“Isto vai evolucionando pouco a pouco, aínda que non tan rápido como quixera”, confesa Ricardo Rivera, membro do noso círculo de traballo

Aínda hoxe, en pleno século XXI, ter unha discapacidade é sinónimo de exclusión social. A ignorancia e o descoñecemento xeralizado na nosa sociedade son os causantes do rexeitamento que sofren moitas persoas, consideradas por algúns incapaces ou mesmo inválidos. Estes termos, sumamente pexorativos, son o principal escollo co que se atopan estas persoas, pois descalifícanos e crean unha imaxe deles que non se corresponde coa realidade.

Nin minusválido/a nin discapacitado/a: diverso/a funcional

O termo correcto e máis inclusivo a empregar para designar ás persoas que padecen algún tipo de discapacidade – sexa física ou psíquica – é diversidade funcional. En palabras de Cristina Couto, psicóloga da Federación Galega de Autismo: “Os termos discapacitado/a e minusválido/a non parecen apropiados. Son bastante ofensivos. Co tempo, a linguaxe vai cambiando, imos adaptando os termos e vocábulos. Na miña opinión, a maneira na que se fala e na que a xente se expresa en relación coas persoas con diversidade funcional inflúe moito no cambio de mentalidade da sociedade no que respecta a este tema.”

A realidade da inserción laboral de persoas con discapacidade

Un dos maiores problemas cos que se enfrontan as persoas con diversidade funcional é atopar emprego. Esta ardua tarefa, difícil para todos en tempos de crise, convértese en imposible cando te presentas como diverso/a funcional. As persoas con discapacidade experimentan notables dificultades en relación coas súas posibilidades de inserción laboral. A este respecto, Ricardo Rivera, membro do noso círculo de traballo e cunha discapacidade de nacemento, opina que as persoas con diversidade funcional non se atopan en igualdade de condicións á hora de buscar emprego. “O mundo laboral non está ben para ninguén, e para nós menos, debido a que a nosa discapacidade xa nos limita para certos postos. O maior problema é aínda a maneira de pensar”, engade.

Un dato a ter en conta é que se está a producir un fenómeno de baixa representación das ocupacións de máis alta cualificación para as persoas con discapacidade en relación ás persoas sen discapacidade. Polo contrario, obsérvase unha sobrerrepresentación das persoas con discapacidade en ocupacións pouco cualificadas. Disto dedúcese que os menores niveis de cualificación das persoas con discapacidade se correlacionan en gran medida co seu menor nivel de estudos. De feito, as persoas con diversidade funcional presentan uns niveis educativos moi por debaixo daquelas que non a padecen, o que sen dúbida lastra as posibilidades de inserción laboral reais destas persoas, e relégaas ó desempeño de tarefas pouco cualificadas e con escasas posibilidades de promoción. Ricardo, formado en Administración e Dirección de Empresas, desmente estes datos: “Eu teño estudos superiores e traballei en tres empresas como administrativo. O meu traballo consistía en dar de alta/baixa a traballadores, elaborar contratos, facer fotocopias, levar a correspondencia, responder ó teléfono… tarefas que un administrativo sen discapacidade tamén ten que facer.”

“Eu non paro, móvome moito. Cando non teño traballo sígome formando. Loito polo que creo que podo conseguir. Como me ven os demais, iso xa non o sei” – Ricardo Rivera.

WhatsApp Image 2017-04-01 at 23.27.52

Exclusión no ámbito laboral?

Tamén cómpre sinalar que as persoas con diversidade funcional son máis propensas a sufrir algún tipo de discriminación dentro do lugar de traballo por parte dos seus propios/as compañeiros/as, o que dificulta ou impide a súa completa inclusión no eido laboral. Isto non acontece en tódolos casos, pero si en moitos, polo que xoga un papel moi importante a educación social na tolerancia e comprensión. “Podo dicir con certeza que en dúas das empresas nas que traballei o 90% do persoal con discapacidade estaba contento co seu traballo. Na outra empresa, eu era o único que tiña discapacidade, pero tratábanme coma a un máis”, contradi Ricardo.

