Ángela Fraga, educadora social: «As persoas que redactan as noticias deberían ser penalizadas en caso de non ter certos coidados coas informacións»

Anteriormente xa falamos do acoso laboral. O acoso sexual é unha das prácticas máis habituais de agresión dos homes contra as mulleres. É un tipo de delito (porque si, está recollido polo Código Penal como tal) que adoita basearse no machismo e na superioridade xerárquica ou laboral do agresor respecto da agredida. Pero como se define? e o máis importante, que fan os medios?

O acoso sexual defínese como calquera comportamento, verbal ou físico, de natureza sexual, que teña o propósito ou produza o efecto de atentar contra a dignidade dunha persoa, en particular cando crea un entorno intimidatorio, degradante ou ofensivo. Está definido na Lei para a Igualdade […]. Tamén é un tipo de acoso no que o definitorio é o desenvolvemento dun comportamento de natureza sexual de calquera tipo, que ten como consecuencia producir un contexto laboral negativo para unha persoa traballadora, o que supón que non poida desenvolver a súa actividade nun ambiente adecuado.

O acoso ten efectos devastadores desde o punto de vista psicolóxico para as mulleres que o sofren e non sempre se denuncia, porque as consecuencias que se derivan recaen sobre quen o fai, e case sempre remata mal. Ángela Fraga achegounos a testemuña dunha muller despedida de forma improcedente e cuxo verdadeiro motivo era o seguinte: non querer ter mantido relacións co seu xefe. En moitos casos, o mellor que pode pasar, como apuntaba Mabel, é que despidan aos dous: á vítima e ao verdugo. «É terrible ver que ao final denunciar non lles pagou a pena», remataba por dicir.

O discurso dos medios non axuda

Non son poucos os casos nos que o relato dos medios de comunicación presenta á muller como culpable, como incitadora dun comportamento inaceptable e que, por desgracia, adoita ser moi habitual. «A redacción de moitas noticias é perversa, ti saes do sistema educativo e non redactas así», di Ángela Fraga. Ela mesma, que é educadora social, encárgase de “deconstruír” a mentalidade machista que existe, incluso, nos máis pequenos. Ademais, segundo relata, a culpa de que isto pase é que os docentes non se dan conta de que restarlle importancia aos comportamentos de acoso dos cativos (p.ex: levantarlle a saia a unha rapaza e dicir «son cousas de nenos»), empeora o asunto.

noticia A3

Conta de Twitter de A3

 

Unha das integrantes do noso círculo cuestionábase como era posible que os xornalistas, responsables de xerar moral e conciencia, comunicasen dun xeito tan irrespectuoso e sesgado; perpetuando o modelo hexemónico de pensamento patriarcal.

Ángela recalcábanos que non podemos comunicar sen achegarnos aos casos reais e contrastar. Así como que o noso deber é falar con especialistas en cuestión de xénero: «cando hai algo medioambiental, os xornalistas sempre van chamar a unha asociación medioambiental, non entendo por que hai tanta reticencia a facelo nestes asuntos», sentenciaba.

Non hai moito, a polémica salpicou a un xornal galego: El Correo Gallego tivo que retirar a columna dun home, Manuel Molares do Val, que responsabilizaba ás mulleres do acoso machista. O Colexio de Xornalistas de Galicia fixo público un comunicado no que consideraba inaceptable o artigo: «A pluralidade e o debate de ideas en ningún caso poden identificarse cun intento de responsabilizar ás mulleres asasinadas dos crimes dos seus agresores, nin poden ampararse á liberdade de expresión as graves faltas de respecto a súa memoria», di o escrito. A pesar de que dito espazo foi retirado, o dano xa estaba feito e, xa que logo, difundida unha conciencia.

correo gallego

Columna de El Correo Gallego

 

Ante este tipo de delitos non cabe a neutralidade, o sensacionalismo ou o morbo. Os medios e os xornalistas non poden vitimizar nunca a quen é o culpable, e é preciso evitar un tratamento informativo que culpabilice a quen sofre, pois o agresor é o único responsable do acto violento, sexa cal sexa. Así mesmo, é inaceptable xustificalo alegando circunstancias persoais alleas ao feito, xa que non fan outra cousa que asegurar a impunidade.

