Ser freelance, a cambio de nada?

No anterior post tratouse o tema dos freelance. En qué consiste o seu traballo, as vantaxes e inconvenientes que ten, a visión da sociedade sobre este oficio e a súa proxección futura. Mais é preciso centrarse nos numerosos problemas que sofren os freelance, considerando que non teñen seguro, deben ocuparse de absolutamente todo e a gran maioría das veces o diñeiro percibido polo seu traballo é ínfimo.

Convertirte no teu propio xefe significa non ter garantía de traballo, o que implicaría non ter a garantía de obter beneficios. Ninguén che paga polo equipo técnico ou polos días de vacacións, e ademais non tes pagas extra. Tamén traballas só, polo que tes que ser responsable de todas e cada unha das túas decisións.

Especialmente en España, o problema agrávase. No noso país os autónomos pagan unhas cuotas desorbitadas e moitos cobran moi pouco. Ademais, trátase dun oficio non moi ben visto polo resto da sociedade: hai bastantes persoas que consideran que se non traballas nunha oficina, cunha nómina fixa ao mes e un horario restrinxido significa que non tes un traballo serio, e que o teu futuro laboral vése moi negro.

Cómo de precaria pode chegar a ser a situación do freelance?

En xeral, e sobre todo no territorio español, son poucos os xornalistas que obteñen beneficios sendo freelance. Para a xornalista cultural Montse Dopico, os que se ven favorecidos por exercer este oficio constitúen unha minoría:

Hai só excepcións de traballadores freelance que se atopan beneficiados sendo autónomos. A gran maioría non chega ao salario mínimo interprofesional, ademais de non ter dereitos.

Isto quere dicir que moitos comunicadores españois freelance viven unha situación laboral realmente precaria. Sergio C.Fanjul, poeta e xornalista, publicou fai pouco un poemario no que aborda con humor e profundidade as miserias do autónomo nunha sociedade hipertecnificada. Fanjul, denuncia cos seus poemas a precarización laboral existente no sector ou o moito dano que poden chegar a facer as novas tecnoloxías coas redes sociais. Ademais deste caso, son múltiples os xornalistas freelance que denuncian sobre todo o pouco que lles pagan polo seu traballo, chegando a recibir ás veces unha cantidade nula. No blog El redactor freelance ironizan sobre algunhas das ofertas que se atopan por Internet: escribir tres artigos ao mes por cinco euros cada un, dezaseis artigos ao día por once euros ou artigos a 1,71 euros a peza, considerando que ademais, os que ofrecen isto reclaman calidade xornalística e experiencia. Hai que ter en conta tamén que os posts publicados por este blog sobre estas ofertas datan do ano 2009, polo que é evidente que a situación non mellorou nin un pouco.

Xogarse a vida na guerra a cambio de nada

En relación ao pobre salario (e ás veces inexistente) que reciben os freelance, o exemplo máis claro é o dos reporteiros de guerra. O xornalista Antonio Pampliega publicou no 2012 un documental titulado “Pagar por ir á guerra”, no que denunciaba a precariedade laboral dos xornalistas autónomos que se van a cubrir conflitos. Expóñense a ser vítimas de secuestros, extorsións ou asasinatos. Para iso pagan do seu propio peto os seguros, o tradutor, o material e o aloxamento. Despois, se teñen sorte, vénse obrigados a vender os seus artigos a prezos moi baixos. Hai medios que ofrecen trinta e cinco euros por reportaxe. Outros directamente queren o traballo gratis e ofrecen “visibilidade”. Co que reciben, algúns prefiren incluso non facelo:

Iso é regalar o traballo. Prefiro gardarme o artigo e colgalo no meu blog ou na miña conta de Facebook. Cos prezos que se reciben non se rentabiliza o que invertimos. É unha ruína. As coberturas son moi caras nas guerras. Hai que gastar para informar.Ángel Sastre, xornalista que foi secuestrado en Siria.

reportero de guerra 2
Reporteiro fotografiando a un guerrilleiro

Quen ten a culpa desta situación?