Posibles solucións á marxinación laboral e social

Por último, é preciso valorar algunha das solucións ou alternativas que poderían poñer fin, dunha vez por todas, á problemática da marxinación laboral para as persoas con diversidade funcional. Entre elas atoparíase a posta en marcha do Protocolo asinado pola Comunidade Internacional na Convención  sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade en resposta ó longo historial de discriminación, exclusión e deshumanización das persoas con discapacidade. Tamén se deben establecer fórmulas de contratación que garantan un trato igualitario durante os procesos de selección. “Deberían informar máis ao empresario e aumentar o 2% que lle obrigan ás empresas con máis de cincuenta traballadores na plantilla”, opina Ricardo.

Hai que romper cos estereotipos ou prexuízos en canto á imaxe ou aspecto físico, e contratar en base a aptitudes e capacidades. Neste aspecto, é imprescindible que a promoción laboral, a formación e o desenvolvemento profesional se dean nas mesmas condicións para todas as persoas. Ademais, establecer políticas de discriminación positiva é necesario para asegurar a presenza das persoas con diversidade funcional en tódolos ámbitos da sociedade, así como a implementación dun modelo educativo inclusivo, a posta en marcha dun plan que garanta a adecuada inclusión de tódalas persoas, sen excepción, no mercado laboral e, finalmente, o desenvolvemento dun sistema de prestacións sociais que asegure a plena autonomía e desenvolvemento persoal.

En conclusión, minimizar as oportunidades laborais de persoas con discapacidade constitúe unha vulneración dos seus dereitos, repercutindo na conseguinte marxinación e exclusión deste grupo poboacional, creando barreiras cara o logro dun trato equitativo na adquisición de traballo.

 

photo_2017-03-23_22-47-10
Membros do círculo de traballo na segunda reunión.

 

 

 

 

 

 

 

 

Advertisements

14 comentarios en ““Isto vai evolucionando pouco a pouco, aínda que non tan rápido como quixera”, confesa Ricardo Rivera, membro do noso círculo de traballo

  1. Está claro que o primeiro paso para que as persoas con diversidade funcional se sintan integradas nos seus postos de traballo é que os seus compañeiros comprendan que son un máis, sen importar as pequenas ou maiores condicións que teñan. Como ben dis, hai moitos traballos nos que esta diversidade non impide facer nada e sen embargo, hai quen ata lle pon problemas a iso.
    Tamén me parece importante que se empecen a chamar as cousas polo seu verdadeiro nome. A sociedade xa avanzou o suficiente como para entender que non son minusválidos e a educación neste eido é prioritaria. Tal vez nos centros educativos, debería comezarse a falar máis destas cousas, pois crear conciencia e normalizar as situacións dende idades moi tempranas é a chave do éxito.
    Non sei que che parece que xordan iniciativas neste ámbito como é neste caso o do museo Belas Artes de A Coruña. Aquí che deixo un enlace de fai dúas semanas: http://www.elidealgallego.com/articulo/coruna/belas-artes-acerca-museo-colectivos-diversidad-funcional/20170321230304326466.html

    Gústame

    1. Estou completamente de acordo en todo o que dis, Nuria. Crear conciencia dende idades temperás é fundamental para formar adultos tolerantes.
      Polo que respecta a iniciativas como a recollida nese artigo que adxuntas, estou completamente a favor das mesmas. Creo que son fundamentais para a integtación das persoas con diversidade funcional. De todos os xeitos, o noso enfoque baséase na inserción laboral das persoas con discapacidade, polo que, a pesar de ser unha iniciativa moi boa, non vexo cómo repercute nas posibilidades destas persoas para atopar emprego.

      Liked by 1 person

      1. Tal vez non vexas incidencia directa niso. Porén, todos os pequenos (e non tan pequenos) xestos que contribúan a normalizar todas as situacións nas que as persoas con diversidade funcional estean implicadas, son importantes. Sí que tes razón en que non hai unha incidencia directa pero pareceume moi interesante.

        Gústame

      2. Si, tes toda a razón. Calquera iniciativa que contribúa a normalizar a situación destas persoas é de gran trascendencia. Sen dúbida é interesante, Nuria.