O comunicado tamén sinala unha cuestión fundamental e na que nós xa levamos incidindo tempo:

É urxente que os medios de comunicación asuman a súa responsabilidade na erradicación da violencia machista. O seu compromiso ten que ir alén das declaracións de boas intencións; debe evidenciarse nas informacións e textos de opinión que cada día se elaboran e publican, sen que iso supoña unha renuncia á informar con veracidade. Se os medios transmiten estereotipos sexistas, frivolizan os asasinatos e culpabilizan as vítimas, contribúen a perpetuar as causas da violencia.

A construción da conciencia social pasa tamén por facer visibles os casos reais de aquelas mulleres que loitan día a día. El diario.es pode ser un exemplo de xornal ben encamiñado neste aspecto, pois conta cunha sección denominada micromachismos na que se publican moitas testemuñas. Actualmente nós estamos desenvolvendo unha acción semellante, “o correo feminista”, espazo onde as experiencias de toda aquela persoa que queira participar, serán escoitadas e posteriormente publicadas.

Bibliografía

MARÍA CALLEJA, José. Cómo informar sobre la violencia machista, Madrid, Cátedra, 2016.

VARELA, Nuria. Feminismo para principiantes, Barcelona, No Ficción, 2005.

Claudia Gómez López (S2A3)

Advertisements

23 comentarios en “Ángela Fraga, educadora social: «As persoas que redactan as noticias deberían ser penalizadas en caso de non ter certos coidados coas informacións»

  1. Boas Claudia, estou completamente de acordo co teu post. O cambio de mentalidade (tan necesario) na sociedade debe ser liderado polos propios medios de comunicación, que non deben permitir o machismo de ningunha das maneiras; nin propagándoo con lamentables exemplos como os que citas no teu post ou restándolle importancia, como fan en moitas noticias de violencia de xénero. A igualdade entre homes e mulleres non debería ser máis que unha realidade nos nosos días, pero desgraciadamente está lonxe de selo.

    O artigo que che deixo abaixo trata exactamente o mesmo, poñendo moitos exemplos de titulares nos que se utilizan distintos cualificativos para referirse a homes ou a mulleres que ocupan postos similares. Case todos nos medios de comunicación máis grandes do país (todos dirixidos por homes). Dirixirse a Hillary Clinton como exmujer de Bill en plena campaña no canto de como candidata á presidencia, titulares de noticias máis que repetitivas do estilo “Villacís a candidata máis atractiva, Carmena non sae no ranking” que denigran a figura da muller son só algúns exemplos que se poden atopar con demasiada frecuencia nos medios.

    https://lalineadefuegodig.com/2017/03/19/titulares-que-demuestran-el-machismo-en-los-medios-y-la-politica/

    Gústame

    1. Boas, David. Moitas grazas polo teu aporte, gustaríame comentarche que a nosa acción co círculo versa sobre a escolle dunha serie de titulares como os que ti nos propós e que elas as rescriban. Esperamos que saia ben, pois desde o noso punto de vista pensamos que isto axudaría a darnos conta de como non se pode informar. Moitas veces lemos un texto e non chegamos a pararnos e a analizalo. As formas, as expresión que se utilizan crean conciencia (como digo no post) e hai algunhas tan interiorizadas que non nos chaman a atención. Estoume lembrando da época das Olimpíadas e da polémica nas redes socias sobre os titulares que se xeraban sobre as deportistas… Non sei se ti sabes de que falo:
      http://www.eldiario.es/sociedad/cobertura-machista-Juegos-Hercules-maquillaje_0_550845108.html

      Gústame

      1. Bochornoso sen dúbida. É que non hai igualdade de trato, non se le un titular dese estilo referido a homes en ningún lado, pero nós como lectores debemos ser os primeiros en denuncialos. Doutra banda e como ti ben dis, hai moitos casos onde temos tan interiorizadas algunhas formas de expresarnos que non nos damos de conta de o erróneas e inxustas que poden chegar a ser ou, como ti dis, que nin nos chame a atención.

