O fenómeno da transmigración galega: pasado e presente

Silvia López López (V1)

Falamos de transmigración para referirnos ao movemento demográfico no que un gran número de persoas deixan o seu país para establecerse noutro diferente. O matiz distintivo imprímello a razón da marcha que, polo xeral, é común á maioría dos casos: a procura de traballo. Con estas bases, somos quen de afirmar que Galicia é un pobo historicamente transmigrante, mais que diferencias hai entre o antes e o agora?

Este tipo de migración vencéllase co concepto de transnacionalismo. Isto fai alusión á idea de que o colectivo transmigrante crea unha rede de interaccións entre si no país receptor, á vez que se relaciona coas institucións do país de orixe (Solé, Izquierdo, 2005). Como se materializan estes texidos de contactos?  A nivel interno, falariamos da asociación como canle para a comunicación e para a creación dunha identidade común. Exemplo disto serían os centros de galegos espallados por multitude de cidades do mundo. En canto ás conexións co país do que marcharon, estas dependen en gran medida da tecnoloxía. Por iso, no século pasado, as distancias semellaban maiores e as fronteiras máis nítidas. Hoxe por hoxe, os lindes vanse diluíndo, tornando virtuais (en tódolos sentidos).

Que nos move?

Se empregamos o termo “transmigrar” xa estamos indicando que é unha gran masa de persoas a que se está a mover. A busca de oportunidades laborais une a migración galega do século pasado coa actual. “Emigramos para loitar, para termos unha casiña”, dicía María Rey, unha das integrantes do noso Círculo de Lectura. A diferenza radica, di, en que os xoves que marchan hoxe do país son case sempre persoas con estudos e moi cualificadas. “As miñas fillas tamén se foron para Londres”, apunta Sara Lens, facendo esa analoxía entre a súa época como migrante e a actual. María quéixase, á súa vez, das políticas gubernamentais en materia de Economía e Emprego e sinala a consecuente perda do capital humano en cuxa formación “invertimos moito diñeiro”.

Malia iso, os datos achégannos unha realidade un tanto diferente á que temos no imaxinario acerca do típico migrante galego do século XX. “Tiñan un nivel de profesionalización moito maior do que eu pensaba, o que axudou a que se integrasen no tecido laboral dos países de acollida”, afirma María Alonso, experta no tema. Por tal motivo, “é preciso afastarse do tópico da e do emigrante galego analfabeto que tanto complexo de inferioridade ten creado“. O desprezo ao galego é algo que vén de atrás e que se sufriu máis no marco estatal que no estranxeiro, segundo nos contan María Rey e Evaristo Trillo.

WhatsApp Image 2017-03-14 at 23.31.59
Un intre da segunda reunión co Círculo de Lectura

A vida no país de destino

Se en algo coinciden todos os integrantes do noso Círculo é na gratitude que senten hacia a xente do país de acollida. Ben fora en Francia, en Suíza ou en Gran Bretaña, aseguran que o tratamento recibido á súa chegada e durante a súa estancia foi moi bo. O país que deixaran atrás -pobre e rural, sometido a unha ditadura- nada tiña que ver con aquel que descubriran. Falan de traballos con contratos, de dereitos laborais e de salarios que axudaban a vivir e a ir gardando uns aforros para o futuro. Proba disto son os retornados que voltaron anos despois con certo nivel económico, capaces de emprender unha nova vida en Galicia.

Porén, o conto mudou. A situación dos nosos tempos non é outra que a daquel rapaz ou rapaza das primeiras xeracións da democracia que anda a buscar traballo a dúas bandas: por un lado, do seu, do que estudou, e polo outro, do que atope. A transmigración actual é case sinónimo de precariedade (Alonso Alonso, 2017). Abundan os contratos zero-hour  e os minijobs; é frecuente atopar a licenciados e graduados desempeñando labores que nada teñen que ver coa súa formación (camareiros, limpadores, etc.)