        Gústame

  2. Estou toalmente de acordo contigo en que hai que romper os prexuízos e empezar a engadir as persoas con disfuncionalidade nalgo tan común e diario como o traballo. Tamén é moi certo que cada ver se pide unha maior pormación académica para traballar, polo que se tes o básico non vas a poder aceso a ditos postos.
    Por outra parte, hai iniciativas para lograr a súa inclusión nos postos de traballo, como a que podemos atopar en Canarias, onde máis de 1.700 persoas con disfuncionalidade traballan en centros especiais de traballo. A continuación deixoche o enlace: http://www.canarias7.es/articulo.cfm?id=461894
    Finalmente, é moi certo que ainda hoxe en día hai unha exclusión neste ámbito e no escolar, tal e como amosa o seguinte post dun blog, onde marca como orixe de este problema a pouca sensibilización da sociedade. https://www.quadratin.com.mx/educativas/prevalece-exclusion-escolar-laboral-personas-discapacidad/
    Esperemos que a situación continue prograsando nos vindeiros anos, pero aínda hai moito camiño que andar.

    Gústame

    1. Sí, Laura, os prexuízos son o principal escollo co que se atopan estas persoas á hora de atopar emprego. A iniciativa que me amosas está moi ben, pero aquí en Galicia temos outras que tamén contribúen á inclusión laboral do colectivo con diversidade funcional. Por exemplo, un contrato para persoas con discapacidade ou en risco de exclusión http://www.lavozdegalicia.es/noticia/empresas/2017/03/03/contrato-3366-gallegos-dificil-insercion-laboral/0003_201703G3P28995.htm
      Por outra parte, a sensibilización, como ben apuntas, é fundamental para crear unha sociedade máis aberta e tolerante no que respecta a este tema, aínda que queda moito por facer.

      Gústame

      1. Realmente a pesar de que hay certas iniciativas e que a ONU mostra preocupación por este tema, penso que o Goberno, tanto a nivel estatal como autonómico deberían suavizar certos aspectos da lei e ser máis estrictos noutros. Un exemplo sería aumentar a actual porcentaxe de tasa de disfuncionalidade nas empresas, ofertándolles cursos de formación para dito traballo e, ademáis, que lles servan nun traballo futuro, como se fora unha formación académica oficial. Hay que dar pasos curtos, pero é o único modo de poder mudar a situación algún día.

        Gústame

      2. Si, estou de acordo contigo. É fundamental mudar a lexislación vixente e facer que o mercado laboral sexa máis accesible para as persoas con algún tipo de discapacidade. O exemplo que pós xa se está a empregar nalgunhas empresas españolas. O que acontece é que a pesar de que hai unha taxa establecida, os empresarios na maior parte dos casos non a cumpren, e os inspectores de traballo, que deberían ser os encargados de que procedementos establecidos se cumpliran, miran para outro lado, como puxeron de manifesto os membros do noso grupo de traballo nas dúas reunións que mantivemos con eles. Así pois, que a lexislación mude non implica que as cousas melloren se non hai un control máis estricto a empresas e empresarios. Os cursos de traballo dos que falas tamén existen actualmente. De feito, son unha das principais saídas que as persoas con diversidade funcional teñen para atopar emprego. Creo que son moi importantes, pero debería haber máis, para facilitar dito acceso ó mercado laboral.

        Gústame

      3. A pesar de que a lexislación intenta axudar, tamén debería haber máis control a hora de elixir os inspectores de traballo que miran a outro lado, ou ven buscando a persoas que pertenzan a asociacións (para estes casos concretos de inspección de traballo), ou concienciadas coa causa, xa que ti non podes por a unha persoa non formada no tema nun posto tan relevante cara o traballo das persoas con disfucionalidades. Por outra banda alegra saber que ditas formacións alternativas existen, aínda que penso que deberían ser máis comúns e coñecidas pola sociedade, e chegar incluso aos pequeños núcleos de traballo de vilas e aldeas.

        Gústame

  3. Boas Lidia!
    Ao leer as posibles solucións que comentas para a marxinación laboral e social chámame a atención cando dis que hai que romper cos estereotipos ou prexuízos en canto á imaxe ou aspecto físico, e contratar en base a aptitudes e capacidades. Isto quere dicir que a día de hoxe aínda segue habendo discriminación fisionomía en persoas con algún tipo de discapacidade, unha auténtica vergoña que só mostra a falta de humanidade que ten a sociedade na que vivimos.
    Investigando un pouco sobre o tema atopeime con que fundacións coma Adecco: http://www.fundacionadecco.es/Candidatos/PersonasDiscapacitadas.aspx axudan a inserción laboral das persoas con capacidade. Pensas que con estas asociacións chega ou necesitamos outros impulsos máis para lograr o obxectivo?

