E ti, que ves?

Os medios ven isto: Discapacidade. Minusvalía. Invalidez. Deficiencia. Anormalidade. Retraso. Demencia. Deformidade. Defecto. 

Ás veces para ver as cousas con outra perspectiva hai que saír á rúa. Nestes tempos de desinformación, ou sobreinformación, é máis importante que nunca abrir as orellas e a mente e saír a escoitar a realidade da xente;  non confundir o ruído coa música, non crer que o xornal ou a canle de turno é posuidora da verdade universal.

Cando a experiencia se vive a pé de rúa

Precisamente á rúa saímos nós o luns 3 de abril para cumprir coa nosa acción de visibilización, acompañados por algúns dos membros do círculo. Pola Praza do Toural, lugar destacado da cidade Compostelana, pasan cada día centos de persoas con diferentes rumbos. Aproveitando que o bo tempo facilitaba que as rúas estivesen algo máis concorridas, achegámonos ata alí na procura da opinión da xente sobre a discapacidade, a inclusión laboral e a imaxe que disto ofrecen os medios.

A cuestión era sinxela: observando extractos de prensa (titulares, imaxes, vocabulario…), debían escribir nunha tarxeta adhesiva o primeiro que se lles pasara pola cabeza sobre o que estaban a ver. Curiosamente, a primeira reacción da xente era preguntar se eses titulares eran reais. “España está discapacitada, no se siente útil”, titulaba El Mundo unha entrevista co cantante Langui. Aínda sendo unha cita do entrevistado, responde a unha pregunta do xornalista: “¿Para qué está España discapacitada?” Como pode ser que nun xornal de referencia a nivel nacional se utilicen símiles tan desafortunados? Díficil de crer, pero verídico.

IMG_4111
“Persoas normais” e “superación”. Primeiras achegas ao mural que levamos á rúa.

Igualdade fronte a estigmas

“Algo que non aparece aí e que eu advertín nalgunhas publicacións é o feito do diferente tratamento que reciben as persoas con síndrome de down ou as que padecen algunha enfermidade mental máis estigmatizada”, comentaba unha rapaza mentres plasmaba na súa tarxeta a palabra “Igualdade”. E non lle falta razón. Moitas veces a discriminación mediática obsérvase en capas menos superficiais, ata o punto de que resulta case imposible decatarse da súa presenza. Seguindo o exemplo da rapaza, unha persoa con síndrome de down ten un maior espazo nos medios que unha con esquizofrenia, polo cadro clínico que ofrece.

En pouco tempo conseguimos que varias persoas se xuntasen a observar con atención o mural que entre todos estabamos a construír. Comentaban entre eles, e abríase un diálogo tamén cos membros do grupo de traballo e do círculo. Continúan as expresións de asombro ante a falta de tacto (moitas veces profesionalidade) visible nos exemplos aportados. “Dos detenidos por el asalto a un centro de disminuidos en Sevilla”. Esta vez é o titular de El País o que sorprende co seu incorrecto uso da terminoloxía. No ano 2005, o por aquel entón presidente do goberno Xosé Luis Rodríguez Zapatero, propuxo cambiar o termo “disminuido” por “discapacitado” na Constitución. No ano 2010, o diario El País viaxaba ao pasado para titular esta nova.

IMG_4113
Un momento de reflexión sobre a actuación dos medios.

Desafíos para o futuro

O gran reto nos vindeiros anos para a prensa será asimilar que as persoas con discapacidade forman parte da sociedade, e como tal, parte da axenda mediática. Os medios deben ser aliados da normalización da discapacidade, sen distinguir entre tipoloxías. O primeiro paso para conseguilo é unha formación eficiente para todos aqueles profesionais da comunicación, encargados de algo tan importante como educar a sociedade ou crear opinión. No tempo que pasamos no Toural demostramos que a sociedade demanda medios máis responsables co tratamento informativo.

E ti, que ves? Normalidade. Igualdade. Integración eficaz. Persoas. 

Advertisements

28 comentarios en “E ti, que ves?

  1. Ola Lucia, noraboa pola vosa acción e por este post. Grazas a este acto que realizáchedes todos en conxunto, é seguro que toda a xente que se achegou e participou non puido evitar reflexionar sobre o problema do tratamento da discapacidade nos medios de comunicación.

    Nun traballo sobre esta temática publicado na seguinte revista https://telos.fundaciontelefonica.com/telos/articuloexperiencia.asp@idarticulo=1&rev=62.htm chamoume a atención a seguinte frase: “Se parte de una comprensión del mundo de la discapacidad como algo que está separado o fuera de la sociedad general, del mundo de la normalidad”. Cando aparecen noticias sobre a discapacidade, dáselle un tratamento alleo ao termo “sociedade”, semellan estar fóra do conxuto.

