Mabel Pérez, integrante da secretaría de CCOO: “a solución ó acoso pasa pola deconstrución e a prevención”

Como se identifica unha agresión sexual nos postos de traballo? Onde poñer os límites? Que é o normal e que deixa de selo? Todas as integrantes do noso círculo coincidían en que unha agresión sexual é moi difícil de recoñecer ata que se fai explícita. Porén, todo o proceso previo tamén está tipificado como acoso e pode ser denunciado. Así e todo, por que a maioría das mulleres non denuncian?

O ambiente tamén forma parte do acoso

Hai cantidade de ambientes acosadores que se dan no noso día a día nos postos de traballos. Moitas veces isto ocorre por descoñecemento, pero tamén porque as mulleres estamos tan acostumadas a ser acosadas que, por influencia social, non o recoñecemos. Isto lévanos a considerar “normais” certas actitudes e comentarios que non deixan de ser máis que mostras evidentes da sociedade patriarcal e machista na que vivimos.

Cando falamos de acoso ambiental estámonos a referir á tolerancia que existe por parte das mulleres, así como á toma de posición por parte dos homes. Mabel Pérez, integrante da secretaría do sindicato Comisións Obreiras (CCOO), viviu de cerca casos de mobbing, o termo inglés do acoso laboral. Comentaba ás integrantes do círculo que o acoso ambiental nos mostra claramente que hai unha percepción permisiva por parte da sociedade.

Á hora de chegar ós xulgados

Pola banda do marco xurídico, tamén resulta un tema delicado. O acoso sexual ten que ser denunciado única e exclusivamente pola propia persoa. Isto ocorre porque os fiscais entenden que se trata da percepción da muller. Mabel explicaba que «ao mellor a min me molesta que me digan ‘para unha guapa coma ti’, pero a outra muller non». Así, pódese entender que o acoso é persoal, pero hai certas situacións que persoas externas deberían poder denunciar, xa que moitas veces as vítimas non teñen a forza suficiente para facelo.

Case todas as mulleres que sofren mobbing non queren que se decate o seu entorno. Mabel explicábanos que para elas é terrible porque se expoñen publicamente. «Na maioría dos casos o que queren cando veñen denunciar un caso de acoso é ser trasladadas a outro centro», indicaba Mabel. Nestas situacións parece todo o mundo ten dereito a falar do que fixeches ou non fixeches. O problema é que normalmente esa opinión é negativa para elas. A nosa sociedade o que fai é darlle a volta: o acosador queda de vítima, e como culpable queda quen sofre, a muller.

Mabel coñecía un caso concreto de mobbing e non dubidou en compartilo con nós: «nunha oficina do INEM había unha muller que un día me comentou o que estaba pasando co director. Ela quería evitar que o caso transcendera e se descatara o seu entorno. Nós interviñemos e conseguimos o traslado. Unha vez trasladada, fomos falar co director. Catro mulleres pediran traslado nesa oficina, pero á Dirección Xeral non se lle ocorreu que alí podía pasar algo».

Por esta visualización pública e polas actitudes patriarcais que nos atopamos constantemente, situámosnos nun panorama de falta absoluta de datos.  En España, non existen estudos sobre o fenómeno do mobbing. Mabel, que por CCOO coñece ben a normativa, comentábanos que “só temos unha enquisa que fixo o Instituto da Muller no ano 2005, hai 12 anos. Con ela podíase estimar, xa que os datos non estaban contrastados, que un 15% das mulleres da poboación activa sufría algún tipo de acoso no traballo. É unha barbaridade porque estamos a falar de máis dun millón e medio naquel intre».

A vox populi informativa

Cando saen estes casos, os medios de comunicación soen mostrar soamente o lado do agresor, por norma xeral. «No caso de que non podan falar coas afectadas ou con alguén do seu entorno, que falen con expertas en xénero», comentaba Mabel. Se a isto lle sumamos que a mensaxe final que dan os medios é que elas non acaban ben, decatámonos de que a información que nos ofrecen é nefasta.

Se as nosas integrantes tiveran que escoller un medio que informase correctamente de casos de xénero, non o terían moi claro. Dentro dos medios máis mercantís e capitalistas, tanto Ángela como Mabel escollerían á Sexta, aínda que recalcaban que non mostraban as noticias como a elas lles gustaría. Ángela sinalou a maiores ó medio dixital galego Praza Pública como un dos mellores á hora de informarse sobre casos de xénero.

Como podemos solucionalo?

Como comentamos anteriormente, Mabel ten moita experiencia con casos de xénero. Para ela a única solución posible é a prevención. «Lémbrome dunha empresa de telemárketing no que había uns índices de acoso moi elevados. Ocorréusenos facer un  cartel explicando o que era o acoso, mostrando todas as actitudes, feitos e comentarios, así como as sancións a ditos delitos. Soamente con esa publicación baixou o nivel de acoso».

