que o problema do xogo é moito máis complexo do que asemella. En todos os casos as consecuencias son as mesmas no momento en que perdes o control dos teus actos. Gastes máis ou menos cantidade de cartos en calquera destes xogos,  o problema ven, como asentou Álvaro na reunión, cando necesitas xogar para poder durmir tranquilo ou cando das prioridade a iso ante calquera situación da vida cotiá.

 

Advertisements

19 comentarios en “As apostas deportivas gañan á quiniela

  1. É curioso ver como a quiniela ou a lotaría semellan pasatempos máis inofensivos fronte outros tipos de xogos, polo menos no caso español, porque por exemplo en Arxentina estas dúas modalidades son as preferidas polos xogadores con ludopatía. Seguramente interveñan nisto moitos factores, como a incidencia no xogo en Internet e a súa regularización en xeral pero descoñezo a súa realidade neste país. Con todo, paréceme un dato curioso e que parece chocar dun xeito antagónico co que ocorre en España:

    http://www.cronista.com/negocios/Loteria-quiniela-y-tragamonedas-las-apuestas-elegidas-por-los-adictos-al-juego-20161128-0025.html

    Liked by 1 person

    1. Tes razón en que varios factores inflúen na normalidade coa que se tratan estes tipos de xogo en España. Internet inflúe de maneira determinante, pero sobre todo afecta a actitude coa que a xente afronta o problema, restándolle importancia. O de Arxentina non é máis que outro exemplo, como pode ser o de Brasil, no que buscan a regulación das apostas deportivas para aumentar os ingresos do Estado. http://eldiario.deljuego.com.ar/submenuanalisisdelsector/17183-experto-aboga-por-la-regulacin-de-las-apuestas-deportivas-en-brasil-.html

      Liked by 1 person

  2. Ola Patricia, paréceme moi interesante o que dis nesta entrada. É unha realidade que os xogos tradicionais como a quiniela están a perder moito peso a prol dos novos métodos dixitais. Chámame a atención que en moitas ocasións a adicción non só incumbe á persoa afectada, senón que envolve a todo o seu círculo de seres queridos, algo que ao meu parecer reflicte moi ben este programa de “21 Dias”, déixoo aquí por se lle queres botar unha ollada http://www.cuatro.com/21-dias/temporadas/temporada-04/t04xp02-21-dias-en-piel-de-un-jugador/T04xP02-dias-piel-jugador_2_1382880011.html. Calquera adicción supón un gasto para o adicto pero, no caso da ludopatía, o gasto é a propia adicción, polo que economicamente pode resultar un vicio custosísimo. O xogo por internet ademais, tal e como dis, ten o perigo engadido de que se xoga cun diñeiro virtual, polo que non hai unha verdadeira consciencia do gasto que supón, o cal non sucedería tanto en apostas realizadas de xeito presencial como pode ser a quiniela.

    Liked by 1 person

    1. O programa do que falas é moi interesante e amosa o risco que mencionas ao que non soamente se somete o xogador, se non tamén a familia. O xogo por internet é moi perigoso, tanto ou máis que as apostas, a xente non é consciente do gasto real e os cartos voan en apenas minutos. Esta noticia define moi ben esta variable “xogo invisible”, un simple exemplo máis dos destrozos que pode traer consigo esta adicción.
      http://www.elindependiente.com/tendencias/2017/04/02/juego-online-adiccion-invisible/

      Gústame

      1. Completamente de acordo coas ideas amosadas nesta reportaxe de El Independiente. Non cabe ningunha dúbida de que o xogo por internet é unha grande lacra desta sociedade e, como ben se amosa no artigo, a adicción e consecuente gasto chega a ser superior incluso a substancias como o cannabis ou outras drogas e, por suposto, supera á tradicional aposta da quiniela, un xogo menos adictivo. Déixoche o enlace a un artigo moi interesante sobre como é a vida dunha persoa ludópata http://www.huffingtonpost.es/2017/04/16/asi-es-la-vida-de-los-adictos-a-las-apuestas-deportivas_a_21887644/

        Liked by 1 person

      2. Un bo exemplo é o de Gonzalo, que podemos ver no enlace que me deixas. É impactante ver a cantidade de diñeiro que chegou a deber sendo tan xoven. As persoas deberían fixarse en detalles coma eses, en cifras e consecuencias, empatizando coa xente, para así poñer freo a este problema cada vez máis común. Aquí che deixo unha noticia que sirve como exemplo do que falamos: http://www.elperiodicodearagon.com/noticias/temadia/perdi-5-000-euros-dos-dias_1194909.html

        Gústame

      3. Sen dúbida, outro testemuño desgarrador. Non podemos seguir permitindo que cada vez máis xente, e cada vez máis cedo, siga a sufrir a terrible lacra da ludopatía. As autoridades pertinentes teñen que tomar cartas no asunto e restrinxir o acceso ó xogo en liña, xa que a día de hoxe apenas existe control sobre o mesmo.