        Déixote outro enlanceque continúa a mesma dinámica do post pero enfocado a un plano mais xeral, diversos exemplos similares en toda clase de medios de ámbitos como política, economía, deporte, etc. As conclusións ás que se pode chegar é que é un problema xeral a solucionar e para iso como antes dixen, debemos ser os primeiros en reaccionar antes estas situacións. Penso que as RRSS en parte cumpren coa función de canle para as protestas e iso en máis dunha ocasión fixo recapacitar aos medios, non é nin moito menos a solución, pero si unha boa ferramenta.

        http://www.pikaramagazine.com/2016/12/machismo-y-medios-lo-peor-de-2016/

        Gústame

      2. Ben é certo que as redes sociais axudan a denunciar, pero non podemos esquecer que o mundo web é xigantesco e existe moita xente co único propósito de facer mal. Con isto quero dicir que aínda que haxa usuarios que, por exemplo, responden defendendo a vítima, hai moitos outros que fan o contrario. O problema radica e que estes usuarios son apoiados por outros e así a bóla crece. E expándese. Porque esa é unha das desvantaxes que ten unha sociedade tan conectada: todo o que dicimos, ata o máis mínimo, pode ter unha transcendencia terrible. O peor de todo é que eses usuarios son moitas veces anónimos e non se poden emprender accións directas contra el, a rede outorga impunidade.

        De todas formas, a USC presentou fai poucos días un estudo no que informaba de que as redes sociais fomentan o machismo. Non ten despedicio: http://www.abc.es/espana/galicia/abci-estudio-defiende-redes-sociales-fomentan-machismo-201704201040_noticia.html

        Gústame

      3. Esa é a cara amarga das redes sociais, conéctannos moito máis entre nós para o bo e para o malo. Se no anterior comentario mencionábache as vantaxes que ofrece a denuncia dos usuarios directamente ao medios (pois permite unha rectificación case inmediata) neste gustaríame destacar a peor parte das redes que é o que ti citas; usuarios criticando e insultando a outros dun xeito libre e descontrolado e ata sen motivo. Os chamados “trolls” son persoas que non pensan nas consecuencias que poden ter as súas palabras en terceiros. Moitas veces critican por facelo, sen maior motivación que facer dano. O peor é que esas inxurias e calumnias, de darse noutro contexto, poderían constituír delitos graves, pero polas redes, onde todo o mundo escúdase baixo o ordenador (e moitas veces baixo contas falsas ou usuarios anónimos) é máis complicado de castigar.

        Abaixo déixoche un enlace sobre un informe que demostra a pasividade nas redes sociais á hora de defender á vítima ou non permitir comentarios fóra de lugar. O que demostra que aínda que as RRSS son un bo instrumento de denuncia, si non se usan como cómpre ou non se aproveitan, non serven de nada.

        http://cadenaser.com/ser/2016/07/24/sociedad/1469352979_972218.html

        Gústame

    2. Todo o que vimos falando ata agora lévanos a unha reflexión: a liberdade de expresión e aas RRSS son incompatibles?
      Temos que cavilar sobre isto, pois o alcance deste dereito fundamental, recollido no artigo 20 da Carta Magna, pode determinar ata que punto están amparadas as nosas opinións, ideas e difusión do noso pensamento. Temos dereito a expresarnos libremente sempre e cando non colisionemos con outros dereitos igualmente protexidos. A nosa liberdade remata cando comeza a liberdade do seguinte.
      http://www.legaltoday.com/blogs/nuevas-tecnologias/blog-ecija-2-0/la-libertad-de-expresion-y-las-redes-sociales-enemigos-intimos

      Gústame

  2. Ola Claudia,
    moi interesante o teu post. Non podo estar máis dacordo contigo, aínda que penso que tamén esa educación non só pode vir por parte dos medios de comunicación. As escolas e familias son os primeiros ámbitos nos que a sociedade aprende a comunicarse e relacionarse. Os primerios pasos deben darse nestes ámbitos.
    Por suposto que os medios tamén teñen parte de responsabilidade, como comenta David, e terían que evitar frivolizar sobre noticias de acoso sexual e laboral.

    Unha das cousas que sempre me ten chamado máis a atención en diversas noticias, tanto en medios audiovisuais coma escritos, é que cando a protagonista é unha muller, na maior parte dos casos, aparecen referencias a súa presencia física ou a súa vestimenta, algo inexistente cando o protagonista é un home. Iso non axuda a visualizar a importancia do traballo realizado por esa política / avogada / mestra / presidenta / princesa / raiña / científica ….

    Queda moito camiño que facer, parece que parte do que se tiña alcanzado perdeuse nestes últimos anos, so espero que as xeracións vindeiras sexan máis conscientes que a diferencia non está en ser home ou muller, senón na valía persoal.

