Un espello onde mirarse

O goberno compostelán vén de aprobar un pacto pola mobilidade que aspira a atender as demandas de tódalas persoas afectadas e colectivos implicados no asunto, baseándose nunha estratexia de desenvolvemento sostible. Porén, non se trata do primeiro intento levado a cabo por unha corporación municipal. Numerosos concellos de diferentes puntos xeográficos do Estado español xa puxeron en funcionamento este tipo de medidas nos últimos anos.

Adaptarse ós novos tempos

Segundo os datos ofrecidos polo informe Demographia World Urban Areas, o éxodo rural acentúase cada vez máis. A poboación mundial que habita nas cidades superou, no ano 2014, a barreira do 50%. Ademais, estímase que esta tendencia á alza se manterá durante os vindeiros anos até acadar en torno ó 80% no 2030. Así e todo, calcúlase que unha décima parte dos gases que provocan o efecto invernadoiro proceden do transporte urbano, consumidor de arredor dun 20% do total de enerxía empregada. Polo tanto, é preciso trazar directrices a cumprir a longo prazo que permitan unha correcta convivencia entre vehículos motorizados, bicicletas e peóns, sempre respectando o medio ambiente e logrando un progreso sostible.

amore
Amorebieta, cidade vasca pioneira no Estado español en eliminar os semáforos do casco urbano | Foto: I. Gorriti

Madrid, Huesca, Zaragoza, Vitoria ou Rivas-Vaciamadrid elaboraron xa os seus respectivos plans de mobilidade para conseguilo. Entre os seus diversos obxectivos, coinciden unha serie de metas comúns coma reducir e controlar o tránsito de vehículos motorizados, incrementar a oferta de transporte público e potenciar a súa eficiencia enerxética, mellorar a calidade do aire e acadar a accesibilidade universal para as persoas con mobilidade reducida.

En palabras de Carme Miralles-Guasch, profesora de Xeografía da Universitat Autónoma de Barcelona, considera fundamental potenciar a “intermodalidade”, é dicir, o feito de poder utilizar máis dun medio de transporte —eficientes ecoloxicamente, mellor públicos que privados— para chegar a un destino. Por exemplo, ir en bicicleta desde casa ata estación de tren, deixala alí aparcada e, unha vez finalizada a viaxe, coller un autobús urbano e chegar ó lugar definitivo. O obxectivo sería crear redes de transporte que faciliten os intercambios de xeito máis cómodo para o usuario.

Rivas, modelo a seguir

No ano 2014, Rivas-Vaciamadrid, cidade madrileña de 80.000 habitantes, foi galardonada pola Comisión Europea co premio á mellor mobilidade urbana sostible, superando no encontro final a Vitoria e Estrasburgo. O plan desta cidade, posto en funcionamento en 2010, contempla unha serie de medidas cuxo obxectivo é lograr un equilibrio entre os diferentes modos de transporte que conviven no entorno humano, así como o tránsito de peóns.

Rivas-Vaciamadrid
Membros da Comisión Europea entregan o premio á cidade de Rivas | Foto: asintra.org

Entre os seus proxectos máis destacados, cómpre salientar Bicinrivas —rede ciclista que comunica o municipio completo—, o peche semanal dunha rúa ó tráfico de vehículos para así poder realizar actividades vencelladas á mobilidade sostible ou o camiño escolar, medida que xa adaptou o goberno compostelán. Alén diso, o municipio foi condecorado coa certificación europea QUEST, que sinala as cidades que fomentan con diferentes propostas unha mobilidade máis san, sostible e cun menor nivel de contaminación acústica e ambiental. Unha das metas máis ambiciosas de Rivas e acadar en 2030 un balance neutro das emisións de CO2.

Vicente Otero, membro de Composcleta, considera que este tipo de medidas son cruciais e insta á corporación municipal a «tomar nota» e adaptar estas ordenanzas a Compostela. Así e todo, valora positivamente calquera iniciativa que axude a unha mellor convivencia entre os diferentes usuarios da vía pública, salientando un acto no que unha serie de cidadáns e cidadás de Amsterdam circularon durante un día espidos co casco posto, para denunciar que «o perigo non reside tanto na protección da cabeza como na actitude dos condutores».