        Gústame

  3. Concordo totalmente con Quique. Que é un xogo realmente? Nun xogo ti tes que ser consciente do teu papel como xogador e as repercusións que van ter todos os teus actos. Cando intervén o azar entramos nun terreo máis inestable e volátil. Cómpre ter coidado. Ningunha adición é boa e máis aínda cando inflúe o factor económico. Aínda que gañes unha aposta… podes estar seguro de que realmente resultas gañador? Hai beneficios? Esta é a pregunta que un debe facerse cando contacta por primeira vez con este tipo de entretemento.

    É un círculo vicioso, unha obsesión da que os demáis tamén se fan partícipes. O teu mundo distorsiónase e así o presencia o teu entorno máis cercano. Non debe de ser doado. Cada vez é moito máis sinxelo adentrarse neste ámbito. É unha industria que evoluciona fugazmente incrementando as súas cifras. Apostar é cada vez máis rápido. Como ben din os integrantes do teu círculo, mediante as novas tecnoloxías. Un xa non ten por que achegarse a un centro de apostas, vale perfectamente con que acceda a unha aplicación específica dende o seu móbil intelixente. Ata que punto somos partícipes do que facemos? Hai material audiovisual que avoga pola loita continuada contra este mal social. Este spot é proba diso. https://www.youtube.com/watch?v=eRl62Qdx-vs

    Liked by 1 person

    1. Un bo exemplo de campaña contra a ludopatía o que compartes no comentario, quizáis ese tipo de spots son máis necesarios na televisión en España e escasean bastante. Con respecto ao que dis sobre o factor econónico que inflúe na adicción, é unha das chaves do problema, que fai caer nun pozo sen saída a gran parte dos afectados. En anteriores publicacións, xa intentamos facer ver as consecuencias que provoca o xogo na vida cotiá dos ludópatas, que en moitos casos pode levar á ruína, pérdida de traballo ou débedas difíciles de solventar. Aquí che amoso un apartado dunha asociación granadina que intentar concenciar do problema económico desta adicción: http://agrajer.org/consecuencias-economicas-de-la-adiccion-al-juego-o-ludopatia/

      Liked by 1 person

      1. Si. Sen lugar a dúbidas a economía é un elemento chave a valorar neste tipo de casos. Pérdense as nocións de xestión e administración do propio diñeiro, quizabes debemos empezar por aí. Facer fincapé no aspecto de que non sempre se gaña e que, ademáis, estes xogos son un negocio e non están feitos para gañar. Non se lle pode botar un pulso ao azar. Isto é tentar ao destino, camiñar en pasos en falso, sobre un terreo inestable. É un problema grave. Realmente cando o afectado perde, non está obtendo ningunha satisfacción nin, desgraciadamente, ningunha lección da acción emprendida.

        Tentar á sorte non é a alternativa máis viable. A probabilidade non xoga teu favor. As consecuencias das que fala Agrajer non forman parte dun segredo. Todo o mundo ten consta de que isto sucede, pero, como o solucionamos? Por suposto que non é algo fácil pero, de novo, voltamos ao principio: a concienciación. Non só por parte de asociacións xa constituídas senón que tamén polo entorno máis cercano dos afectados. Disto extráese a importancia que ten a comunicación cos familiares dos propios ludópatas para que eles mesmos podan empuxar aos mesmos a un futuro mellor. Eles son os primeiros que teñen que concienciarse de que o xogo pode crear unha adicción, como se di no seguinte enlace http://www.ludopatia.org/web/consells_es.htm

        Liked by 1 person

      2. Fon, os consellos que se amosan no enlace que me deixaste son moi útiles para todos os achegados ás persoas que teñen ese problema. A concienciación é chave para intentar solventar e mermar este problema. A organización AGALURE organiza unha xornada para concienciar sobre a ludopatía como podes ver na seguinte noticia: http://www.crtvg.es/informativos/agalure-organiza-unha-xornada-para-concienciar-sobre-a-ludopatia , un bo exemplo que deberían extender máis todas as asociacións.

        Liked by 1 person

    2. A conformación deste tipo de xornadas é algo totalmente positivo, posto que como falábamos antes, a concienciación é primordial. Este pode ser o primeiro paso para solucionar esta problemática para a que estades traballando.

      É incrible porque cada vez máis os xogos de azar están a ser máis accesibles para todas estas persoas. O risco é cada vez máis elevado e ninguén fai absolutamente nada. A barreira da idade non impide que esta situación se agrave e desemboque nunha adición difícil de controlar.

      Xa dende cativos os nenos comezan aempregar este tipo de ferramentas por pura afición. Afortunadamente, non empregan diñeiro real… Pero por canto tempo? https://vidayestilo.terra.com/salud/ludopatia-en-ninos-el-limite-entre-el-juego-y-la-adiccion,edd23009c4f059ad26a8e69d6f0066f628b7gzc9.html

      Liked by 1 person

      1. É moi preocupante cando xa dende pequenos se aficionan ao xogo online, aínda que non sexan conscientes do perigo que corren nin do que en realidade están facendo. Dis que afortunadamente non empregan diñeiro real, pero iso únicamente é nalgúns casos, posto que moitos pais non lle poñen barreiras aos seus fillos e descoidan os aparellos que estes utilizan. Aquí che deixo un bo exemplo de un rapaz de 11 anos que gastou máis de 7.000 euros en xogos desde o ipad dos seus pais: http://cadenaser.com/ser/2017/04/05/ciencia/1491377477_049447.html

        Liked by 1 person

  4. O que apunta Juan Aceiro é importante: parece que a lotaria ou a quiniela quedan relegados a “xogos normais e aceptados” mentres que outros como todos os que engloba o casino son máis perigosos. Tódolos xogos poden chegar a ser iguais de perigosos, como dis ao final “en todos os casos as consecuencias son as mesmas no momento en que perdes o control dos teus actos”.