    Gústame

    1. Boas Pilar, moitas grazas polo teu comentario. Espero que desfrutases tanto coma nós o contacto no Círculo, foi un pracer contar coas vosas experiencias e opinións!

      Gústame

  3. É unha vergonza que, tras tantos anos, teñamos que seguir denunciando e loitando contra a hexemonía do patriarcado e todo o que esto conleva: abusos, acoso, violencia… Hoxe é totalmente necesario un cambio de modelo, dende a educación ata os medios de comunicación, para frenar estas situacións de desigualdade.

    Falando dos medios de comunicación que é o noso futuro, debemos ser nós quen continue a labor que outros comezaron de deconstruir a mentalidade colectiva de carácter machista denunciando situacións e comportamentos abusivos. Así ben, quitarlle importancia ás conductas machistas non é o que temos que lograr, senón darlle máis peso e denuncialas máis. Como ben comenta o compañeiro David, na nosa sociedade menospreciase a labor da muller colocando diante os logos do home (no caso de Hilary Clinton).

    Eu aquí deixoche unha lista de titulares sexistas e machistas da Olimpiadas. Eu creo que sempre que haxa deporte de por medio a situación volvese máis machista a raíz do pensamento xeral de que os homes son superiores fisicamente ou desprestixiando os logros femeninos falando delas como obxectos sexuais.

    http://smoda.elpais.com/moda/actualidad/los-8-titulares-mas-machistas-de-los-juegos-olimpicos-de-rio/

    Gústame

    1. Boas Bruno. Pois si, é totalmente certo que cando se fala de deporte e saen as mulleres como protagonistas da noticia (se é que saen, porque as veces parece que a muller no deporte non existe), as informacións son completamente sexistas e converten os logros de moitas destas profesionais en insignificantes: o máis importante é se son guapas ou feas, delgadas ou gordas, etc. Na última reunión co noso círculo comentabamos xusto este tema: o deporte, a muller e os medios. Analizamos unha serie de noticias que eran unha vergoña absoluta, e as participantes estaban verdadeiramente enfadadas por este tratamento. Tamén falamos neta reunión da cobertura das Olimpíadas e saíron na conversa os titulares que nese enlace me amosas. Déixoche por aquí o post do meu compañeiro Gorka, no que se inclúen estas noticias e lles queres botar unha ollada: https://observatoriodecomunicacion.wordpress.com/2017/04/20/as-mulleres-tenen-voz/.

      A deconstrución dunha realidade que, por moito que nos pese ós que loitamos contra ela, aínda perdura, comeza desde abaixo. Que exemplo se lles dá ós máis pequenos se cando van a escola se atopan cun sistema educativo que borra todo rastro da historia das contribucións das mulleres? Deixamos que se ensinen leccións sexistas e perpetúen os sistemas xerárquicos de organización por sexos.

      Este é un informe no que se atopa a análise das organizacións educativas baixo a perspectiva de xénero: https://www.educantabria.es/docs/info_institucional/publicaciones/2005/Escuelas-Democracia.pdf

      Gústame

      1. A educación xoga un papel fundamental na deconstrucción dos prexuízos na infancia. Temos que ensinar ás futuras xeracións valores que permitan ter unha sociedade ceive de pensamentos nocivos para a convivencia, ben sexan sexistas, racistas, clasistas… É imprescindible que se empeze desde abaixo como ti dis, pero hai que cambiar o faiado tamén.

        Non podemos deixar que a nosa sociedade se alimente de ideas que nos levan a animalizarnos e se a educación xoga un papel fundamental na infancia, o xornalismo xoga un papel fundamental para os adultos. A xente nunca deixa de aprender, e os adultos adquiren coñecementos a través dos medios de comunicación. Os medios actuais están mergullados neses valores e somos nós, quen imos coller o relevo, os primeiros que debemos deconstruirnos e non ser neutrais ante situacións como as que vimos no link. Temos que ter voz propia, denunciar eses comportamentos e darlle voz aos protagonistas, non falar por eles nin victimizalos.