O problema da precariedade dos reporteiros de guerra e do resto de freelance ten varios responsables. Por un lado, os propios xornalistas que non valoran convenientemente o seu traballo. Por outro, a presión dos medios que pretenden aforrar custes a calquera prezo. Ademais, segundo algúns profesionais, as asociacións de prensa poderían regular ou suxerir prezos mínimos. Desde os medios de comunicación consideran dous argumentos para xustificar que estén ofertando cantidades tan baixas: a crise económica e o cambio de modelo (de papel a dixital). Pero moitos freelance aseguran que o seu traballo sempre estivo maltratado nese sentido, incluso antes da crise e do auxe dos medios dixitais.

Hai solución?

Unha das posibles claves para procurar saír deste problema sería a da protesta unida por parte dos xornalistas freelance. Pero a día de hoxe, non existe esa unidade no sector. Segundo o xornalista Gonzalo Brocos:

No xornalismo non existe a unidade cando hai que denunciar problemas e demandar certas cousas. A precariedade laboral fai que haxa menos solidariedade; un protéxese só a si mesmo.

En definitiva, o xornalista freelance vive na soidade, posuíndo toda a responsabilidade laboral, cobrando cantidades ridículas ou ás veces nin eso, e no caso dos reporteiros de guerra, arriscándose a que a súa vida poda finalizar en calquera momento.

 

Bibliografía:

Abajo, Argutzane. “7 desventajas de ser freelance”. [en liña]. Saludos al pollo. <http://www.saludosalpollo.com/7-desventajas-ser-freelance/> [Consulta: 15 abril 2017].

García, Roger. “Ofertas de trabajo abusivas para redactores freelance”. El blog del redactor freelance, 18 septiembre 2009. <http://www.redactorfreelance.com/2009/09/ofertas-de-trabajo-freelance-abusivas.html>. [Consulta: 15 abril 2017].

López Frías, David. “Jugarse la vida en la guerra por 35 euros”. El español, 14 maio 2016. <http://www.elespanol.com/reportajes/20160513/124487904_0.html>. [Consulta: 15 abril 2017].

Losa, Juan. “La soledad del ‘freelance'”. Público, 1 febrero 2017. <http://www.publico.es/culturas/soledad-del-freelance.html>. [Consulta: 15 abril 2017].

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Advertisements

27 comentarios en “Ser freelance, a cambio de nada?

  1. Ola Elisa,
    O binomio xornalista-autónomo foi case sempre sinónimo de traballo precario. Con todo, non creo que a solución estea nos propios xornalistas por “non valorar convenientemente o seu traballo”. O problema está no sistema mediático que o permite e máis amplamente no sistema estatal. A ninguén lle parece sorprendente e canto menos inadmisible que non se regulen as tarifas que se están ofrecendo por pezas informativas? Aí, por poñer un exemplo, é onde os que mandan teñen que empezar a poñer os límites. Isto resulta complicado cando o noso sistema de medios está a anos luz do resto de Europa. Un primeiro paso: Xerar un Estatuto do Xornalismo ou Estatuto da Información que protexa os dereitos profesionais do xornalista. Francia, Italia ou Portugal, por exemplo, teñen bases estatutarias dende hai décadas, recoñecendo os dereitos e responsabilidades da profesión.
    Mentres tanto, así seguimos: http://www.efeempresas.com/noticia/periodistas-autonomos-ata/

    Liked by 1 person

    1. Grazas polo teu comentario, Paula. Con respecto ao que dis de que a solución está no sistema mediático e no sistema estatal e non nos xornalistas por non valorar correctamente o seu traballo, estou dacordo. Eu referíame a que moitos xornalistas autónomos aceptan esas ofertas de escribir artigos a cantidades ridículas e calan cando penso que debería haber máis mobilización por parte deste sector. Todos os xornalistas afectados por esta situación deberían manifestarse e denunciar este grave problema, mais en xeral, non existe esa unidade e esa ‘solidariedade co outro’ que debería existir. É verdade que no fondo penso que se non tes traballo e recibes esas ofertas, o primeiro que fas é aceptalas, xa que posiblemente é mellor que nada. Pero tamén penso que se debería protestar para que esta situación cambie dalgunha maneira, xa que se nin sequera os xornalistas se implican e tratan de facer ver que hai un problema e hai que arranxalo, ninguén vai facelo por eles.
      En canto ao enlace que enviaches, paréceme realmente triste que moitos dos xornalistas que se fixeron autónomos o fagan porque coa crise non atoparon traballo fixo, e cando se converten en ‘freelance’ a situación non mellora en absoluto.