As condicións son, de partida, diferentes. E diferentes tornan as vivencias, polo tanto. Úneos a busca de horizontes laborais e económicos mellores, a esperanza de forxarse un futuro. Mais as disparidades tamén son palpables e insalvables. Tamén, por suposto, á hora do retorno: mentres que a xeración dos nosos avós voltou a Galicia con algúns cartiños no peto e posibilidades de construír futuro na terra nai, a xuventude actual volta con desánimo tras unha experiencia que non lles aportou o esperado. Soños frustrados por unhas políticas socioeconómicas desalentadoras. Pero xa se sabe, como nos dicía Evaristo, “canto tivo que aguantar o galleguiño polo mundo adiante…

Bibliografía:

Imaxe de cabeceira: viñeta humorística de Luís Davila.
Advertisements

8 comentarios en “O fenómeno da transmigración galega: pasado e presente

  1. Desde mi punto de vista, pues en latinoamérica se valora mucho la presencia de extranjeros trabajando en las grandes empresas, es más en cuánto a solicitud de trabajo se trata, es normal que alguien que venga de Europa o EE.UU. esté sobre alguien nativo de dicho país latino, pues se sabe que la educación en éstos lugares es de mejor calidad, por ende los profesionales están mejor capacitados, “si viene de afuera mejor”, en cambio para un latino que venga a triunfar a Europa o norteamérica, no es fácil, debe lucharla, y dar buena guerra, porqué sino deberá volver por donde vino.
    En cuanto a Africanos y Sirios, tal vez por parte de España hay cierto egoísmo, y no lo sé, pero ésa es una imagen que tengo formada, por comentarios como “me están quitando trabajo”, “me están quitando mis tierras”, y en realidad no es quitar sino compartir un poco de lo que tienes, gracias a Dios tu país no está pasando por una guerra ni precariedades “TAN ALARMANTES”, como algunos otros, un poco de visión global para algunos hace falta.

    Gústame

    1. O problema é cando unha xeralidade se converte nun prexuízo. Ti fas mención ao maior nivel educativo dos países de Europa fronte aos latinoamaericanos. Aínda apoiándonos na veracidade dunha información, non podemos transformar eses datos en prexuízos que aplicar sen ton nin son. Non está ben tildar a unha persoa procedente dun país de “inculta” ou “menos apta para un traballo” só porque o nivel educativo do seu país de orixe non sexa bo (o que se entende por bo). En certa medida, iso tamén leva pasando décadas co emigrante galego. Como se denuncia no texto, tense creado unha concepción dañina do galego como analfabeto. É algo que debemos mudar, tamén dende os medios.

      En canto a ese “egoísmo” español ao que fas referencia, non podo máis que compartir contigo enlaces que reforzan iso que criticas: http://www.elmundo.es/elmundo/2011/02/03/espana/1296737740.html . Curiosa forma de tratar a información.. Quen a redactou parece ata sorprendida de que “6 de cada 10 españois cren que os inmigrantes non lles quitan o traballo”. Así se combaten os prexuízos?

      Gústame

  2. Despréndese certa desolación da túa publicación. Pero se ben é certo que procuramos ser optimistas, a realidade acaba baténdonos, irremediablemente. As historias da emigración no século XX son exemplos da miseria que se vivía no país e da que moita xente quería escapar, custase o que custase, e moitas veces con final feliz. Porén, os mozos e mozas que marchan hoxe, que mañán podemos ser ti e máis eu, viven nun país que dista moito daquel. Dista en termos económicos, democráticos, sociais, pode que tamén políticos… pero que non cambiou no máis importante. E é que non serve de nada contar cunha das redes de universidades públicas máis potentes de Europa se o talento se larga a brillar a Alemania ou Reino Unido, se é que alí hai sitio para nós, (algo claustrofóbica esta falta de oportunidades).