        Actualmente, hasta os presidentes de países moi importantes denotan moitas desas actitutes que decimos, pero Donald Trump é a encarnación desas ideas. Deixoche aquí un enlace dunha noticia de porqué as mulleres non deberían votar a Trump:

        http://elpais.com/elpais/2016/10/14/mujeres/1476455414_671482.html

        É de Octubre de 2016, pero nesta sociedade na que a información que manexamos diariamente é casi inmesurable, os asuntos importantes parecen inocuos. A sobreinformación é tan perigosa como a desinformación.

        Gústame

      2. Estou de acordo contigo en que nunca deixamos de aprender, pero penso que non só son os medios de comunicación de información os que deben facer algo, os medios de entretemento deben cambiar os seus contidos ou a forma de facelos. É dicir, as canles de TV, por exemplo, teñen un amplo repertorio de programas de ocio que moitas veces teñen máis audiencia que os programas de información. O que quero dicir con isto e que consumimos día a día cantidades xigantescas de lixo pola televisión e iso, queiramos ou non, deixa unha pegada en nós. Programas como “mujeres, hombres y viceversa” perpetúan o machismo dun xeito escandaloso e en outros moitos programas os presentadores non teñen o coidado suficiente cos seus comentarios:
        http://www.lavanguardia.com/television/20170425/422036551335/pablo-motos-preguntas-machistas-las-chicas-del-cable-criticas-el-hormiguero.html

        Gústame

  4. Hai moitas cousas desprezables nas opinións amparadas no aparente anonimato da Internet, é un abuso ético, antisocial… pero é un uso inevitable da liberdade de expresión e necesitámola moitísimo nunha sociedade sometida a cambios profundísimos respecto dos valores interpersoais e a moral social, relixiosa e política tradicional.

    Non se pode confundir moral con delito, a risco de que o poder, os poderosos, converterán a súa moral particular na norma e medida do que é legal ou non. Disto xa vimos moito séculos atrás e aínda en moitas sociedades actuais. A esencia dunha sociedade democrática é estar aberta a todos os puntos de vista para que, a través do debate social, se cimenten os criterios de convivencia. Ou iso, ou hipocrisía, dobre moral entre a esfera pública e a privada das persoas.

    Non é o mesmo ter opinións execrables que realizar actos delitivos ou incitar a que outros os fagan e xustificalos. Por outra parte, informar coma no exemplo apuntado non é máis ca unha mala praxe profesional, un mal xornalismo abusando do tópico de que a noticia é que “unha persoa mordeu ao seu can”. Como é “ordinario” que un home use a violencia no ámbito doméstico… a noticia é que a muller o permitiu, rompendo así o seu rol tradicional de protección ao fillo: a noticia é que é unha mala nai porque o pai, xa se sabe… un animal.

    A violencia contra os demais, contra as mulleres polo feito de selo neste caso, nunca foi ben vista en ningunha sociedade humana pero é certo que se admitía para reforzar o papel do home, é dicir, era unha cuestión de dominio e organización social. Hoxe iso cambiou, polas novas funcións sociais da muller e pola loita pola igualdade feminista.

    Por outro lado, non podo estar máis en desacordo coa proposta desa educadora social. É perfectamente lexítimo que grupos de opinión se organicen para modificar a opinión pública a través de campañas, actos reivindicativos, consellos, etc. pero de aí a establecer unha “sanción” gobernativa por non ser “politicamente correcto” é ir polo mal camiño. A mentalidade dos homes e das mulleres mudou enormemente pero non todo o mundo se acomoda aos cambios ao mesmo ritmo.

    Todo cidadán dunha sociedade democrática debe ser o suficientemente educado e culto para saber distinguir entre verdade e información. Os periodistas non teñen por que cargar coa responsabilidade de dicir “a verdade” inaprensible pero si que teñen a responsabilidade de non manipular, recortar, enganar ou interpretar os feitos conforme os seus prexuízos ou intereses e se o fan que digan, que asinen.

    Un xornalista non pode ser un twitteiro!

    Gústame

    1. Estou de acordo en que debe existir a pluralidade de ideas nunha sociedade democrática, mais non comparto a túa idea de convivencia. Esta non se pode concibir sen unha erradicación total da violencia e segregación patriarcal que sufrimos as mulleres. Non hai convivencia onde non se respectan uns dereitos fundamentais que nós, como persoas, temos e nos son negados en moitos aspectos da nosa vida. Isto vai alén das “infortunadas” informacións e comentarios que algúns xornalistas escriben; o problema ten que desaparecer desde a raíz.
      Así mesmo, é una utopía que a cidadanía no seu completo saiba distinguir verdade de información, sobre todo cando maman durante toda a súa vida das noticias da TV, radio e prensa convencional, e non se esforzan en saber máis.