      Gústame

      1. Totalmente de acordo no que comentas acerca desa unidade. Quizais teña que ver con que o gremio do xornalismo é tan plural que dificulta que haxa un reclamo para todos. As diferenzas de medios e salarios farano máis complicado.

        Supoño que desde aquí http://www.fesp.org deberían facerse ben as cousas. Con todo, non “fan ruído” respecto diso. É certo que sendo eles traballadores dos medios pódelles resultar complicado denunciar inxustizas nos mesmos, pero creo que a día de hoxe existen numerosas vías para facelo. Coñeces iniciativas dos propios xornalistas que denuncien esta situación?

        Gústame

      2. Estou dacordo contigo no que dis. Supoño que hai veces nas que existen máis diferenzas de salarios, e os que cobran máis (a chamada elite do xornalismo) non protestan a causa da precariedade (o que resulta obvio, xa que non se ven afectados). Ademais, se traballas nun medio e estás vivindo una situación laboral e salarial complicada, non resulta doado protestar, xa que ás veces (aínda que sexa triste), é mellor calar que quedarse sen traballo. Considero que non existen moitas iniciativas dos xornalistas que denuncian esta situación, polo menos non hai suficientes. Si que realizan ás veces protestas en determinados xornais porque hai medios que non lles pagan o que deben, pero o problema é que as protestas que fan os xornalistas en contra dos xornais non aparecen publicadas nos medios, polo que non existe moita información sobre as mesmas. Non fai moito houbo unha protesta de traballadores del Correo Gallego na sé do mesmo a causa da precaria situación na que se atopaban. É máis que probable que se protestas publicamente (nas redes sociais ou en manifestacións) debido ao pouco que che paga un determinado medio, ese medio non tardará en despedirte. Ti coñeces casos de xornalistas que protestaron e foron despedidos?

        Gústame

  2. Moi boas, Elisa. É un tema realmente interesante o da precariedade na que se ven sumerxidos os freelance. Como todos sabemos, ca chegada da crise, os medios de comunicación reduciron terriblemente os presupostos destinados ao xornalismo de verdadeira calidade e iso afectou de forma moi directa a estes xornalistas autónomos. É unha situación de difícil solución, pois se os medios non están dispostos a invertir neste tipo de contidos, os freelance por si mesmos pouco poden facer, pois o sistema non os apoia en absoluto. O primeiro paso sería comezar a regular as cotas dos artigos, que impidan ás empresas de medios xogar co traballo dos autónomos fixando unhas cantidades que permitan ao xornalista de turno gozar dunha saúde económica digna. Ese creo que é de verdade o primeiro paso, mentres tanto, o xornalismo de calidade seguirá un camiño cada vez máis precario.
    Aquí che deixo un interesante artigo de David López Frías que conta con testimonios de freelance acerca da situación que están a vivir os xornalistas autónomos: http://www.elespanol.com/reportajes/20160513/124487904_0.html

    Gústame

    1. Paréceme interesante o que dis sobre o xornalismo de calidade, xa que é verdade que na actualidade os medios non apostan por este xornalismo, o xornalismo de primeira man, de pura investigación directa. Por exemplo, o artigo que pasaches, o cal utilizo no meu post, fala dos ‘freelance’ que traballan en zonas de conflito, os reporteiros de guerra, que, realizando un xornalismo de primeira man, atópanse cunha situación moi precaria e incluso poden chegar a perder a súa propia vida por intentar facer unha reportaxe para logo ofrecérllela a algún medio, do que poden recibir moi pouco diñeiro (se o reciben). E é unha realidade que, a pesar da gravidade desta situación, o Estado segue sen buscar unha solución, e os medios tampouco parecen facer nada para arranxar isto. Eu tamén penso que o esencial sería comezar a regular as cotas dos artigos, xa que as ofertas dos medios son absurdas. Reclaman rapidez, cantidade e calidade e despois entregan unhas cantidades monetarias moi insuficientes.
      Sobre a situación actual do xornalismo de calidade, déixoche aquí un artigo da Defensora do Lector do xornal El País, que fai unha pequena reflexión sobre o asunto, e gustaríame saber a túa opinión:
      http://elpais.com/diario/2009/03/08/opinion/1236466805_850215.html