Outro exemplo a ter en conta é o do municipio vasco de Amorebieta, primeiro do Estado español que tomou a decisión de eliminar tódolos semáforos do casco urbano da cidade. O resultado, malia ó que se poida ter pensado, reduciu a siniestralidade nun oitenta por cento. A devandita proposta, sumada a unha notable peonización da meirande parte das rúas, converteu o municipio nun lugar máis seguro e afable, logrando unha relación case idílica entre os diversos medios de transporte e os usuarios a pé.

Todas esas propostas de mobilidade sostible deben servir a Compostela como referencia para perfeccionar o seu pacto e conseguir unha mellor convivencia entre tódalas cidadás e cidadáns.

Advertisements

26 comentarios en “Un espello onde mirarse

    1. Comparto a túa visión. Apoiarse en outras cidades para mellorar os servizos ofrecidos, é parte básica do progreso. Aquí en Santiago, non só os autobuses van ben cando lle cadran e o prezo e moi alto (sen tarxeta dous euros ida e volta…), senón que nada máis saes do que é a cidade en si, por así decilo cando chegas a Conxo, por exemplo, as rúas están cheas de ocos e mal asfaltadas. Isto é un perigo á circulación dos coches e sobre todo os vehículos grandes, como os mesmos autobuses urbanos que pasan por unhas rúas moi estreitas (como na Rocha) cheas de baches e curvas perigosas.
      A seguridade, tanto como o benestar son moi importantes. Pero primeiro, prima a seguridade. Santiago ofrece certos servizos que carecen dela. Non só os autobuses inestables nos que custa estar de pé e as rúas en mal estado, senón o centro continuamente en obras en pleno cruce sen tráfico para reglar, etc. Mentres que nesta noticia (http://www.diariosur.es/20080924/sociedad/cinco-ciudades-espanolas-modelo-20080924.html) se destaca o bo conservamento do patrimonio histórico, a parte da cidade que realmente afecta aos santiagueses está totalmente desatendida.

      Gústame

      1. Prezada Noela, coincido plenamente co que amosas co teu comentario. É moi ilustrativo o teu exemplo sobre a falta e seguridade nas rúas, n problema ao que non se lle da a importancia necesaria e non acostuma a estar na axenda política. Creo que as autoridades municipais deberían toar medidas par solucionar esta problemática que afecta a toda a cidade. Evidentemente, é un aspecto fundamental que tódolos servizos públicos deben contar coas medidas de seguridade pertinentes. E xa que salientas a seguridade, vouche engadir o enlace a unha noticia da páxina web da asociación Composcleta, que colabora connosco: http://composcleta.blogspot.com.es/2016/02/autobus-bonzo-en-compostela-reclama-sua.html
        Neste caso, denúnciase o deteriorado estado dun bus urbano que, finalmente, ardeu.

        Liked by 1 person

      2. Querido Yuri, paréceme moi interesante a túa achega, xa que se amosa que o estado dos autobuses urbanos dos que o concello está tan orgulloso, está moi deteriorado. Cabe decir que non se trata só de un, xa que son todos bastante vellos e incluso cun bo mantemento, son uns autobuses con calidade cuestionable e unha funcionalidade precaria: para ir de pé dentro de un deles tes que ter menos de trinta anos polo menos. Tendo en conta que se trata dun servicio en especial referido a facilitar o transporte e que é usado polos círculos de máis susceptibilidade a non poder moverse por si sós, como poden ser enfermos, anciáns, persoas con discapacidades ou nenos, que non estén habilitados para a súa seguirdade é moi perigoso.
        Outro tema moi interesante é o da ecosostibilidade das cidades. En Santiago hai hortos ecolóxicos, é unha cidade che de sitios verdes. Pero é o plan da cidade ènsado para reducir a contaminación? as emisións dos coches, a contaminación das rúas. Este é un exemplo de Barcelona. http://www.elperiodico.com/es/noticias/mas-barcelona/salud-publica-en-los-parques-de-barcelona-2017-5984175