      Gústame

  5. Ola,
    Interesante post co que estou totalmente de acordo. Incluso iría máis alá e non só pediría penalización para as persoas que redactan as noticias -como manifesta Ángela Fraga- senón para o propio medio de comunicación que permite a difusión de artigos, publicidade ou imaxes denigrantes ou cosificantes para as mulleres. Eses grandes medios que son nutridos economicamente con subvencións públicas e cos beneficios da publicidade que tanto poder ten.

    Coincido cos comentarios que opinan que a igualdade debe empezar desde a educación na infancia. Pero é evidente que con iso non chega pois no século XXI aínda estamos falando de desigualdade da muller en todos o campos da vida. No que atinxe en concreto aos medios de comunicación creo que os profesionais do xornalismo teñen que facerse militantes da causa. Lin unhas declaracións dunha xornalista que creo que dan no cravo: “Los que tienen que estar tremendamente formados tienen que ser los directores, los jefes de redacción. Cuando queremos meter una noticia de maltrato, nos tratan de frikis, como las feministas pesadas”, admitía Marta Pastor, de RNE. La falta de concienciación entre los periodistas es un factor elemental. Se propone una mejor formación o incluso una especialización en temas de igualdad, mientras que sugieren que los directores de los medios visiten los centros de recuperación integral para mujeres víctimas de la violencia de género para estar más sensibilizados y darle la importancia que se merece a estos temas.

    A construcción da conciencia social e o compromiso por parte dos medios é unha ardua tarefa na que se van dando pequenos pasos, algúns moi loables como o caso do xornal Público que ten uns apartados específicos para a muller chamados “Igualdad” e “Femenino plural”. E logo atopamos na prensa que supoñemos seria noticias a cotío que perpetúan os estereotipos machistas (onte en La Voz de Galicia falaban dos looks da raíña Letizia na viaxe oficial a Canarias). Ou como di Claudia programas de televisión onde a presenza da muller e o trato que se lle da é denigrante.

    Gústame pensar que se vai polo bo camiño, aínda que haxa moito por facer e moito por concienciar. Iniciativas como o “Correo feminista” van por ese bo camiño. Parabéns!!

    Liked by 1 person

    1. Grazas polo teu comentario, Gema! Recolles á perfección a nosa postura no proxecto.
      Nunha das reunións co noso Círculo analizamos en profundidade unha serie de informacións e titulares, e un deles era sobre a violencia machista. Como é posible que se trivialicen os feminicidios cando son unha das causas de maior mortalidade do noso país? (este dato aparece recollido no libro “Como informar sobre violencia machista” de José María Calleja). No enlace que nos aportas lin algo que considero fundamental tamén ao respecto: «La falta de concienciación entre los periodistas es un factor elemental. Se propone una mejor formación o incluso una especialización en temas de igualdad, mientras que sugieren que los directores de los medios visiten los centros de recuperación integral para mujeres víctimas de la violencia de género para estar más sensibilizados y darle la importancia que se merece a estos temas». Temos que poñernos na pel de quen sofre para conseguir informar de forma veraz.

      Gústame

  6. Boas Claudia, noraboa polo teu post! Estarás de acordo comigo en que a nós, como mulleres que queremos ser xornalistas, danos moitas veces vergoña o tratamento que os medios de comunicación teñen ante situacións de acoso sexual. Tal como ti defines detalladamente, é un delito, e este está pasando a ser tratado como acontecementos sen case relevancia. Incluso, no peor dos casos, culpabilizando a víctima ou resalzando “a boa persoa que era” o acosador. Un exemplo disto último podémolo apreciar neste vídeo emitido nun coñecido programa de televisión con respecto ó caso da moza violada nos San Fermíns : http://www.telecinco.es/elprogramadeanarosa/secciones/testimonios/vecinos-acusados-violacion-san-fermin-son-buenisimos_2_2246505067.html

    Outro dato que quería destacar do teu post é caso de Manuel Molares do Val, xa que nós tamén o tratamos nas nosas reunións cos círculos. Eles explicáronnos que a columna desta persoa era contratada á axencia EFE, polo que non se entende que El Correo Gallego deixara de contar con el moito antes. Desafortunadamente, parece que os medios queren chamar a atención da audiencia con situacións deste tipo, porque saben que a sociedade vai a reaccionar ou se vai a crear polémica. (http://www.elperiodico.com/es/noticias/sociedad/correo-gallego-manuel-molares-mujeres-victimas-crimenes-machistas-yihadistas-suicidas-5738550).