      Gústame

      1. Gran análise de Milagros Pérez Oliva. Non lle falta razón, pois, en tempos de crise, o xornalismo enfréntase a algo máis que á dificultade que de por si conleva a labor do xornalista. Enfréntase á precariedade, á necesidade e á inmediatez que enguliron os medios dende hai uns anos. Deste xeito é moi difícil facer xornalismo de calidade, pois os xornalistas carecen hoxe en día de tempo e medios como para elaborar unha reportaxe para a que necesiten un mes e unha cantidade monetaria elavada.
        De aí nace a figura do freelancer, que ante a pasividade dos medios para cubrir este tipo de sucesos toman a iniciativa de de irse á aventura para intentar elaborar unha boa reportaxe. Sen embargo, cando o conseguen e intentan vender, tópanse con que os medios non están interesados e ofrecen cantidades absurdas. Hoxe en día, a tendencia é a depender das axencias para cubrir todo tipo de noticias extranxeiras e incluso nacionais. A figura do corresponsal de guerra, por exemplo, está en extinción como nos di Mayte Carrasco en Opinión Coruña (http://www.laopinioncoruna.es/contraportada/2012/06/03/mayte-carrasco-corresponsal-guerra-extincion/614737.html)

        Gústame

      2. Xa non só é que os medios non demanden un xornalismo de calidade, senón que o público tampouco semella querer este xornalismo. Á xente válenlle (e prefire) noticias curtas, doadas de ler e de entender, e non reportaxes longas que falen de conflitos bélicos e/ou de problemas económicos que pode que moitos non entendan á perfección.
        Como di Mayte Carrasco no artigo que pasaches, a información internacional estase cubrindo bastante mal. Téndese ao sensacionalismo, ás cifras, e non se explica o contexto, como poden facer os ‘freelance’ ou os enviados especiais. E iso parece ser o que á xente lle gusta. Mais eu considero que cando ti vas por propia vontade a un país en guerra no que a morte é o pan de cada día e comprométeste a facer unha reportaxe para que logo ao mellor non a publique ninguén, é porque o teu traballo gústache de verdade. E cando algo che gusta moito nótase, por iso penso que os xornalistas autónomos son os máis comprometidos coa súa profesión, e o seu traballo non se ten en conta como se debería.
        Gustaríame saber qué opinas sobre este artigo de Silvia González sobre o xornalismo de guerra:
        http://negratinta.com/en-peligro-de-extincion

        Liked by 1 person

      3. É triste admitilo, pero ao artigo de Silvia González non lle falta razón, Elisa. A situación do xornalismo é tan límite hoxe en día que está convertindo a todos os medios de comunicación en negocios, olvidando os orixes da súa creación e a súa labor para a sociedade.
        O xornalismo naceu para o pobo, pero non para divertilo, senón para informalo, e esta é unha dirección que se perdeu hai tempo. Hoxe en día, os xornais buscan o titular fácil, o famoso clickbait, o morbo como ben se comenta no artigo. Xa non importa a calidade da información, nin sequera a trascendencia, soamente importa que o lector pinche no link de turno para aumentar o contador de visitas.
        Como ben ti comentas, a sociedade interésase cada vez menos polo bo xornalismo, polas reportaxes de ampla contextualización e os largos textos que os verdadeiros xornalistas levan ao público, pero isto e tamén labor dos medios, educar á audiencia con xornalismo de calidade.
        Aquí che deixo un interesante artigo que segue a liña que estamos comentando. Un saúdo! https://mundo.sputniknews.com/sociedad/201704211068569269-roman-berger-periodismo-internet/

        Gústame

      4. Como dis, hoxe en día o que prima nos medios de comunicación é o morbo. Os directores dos mesmos prefiren publicar sensacionalismo, xa que é o que a xente quere, aínda que non pensan en que iso non soe ser información completamente veraz. Eu polo menos considero que iso non é xornalismo de verdade. Aínda así, penso que existe unha minoría que prefire un xornalismo de calidade, de investigación. Pero iso, é só unha minoría.