    Como reflexionas ao final desta publicación, o punto inicial para paliar este tratamento erróneo é unha educación eficiente para os futuros comunicadores, mais pensas que o sensacionalismo arredor deste tipo de novas desaparecerá dos medios? Está so nas mans dos profesionais da comunicación ou hai outros intereses ocultos?

    Gústame

    1. Como ben dis, moitas veces o problema que vemos nos medios non é tan sinxelo de ver como unha palabra mal utilizada. A marxinación que sofren as persoas con discapacidade nos medios non é máis que a que sofren no conxunto da sociedade. É, sen que pareza que esaxero, como se estivésemos facendo noticias sobre persoas (sen discapacidade) e sobre discapacitados separadamente. Case sen ter en conta que a discapacidade non che fai menos persoa.

      Polo tanto, si penso que esté nas mans dos profesionais reverter esta situación. Está claro que hai intereses por detrás, como os hai na política e noutros tantos casos; pero ao final son (e somos) os xornalistas os que temos que dirixirnos cara unha información responsable.

      Gústame

      1. Concordo totalmente co que dis. Unha das nosas obrigas como xornalistas é ser capaces de darlle representación a tódolos colectivos socias dentro dos medios de comunicación. Polo tanto, é esencial que durante o noso proceso de apredizaxe aprendamos a comprender as necesidades de ditos colectivos, empregando unha linguaxe axeitada e elaborando información comprometida e de calidade.

        Sería pertinente que dentro do grao de Xornalismo existise máis dunha materia en concreto que tratase este aspecto? Dáselle a importancia real á educación sobre este tema, profundízase o suficiente?

        Gústame

      2. Podería ser interesante dispoñer dentro do grao dunha materia que nos axudase a a ser responsables con todas as informacións que tratamos. Moitas veces non somos conscientes, nin nós como profesionais ou futuros profesionais, nin a xente que nos le nos xornais ou nos ve na tele, da importancia que ten a información nas nosas vidas.

        Porén, penso que tampouco sería precisa unha materia así. Escoitamos ata a saciedade esa frase de Kapuscinski de que para ser bo xornalista hai que ser boa persoa, e penso que debemos tirar máis por aí. Deberiamos ser conscientes cando traballamos unha información do que está ben e do que está mal, e evitar caer en malas praxes. Polo tanto, na miña opinión, é máis unha cuestión da propia ética de cada un, e non tanto algo que poidas aprender nos libros.

        Gústame

  2. Moi boas, Lucía. Primeiro de todo, felicitarvos a ti e ao teu grupo pola acción que emprendíchedes. En canto ao post, concordo totalmente ca dirección que ti indicas. A falta de tacto (ou, seguramente, profesionalidade) nos medios de comunicación actuais é un verdadeiro lastre á hora de integrar na sociedade a este colectivo. Os titulares que ti nomeas no post son un verdadeiro despropósito. Os medios deberían ser o guía neste recorrido e, en cambio, non fan máis que empeorar a situación, unha mágoa.
    Aquí che deixo un artigo que pode ser de interese. Trátase dun verdadeiro exemplo de como axudar a este colectivo, unha entrevista a Caroline Casey, un invidente que percorreu a India montada nun elefante para demostrar que as persoas con discapacidades poden lograr os obxectivos que se marquen. http://www.compromisoempresarial.com/tercersector/ong/2011/04/para-integrar-la-discapacidad-en-la-sociedad-hay-que-cambiar-la-mentalidad-no-las-leyes/

    Gústame

    1. Moi interesante o artigo que compartes. Miles de testimonios como os desa rapaza demostran que non existen barreiras se hai aptitude e ganas de superarse. Porén, non podo deixar de indicar que se esa historia (como as demais) sobresae, é porque o feito de ter algunha discapacidade destaca sobre o demais. Un gran erro dos medios é destacar a discapacidade como un factor de noticiabilidade. Pode ser que novas coma esta sexan necesarias para abrir os ollos da xente, pero a verdadeira integración chegará cando esto non sexa noticia, non cres?