    Gústame

    1. Bos días, Juan.
      Si, certamente temos que romper cos esteoreotipos que a día de hoxe segue habendo no que respecta á contratación laboral de persoas con discapacidade. Nas reunións que mantivemos cos membros do círculo, eles aseguraban que moitas veces se sentían excluídos nas entrevistas de traballo, a pesar de que contaban cos mesmos ou incluso máis estudos que o resto de solicitantes de emprego. Así pois, é frecuente que as empresas escollan ás persoas que non presentan diversidade funcional fronte a outras que sí a teñen, aínda que a discapacidade que padezan non lles impida realizar o seu traballo de maneira adecuada. Polo tanto, creo que isto constitúe unha auténtica desigualdade e inxustiza, que alonxa a este colectivo de atopar un emprego digno e unhas condicións laborais xustas.
      Como ben dis, asociacións e iniciativas como as de Adecco axudan a estas persoas a integrarse na sociedade e, especialmente, no ámbito do traballo. Xa que preguntas a miña opinión, penso que o traballo que realizan é moi importante, pero, tristemente, con iniciativas así non se vai lograr a completa inserción laboral deste colectivo, polo que considero imprescindibles outras medidas para lograr este obxectivo, como poden ser máis subvencións aos empresarios por contratar a persoas con algún tipo de discapacidade, investimentos en programas de formación, etc.

      Gústame

  4. Desgraciadamente, a etiqueta “diverso funcional” segue sendo motivo de exclusión en numerosas ocasións na procura dun posto de traballo. Coma Ricardo, moitas persoas con diversidade funcional están perfectamente cualificadas, nalgúns casos mellor que algúns dos seus compañeiros sen discapacidade. Sen embargo, como mencionas no post, os postos aos que finalmente acceden adoitan ser os que requiren dunha baixa cualificación (e polo tanto peor remuneración).
    Estou dacordo con Ricardo cando afirma que “deberían informar máis ao empresario e aumentar o 2% que lle obrigan ás empresas con máis de cincuenta traballadores na plantilla”; non obstante, penso que en pleno século XXI non debería ser necesario que a lexislación esixira ás empresas ningunha porcentaxe de inserción de ningún colectivo na súa plantilla, senón que debería ser algo que se fixera de forma habitual. O primeiro e máis importante paso para normalizar a diversidade funcional é que se produza unha convivencia entre traballadores con e sen discapacidade. Datos como os recollidos neste artigo de El Independiente (http://www.elindependiente.com/economia/2017/04/27/el-paro-se-ceba-con-los-discapacitados/), no que se afirma que “La tasa de paro de las personas con discapacidad supera en 10 puntos la media nacional (31%)”, amosan que aínda queda un longo camiño para chegar á normalización da diversidade funcional.

    Gústame

    1. Estou de acordo contigo, Sara, en case todas as túas apreciacións, exceptuando que eu penso que é necesario que a lexislación “obrigue” en certo modo ós empresarios a cumprir co mínimo básico establecido na contratación deste colectivo, posto que, de non haber unha lei como esta, as persoas con diversidade funcional estarían en clara desvantaxe fronte ós demais aspirantes dun determinado posto de traballo. Se cunha lexislación que recoñece a obriga de que nunha plantilla o 2% dos traballadores (como mínimo) teñan algún tipo de discapacidade os empresarios seguen sen contratar a persoas con diversidade funcional, qué pasaría se non existisen leis que promovesen a inserción laboral de todas estas persoas e velasen polo seu benestar? De seguro que os empresarios, a causa da súa enorme ignorancia, non os contratarían, polo que lles sería moi complicado atopar un posto de traballo cunhas condicións laborais óptimas e que lles permitise demostrar as súas capacidades. Tristemente, creo que este tipo de leis son fundamentais, pois de non existir, as persoas con discapacidade non estarían en condicións de competir con aquelas persoas que non a padecen e sempre sairían perdendo.
      Por último, en relación ó enlace que adxuntas, creo importantes destacar a seguinte declaración: “Lo primero es la eliminación de las barreras físicas para las personas con diversidad funcional, y luego la aplicación de políticas sociales que favorezcan la inserción laboral” – José María González Navarro.
      Creo que isto reflexa perfectamente as denuncias que o colectivo da diversidade funcional leva facendo todos estes anos.

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s