        Liked by 1 person

      3. Boas Noela! O tema que estás a tratar debería de estar habitualmente na axenda política pero, por desgraza, as diferentes institucións públicas non lle outorgan a importancia que en realidade ten. O modelo de Barcelona é, sen dúbida, un bo exemplo de xestión municipal ecolóxica. Só adoptando este tipo de medidas poderemos facer fronte á crecente contaminación acústica e do aire, un problema moi serio que empeora a nosa calidade de vida.
        Precisamente un dos obxectivos do Pacto aprobado en Santiago de Compostela é promover un modelo urbano de cidade sostible, respectando o medio ambiente e reducindo as emisións dañinas dos vehículos. Porén, as propostas están aínda no tinteiro e falta por xulgar a súa efectividade co paso dos anos.
        No teu primeiro comentario mencionabas o bo labor levado a cabo polo Concello na rehabilitación do casco vello e, de feito, dita actuación foi premiada pola Comisión Europea no ano 1998: http://elpais.com/diario/1998/02/19/cultura/887842808_850215.html
        A corporación municipal actual debería de tomar como exemplo este tipo de actuacións para seguir dando pasos cara a unha Compostela máis accesible e sostible.

        Liked by 1 person

      4. Un premio urbanístico non o é todo. Santiago ten moitos, e moitos recoñecementos por mellor calidade do aire (http://www.europapress.es/galicia/noticia-santiago-compostela-ciudad-espanola-mejor-calidad-aire-20110927123900.html), ter moitos parques, etc. Pero nós sabémolo do día ao día que a calidade do aire varía dependendo da zona, que en realidade os parques hai moito barullo e que, en xeral, Compostela pode ser un pouco agobiante. Ademáis, hai outras cousas, cousas polas que non se levan premios como a limpeza dos ríos. Non podo contrastartar a información porque os informes sobre a limpeza da auga dos ríos de Galiza non estás dispoñibles, pero por aquí sempre foi un dito por aquí que o Sar é un dos ríos máis contaminados. Por exemplo, mira esta noticia de fai un ano: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2016/02/21/detectan-altas-dosis-ibuprofeno-sustancias-aguas-sar/0003_201602S21C1992.htm.

        Gústame

      5. Boas, Noela! Non podería estar máis de acordo na túa última afirmación. Efectivamente, a pesares de ter recibido premios e loubanzas pola correcta conservación do casco vello —sempre mellorable, podendo aplicar medidas como unha maior restricción do tráfico de vehículos motorizados—, hai moitos aspectos que deberían ser mellorados en Compostela. Hai que prohibir rotundamente o vertido de determinadas substancias ós ríos e, para elo, estaría ben tomar nota desta iniciativa do Concello de Arteixo, que situará dúas cámaras de vídeo en lugares que acostuman a convertirse en vertedoiros, para rexistrar cada acción ilícita que poña en perigo a conservación do medio ambiente: http://www.laopinioncoruna.es/gran-coruna/2017/04/26/arteixo-instalara-camaras-puntos-suelen/1175062.html
        Gustaríame saber que opinas ao respecto.

        Gústame

  1. Boas Yuri, coincido en que as cidades deberían reorganizar a súa oferta de transporte e extender o seu uso á totalidade da poboación. O que non podemos consentir e que haxa numerosas barreiras canto a accesibilidade do transporte público. Sería algo utópico que o único o obstáculo de acceso fose o espazo, e non o diñeiro. Hai cidades que avanzaron ao respecto, pero moitas outras se quedaron atrás. Convén realizar un pouco de autocrítica e darse conta da falta de comunicación existente entre o goberno e a cidadanía para descubrir cales son as necesidades reais por satisfacer.

    Cantas persoas empregan o bus urbano trasladarse entre diversos puntos dunha cidade? Por que o empregan? E no caso de que non o empreguen e decidan ir andando, por que? O seu uso non debe restrinxirse a un segmento da poboación e todo o mundo debería viaxar no bus urbano sen ningún tipo de limitación. Cómo poderíamos conseguirlo? Sen dúbida, as inicitativas para reducir o prezo do billete non son suficientes. Que solucións se barallan e que poden facer os xornalistas ao respecto?

    O papel dos emigrantes nunha sociedade moderna é fundamental. Xa faláchedes diso, pero podedes completar a información se o precisades no seguinte enlace: http://www.cronicasdelaemigracion.com/articulo/galicia/rodriguez-miranda-destaca-papel-emigrantes-construccion-galicia-moderna/20170408122305079128.html. Nel, destácase a importancia dos emigrantes no mundo no que vivimos.