        Gústame

  3. Está claro que ser un xornalista freelance no noso país é todo un despropósito. Non só a súa profesión está completamente desprestixiada, senón que as condicións laborais, como ben pós de manifesto no teu post, son pésimas (baixos salarios, contratos indefinidos, periodos nos que escasea o traballo…). Con todo, gustaríame preguntarche a túa opinión ó respecto. Qué pensas que se debería facer para que os freelance disfrutasen dunhas condicións de traballo máis xustas? Cres que a inxerencia do Estado é necesaria nestes casos ou pensas que este é un problema unicamente relacionado co Cuarto Poder e que o Estado se ten que manter á marxe?
    Aquí che deixo un enlace dunha noticia que fala acerca da precaria situación dos freelance en zonas de conflito: http://fape.es/la-fape-denuncia-la-precaria-situacion-de-muchos-freelance-en-situaciones-de-conflicto/

    Liked by 1 person

    1. O traballo autónomo non é precisamente o traballo “soñado” por moitos. Hai países como Arxentina no que a situación dos ‘freelance’ pode ser mellor que a de España, pero en xeral o feito de ser autónomo implica arriscarse a vivir unha situación moi precaria. E se xa os xornalistas teñen un oficio precario, imaxínate se son xornalistas ‘freelance’. En canto á miña opinión, penso que (como xa mencionei no comentario da persoa anterior) deberían regularse dalgunha maneira as cotas que reciben estes traballadores polos artigos ou reportaxes que realizan para determinados medios. As ofertas son anómalas: escribir tres artigos ao mes por cinco euros cada un ou incluso escribir artigos a 1,71 euros a peza. E iso paréceme un insulto cara a nosa profesión. Desta maneira xamais van conseguir que se nos respete como comunicadores profesionais. Si que penso que o Estado debería intervir, xa que o que facemos os xornalistas é proporcionar un servizo á sociedade, e considero que a nosa labor é fundamental, polo que o Estado debería ter en conta estes problemas. Ademais, no enlace que pasaches, como di a presidenta da Federación de Asociacións de Periodistas de España Elsa González, os xornalistas de guerra “arriscan a súa vida para garantizar o dereito á información dos cidadáns”, polo que é evidente que a súa actividade é esencial para a sociedade, xa que se non fora polos reporteiros de guerra non se podería saber nada sobre o que está acontecendo en Siria, por exemplo.
      Para finalizar, gustaríame saber o que opinas sobre o que se debería facer para intentar solucionar isto,e se pensas o mesmo ca min.

      Gústame

      1. A grandes rasgos, estou de acordo con todo o que plantexaches. Penso que ser autónomo é moi complicado, xa que as condicións laborais son moi inxustas e desiguais. Como ben dis, o salario que moitas veces cobran os xornalistas freelance no noso país é irrisorio e, por tanto, deberíanse establecer tarifas ou nóminas básicas que asegurasen unhas condicións dignas e o desempeño da labor xornalística con ética e sen censuras de ningún tipo.

        Gústame

      2. O ‘freelance’ ten, como dis, una situación moi insegura, xa que nunca sabes o que che pode pasar ou cómo vas a poder sobrevivir.
        Gustaríame compartir contigo un artigo no que xornalistas como Rosa María Calaf, Olga Rodríguez e Mayte Carrasco falan sobre o xornalismo actual, a decadencia da información internacional, a tendencia ao chamado ‘infoentretemento’ e a figura do ‘freelance’, que hoxe se atopa máis que nunca en vías de extinción. A ver qué opinas.