Así e todo, o tema da deconstrución é clave nesta loita. Xa non debemos educar, senón des-educar á sociedade na que vivimos, identificando todo tipo de actitudes machistas e patriarcais que a día de hoxe nos parecen “normais”. Non nos podemos esquecer que o feminismo é un movemento revolucionario que pretende un cambio de modelo social, pero tamén económico.

Bibliografía

Lucía Crujeiras Losada (S2A2)

Advertisements

15 comentarios en “Mabel Pérez, integrante da secretaría de CCOO: “a solución ó acoso pasa pola deconstrución e a prevención”

  1. En primeiro lugar, Lucía, moitas felicidades polo teu post, xa que considero que explica á perfección unha realidade social extremadamente preocupante. As mulleres continúan sendo vítimas de agresións sexuais en todos os ámbitos da sociedade, tamén no laboral. E é que moitas veces cando pensamos no concepto “agresión sexual” visualizamos algún abuso físico. Pero iso non ten por qué ser sempre así. Como ben dis no teu post, as agresións sexuais son moi difíciles de recoñecer se non son explícitas, o que non implica que deixen de ser agresións. Poden ser comentarios ou actitudes deica unha muller no ambiente laboral o que supoña un claro abuso machista e sexista. De feito, na maior parte dos casos, as agresións sexuais a mulleres dentro do seu traballo están formadas por ditas actitudes, que poden desestabilizar e humillar ás mulleres. Éstas, as vítimas, son as estigmatizadas a maioría das veces. Isto explica por qué son tan reacias a denunciar estes casos, xa que son conscientes de que elas quedarán marcadas de por vida, mentras que o home agresor, o único e verdadeiro culpable, será xustificado en maneiras inxustificables polos seus actos. Baixo o meu punto de vista, non se lle dá a visibilidade suficiente a este problema e cando se dá, non se fai da maneira adecuada. Os medios debemos informar á sociedade, non tentar darlle a volta á tortilla e culpar a vítima, como é o habitual. Tamén debemos prescindir da morbosidade que poden suscitar estes temas, xa que cando se fala deles adóitase centrar no que pode atraer ós lectores, e non nas verdadeiras causas e consecuencias de dito problema, o que dá lugar a unha clara desinformación á sociedade, reforzando o descoñecemento e propiciando abusos deste estilo.
    Por último, gustaríame destacar que me resultou complicado atopar noticias no ámbito autonómico que denunciasen casos de agresións sexuais dentro do traballo, o que demostra que a opinión que teñen as integrantes do voso círculo sobre os medios de comunicación é acertada. Deste xeito, adxunto un enlace dun artigo publicado en El País que creo que resume á perfección esta triste realidade:
    http://elpais.com/elpais/2016/09/23/actualidad/1474651280_624353.html

    Gústame

    1. Tes moita razón en todas as túas reflexións Lidia. É triste pero é certo, unha realidade totalmente oculta na que existe unha falta de datos tremenda, o que se acentúa se nos centramos unicamente no caso autonómico. Non se cita no post e quizáis era interesante tamén que o xornal Sermos Galiza (http://www.sermosgaliza.gal/) é un dos mellores para informarse en materia de xénero a nivel galego. Aquí che deixo un par de enlaces sobre noticias de acoso sexual laboral:
      http://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/xuiza-da-coruna-condena-corte-ingles-tolerar-acoso-sexual-moral-traballadora/20170127222415054499.html
      http://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/mozas-denuncian-acoso-gardas-seguridade-nun-centro-comercial-levar-estreleiras/20170217131332055050.html

      Como pensas ti que podemos dar luz a estos casos? Como podemos axudar e dar voz a esas mulleres que sofren día a día este tipo de acoso nos seus postos de traballo?
      Deixoche tamén por se che interesa un relato dunha muller que sufriu acoso no seu posto laboral e que decidiu contalo para que outras mulleres colleran forzas da súa experiencia.
      http://blogs.20minutos.es/tu-blog/2013/11/20/asi-es-un-dia-de-acoso-sexual-en-el-trabajo/

      Gústame

      1. Moitas gracias polos enlaces ás noticias, Lucía. Sen dúbida, cómpre ler cousas así para decatarnos de que, en pleno século XXI, as mulleres seguen sendo agredidas con tanta frecuencia, ademais de silenciadas por unha sociedade machista e misóxina.
        No que respecta ás túas preguntas, baixo o meu punto de vista, o testemuño das mulleres afectadas é clave en relación á visibilidade destes casos. Iso sí, sempre cun interese informativo, e intentando non caer na morbosidade para chamar a atención dos lectores que, ao meu parecer, é un dos maiores problemas dos medios de comunicación na actualidade. Así, as historias das mulleres deben ser coñecidas por todo o mundo e os casos de agresións sexuais, tanto no lugar de traballo coma en todos os ámbitos da vida das mulleres, deben ser postas en coñecemento da sociedade, pois penso que iso esperta a compresión e concienciación cidadá.
        Creo que o fundamental é aprender a escoitar ás mulleres, que están pedindo a gritos unhas condicións laborais iguais ás dos homes, e un ambiente de traballo no que poidan desenvolver as súas actividades sen temor a ser agredidas dun ou outro xeito polo mero feito de ser mulleres.
        Aquí che adxunto outro enlace a un estudo realizado no 2006 polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais sobre o acoso sexual ás mulleres no ámbito laboral que coido che pode interesar:
        https://www.navarra.es/NR/rdonlyres/D91FE499-4898-4EDD-AA09-213A8AF122EA/153594/MTASEstudioAcosoSexual.pdf