    O caso das apostas deportivas chama a atención pola cantidade de persoas que arrastra. E aínda a chama máis cando sabemos que gran parte do seu mercado son menores de idade. Existen páxinas nas que che explican como apostar en directo ou mesmo nas que che dan consellos. http://www.apuestafutbol.net/noticias/no-puedo-apostar-en-directo.html
    Semella doado gañar cando tes algo de idea de fútbol, mais son xogos de azar, e o azar sempre está presente.

    Liked by 1 person

    1. É realmente preocupante a normalidade coa que se tratan estes tipos de xogo cando as consecuencias son igual de graves en calquera caso, como ben apuntas. O caso das apostas deportivas é moi curioso e demasiado común na actualidade. Gran parte da culpa é nosa, da sociedade, por fomentar este tipo de xogo. Non é difícil convencer a un amigo aficionado aos deportes para que realice unha aposta, máis fácil todavía é que unha persoa xogue coa cantidade de bombo que lle dan ás apostas na rede. Aquí che deixo un enlace a unha noticia curiosa sobre a vida dos adictos ás apostas deportivas que che pode interesar: http://www.huffingtonpost.es/2017/04/16/asi-es-la-vida-de-los-adictos-a-las-apuestas-deportivas_a_21887644/

      Gústame

      1. O mundo das apostas deportivas semella como “un xogo divertido” pero cando falamos de 300.000 euros de deudas.. Un caso semellante foi o de Javier: arruinado aos 19 anos http://www.elmundo.es/sociedad/2016/05/16/5738b0b8e2704ebe2c8b4642.html
        O problema é a regulación, posto que estamos a falar dun fenómeno relativamente recente. Un xogo que está cheo de manipulacións. Así o explican neste artigo que empregaba o caso do partido entre o Levante e o Spórting de Gijón, entre outros. http://www.comparadorapuestas.net/existe-manipulacion-apuestas-deportivas/

        Un tema realmente preocupante: como o azar que se disputa no xogo non é suficiente, agora os propios equipos de fútbol pactan resultados para beneficiar as apostas de certas persoas.

        Liked by 1 person

      2. Chama moito a atención que un xoven de apenas 19 anos gaste unha cantidade mileurista de diñeiro por xogar. Como xa falamos en anteriores publicacións, os adolescentes e a xente nova son o colectivo que máis está crecendo á hora de xogar e apostar e iso débese, como ben dis, a unha falta de regulación en materia de xogo. Aquí podes ver como se dispara o xogo online entre os adolescentes: http://www.elespanol.com/espana/20160604/129987191_0.html
        Con respecto á manipulación das apostas deportivas é un tema que trae cola. A facilidade coa que as persoas participan neste tipo de xogo é tan grande que fai que se poña en dúbida moitos dos métodos que outorgan tanto beneficios como pérdidas. Aquí che deixo un enlace que che pode interesar sobre a estratexia alemana contra apostas deportivas ilegais. http://www.eltiempo.com/justicia/servicios/la-estrategia-alemana-contra-apuestas-ilegales-79636

        Gústame

      3. O caso de Javier foi moi difundido: comezou con 15 anos a xogar (un adolescente). E como el, seguramente unha morea de exemplos máis que veñen dados pola falta de regulación en materia, como ben apuntas. Case 5 millóns de persoas son usuarios activos nalgún tipo de aposta deportiva, o que o fai unha cuestión digna dunha regulación adecuada.

        O tema da manipulación nas apostas deportivas é tal, que varios partidos políticos piden explicacións ante algún amaño. Neste caso Unidos Podemos e Cs. http://www.lavanguardia.com/vida/20170405/421474993214/unidos-podemos-y-cs-piden-explicaciones-al-gobierno-sobre-el-amano-de-apuestas-del-futbol-tras-el-caso-del-eldense.html

        Liked by 1 person

      4. O caso do Eldense que aparece no enlace que me deixas é un dos moitos exemplos que podemos atopar no que se denuncian irregularidades nunha aposta deportiva nos últimos anos. O problema do boom deste tipo de apostas é que a xente ve tan fácil a posibilidade de gañar cartos, que enseguida os encargados de facer as apostas se aproveitan da situación. O peor é que a pesares de que a xente ve como se manipulan os partidos, como moitas apostas non son seguras, siguen xogando. Aquí che deixo un enlace que che pode interesar e que complementa o que vimos falando: https://www.tuexperto.com/2017/04/07/apuestas-deportivas-online-son-seguras/

        Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s