    Gústame

  2. Boas, Fon. En primeiro lugar, moitas grazas pola túa achega. Estou plenamente de acordo cun aspecto que salientaches e que, por desgraza, non acostuma a estar presente na axenda política: o transporte público. En anteriores publicacións xa denunciamos as numerosas deficiencias do bus urbano en termos de accesibilidade para, por exemplo, as persoas con mobilidade reducida.
    Outro dos eidos nos que se debería mellorar é, como ben apuntas, facer un estudo que determine cal é a frecuencia de uso do transporte público, que liñas son as máis empregadas e valorar as diferentes tarifas ofrecidas. Non son poucas as voces que reclaman a gratuidade universal do bus urbano e, de feito, en Tallín —capital de Estonia— xa se aplicou esta medida: http://www.bbc.com/mundo/noticias/2015/02/150210_economia_transporte_publico_gratuito_lf

    Liked by 1 person

    1. Antes de actuar, primeiro temos que saber cara onde queremos ir, isto é, cales son os nosos obxectivos. O fin desta acción en cuestión debería ser a mellora da accesibilidade do transporte urbano, ignorando as formas nas que este se presente. Hai que preguntarlle á xente que é o que realmente quere. O diñeiro non é só unha barreira que limita o espazo, é algo moito máis trascendente. A xente paga, e pagar implica certa exclusividade, o cal non concorda realmente cun ben de uso público. Estaría ben que as masas fixesen un pouco máis de presión aos seus gobernos para modificar estas organizacións.

      Para Estonia é un gran paso a consecución dun bus urbano totalmente gratuíto e, polo tanto, accesible para todos os estonios. O que acontece dentro das nosas fronteiras é que a gratuidade do transporte urbano queda relegada a certos sectores da poboación, o que deriva na exclusividade da que falábaos antes. Non é cuestión de establecer extincións, se todos deberíamos zar dos mesmos dereitos, deberiamos empezar a esixilos. Cara onde van os nosos impostos?

      Bota unha ollada a esta medida que fala da gratuidade do bus interurbano para os mozos menores de 19 anos. http://www.farodevigo.es/galicia/2016/08/26/xunta-sufraga-4-millones-gratuidad/1521869.html . Se por unha banda o que se intenta é limitar o uso do transporte personal co gallo de reducir as emisións contaminantes porque non se concretan outro tipo de medidas máis universales e acordes coa totalidade da poboación?

      Gústame

  3. Efectivamente, se o bus urbano é un medio de transporte público tódalas persoas deberían poder beneficiarse del. De feito, unha das mellores formas de loitar contra a contaminación e reducir as emisións de C02 é fomentando o uso do transporte público. Así e todo, como ben dis, non é unicamente cuestión de facelo gratuíto, malia ser igualmente unha acertada directriz.
    É preciso que o servizo de transporte sexa de calidade e, polo tanto, cubra as necesidades da cidadanía. Para convertilo no principal medio de transporte dunha
    cidade hai que ofrecer as necesarias liñas e frecuencias porque, senón, sería inútil.
    Con todo, penso que estas melloras non se deben centrar unicamente no bus urbano, senón tamén no interurbano. De feito, a Xunta de Galicia vén de aprobar numerosas conexións entre concellos grazas ao transporte metropolitano que, dependendo de cada persoa, terá unha tarifa maior, menor ou incluso de balde http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2016/05/14/gratuidad-bus-metropolitano-menores-empezara-septiembre/0003_201605G14P4992.htm

    Gústame

  4. Boas Yuri. En primeiro lugar, debo dicir que o teu post resultoume moi interesante e enriquecedor, xa que eu descoñecía moitas das medidas efectivas que se están a levar a cabo nas cidades que mencionas. Especialmente chamativo resulta o caso de Amorebieta e esa caída en picado da siniestralidade trala eliminación dos semaforos, en contra do que calquera de nós poderiamos pensar. Gustaríame saber tamén que opinas das medidas que toman as cidades con respecto á eliminación de barreiras para as persoas con discapacidade, e se realmente contribúen a xerar beneficios na súa calidade de vida (comodidade, aforro, seguridade) e se estas medidas realmente están a funcionar. Medidas tales como as expostas no documento seguinte pertencente ao concello de León, propostas co fin de facer unha cidade que é de todos, accesible para todos:
    http://www.aytoleon.es/es/ayuntamiento/areasmunicipales/urbanismo/Documents/Plan_Director_PMUS_Leon.pdf