      Gústame

      1. Sen dúbida, como ti dis, saberase que a integración foi un éxito cando todas estas cousas deixen de ser noticia e a sociedade comece a velas como algo normal. Sen embargo, aínda queda moito traballo por diante para que isto suceda e creo que o máis apropiado é seguir esta liña, dar visibilidade a este colectivo e axudalos en todo canto sexa posible.
        Sen ir máis lonxe, en Vigo realizouse hai uns días a Carreira de Obstáculas pola Integración, un bonito xesto que de verdade axuda a todas estas persoas que pasan un sufrimento diario ( http://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2017/04/23/carrera-obstaculos-integracion-reune-nautico-1500-personas/0003_201704201704231492942266051.htm ).
        Paso a paso, todo este tipo de eventos axuda a concienciar a unha sociedade que algún día conseguirá a integración total dos discapacitados. Só nese momento todo este tipo de noticias perderán a súa importancia.

        Gústame

    2. Toda visibilización no caso deste colectivo é pouca. Como poderiamos dicir de tantos outros. Polo tanto si pode ser a solución empregar este tipo de novas como trampolíns cara unha información máis democrática. E do mesmo xeito aproveitar acontecementos como o que compartes para que a sociedade se implique. As nosas accións non deixan de ser un acto de visibilización máis. Penso que temos esa responsabilidade, a de aproveitar a influencia a través do televisor ou o xornal para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade.

      Gústame

      1. Sen dúbida, gran parte do futuro destes colectivos está nas nosas mans, nas dos xornalistas. Poucas cousas hai no mundo con máis influencia na sociedade que os medios de comunicación e, se de verdade os queren integrar, estes deberanse implicar moito máis.
        Considero que a sociedade está verdadeiramente concienciada sobre o tema, so que necesitan ese último empuxón para móstrarse máis activos. Accións como a vosa son as que promoven esta participación, polo que vos animo a seguir así.
        Un saúdo.

        Gústame

      2. A sociedade está demostrando que quere un cambio na forma de facer xornalismo, como ben dis. Os diarios independentes do noso país son a mostra de que se poden facer as cousas doutra maneira. E a xente agradece iso; agradece que se lle informe con rigurosidade, e que non se misture política con xornalismo (o maior defecto dos medios en España).

        Gracias polas túas reflexións!

        Gústame

  3. Hola Lucía, excelente post y muy buena acción de grupo.
    Tal y como lo dices en tu publicación hay una evidente falta de profesionalidad por parte de los medios de comunicación al momento de hablar sobre este colectivo, las noticias que pusiste como ejemplos son realmente inadecuados y vergonzosos que contribuyen de manera negativa en la sociedad, ya que, los medios influyen de gran manera en el pensamiento de las sociedades, la imagen que ellos proyectan de estos colectivos son -en la mayoría de los casos- los que más contribuyen a la formación de actitudes de su público.
    Informándome sobre el tema me encontré con una iniciativa de las Naciones Unidas llevada a cabo desde 1982, que trata de una acción mundial basada en una estrategia global para mejorar la prevención de la discapacidad, la rehabilitación y la igualdad de oportunidades, que busca la plena participación de las personas con discapacidad en la vida social y el desarrollo nacional. (http://www.un.org/spanish/disabilities/default.asp?id=500) ¿Crees que deberían existir más iniciativas así para evitar que la sociedad se vea influenciada por medios de comunicación como los que señalaste?

    Gústame

    1. En ese artigo noméase algo moi importante, no que nós insistimos nos nosos posts: non falar das persoas con discapacidade de maneira aislada, senon como un colectivo integrado na sociedade. E é que non hai motivo para que non sexa así.
      Polo tanto, os medios son os principais responsables desta marxinación, e son os propios medios os que deberían cambiar a súa forma de facer xornalismo para que a sociedade nos se vexa influenciada por este bucle de despropósitos.
      As iniciativas axúdannos a ver que hai formas diferentes, mellores, ou cando menos máis responsables de facer as cousas. Que as iniciativas individuais se convirtan no pensamento colectivo debe ser o noso obxectivo como profesionais e como membros da sociedade.

      Gústame

      1. Tal y como lo dices Lucía, los medios de comunicación deberían de incluir a las personas con discapacidad como un colectivo integrado a la sociedad. El poder de influencia de los medios es sin duda alguna muy grande, y son ellos lo que han logrado excluirlos mediante el lenguaje y la imagen que emplean en sus piezas informativas.
        Hay una entrevista a la fundadora/directora de Kanchi y emprendedora social de Ashoka, Caroline Casey, en donde afirma que: “Para integrar la discapacidad en la sociedad hay que cambiar la mentalidad, no las leyes”. Para poder lograr este cambio creo que tal y como lo dice Caroline Casey, es necesario un cambio en la mentalidad, y quienes deberían comenzar son los medios. Aquí te dejo el enlace de la entrevista: http://www.compromisoempresarial.com/tercersector/ong/2011/04/para-integrar-la-discapacidad-en-la-sociedad-hay-que-cambiar-la-mentalidad-no-las-leyes/