    Algo no que non pensara antes relacionado con este tema é como pode aproveitar España, e os españois traballando fora, ese capital humano espallado polo mundo. Para que vexas do que che falo atopei este artigo de opinión dun español emigrado en EEUU que reflexiona sobre todo o talento que están desperdiciando desde as mesas de goberno do noso país. http://elpais.com/elpais/2017/01/02/opinion/1483379093_147582.html

    Gústame

    1. Isto que comentas lémbrame algo que repetía decote María Rey, integrante do noso Círculo de Lectura. Queixábase de que o Goberno do noso país obvia o feito de estar investindo diñeiro na formación dunha xuventude que logo marcha do país. Ela propoñía centrarse en aproveitar eses investimentos, de xeito que ese capital humano quedara en España.

      En canto ás redes de migrantes no estranxeiro que se mencionan na noticia, paréceme algo moi interesante. De feito, é algo que vén pasando dende sempre: os emigrantes crean lazos entre si (exemplo disto é a multitude de centros de galegos que hai no mundo). Esta é a base diso que chamamos transmigración, precisamente. O punto diferenciador é que se propón unha forma de aproveitar o potencial destas persoas dende o noso país. Eu non vexo iso factible mentres as cousas sigan como agora. Ti tes outra opinión?

      Gústame

      1. As cousas van a continuar moito tempo como agora. Dende logo que desde o goberno non se ve moita ansia por cambiar as dinámicas de actuación. Que se pode esperar deles? Eu penso que nada. Por iso en España é tan difícil que algo así ocorra. O mellor que podemos esperar é que vaia ben noutros paises e que logo aquí se vexa ese triunfo como algo a imitar. O que non podemos facer é quedarnos de brazos cruzados mentres o fúturo de todos os novos é fuxir.
        Oxalá non tivésemos que pensar en como aproveitar o potencial dos españois emigrados. Pero parece máis factible que evitar que marchen.

        Gústame

      2. Está claro que a situación non convida a quedar, non. A grandes rasgos, que propoñerías ti para cambiar o rumbo desta “fuga de cerebros” que semella eterna? Facendo un sinxelo e metódico exercicio de busca en Google, chamoume a atención unha cousa que vén a conto. Eu procuraba artigos con opinións ao respecto, polo que introducín as palabras chaves pertinentes. No canto de dar cos resultados esperados, unha morea de links ofrecían “soluciones a la inmigración ilegal”, a “cómo frenar la inmigración ilegal”, etc. É curioso. Un reflexo de como se prioriza unha cuestión sobre a outra en España… Ao fío diso, bótalle unha ollada a isto http://www.elconfidencial.com/mundo/2015-06-18/europa-gasta-13-000-millones-para-frenar-la-inmigracion-los-traficantes-ganan-16-000_888641/ . Dime que che parece o que contan, por que o contan ou como o contan

        Gústame

  3. A inmigración ilegal é algo que sempre preocupou moito en España. Digo “preocupou” en tanto que se loitou por evitar a entrada de inmigrantes, non que preocupen os inmigrantes.

    O artigo que compartes penso que invita a reflexionar sobre varias cousas. A primeira é ese inmenso gasto en encher o continente de barreiras, cando os cartos mellor empregados son os que consiguen que todos os cidadáns, europeos ou de fora, vivamos mellor.
    A segunda é que non somos capaces de mirarnos ao espello e recoñecer os nosos erros. Estes casos de inmigración responden a un patrón tristemente xeralizado: violencia e pobreza extremas. Cal é o noso problema? Beneficiámonos das guerras no norte e centro de África e en Oriente Medio: a venda de armas é escandalosa. Non temos ningún interese en que a guerra de Siria remate (bueno, si, así non chegarían tantos “terroristas”).
    A terceira, apuntando directamente ao xornal: onde está a cara humana desta información? Limítase a comunicar o gasto en barreiras, e o que gañan os traficantes con todo isto, pero cometen o gran erro de non criticar esta situación. A subxectividade nestes casos debería estar xustificada. Parece que os cartos que gastamos son máis importantes que as persoas que matamos en Ceuta e Melilla.

    Gústame

    1. Ese é o problema: esquecemos que tratamos con persoas e non con entes abstractos. O cambio preciso do xornalismo pasa pola inclusión dos protagonistas nas novas.

      Con esta reflexión, a da trabucada preocupación dos nosos gobernos e empresarios, agradézoche as interaccións.

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s