        Gústame

      2. Sen dúbida, tes razón co tema da visibilidade. Como mencionas, é necesario que se leve a cabo cun interese xornalístico que non responda ao sensacionalismo e morbosidade. Sen embargo, no panormana informativo no que nos encontramos non se da esta situación. Por que? É o que vende. Como podemos cambiar isto?
        En todo caso, falo da situación das mulleres e de como podemos abrirnos paso nun mundo que nos pecha constantemente as portas. Penso que a concienciación é a clave de todo o sistema, xa que é necesario unha toma de conciencia da situación na que nos atopamos e da discriminación sexista que existe entre homes e mulleres.

        Déixoche uns enlaces sobre campañas de concienciación claves para a loita feminina:
        http://elcrisoldeciudadreal.es/2015/12/18/103178/instituto-mujer-conciencia-contra-discriminacion-genero-institutos-ciudad-real/
        http://www.ohchr.org/SP/AboutUs/Pages/DiscriminationAgainstWomen.aspx

        Gústame

  2. Moi ben recollido todo o que falamos, o tema ten moitas aristas, pero queda moi claro que temos a obriga de facelo visible e os medios de comunicación e homes e mulleres xornalistas sodes fundamentáis.
    Un pracer compartir.
    Mabel

    Gústame

  3. Resulta agradable ler as opinións de mulleres tan concienciadas e deconstruídas neste ámbito, pero por outra banda é moi triste que sexa tan habitual o que dis ao comezo do post: estamos tan acostumadas que o tomamos como actitudes normais. Paréceme moi importante o apartado que engades de cómo solucionalo xa que, como dis, a prevención é un paso clave para poder chegar á igualdade, así como a detección das actitudes que impiden que cheguemos a ela. Gostaríame engadir que, aínda que non é unha revista nacional, no caso da educación no feminismo e da reformulación dos medios de comunicación, as cousas están a cambiar pouco a pouco: http://www.14ymedio.com/sociedad/voz-feminismo-afianza_0_2201779805.html

    Gústame

    1. Non coñecía esta revista Laura, moitas gracias polo enlace. A min tamén me gustaría pensar que os medios están concienciándose a favor do movemento feminista e temos algún que sí que elabora as súas noticias dende a igualdade de xénero. Un dos casos púxeno no post: Praza Pública, un xornal galego que non desprestixia á muller. Quero engadir o xornal Sermos Galiza, que segue as mesmas pautas que o medio anterior. Déixoche o enlace aquí mesmo:
      http://www.sermosgaliza.gal/

      Estos son xornais libres de machismos e micromachismos. O problema, Laura, é que este tipo de informacións non son as que venden. ¿Por que? Porque vivimos nunha sociedade plagada de actitudes paternalistas e discriminatorias e hasta que iso non cambie, os grandes medios de comunicación de masas seguirán tratando a muller como se fose inferior.

      Gústame

  4. Moi bo post Lucía, noraboa. Quédome con tres termos que mencionas no post e que me parecen de gran importancia: “medo” e “des-educar”. O primeiro, porque me parece de vital importancia que este termo pase a un segundo plano en situacións como esta. Neste caso ti refireste ó entorno da víctima dese mobbing, pero eu creo que se podía extrapolarizar a máis alá da familia, chegando a un entorno externo a esta. E isto é unha das consecuencias do tratamento que teñen os medios de situacións deste tipo.

    En canto ó segundo termo, é importante polo feito en que vemos como “normais” situacións patricalistas e machistas, tal como ti o relatas perfectamente no teu post. Gustaríame engadir que aquí tamén contan con importancia os medios, que con titulares como este: http://djd9pi028g05f.cloudfront.net/wp-content/uploads/2016/12/30160916/ElCorreo-Andalucia.jpg (é un de moitos exemplos) dan unha visión da muller como persoa débil e indefensa. O empoderamento é vital nesta loita, a nosa loita.

    Gústame

    1. Totalmente de acordo contigo, Cinthya. En canto ós termos aos que te refires, destacar que, a pesar de que o entorno familiar é o máis inmediato, perfectamente se podería extrapolar a un entorno externo, como ti indicaches. Precisamente, o meu grupo tamén o atribuíu o problema aos medios de comunicación. A forma que teñen de tratar estos temas non benefician en ningún sentido a situación da muller neste tipo de casos. Este tema quixémolo tratar na nosa acción e a verdade é que foi moi interesante e atreveríame a dicir que efectivo. Deixoche o enlace aquí mesmo:
      https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2017/04/20/as-mulleres-tenen-voz/

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s