        Gústame

    2. Coñecía esa entrevista grazas a outro compañeiro e algo que quero destacar dela é a importancia de testemuños como os da súa protagonista para dar visibilidade a un colectivo tan discriminado socialmente. Polo tanto como xornalistas o que debemos facer é buscar persoas que coma ela loiten por un mundo máis xusto e integrado.
      Do mesmo xeito, a verdadeira integración chegará precisamente cando informacións coma esta non sexan necesarias, non cres? Refírome a empregar a discapacidade como factor de noticiabilidade, e non dar por feito que unha persoa con discapacidade non pode protagonizar as mesmas novas que unha sen discapacidade

      Gústame

  4. Ola Lucía, a min tamén me gustaría felicitarte polo teu post.

    De que tipo de enfermidades falan os medios (cando falan)? Teño a percepción de que en poucas ocasións se fala de todos os tipos de enfermidades que hai, existe moi pouca cobertura neste ámbito e semella que só agora que se destaparon os fraudes do Caso Nadia e Paco Sanz se fala un pouco máis das enfermidades raras. Eu teño un familiar con un tipo de discapacidade “rara”, da que existe pouquísima información e da que moi pouca xente é consciente… Se a sociedade non é consciente do tipo de enfermidades ou discapacidades que hai, do que son capaces de facer quen a sofre; que lles deparará o futuro a estas persoas?

    Gústame

    1. Ese é outro tema moi interesante. Ao falarmos de “discapacidade” estamos incluíndo no mesmo colectivo a miles de persoas que en moitos casos sofren moitas enfermidades diferentes. Porén, cando falamos de que unha persoa busca traballo, debería dar igual se ten discapacidade ou non.
      Eses casos máis mediáticos que mencionas actúan en detrimento das persoas que sofren e que cada día ven máis mermadas as súas posibilidades de vivir plenamente integradas nunha sociedade que non cre que sexa necesario axudar.

      Gústame

  5. Un post moi bo, Lucía. Lino hai xa uns días, pero xusto hoxe emitiron na TVG un pequeno documental que levaba por título “Capacitados no deporte e na vida”, dentro do espazo Contraportada (http://www.crtvg.es/informativos/capacitados-no-deporte-e-na-vida-no-contraportada-da-tvg-2892961) e relacioneino rapidamente con esta entrada. Nel trátase o tema das etiquetas, da concepción que ten a sociedade sobre estas persoas. Bótalle unha ollada e coméntame que che parece.

    Esa concepción social da que che falaba é, en gran medida, alimentada polos medios. O emprego de terminoloxía incorrecta ou a publicación de informacións inadecuadas, coma as que vós escollestes para a vosa acción, axudan a crear percepcións equivocadas na sociedade. Precisamente por iso paréceme moi interesante a acción que levastes a cabo: a propia sociedade intentando desmontar os erros (por dicilo suavemente) dos medios. Hai esperanza.

    Gústame

    1. Os medios non son máis que un reflexo dunha concepción previamente aceptada pola sociedade. Afortunadamente, imos avanzando no tocante ao tema da discapacidade. Testemuños como os dos protagonistas da reportaxe que destacas son moi importantes como exemplos de visibilización do que unha persoa, con ou sen discapacidade, pode facer cunha boa actitude. Ao final o que se consegue con esa reportaxe, ou coa nosa acción, é que a sociedade adopte unha postura máis aberta e concienciada da responsabilidade que temos todos para mellorar a vida destas persoas. O seu obstáculo non é unha escaleira sen rampa; é o/a arquitecto/a que non deseña a rampa. É algo que debemos asimilar, que a responsabilidade é nosa, e todos podemos contribuír dalgunha forma.

      Gústame

      1. Estou de acordo contigo. Porén, un dos riscos que existe ao publicar traballos así é caer no tópico de tratar estas persoas como heroes, como triunfadores por conseguir algo que, a priori, é case imposible. Debemos concebilos como persoas heroicas? Quizais iso non axude a normalizar demasiado a situación. Sempre está ben destacar as capacidades, en detrimento das descapacidades, pero sería bo non levalo a un terreo case épico, por dicilo así. Cales son os límites? Ti que cres?