    Gústame

    1. Ola Marta! Sen dúbida algunha, eliminar as barreiras impostas á accesibilidade universal debería ser un dos principais puntos da axenda política. Por desgraza, a meirande parte das institucións públicas acostuman a facer oídos xordos e se esquecen de determinados colectivos e deseñan os plans de urbanismo a favor, en gran parte dos casos, dos vehículos motorizados. Porén, a prioridade ten que ser a circulación e comodidade dos peóns. Como xa defendimos en anteriores publicacións, Compostela debería tomar nota para as súas futuras actuacións urbanísticas de cidades coma Pontevedra, Amorebieta ou mesmo León que, como ti ben dis, está a levar a cabo unha serie de medidas moi positivas para logralo. Aínda que non se lle deu demasiada repercusión, penso que un dos casos máis salientables é o de Estocolmo, un verdadeiro exemplo de urbanismo sostible, ecolóxico e accesible a tódalas persoas: http://urban-networks.blogspot.com/2015/12/la-solucion-nordica-nuevas-ciudades-en.html

      Liked by 1 person

      1. Totalmente de acordo co que dis, Yuri, sobre a necesidade de facer unha cidade para os peatóns, co fin de convertila nun espazo, ante todo, transitable e humanizado. É bastante negativa esa tendencia de querer adecuar as urbes aos vehículos motorizados, esquecendo as veces que somos as persoas as que as habitamos, e que a seguridade e accesibilidade do conxunto de diversidades que engloba a cidadanía. Interesante achega do caso de Estocolmo, o cal descoñecía completamente.

        Cres, deste xeito, que os pequenos pasos dados neste eido no noso país contribúen á construcción dese viraxe necesario cara un modelo diferente? ou estamos aínda lonxe de igualar o exemplo de Estocolmo?

        Gústame

      2. Boas compañeira! O caso de Estocolmo é moi chamativo malia non ter apenas repercusión en España. Porén, non se trata dunha experiencia illada, senón que a meirande parte das grandes cidades de países nórdicos coma Suecia, Dinamarca ou os Países Baixos xa contan con este tipo de medidas. As urbes están deseñadas para desenvolver a vida cotiá nas rúas sen necesidade de empregar o vehículo privado. É outra mentalidade distinta, dende hai moitos anos outórgase unha importancia crucial á ecoloxía, o crecemento sostible e a calidade de vida. Ese sentimento está a chegar a países coma España a día de hoxe, pero moi a modo. Aquí temos outro ritmo de vida e empregamos moito máis o coche, polo que tampouco é sinxelo introducir este tipo de directrices. De feito, o labor urbanístico de Pontevedra, unha cidade idílica para os peóns, recibiu numerosas críticas por parte dos condutores, xa que a consideran unha cidade incómoda para o transporte privado.
        Así e todo, creo que Santiago de Compostela tería que tomar máis ben o exemplo de Estocolmo ou Pontevedra para non atoparse cun problema coma o que actualmente sofren as Illas Baleares, especialmente en Mallorca: http://www.elmundo.es/baleares/2017/04/29/590453bb46163f71718b465b.html

        Liked by 1 person

      3. É ben certo, compañeiro, que a posta en marcha das iniciativas pontevedresas levaron consigo unha cantidade inxente de críticas por parte dos sectores mais reacios aos cambios, ou ben por meras diferencias ideolóxicas co goberno municipal que nada deberían ter que ver coa mobilidade. Un caso parecido ocorreu en Madrid, coa polémica suscitada cando, dende o consistorio, se puxo en marcha unha medida co fin de reducir as emisións de gases nocivos, que consistía en pechar ao tránsito un dos carrís da Gran Vía. Esta proposta atopou no seu desenvolvemento multitude de críticas e posturas en desacordo, malia que estes mesmos sectores contrarios louvaran a mesma iniciativa cando fora posta en marcha na cidade de París. Pensas, pois, que a dificultade para implementar mais medidas de este estilo reside precisamente na mentalidade e os hábitos de vida dos cidadáns do estado español? Podería ser o problema principal, non a ausencia destas medidas, senón as trabas que a propia cidadanía impón no seu cumprimento?