        Gústame

      3. Agradezo que compartas comigo ese artigo, pero creo que non insertaches o enlace. Al menos, a min non me aparece.

        Gústame

      4. Aquí tes o artigo do que che falo:
        http://sociedad.elpais.com/sociedad/2010/09/25/actualidad/1285365601_850215.html
        Paréceme moi interesante, xa que fala, baixo a perspectiva de xornalistas con experiencia (que saben cómo funciona o sector) do estado actual do xornalismo, así como do mal que se trata xornalísticamente a información internacional, da tendencia hoxe en día nos medios do chamado ‘infoentretemento’ e especialmente da figura do ‘freelance’, que segundo elas se atopa en vías de extinción.

        Liked by 1 person

  4. Ola Elisa. Antes de ler a noticia xa supoñía que ser freelance en España non é doado, pero quedo abraiado cos datos que comentas. O tema dos impostos que pagan os autónomos é en moitísimos casos sangrante, e coido que máis para un xornalista, que se ve obrigado a desdobrarse para poder chegar a fin de mes. Fai non moito, vin unha ilustración nas redes sociais na que se falaba das cifras que cobran os freelance por artigo no noso país. Pois ben, medios con fama e moitos lectores como El Mundo paga a cantidade de 35€ por artigo, mentres a Axencia EFE paga 18, o cal me parece indignante. Isto ven a reafirmar o que pos no post que di Ángel Sastre.
    Déixoche aquí un artigo no que se volve a falar de cifras que deixan ao descuberto a precarización no noso país: http://www.vozpopuli.com/economia-y-finanzas/Freelance-Autonomos-Ley_de_Emprendedores-Financiacion_0_635036500.html

    Gústame

    1. O artigo que compartiches poderíase resumir en que, aínda que a figura do ‘freelance’ semella estar de moda e moita xente tende a facerse autónoma (sexa porque non a contratan de maneira fixa en empresas ou sexa para ter maior liberdade no traballo), aínda que algún medio contrate durante un tempo os servizos dun xornalista ‘freelance’, a remuneración recibida vai ser mínima. Non creo que se coñezan moitos casos de traballadores autónomos que reciben moito diñeiro por realizar un determinado traballo. Para que vexas, nun blog chamado ‘El redactor freelance’, o cal menciono no meu post, escriben sobre a situación do xornalista ‘freelance’, especialmente do que cobra polos artigos escritos. Pásoche un enlace para que vexas cómo de ridículas poden chegar a ser as cantidades monetarias recibidas logo de tanto traballo, a ver qué opinas:
      http://www.redactorfreelance.com/2017/04/redactores-freelance-espana-2017.html

      Gústame

      1. É, como se reflexa no blogue que adxuntas, todo un complicación adicarse ao xornalismo freelance. Esta xente non deixa de ser autónoma, pero é que o goberno a este sector teno masacrado. Atopei esta noticia que data de 2013, ano no que se aprobou a suposta reforma da Lei Emprendedora que ía dar soporte e axuda a este colectivo empresarial http://www.vozpopuli.com/actualidad/nacional/Congreso_de_los_diputados-Ley_de_Emprendedores-Cristobal_Montoro_0_626337419.html
        A realidade a sabemos todos e a reflicte ben este outro artigo: http://cincodias.elpais.com/cincodias/2017/04/24/autonomos/1493038325_365153.html

        Gústame

      2. Estas leis provisionais en xeral non soen levarse a cabo finalmente, sobre todo se se trata de apoiar e mellorar a situación dos autónomos, considerando que estes non son moi tidos en conta por parte do Estado. Ti cres que esta iniciativa resultaría útil para mellorar a situación dos autónomos? Que farías ti para que a situación precaria actual mudase?

        Gústame

      3. Dende logo, penso que a tributación non é realista, e os autonómos cargan ás suas costas cun negocio que teñen que manter eles sós, e non se lles preta a axuda que precisan. No tocante aos freelance e autónomos, eu abogaría por establecer una renda mínima e “blindar” os traballos. Hoxe en día entendemos explotación por obreiros traballando de sol a sol ou algo que non é “do primeiro mundo” cando no noso país é o pan de cada día de moita xente. Deixo este artigo que o reflicte ben O que penso do tema: http://m.eldiario.es/zonacritica/precariedad-luz-velas_6_610398979.html

        Gústame

      4. Grazas por compartir o artigo. Eu tamén penso que se deberían establecer unhas cotas regulares, uns mínimos que deberían recibir os ‘freelance’ polo traballo realizado, xa que as cantidades ofrecidas son moi pobres, e non dan case nin para sobrevivir.

