O avesedo das institucións especializadas

Alejandro Vázquez Corral

Concienciar sobre as enfermidades mentais non quere dicir mentir acerca da súa realidade. Tampouco significa ocultar datos. A verdade pode ser crúa, cruel e encher de impotencia os oídos de quen escoita; pero non por iso debe deixar de ser contada nin de ser certa.

As institucións especializadas, supoñen —e pódense tomar como exemplos os testemuños de Daniel e Rosa, da asociación Andaina—ser un caxato á hora de camiñar cara unha vida normalizada. Non obstante, a súa maneira de operar sobre as persoas doentes pode constituír un atranco no mesmo. O dano que recae nos pacientes, tanto o psicolóxico coma o físico, fere máis fondo do que calquera menciña pode sandar.

Non é especialmente frecuente atopar nos medios de comunicación artigos de denuncia social, e menos aínda se estes se promoven dende sectores minoritarios da poboación —un dos aspectos a traballar polos actuales e futuros xornalistas—. Este labor vénse realizando nos últimos anos a través das redes sociais. Twitter é unha das plataformas máis empregadas neste aspecto, sobre todo entre a xente máis nova. Aquí cada día fanse públicos milleiros de casos de discriminación: violencia machista, agresións homófobas, casos de corrupción… e a agresividade do tratamento dalgúns centros de saúde mental.

De pés e mans

Paredes brancas, camisas de forza ou ataduras. Imaxes alonxadas da realidade e propio das películas do estilo thriller, pensamos. Terror psicolóxico. Pero estas prácticas non permanecen tan remotas á non-ficción. Teñen por nome “contención mecánica“, e en España son totalmente legais—non así noutros países como Islandia ou o Reino Unido—, a pesar das instancias das Nacións Unidas para prohibir este tipo de situacións.

Hai pouco máis dun mes que se deu a coñecer o caso dun paciente que ingresou na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica de A Coruña e que faleceu namentres se atopaba amarrado á súa cama. Precisamente, e utilizando este suceso como premisa, unha rapaza valenciana valeuse de Twitter para difundir o seu caso. “Había correas nas camas por se nos portabamos mal“, relata no seu perfil, instando a que as demais persoas denuncien todos aqueles episodios de “saúde mental radical” nos centros psiquiátricos aos que acudiron.

A contención mecánica aparece definida en diversos manuais de enfermería como unha situación que confronta os dereitos persoais —a liberdade do suxeito vese coartada— e os beneficios para a saúde e o entorno dos pacientes —desexo de evitar autolesións—. En todo caso, e aínda que o seu exercicio é lícito no país español, só se debería aplicar en situacións extremas.  Aquí reside a problemática.  Atados de pés e mans, pero nunca coa palabra acalada.

Alternativas

É intolerable, sexa cal sexa o caso, admitir ameazas e golpes, así como permitir a privación das liberdades máis básicas dun ser humano. Esta non é a solución a ningún dos problemas dunha persoa enferma que acode a un centro especializado en busca de tratamento. Ese non é o camiño. Iso non é vivir.

Non é o mesmo tratar cunha persoa que se vale minimamente por si mesma ca cunha que necesita internamento e atención constante. O proceso para este último sempre é máis custoso a nivel temporal e social. Precisa de máis dedicación e dunha capacidade de superación maior. É diferente e máis difícil, pero non por iso o esforzo no tratamento se volve improdutivo. O obxectivo é o mesmo para todas as organizacións, sexan como Andaina —de ámbito rural, que aposta polas actividades como método curativo— ou coma un centro de internamento psiquiátrico: combater a dor e lograr unha mellor condición de vida para as persoas enfermas.

Contra as malas prácticas non queda outra que loitar. Non hai corda que cure, como tampouco hai lazo que suxeite as voces dos que se levantan en contra destas medidas atrasadas. Ao avesedo no que se atopan algunhas organizacións de saúde mental chegará o sol máis cedo ca tarde.

Bibliografía:

Advertisements

16 comentarios en “O avesedo das institucións especializadas

  1. Todo isto que contas chega a producir arrepíos. Paréceme inadmisible que a día de hoxe en España aínda se produzan episodios deste tipo en centros que supostamente deberían axudar ás persoas que realmente teñen un problema. A solución non está en atar a ninguén a unha cama, forzar ou tratar de xeito inadecuado. Os problemas relacionados coa saúde mental son moi delicados, soen precisar tempo para acadar a recuperación e é preciso ofrecerlles unha vida digna e axudar a saír adiante.
    É preciso crear conciencia, que non só os especialistas estén correctamente formados para realizar as prácticas necesarias co fin de curar e axudar a saír adiante aos pacientes. De calquera xeito, penso que non debemos esquecer os erros do pasado para non volver caer neles. Aquí che deixo un exemplo dunha exposición de arte, que pode funcionar como elemento chave para axudar á sociedade a reflexionar.
    http://www.eldiario.es/cultura/arte/Psiquiatria-exposicion_0_630637351.html

    Gústame

    1. Precisamente este tema, o das ataduras, comentámolo na última das reunións que tivemos co noso círculo de traballo. E sorprendeunos a súa posición. Algún deles, que se viron obrigados a estar en institucións nas que se empregaron este tipo de medidas de contención, non as vían coma un atranco, senón coma “un mal necesario” nalgunhas situacións. Reafirmo a posición que mostro no artigo, Nuria, este é un aspecto moi controvertido e no que caben moitas visións e opinións.

