COLABORACIÓN: Aptitude e actitude: claves para contratar a unha persoa con discapacidade

Falar de inserción laboral de persoas con discapacidade, en xeito estrito, é falar de “traballo” e “discapacidade”. Segundo as nosas academias da lingua (galega e castelá): TRABALLO: “Actividade profesional concreta que constitúa un medio de vida.” Porén, DISCAPACITADO/A: “Dicho de una persona que padece una disminución física, sensorial o psíquica que la incapacita total o parcialmente para el trabajo o para otras tareas ordinarias de la vida.”

Estas definicións deixan entrever que “traballo”  pode ser algo necesario para unha persoa, pois constitúe un medio de vida, e “discapacitado/a” é unha persoa que ten serios problemas para traballar. Polo tanto, xa de inicio, e sen saír do dicionario, a situación das persoas con discapacidade á hora de acceder ao mercado laboral non é doada.  Se “saímos” do noso punto de partida e entramos na sociedade na que interactuamos, a situación non mellora, e menos en períodos de crises económicas como a actual.

Baseándome na miña experiencia confirmo que a primeira definición é certa (salvo casos de Euromillóns ou similares), pero a segunda, nin podo, nin quero compartila. Non podo porque non é certa, e non quero porque unha sociedade moderna non pode asumir esa definición despois do esforzo de moitas persoas por demostrar aos demais o erro de formulación da mesma. Nos últimos dez anos tiven a responsabilidade  de seleccionar a persoas para ocupar postos en organizacións moi diferentes e a inmensa maioría das persoas contratadas tiñan, e teñen, algunha discapacidade. O resultado, na maioría dos casos, é moi satisfactorio.

No momento da selección, sobre todo nas entrevistas, os prexuízos que todos levamos dentro, a responsabilidade  de querer “acertar” co/a candidato/a idóneo/a para o posto e de querer ser xusto con todas as persoas que participan no proceso de selección, fan que as dúbidas  aborden e  a decisión se complique. Como dar resposta a todas esas inquedanzas? Para min chegou o momento no que resulta relativamente sinxelo, tomando como punto de partida que toda persoa seleccionable debe ser capaz de poder facer as tarefas do posto, é dicir, que teña as aptitudes necesarias, (formación, capacidade física, adaptabilidade ao entorno…). Só hai un factor que fai que a elección non sexa acertada, a actitude. A actitude por parte da persoa seleccionada e a actitude por parte dos compoñentes da empresa que interactuaran con ela.

Cada vez estou máis convencido (partindo de que as aptitudes necesarias se cumpren) de que o factor determinante no rendemento nun emprego é a actitude, e máis se o que se busca é a continuidade da persoa na empresa. Precisamente, en ACTITUDE, as persoas con discapacidade rara vez non están á altura esperada, pois as oportunidades de poder demostrar a valía e o desempeño escasean.

Quixera aproveitar para comentar un tópico: “as persoas con discapacidade faltan moito ao traballo”. É certo, algunhas si, igual que calquera outra persoa cando está enferma OU ten problemas de índole persoal. Teñen que ir ao médico como calquera outra persoa, e si, é posible que segundo a tipoloxía poidan ter algunha revisión médica adicional. Pero ao longo dun ano “perder” unhas horas a presenza dun traballador/a, se durante o resto do tempo cumpriu de xeito efectivo o seu traballo, resulta insignificante.

Por último, animar a todas aquelas persoas que estean na situación de contratar a persoal, que dean a oportunidade a persoas con discapacidade. Que non teñan medo a trabucarse, pois nos demais casos a incertidume tamén existe, e se as aptitudes para o posto se cumpren, a ACTITUDE rara vez será o obstaculo.

Autor

Manuel Santos Lama, xerente de Hornos Lamastelle.Captura

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s