        Gústame

  5. Sorprendentemente, houbo un tempo no que ser freelance significaba recorrer o mundo dándolle voz a aqueles silenciados por guerras ou tiranos; silenciados tamén polos medios de masas. Penso que todos os que estudamos esto temos aos freelance nunha sorte de Olimpo xornalístico. Grandes reporteiros admirados por todos comezaron a súa carreira sufragándose as súas propias viaxes.
    Comentaba Gervasio Sánchez, un dos grandes fotoxornalistas españois, nunha conferencia que a primeira reportaxe fotográfica da súa vida pagouna con meses de traballo como camareiro. Que iso o trasladamos aos nosos días temos que é máis probable que traballemos de camareiros que de xornalistas.

    Por moita crise que haxa, ser independiente nunca foi fácil. Viaxar só, sen seguro, sen esa seguridade que che permite ten un soldo fixo. Porén, parece unha opción para os que estamos empezando. Se eres bo no que fas, pode que algún medio se fixe en ti. Aínda que teñas que traballar de camareiro mentres.

    Gústame

    1. A figura do ‘freelance’ soe ser vista como a dunha persoa moi comprometida co xornalismo e en xeral co mundo que nos rodea. Unha persoa loitadora e que se arrisca moitas veces a perder a súa propia vida por facer o que lle gusta. Mais os xornalistas ‘freelance’ viven, como puideches ler no post, unha situación laboral moi precaria. É verdade que moitas veces o noso salario non chega para vivir, polo que precisamos ter outro traballo aparte, aínda que considero que, se xa a labor de ‘freelance’ é unha labor moi sufrida, se inda por enriba tes que traballar de camareiro, resulta verdadeiramente triste.
      Falando de Gervasio Sánchez, gustaríame compartir contigo unha entrevista na que fala da situación do xornalismo e a súa precariedade, a ver qué opinas:
      http://cordopolis.es/2015/04/12/gervasio-sanchez-el-periodismo-serio-esta-muerto-en-este-pais/

      Gústame

      1. As súas reflexións sempre son moi interesantes. Ninguén coma el sabe o que era ser freelance fai 30 e como é agora. Para el no máis esencial non cambiou, segue a ser algo case en perigo de extinción. Pero segue habendo xornalistas que arriscan a súa vida por facer o traballo que cren xusto, sempre haberá xente así. Porén, debemos reclamar un traballo digno. Freelance ou non, o xornalismo estase a convertir nun traballo precario en todos os sentidos.

        Gústame

  6. O individualismo no traballo provoca a precariedade do sector.
    Se o freelance non sae rentable é hora de mudar esta mentalidade e adquirir unha máis solidaria non só mirando por un mesmo, posto que está claro que non funciona ao ver estes resultados reflexados no artigo. Non entendo como non hai sindicatos xa organizados para solventar este tipo de desigualdades entre os propios xornalistas.
    Eu non souben da existencia do ‘freelance’ ata que lin este artigo e polo que lin creo que mentres o propio sector non se poña de acordo e deixe de lado o seu “egoísmo ” e propio benestar non se poderá atopar unha solución á precariedade destos, mais todo isto ten que sair deles mesmos e non de persoas alleas que estarán igual de desinformadas ca min. Para que iso funcione debe cambiarse dende dentro.
    É terrible que a xente teña que chegar a extremos como ir a documentar a propia guerra para ganar unha miseria a final de mes, con sorte, se saen dela e isto antes da crise, polo que agora será peor por descontado.
    Espero que se organicen pronto os sindicatos e poñan fin ao freelance que non parece beneficiar á gran maioría.

    Gústame

    1. Eu tampouco entendo por qué non existen sindicatos organizados que podan solventar estas desigualdades laborais e salariais entre os xornalistas. Tamén considero que, ademais de pensar na condición dun mesmo, habería que ser máis solidario co outro, porque para lograr a unidade no sector é preciso que un conxunto grande de xente estea dacordo en protestar esta inxustiza.

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s