        Gústame

    2. Si, concordo contigo Marta. Na miña opinión, grazas ós coñecementos que adquirín ao respecto durante estes meses de traballo no eido do transporte e a mobilidade, creo que a principal traba a este tipo de iniciativas que promoven un urbanismo sostible e centrado na figura do peón reside principalmente na nosa mentalidade, nos nosos hábitos cotiás. Estamos acostumados a un ritmo de vida moi acelerado, caracterizado polo estrés, as présas, as grandes cidades masificadas e unha amalgama de vehículos privados. Se queremos un cambio no urbanismo, primeiro hai que cambiar a mentalidade da cidadanía e crear conciencia social do que á larga pode converterse nun problema moi serio. E respecto a iso déixoche o enlace a un artigo que penso pódeche resultar moi interesante, acerca da mentalidade “urbanita”: http://www.hola.com/salud/enciclopedia-salud/2010060645433/deporte-ejercicio/lesiones-deportivas/vida-urbana-vida-de-estres/

      Gústame

  5. Boas Yuri. Interesante noticia, con datos que realmente descoñecía de moitas cidades e os seus modelos.
    Penso, que ó final, todas as cidades teñen que tentar buscar a comodidade para a totalidade dos seus cidadáns. Resultoume chamativo o caso da cidade de Amorebieta, no que a concienciación resultou fundamental para reducir esa siniestraliedade. Eu estiven en outras das cidades que ti citas, e penso que sendo modelos distintos, funcionan nese afán de buscar a comodidade. En Rivas, como cidade dormitorio, dánse todas as facilidades para conectar á súa poboación coa capital do país, mentres Vitoria é unha das cidades mellores organizadas nas que estiven. Tranvías, autobuses, casco urbán pechado ao tráfico… Algo similar sucede na cidade ao lado de donde vivo, Pontevedra. O goberno local leva anos tentando mellorar a calidade de vida a través da creación e potenciación de zonas amplas de paseo, verdes e cómodas para os seus habitantes. A última iniciativa (http://www.noticiaspositivas.net/2013/07/11/metrominuto-pontevedra-un-plano-que-detalla-las-distancias-a-pie-entre-distintos-puntos-de-la-ciudad/) é realmente reveladora de a onde pretende chegar Pontevedra no modelo de cidade…que opinas?

    Gústame

    1. Boas, Lucas! Está claro que Pontevedra, como xa mencionamos en anteriores publicacións, é un auténtico modelo do que Compostela debería aprender. Un dos mellores exemplos de urbanismo sostible, ecolóxico e accesible a toda a cidadanía que hai en España. A pesar da oposición de numerosos condutores de vehículos privados, a cidade sempre seguiu a mellorar en termos de comodidade para os peóns. Esta última iniciativa que amosas paréceme certamente útil, xa que axuda a fomentar aínda máis o transporte a pé e un hábito tan saudable como é camiñar. Penso que este tipo de medidas sempre son benvidas. En Compostela hai moito que mellorar, como restrinxir dun xeito máis efectivo o tránsito de vehículos motorizados polo casco vello: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2015/10/04/vehiculos-reparto-incumplen-horario-acceso-casco-historico/0003_201510S4C3995.htm
      Que opinas ao respecto?

      Gústame

      1. É que como ben comentas, Pontevedra pegou un cambio radical. Ao prinicipio, entendo que sempre é un pequeno choque. Teño visto fotografías nas que se aprecia como, na praza da Peregrina, a máis emblemática de Pontevedra, pasaba unha carreteira nacional moi transitada e hoxe está ateigada de xente que disfruta da zona a pé.
        Malia a todo, como o caso que inclúes no teu comentario, a peatonalización non é doada dependo do sitio do que se trate. Coido que a zona vella de Santiago debería restrinxir máis esos horarios, pero entendo que hai moito comercio que se sentiría perxudicado. Aínda así, sorpréndeme ler que os hosteleiros ou comerciantes non se preocupan da incomodidade dos repartidores…
        Outro tema que me parece interesante é o que remarcas ti no teu post, falando do problema das conexións intermodais. Viches a noticia da posta en marcha da que será a nova estación intermodal de Compostela? Parécehe suficiente para mellorar as conexións de Santiago? http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2017/02/14/intermodal-hoja-ruta/0003_201702S14C1992.htm