      Respecto á túa afirmación de que non debemos de volver a caer nos erros do pasado invítote a ler o post da miña compañeira Susana, que fala da situación da saúde mental hai anos e do progreso acadado. Un avance que, a pesar de ser rápido, está sendo minguado debido a medidas do goberno que pouco ou nada axudan á convivencia (http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/denuncian-recortes-hospitalizacion-psiquiatrica-santiago-han-derivado-agresion-un-suicidio/idEdicion-2017-02-09/idNoticia-1040614/).

      Liked by 1 person

      1. Supoño que é un deses temas nos que existen numerosas posicións mesmo entre as persoas ás que lles afecta. A controversia neste aspecto, como ti dis, está presente. É preciso que moitas cousas cambien, e eu creo que entre elas, os cambios no mundo das enfermidades mentais é fundamental que se leven a cabo. Parece que xa foi cambiando e estaría xenial que dunha vez por todas acadase a normalización na sociedade.

        Gústame

      2. Desculpas por non contestar! Non me decatara da túa resposta. O problema, volvendo ao tema da contención mecánica, é que hai moitas outras alternativas que xa se aplican noutros países con éxito, mentres que aquí seguimos nas mesmas. Aquí aparecen algunhas delas (https://primeravocal.org/wp-content/uploads/2016/03/es-posible-curar-sin-contencion-mecanica_primera-vocal.pdf), ademais dunha pequena explicación de cada unha e do lugar no que se está practicando. Non será por outras opcións que a contención mecánica non estea prohibida. Penso que estamos xa nunha sociedade o suficientemente avanzada como para non ter que recurrir á violencia nos sanatorios.

        Gústame

  2. Chámame a atención que apenas se saiba nada da práctica da “contención mecánica” cando, a pesar de ser rexeitada polas Nacións Unidas, asociándoa á tortura. É un tema controvertido dabondo para estar tan silenciado nos medios. Vese que isto xa é costume… Atopei, porén, esta publicación (http://elpais.com/diario/1991/06/13/sociedad/676764011_850215.html) onde se denuncia, de certo modo, esta técnica. Pola contra, nestoutra (http://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2013/11/24/trabajadores-calde-sufrieron-25-agresiones-parte-pacientestemen-conducta-catalogada-negligente/0003_201311L24C19911.htm), o tratamento é ben diferente. Na última, normalízase completamente o tema da contención mecánica, sen facer referencia ao debate moral. Curioso que non se explique en que consiste en ningún momento.

    Gústame

    1. Sorprenderíache saber ata que punto se silencian aspectos relacionados coa saúde mental nos medios de comunicación, Silvia. Por desgraza, parece que aquilo que só existe é o que vende, o “amarillista”, o morbo.

      No Círculo había opinións distintas. Algúns membros entendían que se chegara a empregrar a contención mecánica, posto que había pacientes que podían supoñer un risco para os seus compañeiros e para os cuidadores. Outros, pola contra, afirmaban que isto atentaba en todo caso contra a liberdade das persoas atadas, que tiñan o mesmo dereito que os demais de gozar de certo espazo. Algo semellante ao que se relata aquí (http://elpais.com/diario/1991/06/13/sociedad/676764010_850215.html).

      Gústame

      1. Claro que algúns pacientes poden ter comportamentos periogosos de cara ao resto de persoal, pero existen alternativas á contención mecánica. Non é este o único modo de actuar. Neste protocolo indícanse outras solucións (aínda que tamén se consideran técnicas complementarias): http://www.chospab.es/publicaciones/protocolosEnfermeria/documentos/17023d3b07b13ecbc6f578cb43bfa788.pdf (páx. 5-10). De feito, noutros países, está prohibida a práctica deste método.

        Gústame

      2. Son consciente de que está prohíbida noutros países (e de feito aparece no meu propio artigo así referenciado), e que en España só se permite en “casos extremos”. Pero a realidade é outra, Silvia. A cuestión non recae en se é necesario ou non chegar a tal medida, senón a de se é moralmente correcto. E aí, a falta de consenso entre asociacións de médicos e de pacientes, teñen que actuar as leis. De momento, ben se ve o que se ofrece en España.