        Gústame

      2. O límite que eu vexo é empregar a discapacidade como factor de noticiabilidade. É un erro moi común. Normalmente utilízase para destacar as capacidades que unha persoa polo seu cadro clínico non esperábamos que tivera. Por eso mesmo estamos caendo noutro tipo de discriminación. Positiva? Ata certo punto. A heroicificación (se existe esta palabra), serve en tanto que a sociedade está acostumada a velo así. Polo tanto, debería ser a nosa pretensión cambiar esa visión.

        Gústame

      3. Un artigo moi completo. Desde o noso grupo intentamos erradicar todas esas malas prácticas que se mencionan. A autora destaca a empatía; nós achegámonos ao noso círculo coa mesma pretensión. Aprendemos de cero a non etiquetar ás persoas e a escoitar como queren ser representadas nos medios. Para min é o máis importante, escoitar á xente.

        Liked by 1 person

  6. Boas Lucía! Noraboa por este post e pola acción que ti máis o teu grupo levástedes a cabo. Encantoume! Tamén é un gusto ver como as persoasse implican en este tipo de asuntos, aunque desafortunadamente estou dacardo cun apuntamento que un compañeiro do teu círulo que é que moitas persoas poden reflexionar sobre o tema un momento pero as maiorías das veces quédase niso, nun momento, despois esquécense.

    Dende logo o dos xornais e as titulacións tan erróneas que fan son vergonzosos. Un exemplo deste tipo de titulares e un de ”La región” un periódico ourensan no que falando do entroido afirmaba que máis de 2000 personas se xuntaron o día dascarrozas e que ”ata había un negro disfrazado de mono”, repito: vergonzoso.

    Que medidas cres que se deben de tomar contra este tipo de titulares ou novas?

    Un saúdo e noraboa novamente.

    Gústame

    1. Nin que vivíramos en covas! Por desgracia, é do máis frecuente atopar informacións racistas, homofóbicas ou insultantes de cara ás persoas con discapacidade. A discriminación está á orde do día. Por sorte, o positivo que eu vexo na nosa acción é que a sociedade responde con firmeza. Hai un descontento xeralizado de cara aos medios de comunicación que presentan estas malas prácticas. Polo tanto, penso que unha sociedade desperta é a mellor cura contra a discriminación, sexa do tipo que sexa, e nas rúas estase a avanzar moito nestes casos.

      Liked by 1 person

      1. E que cres que é necesario para que a sociedade esperte totalmente dunha vez? Para que se produza este cambio definitivo que faga que a sociedade non tolere este tipo de conductas por parte dos medios?

        O que eu vexo da sociedade é que sí que podemos darnos conta das malas prácticas das que falas dos xornalistas, pero verdadeiramente facemos algo para cambialo? Un diario mexicano utilizou as palabras ”cancha pública” para describir a filla dun ex xogador do Madrid, Figo, cando recén cumplía os 18 anos. E que foi o que se fixo? Nada, comenta-la en tódo-los medios deportivos españois para así dar fama e morbo o diario mexicano que se lle ocurriu este gran titular, agora todo o mundo coñece este medio e non pasará desapercibido nalgún tempo de seguro.

        Gústame

      2. O problema das RRSS e a información instantánea é que priorizamos o morbo sobre a boa información. Como ti dis, con estas prácticas só estamos a darlle publicidade a medios como o mexicano. Pero a mala publicidade tamén vale. Como público debemos ser consumidores responsables: deixar de pagar para ler o xornal de turno, ou a canle de turno. Sería un primeiro paso efectivo.

        Gústame

  7. Boas! A verdade e que a vosa acción soprendeume para ben e pareceme moi interesante levar este tema desa forma a rúa. É certo como ti ben dis que os medios de comunicación deberían educar a sociedade pero nestes úlitmos anos o que máis ben parece que ós que lle falta educación son a eles.
    Deixoche este enlace para que lle botes un ollo xa que me pareceu unha medida moi interesante que se emprendan accións de inclusión como estas: http://www.noticiasburgos.com/Hemeroteca2/tabid/303/ctl/ArticleView/mid/777/articleId/25252/La-Fundacion-Conde-Fernan-Armentalez-lleva-la-inclusion-de-personas-con-discapacidad-intelectual-en-el-medio-rural-a-la-57-edicion-de-la-Feria-de-Lerma.aspx
    Que opinas ti deste tipo de accións?

    Gústame

    1. É unha forma máis de visibilizar que o traballo das persoas con discapacidade é tan válido como o de calquera outra. E este colectivo precisa moita visibilización. Todos os centros especiais de emprego que coñezo realizan acción similares, para achegar á cidadanía o seu traballo. Non é máis que un intento de normalización, para que pouco a pouco non nos resulte tan estrano ver a unha persoa con discapacidade atendéndonos nunha tenda.

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s