        Liked by 1 person

      2. Sen dúbida, penso que se chega a poñerse en funcionamento a devandita estación intermodal sería unha gran noticia para a cidade. Trátase dun proxecto moi ambicioso, que melloraría considerablemente as actuais condicións de accesibilidade e facilitaría a circulación dos pasaxeiros dun xeito moito máis sinxelo. Moitas cidades contan xa con este tipo de estacións e outras, coma Cádiz, están a piques de estrealas: http://www.europapress.es/esandalucia/cadiz/noticia-junta-preve-estacion-intermodal-cadiz-pueda-ponerse-funcionamiento-julio-20170419164109.html. Penso que, ademais diso, sería preciso facilitar o tránsito dentro da propia cidade, e situar tanto un carril bici coma unha parada do bus urbano na contorna da estación.

        Liked by 1 person

      3. Eu, coma ti, interpretei a noticia como unha boa nova para a cidade. Se finalmente se convirte nunha realidade, será un grandísimo avance. Como estudantes e futuros usuarios desa estación, penso que sería máis cómoda para achegarnos a Santiago e melloraría dun xeito considerable as posibilidades da mesma. Coido, como ti ben dis, que o bus urbano non funciona do xeito correcto. Moitos retrasos, zonas ás que non chega, por iso que é necesario un cambio de postura no tema do bus urbano, así como tamén, como apuntas o dunha posible incentivación do transporte alternativo sostible como podería ser a bicicleta ou iniciativas a pé como a que mencionei de Pontevedra. Sobre o do bus urbano, lin esta noticia na que se fala dunha posible inversión da Xunta na mellora e reforzo de liñas dentro da cidade e que conectan Compostela cos arredores: http://www.elcorreogallego.es/area-de-compostela/ecg/xunta-invierte-1-3-millones-transporte-metropolitano-santiago/idEdicion-2017-04-30/idNoticia-1052992/
        Cres que se notará esa inversión?

        Gústame

      4. Está moi claro que o transporte público urbano en Santiago de Compostela deixa moito que desexar, é un servizo que se podería mellorar de xeito considerable. A nova que me amosaches acerca do investimento no transporte metropolitano é positiva, pero penso que se debería aportar unha maior cantidade de cartos ó devandito propósito, xa que a día de hoxe non é demasiado eficiente. O Concello debería ofrecer unha rede de bus urbano eficaz para reducir as emisións e loitar contra unha lacra como son as mortes por contaminación en cidade: http://elpais.com/elpais/2017/02/28/ciencia/1488311481_104348.html

        Gústame

  6. Moi boas Yuri, felicidades polo teu post!
    Nunca, ata agora, me plantexara ese concepto que dis no comezo da entrada en canto ás opcións de transporte nunha viaxe. Esa idea de chegar en bici, aparcala e logo coller un bus pode semellar como unha pérdida de eficiencia para os usuarios habituais de automóvil, pero xa a primeira vista podo deducir que resulta unha alternativa moito máis limpa, saudable e económica. Espero que este concepto de “intermodalidade” chegue a acadar unha relativa normalización como mínimo nas cidades.
    Sen embargo, este tipo de cambios acostuman tomar un tempo ata que se fan populares. Por que cres que a xente se mostra tan reticente a levar a cabo alternativas coma esta, que en última instancia derivan nunhas mellores condicións tanto para o usuario como para a cidade, que verá o fluxo de tráfico reducido?

    Gústame

    1. Boas, Pablo! Como vin anunciando en publicacións anteriores, eu persoalmente considero que esa oposición ós cambios débese fundamentalmente á nosa mentalidade, moi diferente cá dos cidadáns de países coma Suecia ou Dinamarca, moito máis avanzados neste eido. Os cambios sempre son difíciles de implementar, especialmente se afectan de xeito directo a grandes colectivos coma os condutores de vehículos privados. Porén, co tempo demóstrase que este tipo de medidas son positivas para a cidade.
      Iso mesmo pasou en Compostela nos anos 90, cando se tomou a decisión de peonalizar o casco vello: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2009/11/08/peatonalizacion-non-/0003_8092403.htm

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s