        Gústame

      3. Pois nin máis nin menos, a infografía que refires relata moi ben todos os puntos que quixen tocar no meu artigo. Esperemos que algún día se impoñan por lei as alternativas á contención mecánica. Porque non é agradable para quen a sofre nin para quen a aplica, non o esquezamos. Un pracer, Silvia! Saúdos!

        Gústame

  3. Canto menos escalofriantes os métodos que nos comentas, Alejandro. Parece mentira que en pleno século XXI o xeito no que se trate aos enfermos sexa amarrándoos. Certo é que, en casos límite, estos feitos poderían ter algunha excusa para levarse acabo, pero que xa se parta desa base paréceme inhumano.
    No relativo aos medios, nada novo baixo o Sol. Un exemplo máis entre os milleiros de temas que os especialistas da comunicación se limitan a silenciar por intereses políticos, económicos ou de calquera outra índole. Por sorte, hai colectivos que se resignan a olvidar este tipo de enfermidades e loitan para que se lle de voz aos enfermos mentais. É o caso da asociación catalana Obertament. Aquí che deixo un artigo no que explican as súas intencións. https://www.responsabilidadsociosanitaria.com/secciones/salud-sociedad/dar-la-cara-para-normalizar-los-trastornos-de-salud-mental-3013

    Gústame

    1. Cando se é incapaz de atopar unha solución alternativa, isto é o que se emprega: a forza. Curiosamente, algúns dos membros do noso círculo que permaneceron internados en hospitais psiquiátricos nalgún momento da súa vida dixeron que había ocasións nas que isto era necesario. Todo se reduce a unha cuestión moral e ética. Atenta contra as liberdades persoais atar a unha persoa á cama cando se atopa en plena crise dun ataque? Periga a saúde da xente do entorno do afectado no medio desa crise?

      Cousa aparte é que se empregue a contención mecánica en casos onde o paciente non reviste ningún perigo. Aí si que non se pode admitir discusión.

      Gústame

      1. De seguro que hai casos e casos nos que a contención mecánica sexa necesaria, pero que se parta da base de que é necesaria por excepción paréceme unha absurdez. Considero todo o contrario, que se parta da base de que non é necesaria, pero que haxa casos excepcionais nos que si é necesario.
        Admitir a contención mecánica como imprescindible para o trato dun enfermo é admitir o fracaso de toda terapia existente ata o momento, de todos os estudos sobre a enfermidade.
        Hai formas e formas para tratar este tipo de enfermidade, formas moi boas como as que comentas da Asociación Andaina, pero este tipo de modus operandi, ao meu ver, non fan máis que empeorar a situación. Debería limitarse a usos preventivos en casos extraordinario.
        Aquí che deixo uns cantos testimonio que me resultaron interesantes o horriplantes. https://xarxagam.org/2015/05/29/la-contencion-fisica-o-la-miseria-y-fracaso-de-la-psiquiatria/

        Gústame

      2. A contención mecánica, de aplicarse, en ningún caso se aplicaría en asociacións como Andaina, que non é un hospital nin ningunha clínica. En todo caso, a súa aplicación queda reservada a clínicas e psiquiátricos. E non, esta non é necesaria.

        Existen moitas técnicas alternativas, que non empregan a forza nin a violencia, e que son menos agresivas á hora de calmar a un paciente nun momento de crise. Xa se están utilizando noutros países, coma en Reino Unido e Islandia, onde a práctica da contención mecánica aparece prohibida por lei. Un exemplo aquí, Sergio: https://primeravocal.org/es-posible-cuidar-sin-contencion-mecanica-alternativas-al-uso-de-la-contencion-mecanica-en-las-unidades-de-hospitalizacion-psiquiatrica/

        Liked by 1 person

      3. Por suposto, Alejandro. Ao que me refería é que a terapia utilizada en asociacións como Andaina de seguro da resultados moito máis positivos que a utilización da contención mecánica en clínicas ou psiquiátricos, a cal debería ser exclusiva para casos límite.

        O documento que me adxuntas é realmente interesante. Mostra verdadeiras alternativas á contención mecánica, innecesaria canto menos para a maioría de casos e que, coma sempre, España se mostra á cola destas innovacións. O Goberno segue sen dar respostas sobre o tema e a oposición presiona en busca desas respostas: http://periodistas-es.com/gaspar-llamazares-pregunta-al-gobierno-sobre-contencion-mecanica-37666

        Gústame

      4. Os movementos dos partidos opositores non son moi ruidosos neste aspecto. En parte, culpa disto é nosa como medios de comunicación. A política móvese por presión social, e sen que nós, o Cuarto Poder, poñamos unha palabra máis arriba ca outra, a situación non vai mudar.

        Moitas gracias por participar no debate, Sergio! Un pracer.

        Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s