    En conclusión, aínda que nos encontremos en pleno século XXI, queda moito por facer neste ámbito. Moitas veces en vez de avanzar, parece que retrocedemos.

    Gústame

    1. Boas Cinthya,
      Como estudamos, nos medios de comunicación existen os responsables de facer que se difundan certas informacións ou non; os gatekeepers teñen o deber de decisión e resulta inadmisible que non desboten contidos misóxinos e que en moitas ocasións inciten ao odio de persoas que se atopan en desvantaxe (falo de nós). Concordo contigo en que, desafortunadamente os medios buscan o sensacionalismo e a polémica barata, unha muller do noso Círculo compartía unha opinión que considero boa para a reflexión: falando sobre o titular de http://www.20minutos.es/deportes/noticia/diario-mexicano-machismo-hija-figo-3014815/0/ Sandra Rosendo dicía que quizás a solución para que isto non chegue aos ollos de moita xente e se cree conciencia e opinión, o mellor é pasar e non darlle máis importancia. Porque iso é o que buscan: xerar unha polémica que non beneficia a niguén. Ti que pensas? Estás de acordo?

      Gústame

      1. Estou totalmente de acordo en que os medios buscan xerar polémica a través do seu sensacionalismo neste tipo de noticias, pero si que discrepo un pouco no relativo a non darlle importancia. Esta acción pode interpretarse de dúas maneiras: a que dis ti, que non chegue os ollos de moita xente, ou que vemos ese tipo de novas como normais e por iso non nos manifestamos ó respecto.

        Por último, engadir un código que realizou o diario Público fai uns anos, máis concretamente no 2008, sobre o tratamento da violencia e a muller nos medios (http://xornalistas.gal/novas-eventos/novas/o-diario-publico-comprometese-na-loita-contra-a-violencia-de-xenero/). Penso que todos os medios deberían de ter un catálogo deste tipo, e ti?

        Gústame

      2. Que necesario e alentador resulta atopar cousas coma a que me amosas. Si, por suposto todos os medios deberían de dotarse dun código semellante de obrigado cumprimento. Creo ademais que inciden en dúas cuestións moi importantes: “Nunca buscaremos xustificacións ou “motivos” (alcol, drogas, discusións). A causa da violencia de xénero é o control e o dominio que determinados homes exercen contra as súas compañeiras” e “Tentaremos ofrecer opinións de persoas expertas na materia”. Isto último é do que se queixaba Ángela Fraga. Agora ben, de aquí a que o cumpran… A ver que pasa. E se non pasa, cales serán as consecuencias? Deberían ser moi severas.

        Gústame

  7. Non sei porque non me deixa respostarche directamente ao comentario, Claudia.

    Tes moita razón no de que consumimos un montón de lixo a través de pogramas de entretemento na televisión. Eu levo moito tempo sen vela por ese motivo, e principalmente Telecinco, ou telecirco, como lle digo eu. Un canal onde TODO o que fan perpetúa os ideais machistas que estamos a intentar correxir. Dende Mujeres y hombres y viceversa como ti ben mencionas, ata La que se avecina ou Sálvame, programas onde o machismo ademáis da crítica destructiva que moitas veces realizan.

    A perpetuación de estereotipos e a reafirmación de machismos, racismos.. é algo que por desgracia está moi presente nos nosos medios de comunicación, dende programas de información infectados de machismo ata o entretenimento que vais moito máis aló do simple humor. Eu opino que o único xeito de cambiar o sistema de medios e educacións tradicional é botalos abaixo e volver a empezar de novo.

    Gústame

    1. É complicado terminar con esta hexemonía, e penso que un dos motivos máis complexos polo que isto pasa, é polo concepto de expresión que comentaba máis arriba “Rasca Web” e que moitos outros teñen. Eu, por certo, non o comparto.

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s